ETA
Organización terrorista independentista vasca nacida en 1959 baixo o nome de Euskadi Ta Askatasuna (Euskadi e Liberdade). Naceu da fusión do grupo nacionalista EKIN, de carácter universitario, e algúns mozos procedentes do PNV. Entre 1959 e 1961 apareceron as publicacións Zutik e o órgano oficial Zutik-Berriak, e centrou a súa actividade no activismo propagandístico. Nas asembleas I (1962), II (1963), III (1964) e IV (1965) autodefiníronse como unha organización revolucionaria, nacionalista e anticapitalista que empregaba, o que eles denominaban, a loita armada, para acadar o seu obxectivo, a independencia de Euskadi. A V asemblea (decembro de 1966-marzo de 1967) fixou unha nova estratexia de loita nas frontes obreira, cultural, política e militar. Dende 1968 aumentaron os actos terroristas con atracos a bancos e atentados contra as institucións policiais. O primeiro crime foi o asasinato do garda civil de tráfico José Pardines o 7 de xuño de 1968. Estas accións terroristas provocaron a declaración de tres estados de excepción en 1968 e 1969, e o inicio en 1970 do proceso de Burgos contra sete dos seus militantes. A VI asemblea (1970) non foi recoñecida por un sector dos militantes históricos e unha parte deles ingresou na Liga Comunista Revolucionaria (1972). O 20 de decembro de 1973, ETA asasinou o presidente do goberno, o almirante Luis Carrero Blanco en Madrid. O aumento das accións terroristas provocou a escisión da organización en dúas ramas: por unha banda, ETA-M (ETA-Militar), partidaria da violencia, e pola outra, ETA-PM (ETA-Político Militar), favorable á combinación das operacións armadas coas accións de masas. Na VII Asemblea de ETA-PM (1976) formouse un núcleo de tendencia marxista-leninista que acabou por crear Euskadiko Ezquerra (1977). Trala fin do franquismo, ETA-M iniciou unha tregua e apoiou as forzas abertzales reunidas en Alsasua (1977) das que naceu Herri Batasuna. As accións terroristas retomáronse en maio de 1977 condicionadas ao establecemento de negociacións coa denominada alternativa KAS (Koordinadora Abertzale Socialista) que avogaba pola unificación de Navarra e Euskadi, a retirada das forzas policiais e a autodeterminación do pobo vasco. Ese mesmo ano, ETA-PM sufriu unha escisión coa aparición dos denominados comandos Berezial que se fusionaron con ETA-M. A principios de 1982, ETA-PM disolveuse despois de que Euskadiko Ezquerra comezase a negociar co goberno de L. Calvo Sotelo a liberación dos que renunciaban ao terrorismo. A finais de 1983 xurdiron os GAL (Grupos Antiterroristas de Liberación) que atentaron mortalmente contra presuntos membros de ETA e que posteriormente foron desarticulados. Dende 1986 a intervención do goberno francés contribuíu á detención de numerosos membros da organización. Dende o primeiro atentado de 1968 ata o cometido o 4 de agosto de 2002 en Santa Pola (Alacant), ETA provocou 812 mortes, das que 339 foron civís, incluíndo nenos, e as restantes, membros dos Forzas Armadas e dos Corpos Policiais. En setembro de 1998 estableceu unha tregua que rompeu o 21 de xaneiro de 2000 co asasinato en Madrid do tenente coronel do exército Pedro Antonio Blanco García. As comunidades máis castigadas polo terrorismo etarra son Euskadi (546 mortos), Madrid (120), Catalunya (55) e Navarra (37), aínda que case todo o territorio sufriu algún acto terrorista. Houbo atentados que se cobraron un maior número de víctimas e que acadaron unha gran repulsa social como o que provocou a morte de 12 gardas civís na praza da República Dominicana en Madrid (14.7.1986), o realizado contra o centro comercial HIPERCOR en Barcelona (14.6.1987), con 21 falecidos, o provocado polo coche bomba situado preto da casa cuartel de Zaragoza (11.12.1997) que causou 11 mortos, o producido na casa cuartel de Vic (29.5.1991), que causou 10 mortos, e o coche bomba que estoupou ao paso dun furgón militar en Vallecas (11.12.1995), que causou a morte a seis civís. O 19 de abril de 1995 perpetrou un atentado contra o daquela xefe da oposición, José María Aznar, do que saíu ileso. ETA levou a cabo 77 secuestros ao longo da súa historia, resoltos nalgúns casos co pago de rescates ou pola intervención das forzas e corpos de seguridade, pero que outras veces acabaron co asasinato do secuestrado. O primeiro dos secuestros foi o do cónsul alemán Eugenio Beihl, realizado o 1 de decembro de 1970 e liberado 25 días despois; o máis longo foi o do funcionario de prisións José Antonio Ortega Lara, que estivo preso nun zulo de pequenas dimensións durante 532 días. Ademais de todas estas accións terroristas, prodúcense actos de violencia na rúa atribuídos a grupos vinculados á organización terrorista. A sociedade española manifesta a súa repulsa aos actos terroristas mediante concentracións pacíficas levadas a cabo non só nas cidades azoutadas por un atentado terrorista. A banda terrorista secuestrou a Miguel Ángel Blanco, concelleiro do PP en Érmua, e condicionou a súa liberación a un ultimato dado ao goberno no que pediu o achegamento dos presos vascos a cárceres do N de España. O seu asasinato, o 12 de xuño de 1997, contribuíu a aumentar a mobilización cidadá en todas as comunidades autónomas e o emprego do lazo azul como resposta a todo tipo de acto terrorista.