Fene
Concello da comarca de Ferrol, na área urbana da Ferrolterra, situado na provincia da Coruña no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Neda (Ferrol), ao S cos de Ares (Ferrol) e Cabanas (O Eume)e coa ría de Ares, ao L co da Capela (O Eume), e ao O con Mugardos (Ferrol) e coa ría de Ferrol. Abrangue unha superficie de 26,3km 2 cunha poboación de 14.222 h (2007), distribuídos nas parroquias de Barallobre, Fene, Limodre, Magalofes, Maniños, Perlío, San Valentín e Sillobre. A capital municipal é a vila de Fene, situada a 43° 28’ de latitude N e 8° 09’ de lonxitude O, 6 km ao SL de Ferrol e 89 km ao N de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ferrol e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Fene sitúase baixo o dominio climático oceánico húmido, caracterizado por unha notable suavidade térmica e unhas precipitacións moderadas. Aínda que pola súa localización litoral percibe a influencia directa do océano, está nunha situación de abrigo fronte ás correntes perturbadas húmidas do SO, debido á interposición das sucesivas elevacións das penínsulas que separan as Rías Baixas (arredor dos 600 m de altitude) e das plataformas occidentais (400 m). Non obstante, recibe a influencia directa dos fluxos ciclónicos do NO, responsables da maior parte das precipitacións que se recollen no concello. A suavidade térmica maniféstase tanto na temperatura media anual (13,2°C), como na pequena amplitude anual (9,3°C), cun inverno pouco sensible e no que a temperatura media máis baixa, a de xaneiro, é de 8,8°C, de xeito que as xeadas son moi excepcionais. Tamén, debido á influencia refrescante do mar, o verán caracterízase pola suavidade térmica, pois a temperatura media máis elevada rexístrase en xullo, con 18,1°C. Os rexistros de precipitacións, recollidas en máis de 150 días ao ano, achéganse aos 1.400 mm, cunha distribución estacional que marca un réxime pluviométrico cun claro máximo invernal, pois nesa estación recóllese o 37% das chuvias; pola súa parte, o verán presenta unha acusada seca (só se recolle o 11% das precipitacións), que se traduce en déficit hídrico durante os meses de xullo e agosto; a primavera (24%) e o outono (28%) compórtanse como estacións de transición. O relevo resólvese nunha sucesión de chanzos que se elevan progresivamente dende o litoral cara ao interior. As maiores altitudes acádanse no sector sudoriental, no límite cos concellos da Capela e Cabanas (Couto do Rei, 395 m, e Couto de Nodias, 341 m). A partir desta área, as altitudes descenden cara ao mar, cun relevo suavemente ondulado cara ao O, sobre todo nas parroquias de Perlío, Barallobre, Maniños e Limodre, onde se suceden continuos outeiros, desenvolvidos sobre xistos. O principal curso fluvial é o río Belelle, que drena o sector oriental da parroquia de Sillobre, procedente do concello da Capela. O Belelle serve de límite con Cabanas (parroquia de Regoela) e Neda (parroquia de Viladonelle), onde cae nunha fervenza de 45 m de altura para salvar o chanzo topográfico.
Xeografía humana
A principal característica do poboamento de Fene é a elevadísima densidade demográfica (540,76 h/km 2 ), como consecuencia da localización no municipio de grandes industrias metalúrxicas e da proximidade da cidade de Ferrol. A evolución demográfica experimentada no s XX mostra unha continua tendencia á alza, que só se interrompeu a partir da década de 1980 por mor da grave crise que afectou á industria da construción naval. O s XIX rematou co mínimo demográfico da serie analizada (1900-1996), con 5.033 h (1900). Ata 1910 a poboación medrou a un ritmo superior ao 1% anual, malia que a emigración exterior era notable, pois o gran crecemento vexetativo contrarrestaba esas saídas. O período intercensal 1910-1920 marcou un leve decrecemento (-0,3% de media anual) debido á forza da emigración exterior cara a América, principalmente a Cuba, e ao andazo de gripe de 1918-1919. A partir de entón e ata 1981 a poboación de Fene continuou a incrementarse e fíxoo a un ritmo do 2,43% anual, de xeito que nese ano acadou o máximo poboacional, 15.040 h. Nun primeiro momento, a forza da industrialización ferrolá favoreceu o crecemento demográfico do municipio, pero trala Guerra Civil, foi a localización de ASTANO en 1941 a que propiciou o avance poboacional, coa chegada de grandes continxentes de traballadores inmigrantes e das súas familias, sobre todo durante os anos sesenta e setenta, época do maior pulo na construción de grandes buques. Nos anos oitenta, en cambio, a forte crise dos estaleiros obrigou a acometer unha fonda reconversión do sector naval. Esta situación propiciou un descenso demográfico que se saldou cun decrecemento do -0,19% entre 1981 e 1991. Os anos noventa marcaron unha nova e leve recuperación demográfica (0,15% anual), grazas á estabilización da industria naval e ao xurdimento dalgunhas actividades productivas e industriais alternativas á construción de buques. Non obstante , a partir de 1996 asistese a un descenso da poboación do -3,42% entre esta data e 2001 e dun -1,89% entre 2001 e 2007. Froito desta evolución, Fene presenta unha estructura demográfica na que os menores de 20 anos constitúen o 13,5% da poboación, mentres que os maiores de 65 son o 21,7%; o grupo intermedio representa o 64,8%. O crecemento vexetativo é moi negativo (-5,5‰ en 2006) como consecuencia dunha natalidade baixa (6,2‰) e unha mortalidade relativamente alta (9,7‰). Polo que respecta á distribución por sexos destacan levemente as mulleres: 52,05% fronte a 48,49% de homes. A concentración das actividades fabrís e das áreas urbanizadas foi un fenómeno fundamentalmente litoral, de xeito que en Fene se poden distinguir entre parroquias urbanas e periurbanas (Barallobre, Fene, Maniños e Perlío) e as rurais (Magalofes, Sillobre e Limodre), nas que as actividades agrarias aínda manteñen certa importancia. Fene experimentou un intenso desenvolvemento constructivo, aínda que urbanisticamente moi desorganizado. A expansión urbana seguiu as vías de comunicación a partir de tres núcleos tradicionais: Fene, Foxás e Perlío. Os terreos baleiros tras un primeiro período expansivo fóronse enchendo de xeito anárquico por actuacións urbanísticas posteriores nas que predominaron criterios especulativos, como aconteceu no Polígono de San Valentín.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Fene é do 46,1% (58,4% a masculina e 34% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,5% (52,3% a masculina e 25,6% a feminina) e a taxa de paro é do 16,4% (11,2% a masculina e 24,8% a feminina). Ata a fundación de ASTANO (Astilleros y Talleres del Noroeste, SA) en 1941, o concello de Fene caracterizábase por unha economía agraria e pesqueira tradicional, orientada ao autoabastecemento familiar e á venda dos seus excedentes no mercado urbano de Ferrol. Nun primeiro momento, a demanda de persoal de ASTANO cubriuse con traballadores da comarca, feito que deu orixe a unha economía doméstica mixta, con ingresos procedentes da construción naval e dunha agricultura practicada polas mulleres ou persoas de maior idade da familia. O proceso de forte urbanización dos anos sesenta e setenta diante do crecemento espectacular da demanda de traballadores do estaleiro, levou ao xurdimento da área urbana de Perlío-San Valentín-Fene. As actividades agropecuarias dan traballo ao 4% da poboación ocupada, aínda que continúan a practicar a agricultura a tempo parcial, orientada cara ao policultivo de subsistencia. Dentro do sector agropecuario, a pesca mantense como unha actividade residual practicada de xeito artesanal, e só ocupa ao 2% dos traballadores. A industria define a economía municipal, aínda que no que se refire ao emprego constitúe o segundo sector, e ocupa ao 31,2% dos traballadores residentes no concello; este sector polariza a súa actividade na construción naval, pois ao redor de ASTANO xurdiron máis de trinta empresas auxiliares. As políticas de apoio á comarca ferrolá, coa súa declaración, primeiro de Zona de Urxente Industrialización e logo de Zona Industrial en Declive, ofreceron significativos incentivos ao investimento empresarial, de xeito que xurdiron novas actividades que diversificaron moderadamente o tecido productivo. A construción xera o 11,6% do emprego. O sector servizos é o que ocupa a un maior continxente de traballadores (53,3%). Entre as actividades terciarias destaca a Administración e os servizos sociais , o comercio e o transporte . As principais vías de comunicación son: a estrada nacional N-VI, que na súa variante de Betanzos a Ferrol cruza o municipio de S a N pola súa área central, continuando ata a cidade departamental a través da Ponte das Pías; a autoestrada do Atlántico AP-9 chega ata a área meridional; e dende o centro de Fene, a estrada AC-122 sae cae cara a Mugardos por Maniños e en dirección oposta sae a de Lavandeira que leva a Cabanas. Ademais, o ferrocarril Ferrol-Betanzos conta con dúas estacións: Franza e Barallobre.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos son unha serie de instrumentos líticos localizados na área costeira de Maniños, datados no Paleolítico Medio. Consérvanse o dolmen do Marco de San Lourenzo (Fene) e o conxunto de mámoas do monte Marraxón. Durante a época castrexa, o poboamento era abundante e existiron numerosos poboados, moitos deles desaparecidos ou danados pola urbanización do territorio. De época romana datan os vestixios de Vilar de Coto (Limodre), identificados coa implantación dunha factoría de salgado. A primeira mención documental de Fene produciuse en 1110 no preito que existiu entre Santiago e Mondoñedo polo arciprestado de Bezoucos. Durante a Idade Media as terras de Fene foron doadas ao mosteiro de San Martiño de Xubia e desde finais do s XV o señorío xurisdicional pasou a mans da casa de Andrade e, posteriormente, á de Lemos. A finais do s XVI inaugurouse o Libro Bautismal de Fene, no que figurou como parroquia independente. Durante o Antigo Réxime pertenceu á xurisdición de Pontedeume, na provincia de Betanzos, baixo o señorío do conde de Lemos. A creación do concello remóntanse aos primeiros concellos constitucionais creados polas Cortes de Cádiz en 1812; daquela constituíronse os de Fene, Maniños e Barallobre, suprimidos en 1823, como consecuencia da derrogación da Constitución decretada por Fernando VII. A restauración do municipalismo en 1835 significou a integración de todos eles no novo concello de Fene. A única variación que se produciu con posterioridade foi a creación da nova parroquia de San Valentín, segregada da de Perlío.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan o gravado rupestre de Marraxón (Sillobre) e a mámoa do Campo da Arca (Barallobre) e, no eido da cultura castrexa, os castros de Prismos (Limodre), O Castro (Magalofes), As Pías (Fene) e Pena do Castro (Barallobre). No eido da arquitectura relixiosa cómpre destacar as igrexas do Divino Salvador de Fene, San Salvador de Maniños (s XVII), Santiago de Barallobre (s XVII) e Santa María de Sillobre (s XVII). Da arquitectura civil sobresaen a ponte medieval sobre o río Belelle, os pazos de Barallobre, a casa da Ribeira en Sillobre e o pazo de Maniños, as escolas edificadas polas sociedades de emigrantes de Fene, o monumento ao Camiñante Descoñecido, construído en 1934 e recolocado en 1984, e o edificio do concello, obra de Alberto Campo Baez. No eido da arquitectura popular destacan o muíño do río Belelle e o cruceiro na desviación da ponte das Pías. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de Santa Ana, o 26 de xullo; do Divino Salvador e San Roque, o 5 de agosto; a Romaría do Pote en Maniños, o 28 de Agosto; e as Festas do Camiñante en Barallobre, o primeiro domingo de xullo. Entre as festas gastronómicas sobresae a Festa da Orella, que se celebra en Limodre o 20 de agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ferrolterra |
| Extensión | 26 Km2 |
| Poboación Total | 14222 h |
| Poboación Homes | 6897 h |
| Poboación Mulleres | 7325 h |
| Densidade de poboación | 547 h/Km2 |
Parroquias
| Barallobre |
| Fene |
| Limodre |
| Magalofes |
| Maniños |
| Perlío |
| San Valentín |
| Sillobre |