fenicio -cia

fenicio -cia

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Fenicia ou ao pobo fenicio.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo fenicio.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobo de orixe semítica establecido cara ao 3000 a C nunha estreita franxa costeira de Siria Central, situada entre o Monte Carmelo e o río Eleuter. Dedicáronse ao comercio marítimo e organizáronse en cidades estado ao redor de portos resgardados como Tiro, Sidón, Tripoli, Biblos e Beirut. Durante o III milenio a C comerciaron cos exipcios, subministráronlles madeira de cedro e de abeto para construír embarcacións, ademais de aromas, aceites e resinas. No II milenio a C Biblos e Sidón mantiveron un importante comercio cos exeos, cretenses e micénicos. Sometidos militarmente polos exipcios (ss XV-XIV a C) foron liberados pola invasión dos “pobos do mar” ao redor do 1200 a C. A partir dese momento substituíron os micénicos como potencia e iniciaron unha etapa de prosperidade durante a que desempeñaron o papel de intermediarios do comercio entre Oriente e Occidente; ademais controlaron os puntos de chegada das caravanas que cruzaban o deserto, como Hama ou Damasco. Ao mesmo tempo estableceron numerosas factorías e colonias comerciais no Mediterráneo. No s X instaláronse en Chipre e nas costas de Asia Menor, onde se enfrontaron cos gregos en Rodas e nas Espóradas. Na súa procura de novos mercados no Mediterráneo occidental estableceron bases para o comercio con África (s IX) en Sicilia occidental, e nas illas de Malta, Gozo e Pantelleria. A través de Sardeña e Eivissa chegaron á Península Ibérica, onde comerciaron cos indíxenas e adquiriron estaño e prata. Pénsase que os seus intercambios comerciais chegaron incluso ata as costas de Galicia, Cornualla e as costas occidentais de África. No retorno aproveitaban as correntes das costas africanas apoiándose nas colonias de Hippo Diarrhytus, Utica e Cartago. O desenvolvemento do mercado comercial favoreceu especialmente a prosperidade de Tiro, que se fixo coa hexemonía. No s IX a C foron dominados polos asirios e, posteriormente, foron sometidos polos exipcios (612 a C-604 a C), Babilonia e Persia (539 a C). No 520 produciuse a secesión de Cartago, que se converteu nunha nova potencia no Mediterráneo occidental, mentres as cidades fenicias constituíron unha confederación liderada por Sidón que apoiou os persas contra os gregos durante as Guerras Médicas. Trala Paz de Calias (449) e a liberación do Exeo, as súas actividades mercantís sufriron a competencia dos gregos. Alexandre o Grande incorporou este territorio ao seu imperio (333 a C-323 a C) e, despois dun período de anarquía, pasaron a formar parte do Imperio Romano, dentro da provincia de Siria (64 a C). Non constituíron nunca un Estado unificado nin confederado, senón que se organizaban ao redor de cidades estado que constituían pequenos principados gobernados por reis ou maxistrados. Practicaban o intercambio de produtos agrícolas e manufacturas industriais (vidro, obxectos metálicos, perfumes, telas, coiros, cerámica e especialmente lá tinxida con púrpura) por materiais dos que eran deficitarios (marfil, pedras preciosas e metais) e por escravos. A súa relixión era naturalista e cada cidade posuía o seu deus preferido; os deuses venerábanse en templos e santuarios. Malia as informacións recollidas en diversas obras históricas durante o s XIX respecto a diversos restos que demostraban a presencia dos fenicios nas costas de Galicia, as evidencias arqueolóxicas non permitiron confirmalo. Os principais achados de orixe fenicia no territorio galego foron algunhas moedas cuñadas nas cecas de Gadir e Abdera, e un pequeno frasco de vidro polícromo para gardar ungüentos, que apareceu no Castro Pequeno de Neixón datados a mediados do I milenio a C.

  4. s m [LING]

    Lingua do phylum afroasiático da familia semítica, que falaban os antigos fenicios. Foi lingua viva desde o s XII a C ata o s III, e estendeuse pola costa mediterránea. A variedade de fenicio que se falaba en Cartago, un dos seus asentamentos máis importantes, denominouse púnico. Os restos atopados confirman que o fenicio se mantivo como lingua viva ata o s II no leste do dominio fenicio, e ata o IV na área de Cartago. Entre as trazos lingüísticos máis sobresaíntes, cómpre destacar: o uso de tres vocais (e, i, u), que poden ser longas e breves, e a distinción de dous xéneros (masculino e feminino, que se marcan cun -t) e tres números (singular, plural e dual). Utilizaban o seu propio alfabeto, de vintedous signos, que lles serviu de inspiración aos gregos para construír o seu. Escribían de dereita a esquerda e utilizaban un signo por sílaba (consoante + vocal). Máis adiante tamén representaron sons consonánticos e algunhas vocais engadidas. As glosas dos textos acadios cuneiformes deixan supoñer cál era a pronuncia do antigo fenicio.

  5. arte fenicia

    Arte desenvolvida polo pobo fenicio. Produto de influencias mesopotámicas, exipcias, hititas e exeas, entre outras, apareceu no III milenio a C e adquiriu importancia no comezo do II milenio a C. Os templos tiñan patios rodeados de cuartos, as cidades eran amuralladas e as rúas entrecruzábanse perpendicularmente. As tumbas, agrupadas en necrópoles e talladas na rocha, amosan unha grande influencia exipcia. No eido da escultura destacan as estelas e os sarcófagos decorados con relevos; no eido da escultura exenta destacan os colosos de Biblos. Cómpre tamén salientar a realización de xoias, obxectos de bronce e de marfil; destacan, entre outras, as plaquetas de Ra’s Šmara. Entre as producións fenicias localizadas nas colonias da Península Ibérica cómpre subliñar os marfís atopados nas tumbas tartésicas de Carmo (Sevilla); os peites de Carmona e Osuna (Sevilla); os sarcófagos antropomorfos da necrópole de Gadir (Cádiz); a Dama de Galera, realizada en alabastro no s VII a C; o Sacerdote de Cádiz, feito en bronce; e os restos das necrópoles de Laurita (Granada) e Trayamar (Málaga).