fauvismo
(< fr fauve)
Movemento artístico de vangarda que se desenvolveu entre 1905 e 1908 en París, aínda que os seus membros mostraron características fauvistas en anos anteriores. O termo deriva da frase “Donatello au milieu des fauves!” (Donatello no medio das feras!) que o crítico Louis Vauxcelles exclamou ante as obras expostas no Salon d’Automne de 1905 pertencentes, entre outros, a H. Matisse, A. Derain e M. Vlaminck. Os propios pintores non aceptaron esta denominación xa que non se caracterizaban por ter unha doutrina pitórica, senón por ter un modo de expresión que manifestaban en toda a estrutura do cadro e, segundo as técnicas de aplicación da cor e das tintas planas, mediante o trazo do debuxo e das cores arbitrarias a partir da realidade. Definiuse como unha reacción á análise impresionista da cor e da luz, aínda que tamén participou dunha mesma sensibilidade pola paisaxe. As súas orixes están no impresionismo, no postimpresionismo, no grupo dos Nabis e na obra de P. Cézanne, V. van Gogh e P. Gauguin. As primeiras experiencias fauvistas proceden de Matisse, que experimentou co contraste de cores fortes cara ao 1898 e que no verán de 1904 contactou en Saint Tropez con P. Signac e cos pintores que aplicaban pequenas manchas de cor pura para conseguir unha imaxe máis científica. En 1905 Matisse e Derain comezaron a pintar en Collioure con cores complementarias puras e pinceladas vigorosas. Os seus representantes poden agruparse en tres grupos atendendo á súa procedencia: os alumnos de G. Moreau na École des Beaux Arts, Matisse, A. Marquet, G. Roualt e H. Manguin; os procedentes de Chatou, A. Derain e M. Vlaminck; e os orixinarios de Le Havre, G. Braque, O. Friesz e R. Dufy. A eles cómpre engadir o holandés K. van Dongen. A obra de todos eles transcorreu por distintos camiños e dende 1908 moitos deles decantáronse polo cubismo, aínda que Matisse e Dufy se mantiveron máis fieis ás súas concepcións.