Fernando I o Grande

Fernando I o Grande

(? - León 1065) Conde (1029-1035) e rei de Castela (1035-1065) e de León (1037-1065), fillo de Sancho III de Navarra e Maior de Castela. Designado polo seu pai como conde de Castela, tomou o título de rei trala súa morte. Casou en 1032 con Sancha de León, usufrutuaria dos territorios do Reino de León durante a minoría de idade do seu irmán Vermudo III. As rivalidades fronteirizas entre Castela e León enfrontárono con Vermudo III de León e, trala morte deste no val de Tamarón (1037), puido anexionar os territorios leoneses, o que provocou un descontento xeneralizado e a sublevación da nobreza galega. En xuño de 1038 foi unxido como rei de León e de Galicia e imperator na igrexa de Santa María de León, recoñecido como tal polos seus irmáns, os reis de Navarra e Aragón. Os conflitos fronteirizos con Navarra enfrontárono nunha nova guerra con García Sánchez de Navarra e, trala súa vitoria na Batalla de Atapuerca (1054), puido situar a fronteira castelá en Castro Urdiales, Valpuesta, Lantarón, Cellorigo e Pazuengos. Posteriormente, estendeu os límites do seu reino cara ao S ao conquistar as prazas de Viseu, Lamego e Coimbra (1064), e situou a fronteira cos musulmáns ao S do río Mondego. As novas conquistas permitíronlle dividir estas terras no condado de Portugal, integrado polas terras localizadas entre os ríos Lima e Douro e encomendado a Nuno Menéndez, e no condado de Coimbra, encomendado ao mozárabe Sisnando Davidiz. Tras unha serie de exitosas campañas contra os reinos de taifas, converteu en vasalos os reinos musulmáns de Zaragoza (1060), Toledo (1062), Badajoz e Sevilla. En 1063 aliouse co reino musulmán de Zaragoza na loita contra Ramiro I de Aragón e en 1064 iniciou unha campaña contra o rei de València. Apoiado polo bispo compostelán Cresconio, convocou en 1055 o Concilio de Coyanza, no que se regularon diversos asuntos de carácter eclesiástico e civil, e edificou a basílica de San Juan de León, a onde trasladou os restos de santo Isidoro de Sevilla, converténdoa en panteón real. No seu testamento repartiu os seus reinos entre os seus fillos: a Sancho, cedeulle o Reino de Castela e as parias de Zaragoza; a Afonso o Reino de León e as parias de Toledo; a García o Reino de Galicia, o condado de Portugal e as parias de Badajoz e Sevilla; e as súas fillas Urraca e Elvira as cidades de Toro e Zamora.