eucalipto

eucalipto

(

s m [PLANTA]

Árbore perennifolia do xénero Eucalyptus, da familia das mirtáceas, que pode acadar máis de 100 m de altura e que presenta a copa con forma piramidal e pouco densa. Cando a planta é nova presenta talos novos de cor abrancazada e pubescentes, e follas de base cordada de cor cinsenta azulada, de ata 15 cm de lonxitude, 8 cm de ancho e dispostas de xeito oposto, e sésiles; máis tarde estas follas substitúense por filodios coriáceos longos e estreitos, de ata 30 cm de longo, con forma de fouciño, pendurantes e dispostos de xeito oposto. Contan con glándulas lisíxenas translúcidas e ricas en aceites esenciais. As flores son hermafroditas e actinomorfas, cos pétalos e os sépalos unidos formando unha estrutura en forma de tampa -o opérculo- que se desprende da punta do gromo floral durante a antese. As flores, ademais dunha gran produción de pole, que pode provocar problemas alergolóxicos no home, presentan néctar. A polinización ten lugar por medio de insectos, aves e morcegos fitófagos. Existen máis de 600 especies diferentes adaptadas a todo tipo de condicións ecolóxicas, ainda que a súa distribución natural se restrinxe a Oceanía -a maioría delas endémicas de Australia-, onde constitúen o elemento predominante da paisaxe, agás tres especies presentes na rexión indo-malaia. Ao longo do s XX espalláronse por gran parte das rexións cálidas e temperadas do mundo para a produción de madeira, celulosa, leña e tamén como pantalla para a desecación de humidais e fixación de dunas. Os eucaliptos están especialmente implantados en países como Brasil, India e España. En España aclimatáronse varias especies de eucalipto; as de maior éxito foron: no SO E. camaldulensis -que soporta lixeiras xeadas e lugares secos e mal drenados-, nas provincia de Cáceres, Badajoz, Huelva e Sevilla; e no NO a especie E. globulus, nas provincias da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santander e Oviedo. Tamén se plantaron en España outras especies como E. resinifera, E. diversicolor, E. regnans, E. oblicua, E. delegatensis, E. dalrympleana, E. viminalis e E. macarthurii. As dúas últimas tiveron éxito no concello galego de Curtis. A especie Eucalyptus globulus caracterízase por presentar un tronco de porte recto e groso, cuberto por unha codia cinsenta que se desprende en grandes tiras que se manteñen durante un tempo na árbore; pode acadar, na súa área orixinal, os 100 m de altura, mentres que nos cultivos rara vez supera os 40 m. O exemplar de maior tamaño de España está en Chavín (Viveiro), con 80 m de altura e máis de 6 m de perímetro na base do tronco. As flores e os froitos aparecen de xeito solitario. A especie é orixinaria do S de Australia, Tasmania e das illas do estreito de Bass, entre os 7°N e 43°S, onde constitúe ecosistemas de extraordinario valor ecolóxico, aínda que por mor das plantacións das que foi obxecto durante o s XX, constituíuse tamén na especie de frondosa de maior distribución mundial. Adáptase ben a climas temperados -con temperaturas medias entre os 10 e 15 °C- e húmidos -cunha pluviosidade anual entre os 500 e os 1.520 mm repartidos ao longo de todo o ano-. A súa difusión está limitada polas xeadas, as baixas temperaturas, o vento e os períodos de seca. Prefire solos graníticos e areosos e non adoita presentarse en solos calcarios ou mal drenados. Apareceu en Europa en 1829, introducido a través de Portugal; e a primeira referencia en España é de Tui, cando en 1863 chegaron unhas sementes mandadas por frei Rosendo Salvado, evanxelizador en Australia, á súa familia tudense. En Galicia empregouse nun primeiro momento como ornamental e plantouse nos límites de camiños e parcelas, ata que a principios do s XX comezou o seu uso nas plantacións forestais. A súa distribución aumentou notoriamente durante o s XX, favorecida pola promoción dende a Administración estatal e autonómica mediante políticas forestais unicamente produtivistas. Esta difusión viuse tamén favorecida cando pasaron a uso forestal algunhas terras dedicadas anteriormente a pasto ou a cultivo, debido ás crises dos sectores gandeiros e agrícolas en Galicia. O eucalipto é unha especie pirófita, que resiste os incendios leves e, logo deles, teñen maior capacidade ca outras plantas para a rexeneración. Ademais, a xerminación das súas sementes é máis doada tras ser devastada a vexetación dunha zona por un incendio. Por outra parte, a especie compite vantaxosamente pola auga e os nutrientes grazas a un extenso desenvolvemento radicular. Consomen un gran volume de auga, ao ser unha especie de crecemento rápido cuns altos valores de evapotranspiración. Esta demanda pode afectar ao nivel freático e ter como consecuencia o descenso no caudal de pequenos regatos e a seca de mananciais e pozos. Ademais, as follas exsudan substancias alelopáticas que impiden a xerminación de gran número de especies vexetais. A actividade biolóxica macroscópica queda reducida e a liberación de polifenois provoca a inhibición da mineralización dos compostos orgánicos e a formación de complexos organominerais, o que afecta ao ciclo dos nutrientes do solo. Tamén ten lugar un descenso da fertilidade do solo provocado pola diminución da cantidade e calidade dos coloides presentes no horizonte orgánico e o descenso da capacidade de intercambio catiónico global. Nas plantacións intensivas este descenso agudízase, xa que ao reducir os ciclos de corta a menos de 10 anos -e ao ser os primeiros anos o momento en que os eucaliptos extraen a maior parte dos nutrientes- ten lugar unha retirada esaxerada destes coa conseguinte diminución das súas reservas. As plantacións de eucaliptos tamén poden ocasionar problemas de erosión, especialmente en terreos en pendente. A diversidade dentro dun eucaliptal, fóra da súa área orixinaria, é moi baixa, xa que nin as follas nin os froitos serven de alimento para a fauna autóctona, ao resultarlles tóxicas, e só algúns insectos e aves insectívoras visitan as flores. Nalgúns casos, ao constituír as únicas árbores de certo porte dunha área, serven de soporte para a nidificación de grandes aves como córvidos ou aves de rapina, como o azor ou o miñato. A Galicia chegaron, grazas ao transporte de mercadorías, algunhas especies que acompañan a árbore na súa área orixinal en Oceanía, como é o caso do fungo Descolea maculata, a cigarra Ctenarytaina eucalypti, o lonxicornio Phoracanta semipunctata e o gurgullo Gonipterus scutellatus. O Eucaliptus globulus constitúe un dos recursos forestais máis empregado industrialmente no mundo. Da árbore obtense leña de alto poder calorífico, serve para producir carbón vexetal, estruturas de edificios, postes para comunicacións, solos de parqué, pasta celulósica, suxeición de noiros, elaboración de taboleiros de fibras e madeira para a fabricación de bateas. Por mor da súa floración temperá, as súas flores melífagas permítenlles aos apicultores obter un mel exclusivo desta especie.

Palabras veciñas

Eubulides de Mileto | Eubulo | eucaliptal | eucalipto | eucaliptol | Eucalyptus | eucarionte