exemplum*

exemplum*
s m

Termo da retórica clásica, pertencente aos campos do ornatus e dos argumenta, aínda que co tempo tamén se vincularía á predicación medieval. As primeiras manifestacións remóntanse ás escolas de retórica da Antigüidade greco-latina. A colección Factorum ac ditorum memorabilium libri IX (Nove libros de feitos e ditos memorables), de Valerio Máximo (s I), xurdiu como práctica ilustrativa para traballar nas escolas. Orixinariamente, utilizouse na argumentatio retórica para fundamentar teses e convicións. Estas “probas retóricas” dividíanse en probas extratécnicas (leis ou testemuños, anteriores á causa mesma e alleos á habilidade do orador) e intratécnicas, dependentes da capacidade retórica do orador e pertencentes aos ámbitos do simili, o argumentum e a sententia. O exemplum definíase como rei gestae aut ut gestae utilis ad persuadendum id quod intenderis commemoratio. Polo tanto, tiña unha fonte material, unha función de utilitas e unha forma literaria (commemoratio); tratábase, pois, dun feito ou dito pertencente ao pasado que era citado por alguén ilustre para conferirlle autoridade e que se empregaba con fins persuasivos. Dentro da esfera da elocutio, constituía unha figura estilística de comparación. A dispositio empregaríao na parte da argumentatio como elemento comparativo proveniente dunha fonte que estaba fóra da causa. Respecto á utilitas, o exemplum contribuía á persuasión do oínte mediante a achega de casos dados por verdadeiros que presentaban certa semellanza coa causa (para pór en relación a causa co exemplum precisábase dun método lóxico, a indutio). No s XIII este concepto experimentou unha evolución e pasou a significar un feito ou dito digno de imitación en si mesmo. Na evolución do exemplum clásico ao medieval son fundamentais as premisas das que partira Valerio Máximo: a simplicidade formal e o carácter paradigmático. Na Idade Media adquiriu características de seu e acadou o seu maior desenvolvemento; refiríase tanto a unha figura retórica coma a un tipo particular de relato con carácter exemplarizante con función didáctico-moral. Daquela comezou a ser usado profusamente polos cregos, que o inseriron no sermón co fin de divulgar a súa mensaxe moral (son os exempla homiléticos), de xeito que se converteu en elemento esencial na predicación dirixida aos laicos e acadou unha gran difusión no drama relixioso, por motivos pedagóxicos e morais. Na literatura profana, procurou fundamentalmente un coñecemento moral do mundo. No s XIII produciuse unha grande eclosión deste xénero en Occidente (en Francia e S de Inglaterra primeiro; despois en Catalunya, Castela e Italia). Ata o s XIV recompiláronse en exemplarios (os primeiros datan de 1250). As primeiras coleccións estaban escritas en latín, aínda que máis tarde se redactaron en linguas vulgares. Adoitaban ser anónimos e os materiais repetíanse con frecuencia, dado que a idea de orixinalidade, de plaxio ou de autoridade non existía daquela. Unha das coleccións máis famosas foi a de Jacques de Vitry. Os exemplarios dos ss XIV e XV en España -como o Libro de los gatos ou El espéculo de los legos- xa presentaban unha finalidade máis ampla: proporcionar unha lectura no só gratificante, senón tamén edificante. Á tradición clásica e cristiá hai que sumar as achegas procedentes da cultura oriental que engadiron novas historias. Esta corrente foi inaugurada pola Disciplina clericalis (cara ao 1110), de Petrus Alfonsi, baseada na narrativa oriental, obra á que seguirían o Sendebar, Barlaam e Josafat, o Libre de meravelles (1288-1289), de Ramón Llull, e outras coleccións, que proporcionarían un marco narrativo que acabaría por desprazar o do sermón. Posteriormente, evolucionou e xurdiu un novo tipo de coleccións, de carácter literario, que desembocou en obras como o Conde Lucanor (1335), de don Juan Manuel -ó final de cada conto resume a ensinanza moral nuns breves versos-, co que se produciu o proceso de “desacralización” dos exempla ao utilizar moitas veces as vellas anécdotas para defender unha sociedade estamental en crise; o Decameron (1348-1350), de Giovanni Boccacio; ou as Novelas ejemplares (1613), de Miguel de Cervantes. O exemplum é, por conseguinte, unha forma narrativa breve, presentada como verídica e aleccionadora, que se insire dentro dun discurso como elemento retórico fundamental. Finalmente, deu paso á novella, entendida esta como ‘narración breve’.

Palabras veciñas

exemplificar | exemplificativo -va | exemplo | exemplum* | exención | exento -ta | Exeo