excretor -ra
(< excretar)
-
adx
Relativo ou pertencente á excreción.
-
-
adx
Que serve para excretar.
-
aparato excretor
[FISIOL]
Conxunto de órganos encargados de extraer do corpo dos animais os produtos finais do catabolismo celular. Nos organismos dunha soa célula, como os protozoos, a excreción realízase mediante vacúolos pulsativos e por difusión dende a superficie celular. Nos esponxiarios e celentéreos, os produtos do catabolismo son lanzados ao exterior por cada unha das células do organismo. Nos outros grupos, os diferentes tipos de riles derivan dunha estrutura primitiva chamada arquinefrón, que consiste en dous condutos que se estenden ao longo do celoma. Estes celomodutos reciben un conxunto de túbulos renais ou de Malpighi, chamados nefróns ou nefridios, que están colocados metamericamente e que son os encargados de filtrar o sangue e producir os ouriños; este tipo de aparato primitivo está presente en anélidos e artrópodos. Nos agnatos, nos peixes e nos anfibios adultos, a parte anterior e o arquinefrón desaparecen e dá lugar a un ril que é un opistonefrón por concentración de diversos túbulos renais e nos machos deixa a parte anterior dos condutos primitivos ao aparato reprodutor. Nos réptiles, aves e mamíferos, o ril dos adultos é un metanefrón, aínda máis posterior e con moitos nefridios concentrados. O primitivo conduto do arquinefrón ou conduto de Wolf permanece, nestes grupos, só como un conduto sexual, mentres que se orixinan os novos condutos excretores, ou uréteres, que desembocan na cloaca, excepto nos peixes teleósteos, nos que van directamente ao exterior, e nos mamíferos, nos que desembocan na vexiga urinaria e, dende esta, a través da uretra, ao exterior.
-
adx