exercicio

exercicio

(< lat exercitĭu)

  1. s m

    Acción de exercer.

  2. s m
    1. Traballo ou práctica que ten por obxectivo a adquisición, o desenvolvemento ou a conservación dunha determinada facultade ou actitude.

      Ex: Realizou uns exercicios de estiramento antes de se pór a xogar.

    2. Cada unha das probas que se fan en certos exames.

      Ex: O primeiro exercicio da oposición consistía nun suposto práctico.

    3. Traballo intelectual que serve de práctica das regras ou dos coñecementos dados nunha lección ou nunha clase.

      Ex: De cada lección realizaban exercicios teóricos e prácticos.

  3. s m

    Conxunto organizado de movementos corporais racionalmente concibidos e dispostos para conseguir un desenvolvemento muscular ou un bo estado físico.

    Ex: Todas as mañás fai media hora de exercicio.

  4. s m [ECON]
    1. Período legal dun presuposto de ingresos e gastos.

    2. Período de tempo, que xeralmente coincide cun ano natural, en que se fracciona a actividade económica dunha empresa coa intención de valorala a efectos económicos e contables e de medir os resultados.

  5. exercicios espirituais [RELIX]

    Conxunto de actividades relixiosas encamiñadas a obter unha mellora espiritual. O nome procede do libro de santo Ignacio de Loiola, Ejercicios Espirituales (1548). A sexta Congregación Xeral da Compañía de Xesús (1608) fíxoos obrigatorios para todos os xesuítas. Os exercicios ignacianos prolónganse durante un mes.

Frases feitas

  • En exercicio loc adx Que exerce.

Palabras veciñas

exequial | exequias | exercer | exercicio | exercitación | exercitante | exercitar