etnografía
(
-
s
f
[ETN]
Ciencia que estudia e describe os costumes e as tradicións dos pobos. O seu obxecto é proporcionarlle á etnoloxía os datos necesarios para coñecer a cultura dun grupo humano específico. Estudia os xeitos de vivir, as técnicas, as institucións e os costumes dos pobos e ocúpase de describilos con precisión sen sometelos a unha análise nin aventurar interpretacións. Como ciencia é relativamente moderna. Nun principio baseábase no material proporcionado polos conquistadores, viaxeiros, aventureiros e misioneiros. Entre eles cómpre mencionar a Fernández de Oviedo, Bartolomé de Las Casas, José de Acosta e, especialmente, Bernardino de Sahagún (1500-1570), considerado o precursor da moderna etnografía polo seu coidado rigor na recollida de datos relacionados cos pobos mexicanos. Posteriormente destacaron os alemáns Alexander von Humboldt e Adolf Bastian, o suízo Johann Jakob Bachofen e o inglés Edward Burnett Tylor. A partir de 1900, a investigación etnográfica especializouse. Os principais etnógrafos deste tempo foron Franz Boas e os seus discípulos Alfred Louis Kroeber e George Herbert Mead, nos EE UU; Alfred Cort Haddon e Bronislaw Kasper Malinowski, no Reino Unido; Marcel Mauss e Claude Lévi-Strauss, en Francia; e Telesforo de Aranzadi y Unamuno, José Miguel de Barandiaran Ayerbe e Julio Caro Baroja, en Euskadi. No ámbito da etnografía galega ( Galicia) os primeiros en recoller datos con valor etnográfico foron o padre Feijoo, frei Martín Sarmiento e o padre Sobreira.
-
etnografía da comunicación/da fala
[LING]
Disciplina que se integra no ámbito da lingüística, aínda que mantén unha estreita relación coa antropoloxía. Non existe unificación con respecto ao seu rango disciplinar; algúns estudiosos consideran que é unha disciplina autónoma e outros inclúena como parte da sociolingüística, a pragmática ou a antropoloxía lingüística. Todas elas teñen en común o estudo da lingua desde a perspectiva do seu uso, en oposición a aquelas disciplinas que se ocupan da súa estrutura interna (fonoloxía, gramática, semántica). A etnografía da comunicación ten a súa orixe nos anos sesenta, cos traballos de John Gumperz e Dell Hymes, e parte dunha concepción da linguaxe como un modo de actuación. O seu obxecto de estudo por excelencia é a interacción conversacional, centrándose na selección de linguas ou variedades portadoras dun significado social, significado que se recrea e negocia durante a interacción lingüística. Esta área estudia a interacción lingüística situada nun contexto, é dicir, desde o punto de vista das relacións entre a situación, os participantes, o tema e as funcións dos actos de fala. Ademais, interésalle analizar cómo se reproducen as ideoloxías nas prácticas conversacionais. Dado que a etnografía da comunicación traballa con grupos ou comunidades de pequenas dimensións, identificouse co micronivel, a metodoloxía micro (motivo polo cal tamén se denomina, ás veces, microsociolingüística). Desde o punto de vista metodolóxico, prefire a observación participante, técnica que lle permite ao investigador integrarse na comunidade obxecto de estudio, accedendo así a intercambios comunicativos producidos en contextos naturais. A revista Language in Society, dirixida por Dell Hymes, é o seu principal vehículo de difusión científica. No ámbito galego destacan, entre os seus principais estudiosos, os lingüistas Celso Álvarez Cáccamo (Universidade da Coruña) e Xoán Paulo Rodríguez Yáñez (Universidade de Vigo). Tamén se denomina sociolingüística interaccional.