esturión
(< lat sturĭōne)
-
s
m
[ANIMAL/ICT]
Peixe anádromo, da familia dos acipenséridos, de ata 6 m de lonxitude, de esqueleto pouco osificado, corpo longo e pel espida, agás a armadura dérmica reducida a cinco fileiras de grandes placas óseas que se dispoñen ao longo do corpo. A cabeza é grande e presenta un fociño aplanado; os ollos son pequenos e atópanse na base do fociño, e a boca está situada en posición ventral, rodeada de barbelas carnosas e flexibles que lle serven para detectar as presas, normalmente invertebrados e peixes que viven no fondo das augas. Os opérculos branquiais son triangulares, grandes e abertos cara a atrás; as aletas pectorais e as pelvianas son de tamaño medio, a dorsal é única e está situada na parte posterior do lombo oposta á aleta anal, e a aleta caudal é heterocerca e está fendida. No intestino presentan unha válvula espiral característica que comparten coas quenllas. Algunhas especies viven no mar e migran cara aos ríos para desovar, e outras permanecen permanentemente nos ríos e nos lagos. As especies anádromas realizan a desova coincidindo coa enchente dos ríos, os ovos afúndense ata a grava e adhírense a ela, logo dunha semana aparecen as larvas, que teñen a cabeza grande sen ollos nin barbelas, pero cun gran saco vitelino do que dependen para a nutrición, e máis tarde os peixes novos descenden cara ao mar. Os esturións constitúen un grupo de peixes moi antigos que xa estaban presentes no Xurásico. As 25 especies actuais son propias das augas frías e temperadas do hemisferio N e as máis delas están en perigo de extinción debido principalmente á construción masiva durante o s XX de presas nos ríos norteamericanos e euroasiáticos, da contaminación das augas continentais e da sobrepesca para aproveitar só as ovas maduras, o caviar. Tamén recibe o nome de sollo.
-
esturión adriático
[ANIMAL/ICT]
Peixe de ata 2 m de lonxitude que acada un peso de 80 kg, endémico das costas italianas e balcánicas do Mar Adriático. Críase con éxito en piscifactorías de distintos países, entre eles España.
-
esturión atlántico
[ANIMAL/ICT]
Peixe, de 5 m de lonxitude e 400 kg de peso, orixinario de Turquía, Oriente Próximo, N de África e de todos os ríos europeos ao O dos Urais, e do que só subsiste unha precaria poboación na conca do Garonne, en Francia; é obxecto dun programa de cría en catividade e recuperación en Bordeos. As crías tardan entre 1 e 3 anos en ir ao mar, e acadan a madurez sexual aos 10 anos de idade. A última poboación peninsular foi a do río Guadalquivir, ata que na década de 1960 se construíu unha presa hidroeléctrica en Coria de Río, feito que lles impediu acadar os lugares de desova preto de Córdoba. Entre 1932 e 1970 capturáronse máis de 500 esturións por unha única fábrica que só buscaba a obtención de caviar, e que rematou a súa actividade ao desaparecer estes peixes. Dende entón péscanse esporadicamente algúns exemplares. En Galicia foi moi abundante no río Miño.
-
esturión bico de culler
[ANIMAL/ICT]
Peixe que acada os 1,8 m de lonxitude corporal e un peso de ata 77 kg. É unha especie propia da conca americana do Mississippi.
-
esturión bico de espada
[ANIMAL/ICT]
Peixe de máis de 6 m de lonxitude, propio da conca do río Iang-Tsé.