Eustaquio, santo
(Roma s II) Mártir cristián. Nun principio foi un xeneral romano, baixo Vespasiano e Tito, que loitou activamente contra os xudeus. Afeccionado á caza, conta a lenda que un día, perseguindo un cervo, viu que o animal lucía unha cruz entre a corna, e unha voz sobrenatural incitouno á conversión, polo que decidiu bautizarse xunto coa súa familia. De contado sucedéronlle unha serie de desgracias, quedou sen facenda e tivo que emigrar. Cando o Imperio entrou en crise, o Emperador Adriano fíxoo volver e seica obtivo grandes vitorias militares; pero, por terse negado a facer sacrificios ante os deuses, condenouno ao martirio. Comparte en Galicia o padroado dos cazadores con san Humberto e san Xián. Na iconografía viste a clámide dos militares romanos e leva como atributos persoais, un cervo cunha cruz entre a corna -ou só a cabeza ou a cornamenta do cervo-, amais dunha espada ou outros instrumentos de caza. A súa festividade celebrábase o 20 de setembro pero a reforma litúrxica posterior ao Concilio Vaticano II eliminouno do calendario litúrxico universal.