Estrada, A
Concello cabeceira da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, situado na provincia de Pontevedra no O da Comunidade Autónoma de Galicia (42 º 21 ‘ 22 ‘’ L - 8 º 29 ‘ 28 ‘’ O). Limita ao O cos concellos de Padrón (comarca do Sar), Pontecesures, Valga e Cuntis (os tres da comarca de Caldas), ao S con Campo Lameiro (comarca de Pontevedra) e Cerdedo (Tabeirós-Terra de Montes), ao L con Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes) e Silleda (Deza) e ao N con Boqueixón, Vedra e Teo (os tres da comarca de Santiago). Abrangue unha superficie de 280,8 km 2 c unha poboación de 21.908 h (2007) distribuídos nas parroquias de Agar, Aguións, Arca, Arnois, Baloira, Barbude, Barcala, Berres, Callobre, Cereixo, Codeseda, Cora, Couso, Curantes, A Estrada, Frades, Guimarei, Lagartóns, Lamas, Liripio, Loimil, Matalobos, Moreira, Nigoi, Oca, Olives, Orazo, Ouzande, Parada, Paradela, Pardemarín, Remesar, Ribeira, Ribela, Riobó, Rubín, Sabucedo, San Miguel de Barcala, San Miguel de Castro, San Pedro de Ancorados, San Tomé de Ancorados, San Xiao de Vea, San Xurxo de Vea, Santa Cristina de Vea, Santeles, Santo André de Vea, A Somoza, Souto, Tabeirós, Toedo e Vinseiro. A capital municipal é a vila da Estrada, na parroquia homónima, 23 km ao S de Santiago de Compostela. Cabeza de partido xudicial, está adscrito á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
No territorio do concello da Estrada pódense individualizar dúas áreas de relevo claramente contrastadas: a primeira, ao N, correspóndese co val do río Ulla, cunha altitude media inferior aos 400 m; a segunda, ao S e SO, é un sector de media montaña cunha altitude media ao redor dos 600 m. O primeiro sector é un val aberto nunha superficie de aplanamento de entre 200 m e 400 m. Na banda máis próxima ao curso fluvial a altitude sitúase por debaixo dos 100 m, debido ao encaixamento do río. Nesta primeira área predominan os materiais graníticos e os depósitos sedimentarios froito da acción fluvial. O río Ulla articula a rede fluvial de todo este sector, drenado polos seus afluentes, a maior parte de dirección S-N: os máis importantes son o Vea, o Liñares e o Bo, que forman os seus propios pequenos vales. A parte meridional do concello, cunha litoloxía en que predominan os xistos, constitúe unha prolongación das serras centrais da Dorsal Occidental Galega, que se corresponden cun bloque elevado pola tectónica. As maiores cotas altimétricas serven de límite aoó concello cos seus veciños: os montes de San Sebastián, de 714 m de altitude, constitúen o límite co concello de Silleda; o Outeiro Grande, que culmina nos 777 m, fai límite con Forcarei; o Campo das Cruces, de 803 m de altitude, é o vértice dos concellos da Estrada, Caldas de Reis e Campo Lameiro; As Xesteiras, cumio de 710 m, marca a fronteira con Cuntis. No interior da orla montañosa sitúase unha superficie de aplanamento que se corresponde coa conca do río Lérez. O Lérez, que nace no concello de Forcarei, atravesa o concello da Estrada cunha dirección paralela ao Ulla. Os contrastes topográficos que se aprecian no concello da Estrada teñen a súa traducción a efectos climáticos; malia que todo o territorio se inclúe no dominio climático océanico, resulta posible individualizar, en función desas diferencias altimétricas e de exposición aos fluxos das masas de aire, dúas áreas ben definidas: os espazos de val caracterízanse fronte aos de montaña pola súa maior benignidade térmica, debido á penetración da influencia mariña a través dos fluxos procedentes do O, a mesma dirección coa que se dispoñen, e incluso nalgún sector se aprecian trazos de mediterraneización, cunha relativa aridez estival, semellantes aos das Rías Baixas; pola contra, nas áreas montañosas, os rexistros termopluviométricos matízanse: descenden as temperaturas medias (as mínimas chegan a ser rigorosas) e as precipitacións increméntanse. Así, as precipitacións anuais medias oscilan entre os 1.800 mm na zona de val e os 2.000 mm na de montaña, en ambos os dous casos constitúen un volume elevado, propio dos climas oceánicos. Non obstante , a distribución estacional das precipitacións reflicte unha lixeira seca estival, pois nos meses de verán só se rexistran o 10,7% das precipitacións. O inverno e o outono son as estacións máis chuviosas, co 36,2% e o 32,8% respectivamente; pola súa banda, a primavera adopta neste aspecto un carácter de estación de transición, co 20,3% das chuvias. As temperaturas medias anuais oscilan entre os 12°C e os 16°C en función da altitude. A temperatura do mes máis frío, xaneiro, sitúase entre os 6°C e os 10°C, tamén, principalmente, en función da maior ou menor altitude, respectivamente, e da orientación das vertentes; mentres a do mes máis cálido, agosto, fluctúa en función dos mesmos parámetros e do mesmo xeito entre 16°C e 22°C. O risco de xeadas esténdese entre 5 e 6 meses. No interior do concello da Estrada sitúanse varios espazos naturais, entre os que destacan a Lagoa Sacra de Olives, no límite con Forcarei, e as ribeiras fluviais, acondicionadas nalgúns casos como áreas recreativas, como por exemplo os coutos do Xirimbao e Ximonde ou a praia fluvial do Liñares.
Xeografía humana
O concello da Estrada mantivo durante todo o s XX uns volumes de poboación superiores aos 20.000 h. O balance final é negativo, pois de 23.916 h en 1900 pasou a 21.908 h en 2007. Nas primeiras tres décadas do século experimentouse un crecemento lento debido a unha taxa de natalidade elevada, capaz de contrarrestar os efectos dunha mortalidade tamén elevada e as saídas de emigrantes, que marchaban fundamentalmente cara aos países iberomericanos. Nesta conxuntura, a poboación incrementouse ata os 26.623 h en 1930, feito que representou un ritmo medio de crecemento próximo ao 0,4% anual. A seguir, a crise económica mundial de 1929, a Guerra Civil (1936-1939), a posguerra e a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) crearon un panorama caracterizado polo cesamento da emigración, que permitiu manter, malia as dificultades económicas, o crecemento poboacional e chegar en 1960 ao seu máximo histórico, con 28.716 h, feito que supuxo un crecemento medio anual do 0,26% no período 1930-1960, sensiblemente inferior ao rexistrado nas tres décadas anteriores, en que a incidencia da emigración foi máis notable, pois entre 1930 e 1950 esta foi practicamente nula. A reactivación dos fluxos emigratorios, nese momento máis diversificados ao incorporarse novos destinos europeos, alternativos aos tradicionais en Iberoamérica, supuxo o comezo dun prolongado proceso de retroceso demográfico, particularmente intenso entre 1981 e 1991 (pasouse de 25.719 h a 21.947 h). Se entre 1960 e 1991 a poboación se reduciu en 6.769 h (un descenso do 23,6%), entre 1981 e 1991 reduciuse en 3.772 h (perdeu un 13,1% da súa poboación en só 10 anos), o que significou máis da metade dese descenso (concretamente o 55,7%). O éxodo migratorio e a súa repercusión na natalidade foron responsables de que en 1991 se acadara o mínimo volume demográfico da centuria. Na década de 1990 detívose o descenso e verificouse un lixeiro incremento, provocado polo retorno de antigos emigrantes e incluso pola expansión residencial da área urbana de Santiago de Compostela, relativamente próxima e ben comunicada: a prol da opción residencial na vila da Estrada inflúe tamén o feito de contar cunha oferta de vivenda máis accesible que na propia cidade e periferia inmediata compostelás e posuír unha serie de servicios bastante diversificados. En 1996 contabilizáronse 22.492 h, cifra similar á de 2001, 22.308 h, sen embargo o padrón de 2007 cifra 21.908 h, unha perda de 400 h. Froito desta evolución demográfica, a poboación do concello da Estrada presenta un grave problema de avellentamento, pois os maiores de 65 anos constitúen o 24,7% da poboación, mentras que os menores de 20 anos constitúen o 15%; o grupo intermedio representa o 60,2%. O avellentamento tamén é responsable de que a proporción entre homes e mulleres reflicta un gran desequilibro a prol das últimas, que son o 52,66% do total dos residentes no concello. A Estrada é o segundo concello galego con máis entidades de poboación, un total de 458 distribuídas en 51 parroquias. A maioría das entidades de poboación do concello (373) posúen menos de 50 h. O poboamento reflicte de novo o contraste entre os espazos de val e montaña que se aprecia ao describir as súas características físicas, pois nos primeiros as densidades demográficas son máis elevadas ca nos segundos, debido á maior facilidade para o desenvolvemento da construción e o trazado de infraestructuras de comunicación e abastecemento. Parroquias como Couso, Arnois, Paradela ou as próximas á vila da Estrada teñen densidades de poboación ao redor dos 100 h/km 2 . Os asentamentos presentan unha estructura laxa e dispersa, pois proliferou a construción de vivendas unifamiliares diseminadas. Pola contra, a área máis elevada está menos poboada, e parroquias como Souto ou Codeseda posúen densidades de poboación inferiores aos 25 h/km 2 . Na zona de montaña as aldeas son de maior tamaño e teñen unha disposición máis compacta. O principal asentamento, a vila da Estrada, ten unha morfoloxía urbana lineal, que responde á súa orixe nunha encrucillada de camiños ao redor dos que se articula o plano. Esa encrucillada converteuse na praza principal da vila, a praza de Galicia. O seu desenvolvemento principiou en 1861, cando se inaugurou a estrada de Vilagarcía de Arousa a Chapa, o trazado que corresponde coa estrada nacional N-640, á beira do cal comezou a edificación do núcleo; coa apertura dun vial paralelo, a avenida de Benito Vigo, reforzouse a forma lineal do núcleo.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Estrada é do 48,7% (62% a masculina e 37,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 43,4% (57% a masculina e 31,7% a feminina) e a taxa de paro é do 10,9% (8,2% a masculina e 14,9% a feminina). A condición de cabeceira comarcal e a boa accesibilidade favoreceron o desenvolvemento dos servizos no concello, e especialmente na capital municipal. O sector primario mantén unha porcentaxe de emprego do 11,3%. As explotacións agropecuarias dedícanse principalmente á produción gandeira, especialmente aos armentíos bovino (tanto de orientación cárnica como láctea) e porcino. O carácter familiar de moitas delas faise evidente no censo, pois están rexistradas máis de 5.000 explotacións, moitas delas traballadas como complemento ás rendas domésticas por empregados noutros sectores e os seus familiares. A atomización tamén é evidente, pois existen máis de 73.000 parcelas. A produción forestal é moi escasa e corresponde a iniciativas particulares, pois non existen montes en mancomún. Malia esa feble produción forestal, a industria, que emprega o 17,8% dos traballadores, baséase fundamentalmente no sector da madeira e do moble, que factura máis de 25 millóns de euros anuais. O sector do moble tivo o seu xermolo na fabricación de camas durante a Guerra Civil para abastecer o mercado nun momento de necesidade. O pulo definitivo experimentouno a partir da década de 1960, coa expansión e modernización dos obradoiros artesáns, e de 1980, coa súa transformación empresarial. As empresas do moble combinan a venda directa nas súas propias moblerías coa fabricación para outros vendedores. Destaca pola súa proxección nos mercados internacionais a empresa María Martínez. En Berres, a tradición artesá dos torneiros, que elaboran utensilios domésticos de madeira, canalizouse a través de ARTEMA, unha asociación que exporta gran parte da súa produción. A construción, que dá traballo ao 17,2% dos ocupados, experimentou un forte pulo gracias á expansión da urbanización en función da área compostelá. Os servicios, debido á condición de cabeceira comarcal, constitúen a principal fonte de emprego. O maior grao de ocupación corresponde ao comercio, que representa máis da cuarta parte dos empregos do sector terciario, que no seu conxunto dá traballo ao 53,5% dos traballadores residentes no concello. O emprego nos diferentes servizos públicos teñen unha gran relevancia debido á súa condición de cabeza de partido xudicial e da comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Os servizos financeiros son tamén destacables, pois na vila se concentran máis dunha ducia de oficinas bancarias. O turismo rural desenvolveu un pequeno tecido empresarial que complementou a hostalería tradicional, que conta con máis de 150 establecementos, cunha nova oferta baseada no aproveitamento dos recursos paisaxísticos. As principais vías de comunicación que atravesan o concello son a estrada comarcal AC-541, que a une con Santiago de Compostela, a estrada nacional N-640, que atravesa o termo municipal en dirección L-O e comunica a comarca de Deza con Caldas de Reis e o Salnés, e a estrada nacional N-525, que atravesa polo sector nororiental do municipio e une Santiago de Compostela e Ourense. Practicamente paralelos a esta última van o ferrocarril Santiago de Compostela-Ourense e o trazado da autoestrada entre estas dúas cidades. O NL do concello está atravesado pola autopista AP-53, que une Santiago e Ourense
Historia
O poboamento do concello remóntase ao Neolítico, como amosa a presenza de numerosas mámoas, entre as que destacan Campo das Mámoas (Matalobos), Boi Morto (Olives) e Mamuela de San Pedro de Ancorados. Da Idade do Bronce destacan os brazaletes de ouro aparecidos no Coto dos Castros (Arnois) e da Idade do Ferro numerosos castros, entre os que sobresaen, os de San Tomé de Ancorados, Perroño, Castrovite, Ouzende, Matalobos, Trasmonte, Ribela, Guimarei e Loureiro e que, segundo as fontes clásicas, pertencerían ao pobo dos cilenos. En época romana, polo territorio do concello pasaba un ramal da IV vía militar do Itinerario Antonino e os camiños derivados da vía XIX. As primeiras noticias históricas sobre o concello aparecen no Cronicón Iriense e refírense aos tempos do rei suevo Miro (s VI), cando a xurisdición de Tabeirós dependía da diocese de Iria Flavia. En tempos do arcebispo Xelmírez, a terra de Tabeirós pasou a depender directamente da mitra compostelá. Desde o s XII, o territorio dividiuse en coutos e xurisdicións dependentes, ben da mitra de Santiago, ben dun señor xurisdiccional. Nas revoltas irmandiñas de 1467 destruíronse as fortalezas da Barreira, Gundián e Guimarei. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello da Estrada pertencían a sete xurisdicións: as de Tabeirós e Vea, que incluían a maior parte das parroquias, eran señorío directo do arcebispo de Santiago; as de Codeseda (coas parroquias de Codeseda, Liripio e Sabucedo) e Veiga (a parroquia de Arnois), pertencían ao cabido da catedral de Santiago; a señores laicos pertencían as xurisdicións de Cira (parroquias de San Miguel de Castro e Loimil, señorío do conde de Altamira), Oca (parroquia homónima, propiedade do conde de Amarante) e Viso (Lagartóns, Ouzande, A Somoza e Tabeirós, dominio do marqués de Aranda). A promulgación da Constitución de 1812 supuxo a supresión do réxime señorial e a súa substitución pola administración municipal. Non obstante , en 1814 o Rei Fernando VII derrogou a Constitución e restableceu o statu quo anterior. Un pronunciamento militar, o do coronel Riego, permitiu a recuperación do constitucionalismo e o municipalismo, e con eles o establecemento dos primeiros concellos, que neste territorio foron os de Bemposta, A Estrada, Codeseda, Parada e Oca, todos no partido de Bemposta, e o de Vea, pertencente ao partido de Padrón. En 1822, a división da provincia de Galicia e o trazado dos límites entre as novas da Coruña e Vigo a partir do curso do Ulla, provocou que o concello de Vea se integrase no partido de Bemposta, que quedou á súa vez incluído na provincia de Vigo. A intervención dos Cen Mil Fillos de San Luís significou a segunda derrogación da Constitución, asinada en 1823 polo Rei Fernando VII e con ela a desaparición daqueles concellos e provincias. Despois da morte do monarca (1833), o goberno da rexencia recuperou o constitucionalismo que, despois de infructuosas propostas, se traduciu na creación dun novo concello, o de Cereixo, en decembro de 1836. O 23 de xaneiro de 1841 produciuse o cambio de nome polo da Estrada. O 6 de xullo de 1859 concedéuselle o título de vila; en 1878 o concello recibiu o tratamento de Ilustrísimo e en 1912 o de Excelentísimo.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos citados, destacan, no eido da arquitectura relixiosa, as igrexas románicas de San Pedro de Ancorados, San Xurxo de Codeseda, San Martiño de Riobó, Santa María de Loimil, e as igrexas dos mosteiros de Santa María de Frades e de San Xoán de Santeles. As igrexas de Santo Estevo de Oca, San Lourenzo de Ouzande, San Miguel de Moreira e Santiago de Tabeirós, son de orixe románica, pero reconstruíronse entre os ss XVI, XVII e XVIII. Na arquitectura civil destacan a ponte románica sobre o río Liñares, entre as parroquias de Moreira e Lagartóns, a ponte de Vea, románica en orixe aínda que reconstruída no s XVIII, o pazo de Oca, construído entre os s XVII e XVIII, a torre de Guimarei, vestixio dunha fortaleza medieval, e as ruínas da torre da Barreira. Do seu patrimonio natural destacan os espazos do Sistema Fluvial Ulla-Deza e das Brañas de Xestoso, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as do Entroido do val do Vea, a Festa do Salmón no mes de maio, con concurso internacional de pesca e degustación, a Rapa das Bestas de Sabucedo no mes de xullo, declarada de Interese Turístico en 1964, e en novembro o San Martiño, feira de gando e maquinaria agrícola.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Tabeirós-Terra de Montes |
| Extensión | 280 Km2 |
| Poboación Total | 21908 h |
| Poboación Homes | 10371 h |
| Poboación Mulleres | 11537 h |
| Densidade de poboación | 78.24 h/Km2 |