estranxeirismo

estranxeirismo

(

  1. s m

    Afección aos costumes estranxeiros.

  2. s m [LING]

    Palabra que se colle dunha lingua estranxeira mantendo a súa grafía orixinal, pero adaptando a súa pronuncia ás estruturas fonéticas da lingua receptora (hippy [‘hipi], allegro [a’lɛƒɾo]). O proceso de normalización do galego comeza no s XIX co inicio da reivindicación da lingua galega como lingua de cultura, pero é no s XX cando se amplía o seu uso a novos dominios. Neste novo contexto lingüístico e cultural prodúcese o contacto con novas realidades e conceptos que esixen a incorporación ou creación de novas expresións. Así, un dos procedementos que se emprega para cubrir estes baleiros denominativos é a incorporación de estranxeirismos, feito constatable nos dominios especializados; a súa presenza nótase canto máis especializado é o dominio, e esa especialización moitas veces leva a que non existan propostas claras na lingua receptora. O galego incorpora, sobre todo, estranxeirismos do inglés e, en menor medida, doutras linguas como o francés e o italiano. A presencia masiva de estranxeirismos do inglés responde a que esta lingua cobre moitos dos dominios especializados e semiespecializados: ciencia e tecnoloxía (bypass, chip, megabyte, software, driver), música e espectáculos (casting, copyright, heavy, music hall, jazz, punk, rock and roll), economía (blue chip, broker, dealer, dumping, holding, lobby), comunicación (mass media, share, prime time), deportes (dribbling, fairplay, play-off, ring) e outros dominios (flashback, off the record, playboy, sexy boy, zoom). Menos frecuentes son os de francés: art-nouveau, glamour, mousse, partenaire, patois, roulotte, voyeur, etc, do que tamén proceden expresións como au pair, menage à trois, savoir faire, tête-à-tête e vis-à-vis. Os estranxeirismos do italiano pertencen sobre todo á nomenclatura técnica relacionada coa música (allegro, appasionato, bel canto, crescendo), pero tamén a outros ámbitos (agiornamento, atrezzo, spaghetti, tutti frutti, etc). Moita máis reducida é a achega de estranxeirismos doutras linguas: portugués (bossa nova, caipirinha, cavaquinho), alemán (fahrenheit, hinterland, kirsch, roentger), éuscaro (abertzale), etc. Non obstante , a lingua receptora sempre tende a adaptalos ou a substituílos progresivamente por expresións autóctonas ou creacións propias (traducións, calcos, adaptacións ou neoloxismos) como medio de defensa ante a invasión idiomática e a ameaza de interferencia permanente. Son algúns exemplos deste proceso *acera (cast)/beirarrúa, *arcén (cast)/beiravía, *palmarès (fr)/historial, *planning (ingl)/planeamento, *playback (ingl)/son pregravado, *record (ingl)/marca e *skinhead (ingl)/cabeza rapada. En canto ás moitas interferencias lexicais procedentes do castelán, estas, polo xeral, non son sentidas como tales estranxeirismos pola fácil integración e adaptación ao galego (tortilla, bocadillo).