etimoloxía

etimoloxía

(

  1. s f

    Orixe dunha palabra e tamén a súa evolución ata a forma actual.

    Confrontacións: timo.
  2. s f [LING]

    Ciencia que na lingüística moderna ten por obxecto de estudo a orixe das palabras, tentando determinar as causas e circunstancias da súa evolución desde un punto de vista fonético, morfolóxico ou semántico. Na gramática tradicional este concepto designaba unha das súas partes e o seu campo de competencia era moi semellante ao da actual morfoloxía. Así, chorar provén de PLORĀRE, freixo de FRAXĬNU. Para os antigos, localizar a etimoloxía dunha palabra era descubrir o seu “verdadeiro sentido” (gr ἕτυμον), isto é, a vinculación entre unha palabra e unha cousa. Na Idade Media críase que as linguas se remontaban ao hebreo (hai pervivencias desta crenza ata o s XIX) e proliferaron as etimoloxías puramente anecdóticas; un exemplo destacado son as Etymologiae de Isidoro de Sevilla (s VII). Os comparatistas (s XIX) foron os primeiros en formular o método científico na procura etimolóxica. Na súa primeira etapa (método fonohistórico), os seus cultivadores puxeron especial empeño nas vicisitudes fonéticas (F. Diez, W. Meyer-Lübke). Posteriormente, o método léxico histórico (W. von Wartburg, M. L. Wagner, O. Bloch, J. Corominas, etc) tentaba reconstruír o étimo e trazar a historia da palabra, reunindo o maior número de datos fornecidos pola dialectoloxía, a xeolingüística, a cultura material e a semántica. Unha tendencia moderna da etimoloxía estudia a evolución das palabras no seu microsistema semántico. Segundo P. Guiraud, pódense establecer unhas matrices léxico-xénicas, uns modelos (en campos morfo-semánticos, compostos tautolóxicos, etc) que permiten identificar termos escuros.

  3. s f [LING]

    Nome que recibiu unha parte da gramática ata o s XIX, que vén coincidir coa moderna morfoloxía, e que alternou co de analoxía. Debía ensinar a remitir unha forma dada á súa categoría respectiva e se esta admitía flexión, á súa forma orixinal; así, por exemplo, o nominativo nos nomes ou o infinitivo nos verbos. Constituía a teoría dos accidentes gramaticais.

  4. s f [RET]

    Recurso literario que consiste en empregar unha definición como explicación do étimo dunha palabra. Así, por exemplo, HUMĬLIS está relacionado con HUMUS ‘terra’ e, en sentido literal, significa ‘baixo, situado debaixo, pouco elevado’.

  5. etimoloxía popular/metacedeuse [LING]

    Fenómeno lingüístico que consiste en alterar a forma dunha palabra pola semellanza fónica e semántica que presenta con outra doutra familia léxica coñecida coa que non mantén identidade de orixe. Así, por exemplo, o lat BOBARĬU ‘pastor de bois’ debería dar boveiro en galego, pero en realidade deu boieiro por influencia da voz boi; do mesmo xeito, o lat v *BISŌCŬLU ‘dous ollos’ debería dar bisollo, pero, ao relacionarse co verbo virar, deu birollo. Este proceso, enmarcado na tendencia, consciente ou inconsciente, dos falantes a conferirlles transparencia e motivación ás palabras, é moi frecuente no rexistro lingüístico máis vulgar. Deste xeito, escóitanse a miúdo, entre outras moitas, voces como vagamundo, en vez de vagabundo, por influxo de mundo; biciclista, en vez de ciclista, por bicicleta; formigador, en vez de fumigador, por formiga; mondarina, en vez de mandarina, por mondar; altobús, en vez de autobús, por alto; lavado, en vez de lavabo, por lavar; alcolito, en vez de eucalipto, por alcol; ou andalia, en vez de sandalia, por andar.

  6. falsa etimoloxía [LING]

    Interpretación errónea da etimoloxía dun nome, fenómeno especialmente frecuente na toponimia. Así, por exemplo, o nome de lugar Foilebar (O Incio), derivado do latín FOGIUM LUPALE ‘foxo para lobos’, asociado aos verbos “foi + levar”, ou Parderrubias (Salceda de Caselas), procedente do latín PARETES RUBEAS ‘paredes rubias’, asociado aos vocábulos “par + de + mulleres (rubias)”.

Palabras veciñas

etilo | étimo | etimólogo -ga | etimoloxía | etimolóxico -ca | etimoloxismo | etimoloxista