éuscaro -ra
(< vasco euskara ‘linguavasca’)
-
adx
Relativo ou pertencente á lingua vasca.
-
s
m
[LING]
Lingua falada por unhas 700.000 persoas en Euskal Herria ou Vasconia. Ademais, tamén se fala no municipio de Esquiule, en Bearn. En América, fálase sobre todo no O dos EE UU e outros países (Arxentina, Venezuela e Chile). Antes estaba máis estendido e tamén se falaba en zonas de Araba e Navarra correspondentes á vertente mediterránea, Alta Rioja (Ollauri, Ezcaray, etc) e comarcas da actual provincia de Burgos (zona de Belorado, Zalduendo, etc), rexións pirenaicas de Aragón e Catalunya. Con respecto a Francia, as inscricións da época romana en Aquitania reflicten unha variedade do éuscaro, como xa viu Achille Luchaire. A influencia é clara no gascón e na toponimia. Segundo unha idea, xeralmente aceptada, o nome da tribo dos ausci (reflectido na cidade de Auch) pode ser relacionado con euskara, quizá un adverbio substantivado, analizable como euska-ra (‘á maneira vasca’). En cambio, o corte parece claro ao O -actual Cantabria e N de Burgos-, onde non consta a presenza histórica deste idioma agás nalgunhas comarcas. Discutiuse moito sobre a cronoloxía da presencia do éuscaro na Alta Rioja e comarcas próximas a Burgos capital. Certamente non se pode excluír a posibilidade da existencia do éuscaro ao S do Ebro na Antigüidade, pero é evidente o aspecto “moderno” da toponimia vasca nesas zonas, a consecuencia da colonización, sobre todo occidental, a partir do s IX. Por outra parte, dentro dos límites de Euskal Herria faláronse e fálanse outras linguas: celtibero, latín, hebreo, árabe, romance navarro-aragonés, occitano, castelán e francés. As cinco primeiras linguas, desaparecidas de Euskal Herria, deixaron restos, sobre todo, na toponimia. O occitano, na súa forma gascona, retrocedeu en beneficio do francés, maioritario nas provincias transpirenaicas. O castelán, maioritario na Euskal Herria cispirenaica, foi, xunto co navarro-aragonés e o gascón, primixenio en extensas zonas. A distribución da lingua vasca por territorios é bastante desigual, desde case o 50% de vascófonos en Gipuzkoa ata o 10% en Navarra. Durante os últimos anos, sen embargo, estase a producir un crecemento no número de vascófonos na Euskal Herria cispirenaica, sobre todo entre os nenos e mozos. Mentres, a situación no Estado francés é totalmente contraria. Tamén cómpre sinalar unha política moi restritiva do Goberno de Navarra desde 1998, que freou o avance do éuscaro no ensino, na Administración e nos medios de comunicación. Tamén hai que dicir que no conxunto de Euskal Herria é moi reducido o número de monolingües vascófonos (ó redor dun 0,5%).
Aproximación histórica e situación actual
O éuscaro é unha lingua non indoeuropea, da que non se sabe cál é a súa orixe e posible parentesco. A máis antiga das teorías relacionaba o éuscaro co ibero, ata identificalos (vasco-iberismo), pero estudios posteriores determinaron que son dúas linguas diferentes, aínda que a veciñanza e o alto grao de civilización dos iberos deixaron a súa pegada no éuscaro (p ex, ibero ili > vasco (h)iri, (h)uri ‘poboado, cidade’). A teoría que provocou unha maior cantidade de publicacións foi a vasco-caucásica, buscando ese parentesco con algunha das linguas desa rexión, e especialmente co xeorxiano. Este intento, iniciado hai un século e en parte causado pola forte crenza popular dos xeorxianos, que ven nos vascos os seus irmáns de Occidente, non conduciu a ningunha proba concluínte, e aproximadamente desde 1965 perdeu a maioría das súas adhesións. Nos últimos anos, algúns investigadores incluíron o éuscaro na familia lingüística dené-caucásica, que comprendería linguas de Turquía, Asia Oriental, Siberia, Canadá e o sudoeste dos EE UU, pero con pouca base científica. Tampouco ten moita aceptación a proposta de Theo Vennemann, identificando o éuscaro como a primitiva lingua de Europa con argumentos baseados na hidronimia. A documentación de que se dispón sobre o éuscaro antigo é tardía e pouco abundante. Rexístranse nomes propios nas inscricións de época romana (Cison ou Sembe, p ex, respectivamente asociados a gizon, ‘home’, e seme, ‘fillo’), a maioría recollidas en Aquitania, e nomes de persoa e de lugar na Idade Media. As primeiras frases vascas dalgunha extensión figuran nas Glosas Emilianenses (Alta Rioja, s X): Icioqui dugu, e guec ajutu ez dugu, aínda enigmáticas, e das que só se entende con seguridade dugu (‘hemos’ ou ‘temos’), ez (‘non’) e guec (‘nós’); e que nada teñen que ver co texto adxunto. O primeiro libro vasco publicouse en 1545 (cunha probable edición poucos anos antes) en Bordeos: Lingua Vasconum primitiae (Primicias da lingua dos vascos), colección de poesías, amatorias na súa maior parte, do sacerdote baixonavarro Bernat Etxepare. Uns anos despois (La Rochelle, 1571) apareceu a tradución do Novo Testamento, do pastor protestante Joanes Leizarraga, trala conversión da raíña de Navarra, Xoana III de Albret. Era o principio de certo florecemento da literatura no País Vasco Norte, que seguiu a pesar do fracaso da Reforma. Ese florecemento chegaría á súa culminación cunha obra de ascética católica publicada en 1643: Gero (‘Despois’), de Pedro de Axular, nacido en Urdazubi (Navarra). Foi o xesuíta guipuscoano Manuel de Larramendi (1691-1767) quen espertou nos seus contemporáneos o interese pola lingua vasca. El mesmo escribiu pouco en éuscaro, pero é autor dunha gramática (1729) e dun dicionario (1745) cheo de neoloxismos e de etimoloxías fantasiosas. Non obstante , o idioma seguiu retrocedendo no S, ao non contar co apoio das capas dirixentes da sociedade, a pesar dunha autonomía case total -tamén no ensino-, e sen unha universidade pública (a primeira data de 1977), se se exceptúa a breve Universidade de Bilbao (1936-1937), suprimida coa vitoria franquista. As iniciativas culturais multiplicáronse a partir do último cuarto do s XIX. Cómpre destacar a Revista internacional de estudios vascos, fundada por Julio de Urquijo (1907), a Sociedade de Estudios Vascos (Eusko Ikaskuntza, 1918) e a Academia da Lingua Vasca (Euskaltzaindia, 1918). As tres entidades, coma outras moitas, sufriron as consecuencias da Guerra Civil: a Sociedade de Estudios Vascos foi prohibida e a Academia tivo unha vida na clandestinidade ata 1955. É moi importante o aumento do cultivo literario desde principios do s XX, aínda que no S foi prexudicado polo purismo de Sabino Arana Goiri e dos seus seguidores. A lingua, perseguida polo franquismo, non volveu encontrar o seu lugar na escola ata a década dos sesenta. A aprobación do Estatuto de Autonomía do País Vasco (1979) e do de Navarra (1982) propiciaron as leis de cooficialidade (1982 e 1986, respectivamente), se ben en Navarra puxéronse obstáculos ao seu desenvolvemento. No País Vasco Norte a lingua segue sen consideración oficial, pero danse algunhas iniciativas na escola pública e en numerosos municipios, ademais do pulo do sector privado na educación primaria e secundaria. O fomento do éuscaro gracias á nova situación legal reflíctese nas cifras, moderadamente optimistas, sobre o seu coñecemento e o seu uso, nas catro provincias do S, mentres que segue sen frearse o retroceso no N. Polo que respecta á lingua común para todos os vascos, durante séculos coexistiron varios modelos supradialectais. Na primeira metade do s XX déronse algunhas iniciativas, sobre todo o gipuzkera osotua (‘guipuscoano completado’), de Resurrección Mª Azkue (1864-1951), primeiro presidente da Euskaltzaindia (Academia da Lingua Vasca). Esa preocupación, expresada novamente polos escritores a partir de 1950, e agudizada pola paulatina pero incesante entrada do idioma no ensino e nos medios de comunicación, fixo que a Academia convocara un congreso no santuario de Arantzazu (Gipuzkoa, 1968), conmemorando os cincuenta anos da institución. O relatorio principal foi encomendado a Luis Mitxelena (1915-1987), vascólogo e catedrático de indoeuropeo. O resultado foi o chamado euskara batua (‘éuscaro unificado’), un modelo baseado na tradición literaria central (guipuscoano-navarro-labortana). A utilización do éuscaro está practicamente en todos os ámbitos, a pesar de presións políticas e lingüísticas (castelán e francés). Nos últimos decenios, os escritores en lingua vasca foron aumentando notablemente. Á xeración anterior (Mirande, Aresti, Etxaide, Txillardegi, Lete, etc), séguenlle creadores máis novos, entre os que sobresae Bernardo Atxaga (Obabakoak, Os de Obaba), e figuras como Urretabizkaia, Saizarbitoria, Lertxundi ou Izagirre.
Características lingüísticas
Morfoloxía
-Presenta unha soa declinación baseada en sufixos, sen presenza de xénero.
-Un dos trazos máis sobresaíntes é o caso ergativo: un sufixo -k engádese ao suxeito do verbo transitivo: ni etorri naiz (‘eu vin’, literalmente: ‘eu vido son’), pero nik ikusi dut (‘eu vin’, literalmente: ‘eu vino’).
-O verbo ten unha conxugación pluripersoal con tendencia ás formas analíticas.
Sintaxe
-A orde predominante é suxeito-obxecto-verbo, dentro de certa liberdade, maior cá das linguas veciñas.
Léxico
-Recibiu influencias doutras linguas: lege, ‘lei’