Everest
Monte da cordilleira do Himalaia que constitúe o cumio máis elevado da Terra, con 8.848 m de altitude. En 1847, o enxeñeiro británico George Everest observou a montaña e estimou a súa altitude en 9.000 m, pero non puido elaborar os cálculos precisos para determinar a súa altitude exacta. O seu substituto, Andrew Waugh completou as correccións e ditaminou a súa altitude en 8.840 m, o que acreditou a súa condición de teito do planeta. Waugh propuxo que o cumio recibise o nome do seu predecesor e a Royal Geographical Society aceptouno en 1865. A primeira ascensión ao Everest puido ser a do británico George Mallory en 1924, pero o alpinista e o seu acompañante desapareceron, polo que non se pode asegurar que chegaran ao cume. Os primeiros en coroar con éxito a expedición foron o neocelandés Edmund Hillary e o sherpa Tenzing Norgay, en 1953. O primeiro alpinista galego en chegar ao cumio do Everest foi o porriñés Xesús Martínez Novas, que o acadou en 1996. A viguesa Chus Lago, que o intentara sen éxito en 1992 e 1998, conseguiuno finalmente en 1999, e converteuse na segunda muller da historia en lograr acceder ao cume sen empregar osíxeno complementario.