estrelamar

estrelamar

(< estrela + mar)

  1. s f [ANIMAL]

    Equinodermo mariño e bentónico, da clase dos asteroideos, caracterizado por presentar, as máis das especies, cinco brazos arredor dun disco central -aínda que outras teñen 7, 12 e mesmo 50-, ter a boca en posición ventral e o ano en posición dorsal. Presentan pés ambulacrais que serven para desprazarse e capturar o alimento, constituído fundamentalmente por bivalvos aos que lles abren as valvas para logo liberar enzimas dixestivos no interior das cunchas que provocan unha dixestión externa. Existen unhas 2.000 especies que varían de tamaño dende 1 ata 130 cm de diámetro.

  2. s f [PLANTA]

    Herbácea de follas lanceoladas e pinnatífidas, de ata 20 cm de lonxitude, que forman unha mouta basal, flores hermafroditas, pequenas e tetrámeras, co tubo da corola piloso, dispostas en espigas pedunculadas. Os froitos son cápsulas que se abren transversalmente. Está presente en toda Galicia en lugares secos e areosos como as praias.