Fedra
Heroína grega, filla do Rei Minos e Pasífae, irmá de Ariadna. Seu irmán Deucalión, rei de Creta, deulla en matrimonio a Teseo, rei de Atenas, co fin de solucionar as diferencias entre ambos os dous reinos, aínda que Teseo xa estaba casado coa amazona Antíope (Melanipa ou Hipólita). Con el tivo dous fillos, Acamante e Demofonte; pero non tardou en namorarse profundamente de Hipólito, o outro fillo que Teseo tivera coa súa primeira esposa. O fermoso e casto mozo rexeitouna, pero ela temendo que a delatase e perder a súa honra, acusouno de tentala violar. Teseo, sen indagar a veracidade da acusación, pediulle a seu pai Posidón que lle dera morte a Hipólito; así, morre arrastrado polos seus cabalos. Finalmente, Fedra, arrepentida e avergoñada, esgánase. O mito de Fedra inspirou traxedias de Sófocles e Eurípides; este último escribiu dúas versións, da que se conserva unha e é a fonte máis coñecida para o mito, Hipólito (428 a C). Neste drama a heroína aparece como unha muller sensible, que se quita a vida antes de que Hipólito morra e deixa unha carta explicativa que evidencia supostamente a culpa do mozo; este recibe o seu castigo e morre perdoando a seu pai, quen ao final descobre a verdade. A recreación dramática de Séneca destaca polo seu realismo e influíu na Phèdre (1677) de J. Racine, na Phaedra (1866) de A. Charles Swinburne e na Fedra (1909) de D’Annunzio, que amosa un ton voluptuoso e nocturno. A Fedra (1911) de Miguel de Unamuno está inspirada na traxedia de Eurípides. Hai diversas óperas sobre este tema, como Hyppolite et Aricie (1733), de J-Ph. Rameau, Ippolito (1744), de Ch. Gluck, Ippolito e Aricia (1788), de G. Paisiello, e Fedra (1915, baseada na obra de D’Annunzio), de Pizzetti; tamén influíu na música de escena (J. Massenet, 1900, para a obra de Racine) e o ballet Phèdre (1949), de J. Cocteau e G. Auric. En Galicia foi explorada por Manuel Lourenzo en Romería ás Covas do Demo ou Fedra e por Vicente González Montoto en Fedra Gómez.