explotación
(< explotar)
-
s
f
Acción de explotar.
-
s
f
[ECON]
Conxunto de instalacións e actividades aplicadas ao funcionamento dunha empresa agrícola ou, por extensión, industrial, ao longo de todo o proceso de produción e comercialización. Segundo o destino dos produtos obtidos, pode ser autárquica, se producen exclusivamente para consumo dos propietarios e dos traballadores dunha maneira directa, ou comercial, se se destina ao mercado e á obtención de beneficios. Segundo o vínculo dos traballadores á explotación e, concretamente ás terras, a explotación pode ser directa ou indirecta. Na directa, o traballador tamén é propietario das terras e, por tanto, da explotación. Cando o propietario e o traballo dunha explotación recaen en persoas diferentes, son indirectas, e nestes casos os traballadores vincúlanse ás terras en virtude duns determinados contratos, entre outros, arrendamentos e parcerías. Pode ter un carácter colectivo, en ocasións co Estado como propietario, como no caso do sovkhoz soviético, ou carácter cooperativo, como no caso do kolkhoz da URSS e os kibbuts de Israel.
-
explotación infantil
Utilización de nenos para actividades laborais. A Organización Internacional do Traballo (OIT) adoptou en xuño de 1999 un convenio que prohibiu a escravitude infantil, a explotación sexual e o traballo perigoso, incluído o recrutamento forzoso de nenos para utilizalos en conflitos armados, aplicado aos menores de 18 anos. O convenio esixiu aos países membros a aplicación de medidas eficaces e de sancións penais para aqueles que o incumpriran. Segundo estimacións da OIT, só nos países en desenvolvemento traballan uns 250 millóns de nenos, dos que a metade están a xornada completa e o resto compaxina traballo e escolaridade. Os primeiros intentos de frear a explotación infantil proceden dos reformistas de principios do s XIX, que pretendían paliar os abusos aos nenos no traballo industrial, establecendo normas que limitasen a idade laboral e os horarios. A primeira lei relevante neste sentido ditouse en 1878; establecía a idade mínima para traballar aos 10 anos e limitaba a 12 horas a xornada laboral para os adolescentes, e media xornada para os nenos entre 10 e 14 anos. A implantación da Revolución Industrial e a mundialización da economía estenderon e xeneralizaron os abusos, de forma máis acusada nos países de América Latina, Asia e África, e nas bolsas de pobreza de Europa e dos EE UU. Numerosos estudios realizados en 1979, ano internacional do neno, amosaron que había máis de 50 millóns de nenos menores de 15 anos que desempeñaban traballos en condicións infrahumanas, que lles ocasionaban graves consecuencias para a súa saúde, as súas facultades físicas e os seus niveis de alfabetización.
-
teoría da explotación
[ECON]
Análise do proceso no que a clase dominante se apropia, en cada etapa histórica, da diferenza que existe entre o valor dos bens no mercado e o valor medido polo traballo incorporado na súa produción. A existencia desta diferencia entre os valores mencionados é a base para a obtención dun excedente; a achega de K. Marx foi a demostración do feito de que este excedente non se distribúe entre a forza de traballo que a xera. No sistema capitalista recibe a denominación de plusvalía.