Federación Galega de Municipios e Provincias

Federación Galega de Municipios e Provincias
Nome científico: [FEGAMP]

Asociación das corporacións locais galegas (todos os concellos e as deputacións provinciais) fundada o 7 de outubro de 1988. Os seus obxectivos son: o fomento e a defensa da autonomía das entidades locais; a representación e defensa dos intereses xerais das entidades locais ante outras Administracións públicas e, especialmente, a reivindicación das súas competencias; a promoción e o desenvolvemento da cultura e da lingua galega no ámbito local; o fomento da participación cidadá na vida local; o desenvolvemento e consolidación do europeísmo no ámbito local, baseado na autonomía e solidariedade entre as entidades locais; e a prestación de toda clase de servicios ás entidades locais. Na súa asemblea constituínte, celebrada o 7 de abril de 1989, ratificouse como presidente a José Castro Álvarez, alcalde de Ponteareas, que en 1992 foi substituído por Xosé Luis Torres Colomer, alcalde de Ribeira. En 1995 accedeu á presidencia o alcalde de Quiroga, Xulio Álvarez Núñez, ao que sucedeu, en 1999, o alcalde de Ourense, Manuel Jaime Cabezas Enríquez.