estoutro -tra

estoutro -tra

(< este + outro)

dem

Forma amalgamada que resulta da combinación do demostrativo este co cuantificador outro. Estas formas concorren coas correspondentes formas analíticas este outro, esta outra, estes outros e estas outras (Escolle entre a caixa de cor anil ou estoutra/esta outra laranxa). No neutro non se produce a fusión, polo que as formas son sempre analíticas isto outro. O significado deste demostrativo resulta da combinación do significado de ‘localización’, do demostrativo este, co significado de ‘diferencia’, propio de outro. Así emprégase sobre todo nas localizacións que se contrastan ou contrapoñen á posición de algo ou alguén mencionado ou implícito (Levo esta vasoira, estoutra non me cómpre. Estes non me gustan, prefiro estoutros do escaparate). OBS: Contrae coas preposicións de e en dando lugar a destoutro, destoutra, destoutros, destoutras, nestoutro, nestoutra, nestoutros e nestoutras (Non collas deses, colle destoutros amorodos. Nestoutro cuarto irá o estudio).