exilio

exilio

(

  1. s m [HIST/POLÍT]

    Afastamento, voluntario ou forzoso, do territorio dun Estado por motivos políticos ou relixiosos. Practicado desde a Antigüidade, tivo un carácter punitivo en moitas sociedades ata que se xeneralizou desde mediados do s XIX a doutrina legal que uniu de forma indisoluble a cidadán e Estado. Os primeiros exilios dos que hai noticias son os bíblicos. Na antiga Grecia constituíu a pena por homicidio e en Roma foi a pena que podía escoller un cidadán condenado a morte. Na Idade Media foi unha práctica corrente e durante os conflitos relixiosos europeos da Idade Moderna foi bastante común o desprazamento de importantes masas humanas, como a dos puritanos ingleses, que se instalaron en parte en América do N, e os hugonotes, que abandonaron Francia cando se revogou o Edito de Nantes (1685) e se estableceron en terras de Prusia. Desde comezos do s XVIII o Reino Unido tamén o aplicou como medida de castigo ao enviar a determinados tipos de criminais ás colonias americanas e australianas. Herdeiro deste tipo de exilio, foi o exilio interior ou desterro dentro das fronteiras do propio Estado que practicou a URSS como medio de control dos seus disidentes. Non obstante , desde finais do s XVIII desenvolveuse un novo tipo que xunto cos motivos políticos tiña risco para a integridade física dos exiliados e das súas familias. Ademais, o establecemento destas persoas en países de acollida caracterizouse pola configuración dunha especie de parcela da súa terra no estranxeiro e o retorno ao seu país de orixe unha vez pasada a situación que os fixo saír. Así, tralo triunfo da Revolución Francesa, a maior parte da nobreza gala abandonou o país e refuxiouse noutros países europeos á espera da volta do Antigo Réxime, de tal xeito que unha vez que Napoleón acadou o poder e se produciu a Restauración, a nobreza exiliada retornou a Francia. Trala Revolución Rusa de 1917 produciuse unha situación similar, primeiro coa nobreza e despois con todas aquelas persoas contrarias a algún dos aspectos ou líderes do proceso revolucionario, de tal xeito que entre 1917 e 1922 saíron da URSS 1.100.000 persoas. Durante e despois da Segunda Guerra Mundial produciuse un movemento de exiliados cara aos países non belixerantes, inusitado ata entón, ao confluír os fuxidos da Alemaña nazi por motivos políticos e relixiosos e os fuxidos dos países do leste por ser críticos cos réximes comunistas establecidos neles. Entre 1933 e 1939 saíron de Alemaña e Austria unhas 450.000 persoas. A separación da India e de Paquistán provocou o exilio por motivos relixiosos de 5.500.000 persoas de Paquistán cara á India e duns 6.500.000 exiliados de relixión musulmá da India cara a Paquistán. Desde a década dos sesenta orixinouse desde Sudamérica un proceso similar con destino a Europa, ao instaurarse neses países ditaduras militares. En España, os primeiros exiliados foron os liberais de principios do s XIX que fuxiron a Francia e ao Reino Unido trala restauración da monarquía na figura de Fernando VII. Tamén houbo exiliados entre os carlistas en 1839 e 1876, os progresistas en 1866, os partidarios da Primera República e os contrarios á ditadura de M. Primo de Rivera. A Guerra Civil provocou o exilio dos republicanos que mantiveron o goberno da Segunda Repúlica desde o fin da guerra ata a chegada da democracia. Entre 1936 e 1939 saíron de España aproximadamente entre 500.000 e 600.000 exiliados republicanos. En Galicia, trala Guerra Civil, os exiliados, ou ben fuxiron a América a través de Portugal, ou ben a Francia. Foi en Sudamérica, sobre todo en Montevideo, Bos Aires e México, onde os exiliados republicanos galegos realizaron continuos intentos de aglutinar a colectividade galega. Así, o 15 de novembro de 1944 creouse en Montevideo o Consello de Galiza, liderado por Castelao, que buscaba a unión dos republicanos galegos nunha hipotética restauración da República en España, non só para recuperar o Estatuto, senón para conseguir a proclamación dun réxime republicano federalista. Ademais, no exilio galego desenvolveuse un importante labor cultural destinado a manter a memoria da cultura e da lingua galegas.

  2. s m

    Lugar onde vive a persona exiliada.

  3. s m

    Condición de exiliado. OBS: A grafía <x> representa o son [ks].

Palabras veciñas

exiliado -da | exiliar | exiliarca | exilio | eximente | eximio -mia | eximir