Excalibur

Excalibur
[LIT]

Espada do Rei Artur que, segundo a Historia Regum Britanniae de Geoffrey de Monmouth, fora forxada na illa de Avalón. A súa natureza sobrenatural (fora fabricada nun lugar feérico) foi recollida nos textos artúricos posteriores; así, o ciclo en prosa da Post-Vulgata (1220-1240), explica que a espada ía acompañada dunha vaíña que protexía da morte o seu dono; deste xeito, asóciase a outras armas sobrenaturais, vinculadas ao elemento acuático. Como corresponde á simboloxía das espadas, vincúlase tamén á enerxía viril e vital do seu posuidor, Artur, de xeito que a arma está presente no momento da súa ascensión ao trono e na súa morte. O Merlin en prosa atribuído a Robert de Boron (1200?) conta como Artur -daquela un rapaz de pai descoñecido, que servía como escudeiro ás ordes dun cabaleiro- arrincou a arma dunha zafra que, marabillosamente, aparecera no medio da praza de Carlion o día de Nadal. Os nobres consideraron tal prodixio como un sinal do ceo e proclamárono rei. Malia a fortuna que na literatura posterior tivo este episodio, o motivo da espada cravada na rocha apartábase das orixes míticas da arma, que, sen embargo, conservaron e desenvolveron outras obras da materia bretona. Así, nos textos cíclicos franceses do s XIII -especialmente nos ciclos da Vulgata (1215-1230) e da Post-Vulgata-, cóntase cómo a espada lle foi dada a Artur por unha fada que vivía nun lago e cómo o rei, a piques de morrer, ordenoulle a un dos seus cabaleiros, que a guindase no medio dun lago, do que emerxeu unha man para recollela e levala ao fondo das augas. Mentres que Monmouth lle dera o nome de Caliburnus, na literatura galesa recibe o nome de Caledfwch (‘corta con dureza’), emparentado co irlandés Caladoog e, posiblemente, con Gae Bolg, nome da lanza de Cuchulainn, o heroe mítico protagonista dos relatos do Ciclo do Ulster. Finalmente, unha das obras do ciclo da Vulgata, a Suite-Merlin, ofrece unha etimoloxía fantástica, xa que a fai derivar dun suposto termo hebreo que significaría ‘corta ferro, aceiro e madeira’.

Palabras veciñas

exasperación | exasperante | exasperar | Excalibur | Excalibur | excarceración | excarcerar