exiptoloxía
(< topónimo Exipto + -loxía)
Ciencia que estudia o Antigo Exipto. Ten como obxectivo o descubrimento dos materiais desta civilización e o seu estudo e publicación (arqueoloxía); a análise, edición e tradución dos textos (filoloxía); a síntese histórica dos coñecementos obtidos (historia) e a conservación dos materiais, in situ ou en establecementos adecuados (museoloxía). Naceu a finais do s XVIII e contou dende os seus inicios coa dificultade de penetrar no val do Nilo, protexido polos musulmáns, e co descoñecemento da escritura exipcia. A expedición de Napoleón de 1798 abriu o camiño ás investigacións e permitiu a creación de coleccións nos museos europeos. Os estudiosos que acompañaron a Napoleón recolleron as súas investigacións en La description de l’Égypte. Pódense establecer distintas etapas no estudo do mundo exipcio; a primeira estendeuse entre 1822 e 1858. Un dos primeiros estudiosos do mundo exipcio foi John Gardner Wilkinson (1797-1875), quen comezou en 1821 as escavacións de Tebas e escribiu Manners and Customs of Ancient Égyptians. Foi un dos poucos que puido escavar no solo exipcio, víctima dos expoliadores (Drovetti, Lebolo e Rifaud) e dunha xeración de coleccionistas (Abbot, Bankes, Salte e Sallier). Jean-François Champollion (1790-1832) publicou en 1824 Précis du système hiéroglyphique des anciens égyptiens, figuratif, idéographique et alphabétique (1824), que permitiu descifrar a escritura exipcia antiga a partir da pedra Rosetta. En Francia cómpre destacar os estudios de Achille Prisse d’Avennes (1807-1879), autor de Les monuments égyptiens (1874-1876) e de Histoire de l’art égyptien (1878); no Reino Unido, a Samuel Birch (1813-1885); e en Alemaña, a Karl Richard Lepsius (1810-1884) quen, trala súa expedición a Exipto (1842-1845), publicou Denkmäler aus Aegypten und Aethiopien (Monumentos de Exipto e de Nubia, 1859). Na etapa seguinte (1858-1892), o número de escavacións continuou a ser escaso malia a creación da Direction des Fouilles, por parte de Auguste Mariette (1821-1881), que deu lugar ao Servicie de Antiquites de l’Égypte. Na filoloxía destacaron De Rougé e H. F. K. Brugsch (Grammaire démotique, 1855; Ditionnaire hiéroglyphique et démotique, 1867-1882); e os editores de textos Goodwin, Chabas e Duemichen. A partir de 1892, a exiptoloxía profesionalizouse: a escola de Berlín estableceu a filoloxía exipcia sobre unhas bases definitivas (Erman); e na arqueoloxía, W. M. F. Petrie (1853-1942) estableceu as bases da datación que permitiu coñecer a historia exipcia e foi o primeiro en ocupar a cátedra de Exiptoloxía no University College de Londres (1893). O Servicie de Antiquites de l’Égypte limitou as escavacións e cara a 1900 os coleccionistas déronlles o paso aos mecenas (1900-1927) que as subvencionaron (G. E. Carnarvon Mond, Davis, Hearst). O período comprendido entre 1892 e 1927 foi un dos máis frutíferos, tanto nos estudios filolóxicos, entre os que destacan Griffith, Sethe e Breasted, coma nos arqueolóxicos, coas achegas de G. Maspero, Junker, H. Carter, Reisner e Naville. Os estudios filolóxicos tiveron un amplo desenvolvemento entre 1927 e 1955. Na epigrafía destacaron Blackmen e Davies; na edición de textos, especialmente os ramésidas, sobresaíron Cerny e Gardiner; e na filoloxía pura, Lefèbvre, Grapow, Cerny, Gunn e Gardiner. A arqueoloxía tivo neste período un menor desenvolvemento, cómpre destacar a Bisson de la Roque e Emery. A partir de 1955 elaboráronse as grandes sínteses históricas, entre as que destacan as de Hayes e as de von Beckerath. Na filoloxía cómpre destacar a publicación das gramáticas de Edel (exipcio antigo) e Groll (neoexipcio) coas edicións de textos de James, Caminos e Helck, e as traducións de Faulkner, Simpson, Wente e Schenkel. Trátase dunha ciencia cultivada maioritariamente por británicos, alemáns, franceses e estadounidenses; en moitos destes países existen cátedras de Exiptoloxía, institutos (Oriental Institute de Chicago), misións arqueolóxicas estables (Instituto Francés do Cairo) e bibliotecas (Griffith Institute de Oxford). O número de publicacións é moi numeroso. Cómpre destacar a colección Urkunden des ägyptischen Altertums e a publicación da revista The Journal of Egyptian Archaelogy.