Fernández
-
[ONOM]
Apelido de orixe patronímica moi frecuente en toda a Península. Procede do nome persoal de orixe xermánica Fernando + o sufixo patronímico -ez/es (‘fillo de Fernando’); de aí que fose moi frecuente tamén a forma Fernandes.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe que se estableceu en diversos lugares de Galicia como Arcos (Chantada), Rubián (Bóveda) ou A Fórnea (Trabada). Uníuse por enlaces matrimoniais a outras familias nobres, feito que deu orixe a novas estirpes, como Fernández de Biedma, Fernández de Boán, Fernández de Carrigueiros, Fernández de Castro, Fernández do Casal, Fernández de Temes, Fernández da Costa, Fernández de Estoa, Fernández de Estrada, Fernández Fole, Fernández Guixo, Fernández Barbeito, Fernández de Lugo, Fernández de Mañente, Fernández de Miranda, Fernández de Muras, Fernández de Mourillón, Fernández de Noguerol, Fernández de Parga, Fernández de Porto de Pedre, Fernández de Sandoval, Fernández das Seixas, Fernández de Senra, Fernández de Soutomaior ou Fernández de Traba. As súas armas traen un escudo partido: primeira partición, en campo de azul, cun castelo, de ouro; segunda partición, en campo de ouro, cun león rampante, de goles. Outra rama leva, en campo de azul, un castelo de prata, aclarado de goles, con tres torres, e sobre cada unhas das torres laterais, un paxaro, de ouro, en actitude de voo; bordo de ouro, coa lenda “Toda hazaña vuela muy a la ligera”, en letras de azul, e fileira de goles.