Euskadi
Comunidade Autónoma de España, na costa do Mar Cantábrico, entre os Pireneos e a Cordilleira Cantábrica (20.500 km2; 2.098.055 h [1996]). Limita ao N co Mar Cantábrico, ao O con Cantabria e Castela e León, ao S con La Rioja e ao L con Navarra e Francia. Está integrada polos territorios de Araba, Gipuzkoa e Bizkaia. A súa capital é Vitoria-Gasteiz.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
O relevo de Euskadi caracterízase polo predominio dos vales encaixados, o que o converte en moi accidentado. Distínguense tres grandes rexións: Pireneos, Montañas Vascas e a depresión do Ebro. Os Pireneos occidentais presentan un eixe descontinuo, que vai perdendo altitude de L a O, con numerosos ríos encaixados en montañas de pendente pronunciada pero de pouca altitude. A depresión do Ebro, de orixe oligocénica, comprende tamén a La Rioja e Navarra. As montañas do interior marcan a liña de separación entre os territorios de Gipuzkoa e Bizkaia con Araba. Trátase de cristas calcarias de altitudes comprendidas entre os 1.000 e os 1.600 m que forman unha barreira natural respecto ás chairas do S.
Climatoloxía e hidrografía
Euskadi ten un clima oceánico, caracterizado por precipitacións anuais medias ao redor dos 1.000 mm e por temperaturas suaves, con escasa oscilación térmica. Non obstante , pódense distinguir dúas zonas: unha propiamente litoral, cunha media que supera os 1.700 mm de precipitación anual e unha oscilación térmica de 12°C, e unha zona meridional, de clima mediterráneo continentalizado, con invernos máis rigorosos e veráns secos, con precipitacións medias de 900 mm anuais e 15°C de oscilación térmica. Os ríos son curtos, caudalosos e discorren cara a dúas vertentes, a cantábrica e a mediterránea. Os ríos da vertente cantábrica (Bidasoa, Deba e Nerbion) son de caudal regular e de gran desnivel; preto da desembocadura forman vales fértiles e profundas rías. Os ríos da vertente mediterránea desembocan no Ebro, son máis longos e cobren un menor desnivel entre o nacemento e a desembocadura.
Xeografía económica
Economía e sectores de actividade
Tradicionalmente, diferenciáronse dentro de Euskadi dúas rexións económicas contrapostas: o interior agrícola e rural e a fachada atlántica, industrial e urbanizada. Esta diferenciación comezou a partir da segunda metade do s XIX coa explotación mineira do ferro de Bizkaia. Inicialmente limitouse á siderurxia na ría do Nerbión e, posteriormente, estendeuse ao resto de Bizkaia e Gipuzkoa. Este crecemento industrial impulsou tamén o financeiro. A madurez industrial conseguida no s XX fixo que finalmente superara os graves problemas da crise de 1973, grazas ás reconversións da década de 1980, que supuxeron a desaparición de máis de 120.000 postos de traballo no sector. O perfil da poboación activa amosa que o 3% está ocupada no sector primario, o 37% no secundario e o 60% no terciario, en porcentaxes similares ás dos países máis desenvolvidos do mundo. No sector primario, a agricultura ocupa unha segunda orde, especialmente en Gipuzkoa e Bizkaia, onde a actividade agraria se limita ao cultivo de millo, patacas e forraxes. As patacas e o trigo encabezan a produción agrícola vasca (213.135 t e 138.000 t, respectivamente). A gandería goza dunha gran tradición pola abundancia de pastos. Entre as principais especies gandeiras destacan o bovino, dedicado á produción láctea, e o porcino e avícola. A unidade de explotación continúa a ser o tradicional casarío, que pode manter a súa rendibilidade grazas ao desenvolvemento de fórmulas cooperativas. A industria concéntrase en Bizkaia, na comarca do Gran Bilbao. En Guipuzkoa está máis dispersa por todo o territorio. En Araba céntrase practicamente arredor de Vitoria-Gasteiz e o val de Ayala. Os principais sectores son a metalurxia, a construción naval e a química. Tamén son importantes os sectores téxtil, alimentario e do moble. En Vitoria-Gasteiz a industria oriéntase á produción e transformación de metais e material auxiliar do automóbil. A enerxía é na súa maioría de orixe térmica, alimentada co carbón procedente de Asturias, O Bierzo e León. O sector terciario está en plena expansión e caracterízase pola súa diversificación. O maior número de empregos dáse no comercio, nos servicios públicos, nos transportes e nas comunicacións. O PIB e a renda per cápita de Euskadi son superiores á media do resto do Estado e en 1995 ocupaba o quinto lugar entre as comunidades autónomas en ambos os dous conceptos.
Transportes e comunicacións
Malia o seu accidentado relevo, Euskadi ten boas comunicacións terrestres, estimuladas polo alto dinamismo económico. Destaca a rede de estradas que unen Bilbao, Donostia e Vitoria-Gasteiz. A liña férrea máis importante é a que chega de Madrid en dirección Irún, pasando por Vitoria-Gasteiz. Existe unha liña de ferrocarril de vía estreita que une distintas zonas dentro de Euskadi e o N de Burgos, ademais de ferrocarril autonómico (Euskotren). O principal porto marítimo é o de Bilbao. Os principais aeroportos son o de Sondika (Bilbao) e o de Foronda (Vitoria-Gasteiz), con voos nacionais e internacionais.
Xeografía humana
Demografía
En cifras absolutas, a poboación de Euskadi medrou en máis de 1,5 millóns de h no s XX. Na década de 1980 o ritmo de crecemento cambiou de signo, e diminuíu en case 30.000 persoas. As causas desta diminución están na caída da natalidade e na crise económica da década dos setenta, que a converteron nun centro emisor de emigrantes durante a década posterior. Só Araba se librou do saldo migratorio negativo, ao contar cunha industria máis moderna.
Poboamento
A densidade é de 102,34 h/km2, pero a poboación distribúese desigualmente polo territorio, xa que só en Bizkaia se concentra máis do 50% do total e en Araba un pouco máis do 10%. Así, a vertente atlántica constitúe a zona máis densamente poboada, mentres que a zona mediterránea é onde se rexistra unha menor densidade. Os principais núcleos de poboación correspóndense coas capitais dos territorios: Bilbao (354.271 h [2000]), Vitoria-Gasteiz (217.358 h [2000]) e Donostia-San Sebastián (180.277 h [2000]).
Historia
Os primeiros testemuños de ocupación humana localizados en Euskadi son unha serie de ferramentas talladas en pedra do Paleolítico Inferior e vinculadas a hábitats costeiros e fluviais. No Paleolítico Medio, a poboación, de cazadores-recolectores, preferiu habitar en covas, e deste período destaca o xacemento de Lezetxiki (Arrasate-Mondragón). No Paleolítico Superior produciuse unha serie de melloras nos utensilios de pedra e óso, que permitiron a caza de grandes animais (bisontes, cérvidos e cabalos), como os que aparecen representados nas pinturas rupestres de Santimamiñe (Gernika), Ekain (Zestoa) e Altxerri (Aia). A mellora das condicións climáticas permitiu no Epipaleolítico unha serie de cambios, como a difusión da pesca e o marisqueo. O desenvolvemento da agricultura e da gandería produciuse no Neolítico, cando comezaron a aparecer os primeiros poboados, entre eles Herriko Barra (Zarautz) e Marizulo (Urnieta). Desenvolveuse un novo tipo de enterramento en dolmens ou cámaras funerarias ao aire libre que continuaron a ser utilizados ata a o final da Idade do Bronce. A chegada da metalurxia produciuse cara o 1800 a C coa utilización de cobre. A economía continuou vinculada á gandería e á agricultura. As primeiras noticias escritas sobre os vascos proceden dos xeógrafos antigos, Estrabón, Plinio o Vello e Ptolomeo, que describen catro grupos étnicos neste territorio: autrigóns, caristios, bádulos e vascóns. As influencias dos pobos mediterráneos nas tribos vascas só se produciron despois do avance romano no val do Ebro e en Aquitania e a incorporación dos vascos ao mundo romano produciuse no s I a C. O país integrouse en distintas provincias: os territorios do N dos Pireneos, o Iparralde, pertenceron primeiro a Aquitania e despois a Novempopulania, mentres que Araba, Gipuzkoa, Bizkaia e Navarra pertencían á provincia Ulterior Tarraconense. A romanización foi desigual e centrouse sobre todo naquelas áreas estratéxicas desde un punto de vista económico, principalmente no val do Ebro. Producíronse os primeiros establecementos urbanos como Pompaelo (Pamplona), Lapurdum (Bayonne), Iruña (cerca de Vitoria) e Andelos (Mendigorria); creáronse unha serie de vías de comunicación que unían os portos coa Meseta; desenvolveuse a minería do ferro preto de Bilbao, da prata e do chumbo en Ardirruti e do mármore en Ereño; e a agricultura da vide e da oliveira no S do territorio. No s III introduciuse o cristianismo e, trala caída do Imperio Romano, enfrontáronse a vándalos, alanos, suevos, francos e visigodos. A presión dos visigodos ao S, que fundaran no 581 Victoriacum (Vitoria), e dos francos polo N, levou aos vascos a crear no s VII o ducado de Vasconia, que comprendía as terras situadas ao S do Garonne e ao N do Ebro. A invasión árabe e o avance franco cara ao S fixo desaparecer este ducado, que foi substituído en 1016 polo Reino de Navarra, que ao longo de toda a Idade Media foi perdendo territorios. En 1152 os territorios do Iparralde pasaron a depender de Aquitania; en 1179 o señorío de Bizkaia desvinculouse do Reino de Navarra e integrouse no Reino de Castela; no 1200 aconteceu o mesmo con Araba e Gipuzkoa, e en 1512 Castela anexionou Navarra. A partir do s XII apareceron as primeiras cidades a través da concesión de cartas de poboamento e foros como o de Vitoria-Gasteiz (1181), Donostia-San Sebastián (1150) e Bilbao (1300). O territorio organizouse seguindo un modelo xurídico propio no que as comunidades de carácter local se integraron en comunidades territoriais e corporacións de carácter económico baixo a xurisdición, dependendo de cada territorio, das Cortes de Navarra e das Juntas Generales de Bizkaia, Gipuzkoa e Araba. A agricultura e a gandería víronse complementadas polo desenvolvemento da pesca de altura, a minería, o artesanado e o comercio naval e terrestre. O cristianismo acadou unha maior difusión grazas aos mosteiros de Leyre e Iratxe, e ao crecemento das peregrinacións a Santiago de Compostela. Durante a Idade Moderna houbo un continuo desenvolvemento económico propiciado por unha serie de innovacións, como a introdución do millo, a descuberta e utilización de novos caladoiros pesqueiros e a introdución de novas técnicas na fundición do ferro. Os sectores máis desenvolvidos foron a construción naval, o armamento e o comercio, que se viu potenciado pola creación do Consulado de Bilbao (1511), o Consulado de San Sebastián (1682) e, posteriormente, a Real Compañía Guipuzcoana de Caracas (1728). Non obstante , o crecemento demográfico, o ascenso da burguesía comercial, xunto coa presión fiscal, os intentos da administración rexia de acabar co sistema foral e os intereses da nobreza en preservar as súas prerrogativas medievais, provocaron numerosos conflitos, como o do estanco do sal en Bizkaia (1631-1634). A crecente perda de poder por parte da nobreza foi en parte remediada coa emigración dos segundóns ás colonias americanas (entre outros, López de Aguirre e o navegante Juan Sebastián Elcano). A comezos do s XVIII, o apoio a Filipe V na Guerra de Sucesión, permitiulles aos territorios conservar os foros; sen embargo, a unificación do territorio obrigou en 1717 ao traslado das aduanas ás costas e aos Pireneos, e o establecemento dun novo réxime fiscal que provocou numerosas protestas como a de Vitoria (1738) e a matxinada de Gipuzkoa (1766). Durante estes séculos, produciuse tamén o desenvolvemento do ensino coa creación de universidades como a de Oñati (1540-s XIX) e Iratxe (1597-1824). A chegada do pensamento ilustrado a Euskadi propiciou a creación da Real Sociedad Bascongada de Amigos del País en 1765 que, integrada por eclesiásticos, nobres e grandes comerciantes, potenciou o desenvolvemento da agricultura, da siderurxia e do comercio. A invasión francesa a comezos do s XIX e a promulgación da Constitución de 1812 enfrontou a burguesía liberal, coa nobreza e a Igrexa, defensoras das estruturas forais tradicionais; sen embargo, a restauración do absolutismo na figura de Fernando VII supuxo a reintegración foral. Entre 1833 e 1839 a sociedade vasca volveuse enfrontar ao estalar a Primeira Guerra Carlista na que a nobreza e as grandes masas populares eran partidarias do pretendente Carlos María Isidro e a burguesía e comerciantes liberais, de Isabel II. Ata 1835 os carlistas obtiveron éxito nos enfrontamentos en Artazu, Gernika e Larrainzar. Non obstante , trala morte do xeneral Zumalacárregui, a guerra decantouse a prol dos isabelinos e concluíu co Convenio de Bergara (1838), no que se ratificaron os foros vascos. Trala derrota na Segunda Guerra Carlista (1846-1849) aprobouse a Lei abolitiva dos Foros (1876), na que se obrigaba aos vascos a prestar o servizo militar no exército español e ao pago das contribucións a través do concerto económico. Como consecuencia da desaparición dos foros xurdiu un movemento de carácter nacionalista que se concretou na fundación por parte de Sabino de Arana Goiri do Eusko Alderdi Jeltzalea-Partido Nacionalista Vasco (EAJ-PNV) en 1895. O s XIX foi o século do arranque industrial de Euskadi. A liberalización económica e o capital de emigrantes en América permitiu a creación en Santa Ana de Bolueta duns altos fornos (1849) e, pouco despois, dos altos fornos de Barakaldo (1854) e dos primeiros altos fornos con carbón de coque cerca das minas de ferro de Somorrostro (1865). En 1880 instaláronse os altos fornos de coque en Sestao, en 1890 xurdiu a sociedade Iberia para a produción de ferro branco e en 1892 a creación, por parte da Compañía Basconia, dunha industria procesadora de aceiro en Basauri. Creáronse o Banco de Bilbao (1857), o Banco Guipuzcoano (1899), o Banco de Vizcaya (1901) e o Banco del Comercio de Bilbao (1901), que investiron na industria. A siderurxia desenvolveuse coa aparición de Altos Hornos de Vizcaya, no que se integraron as empresas que xa existían anteriormente; a industria naval e de transporte marítimo coa creación da Compañía vasco-andaluza de J. M. Ybarra e da Compañía Sota y Azanar (1906); a industria hidroeléctrica, coa fundación de Hidroeléctrica Ibérica, da Compañía Sevillana de Electricidad e de Electra de Viesgo SA; e a industria química, coa creación en 1872 da Sociedad Anónima de la Dinamita. En Gipuzkoa desenvolveuse unha importante industria de maquinaria agrícola e industrial, de tecidos e papeleira. A industrialización significou a demanda dunha gran masa de obreiros, que se cubriu con traballadores procedentes doutras rexións peninsulares. Os comezos do s XX caracterizáronse polo auxe do EAJ-PNV, que nas eleccións de 1918 acadou sete deputados en Cortes e nas de 1933 doce. Trala proclamación da República elaborouse un proxecto de estatuto de autonomía, sometido a referendo en 1933 e aprobado definitivamente en outubro de 1936. O primeiro goberno vasco estivo presidido polo líder do EAJ-PNV, José Antonio de Aguirre. Na conxuntura bélica, o goberno vasco asumiu todos os poderes e controlou a dirección da guerra nos seus territorios; sen embargo, a burguesía financeira apoiou os sublevados, mentres que os obreiros e os nacionalistas se puxeron do lado da República. Os sublevados ocuparon rapidamente Araba e case toda Gipuzkoa e despois cercaron a zona industrial bilbaína. Tralos bombardeos de abril de 1937 de Durango e Gernika, caeu Bilbao e o goberno vasco marchou ao exilio. O novo réxime político suprimiu os concertos económicos, prohibiu calquera actividade política e sindical e perseguiu as actividades dos nacionalistas, aínda que potenciou a industrialización da área de Bilbao e fomentou a participación da oligarquía financeira vasca na vida económica do Estado español. Nas décadas dos cincuenta e sesenta comezaron unha serie de pequenas reformas que permitiron a creación da primeira ikastola (1957), unha serie de campañas de alfabetización en éuscaro (1965-1977) e a revitalización do movemento obreiro coa aparición de Comisións Obreiras. De xeito clandestino, produciuse a fundación de Ekin, organización universitaria nacionalista, e de ETA en 1959. As accións terroristas de ETA, iniciadas en 1968 co asasinato dun garda civil de tráfico, incrementáronse entre ese ano e 1970, data na que se celebrou o proceso de Burgos, polo que foron condenados a morte 6 membros da organización terrorista. Trala recuperación da democracia reorganizáronse os partidos políticos de ámbito nacional como PSOE e PCE, entre outros, e os de ámbito vasco, EAJ-PNV. Ademais, produciuse a ruptura entre ETA e a esquerda abertzale, que fundou en 1976 Euskadiko Ezquerra (EE). Fronte a esta escisión, ETA artellou un movemento político paralelo, ao redor de Herri Batasuna (HB), fundado en abril de 1978. Elaborouse un estatuto de autonomía que foi aprobado en outubro de 1979 e que permitiu a recuperación de institucións históricas como as deputacións forais e as Juntas Generales, e da figura do lehendakari ou xefe do goberno autónomo, que recaeu en Carlos Garaikoetxea. O EAJ-PNV revalidou o seu triunfo electoral en 1984, pero as diferencias co seu partido sobre a articulación da comunidade provocaron a dimisión de Garaikoetxea en 1985, que foi substituído por José Antonio Ardanza, que ocupou o cargo ata 1998. Fronte á continuidade da actividade de ETA, déronse varias propostas de paz como o Pacto de Ajuria Enea (1988). Trala tregua da banda terrorista, a Declaración de Lizarra (12.9.1998), asinada por EAJ-PNV, Izquierda Unida-Esquer Batua, Eusko Alkartasuna (EA, escisión do PNV fundada por Garaikoetxea) e HB (brazo político de ETA), provocou o rexeitamento dos dous partidos maioritarios no ámbito nacional, PSOE e PP. Nas eleccións autonómicas de 1998, o EAJ-PNV gañou as eleccións e Juan José Ibarretxe foi nomeado lehendakari co apoio de Euskal Herritarrok (EH, nova denominación de Herri Batasuna) e de EA. Nas eleccións autonómicas do 2001, ás que o EAJ-PNV concorreu en coalición con EA, Ibarretxe volveu ser reelixido co apoio de Batasuna, novo nome da formación proetarra. Na última década do s XX a intensificación da violencia etarra dirixiuse especialmente cara aos representantes dos partidos estatais nos municipios vascos e navarros. En agosto de 2002, o goberno e o Congreso de los Diputados emprenderon senllas iniciativas para promover a ilegalización de Batasuna-EH-HB. Paralelamente, a Audiencia Nacional ditaminou o 26 de agosto de 2002 o cesamento das actividades de Batasuna por un período de tres anos.
Arte
As mostras do patrimonio cultural de Euskadi remóntanse ao Madalenense, do que se conservan cornamentas decoradas e pinturas rupestres de bisontes, cabalos e cérvidos nas covas de Santimamiñe (Gernika), Ekain (Zestoa) e Arenaza, entre outras. De finais do Neolítico e ata a Idade do Ferro consérvanse dolmens como os de Sorginetxe (Arrizala) e Aizkomendi (Egilaz); círculos líticos como os de Oianleku (Oiartzun) e Ainona (Arano), e castros como o de Eskoriatza e o de La Hoya (Biasteri-Laguardia). Da romanización destacan os restos do poboado de Iruña de Oca, as minas de Arditurri e Zubelzu, as necrópoles de Santa Elena e o Juncal, e o asentamento de Forua. Durante a Alta Idade Media construíronse en Araba unha serie de covas artificiais utilizadas por ermitáns e monxes, entre as que destacan a ermida da Virgen de la Peña de Faido (Urizaharra), declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1984, e as covas de Kruzia e San Miguel. A arte románica ten as súas manifestacións máis importantes nos capiteis do cruceiro e nas tallas do santuario de Estibaliz, a ábsida da basílica de San Prudencio (Armentia), BIC dende 1931, a portada da ermida do Santísimo Cristo de Anda Mari (Galdakao) e as tallas da igrexa de Nuestra Señora del Juncal (Irun), declarada BIC en 1973. Do gótico (a partir do s XIII), destacan as catedrais de Santa María de Gasteiz e a de Santiago en Bilbao, declaradas BIC en 1931; e as igrexas de San Pedro en Gasteiz, BIC dende 1931, San Juan Bautista en Biasteri-Laguardia, BIC dende 1984, San Severino en Balmaseda, BIC dende 1984, Santa María en Lekeito, San Salvador en Getaria, BIC dende 1895, e a do mosteiro de Bidaurreta. A influencia da arte flamenga apréciase no retablo de San Pedro de Orduña e no tríptico da capela de San Bernabé en Zarautz. A partir do s XVI desenvolveuse a arte plateresca, representada polo edificio da antiga universidade do Sancti Spiritus de Oñati, que tamén conserva os únicos artesoados mudéxares de Euskadi, pola igrexa de San Anton de Bilbao, BIC dende 1984, e polos palacios do Escoriaza-Esquivel en Gasteiz. Do bárroco destacan a basílica de San Ignacio de Loiola (Azpeitia) e as casas consistoriais, algunhas delas influenciadas polo rococó francés como a de Arrasate-Mondragón (1766), Bastida, Elgoibar e Otxandio (1742). No s XIX desenvolvéronse varios estilos, entre os que destacan o neoclasicismo do Palacio-Casa del Santo en Armentia, a Plaza Nueva de Gasteiz, BIC dende 1984, a casa de Juntas de Gernika, BIC dende 1984, e o cemiterio de Markina, BIC dende 1984; o romanticismo do palacio de Miramar (Donostia), BIC dende 1974, e a igrexa do Carmen en Neguri (Getxo); e o modernismo do palacio de Chávarri (Bilbao). Durante o s XX desenvolveuse o neovasco, un estilo propio dirixido a recuperar o espírito das construcións tradicionais, entre outros, o da estación de ferrocarril de Atxuri, obra de Manuel María Smith Ibarra e o do palacio de Ibaigane de Bilbao. O racionalismo da década dos vinte reflectiuse, entre outros, no edificio do Real Club Naútico de Donostia (1929) e no edificio Aurora de Bilbao (1935). Nos anos cincuenta construíuse a moderna basílica de Arantzazu e nos sesenta, a praza da Trinidad en Donostia e a igrexa de San Francisco en Vitoria-Gasteiz. Entre as construcións máis recentes destacan o Guggenheim Bilbao Museoa, obra de Frank O. Gehry, o Kursaal en Donostia, auditorio e palacio de congresos realizado por Rafael Moneo, o Palacio de Congresos Europa en Vitoria-Gasteiz, obra de Rafael González e Pedro Lorenzo, e o Artium, novo museo de Vitoria-Gasteiz. Entre as institucións culturais destacan o Guggenheim Bilbao Museoa; o Bilboko Arte Eder Museoa (Museo de Belas Artes de Bilbao); Artium Arte Garaikideko Euskal Zentro-Museoa (Centro-Museo Vasco de Arte Contemporánea); o museo San Telmo Museoa de Donostia, e o Aquarium de Donostia.