Ferrol, comarca de

Ferrol, comarca de

Comarca urbana situada no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N e O co Océano Atlántico, ao S coas rías de Ferrol e Ares, e ao L coas comarcas de Ortegal (concellos de Cariño, Ortigueira e Cerdido) e O Eume (As Pontes de García Rodríguez, A Capela e Cabanas). Abrangue unha superficie de 625,4 km2 nos que acolle unha poboación de 161.739 h (2001), distribuídos nos concellos de Ares (18,3 km2; 5.003 h), Cedeira (85,4 km2; 7.500 h), Fene (27,4 km2; 14.496 h), Ferrol (83,1 km2; 77.950 h), Moeche (48,5 km2; 1.489 h), Mugardos (12,8 km2; 5.718 h), Narón (67 km2; 32.204 h), Neda (24 km2; 5.958 h), San Sadurniño (99,9 km2; 3.220 h), As Somozas (70,9 km2; 1.396 h) e Valdoviño (88,1 km2; 6.805 h). A cidade de Ferrol é o centro funcional indiscutible, aínda que nos sectores máis afastados se producen significativas superposicións de influencia entre a cidade cabeceira e as vilas próximas, de xeito que poden diferenciarse dentro do espazo comarcal tres áreas funcionais: por unha banda, está Ferrolterra, que -formada polos municipios ribeiráns da ría (Ares, Fene, Ferrol, Narón, Neda e Mugardos)- é o espazo de maior cohesión e constitúe unha área urbana moi interrelacionada; por outra banda está a orla interior, que comprende pequenas subáreas locais definidas pola capital municipal correspondente (Valdoviño, San Sadurniño, Moeche e As Somozas); e, finalmente, está o subcentro de Cedeira, que aínda que se vincula a Ferrol para funcións específicas actúa en boa medida como un espazo autónomo, con relacións significativas co Ortegal. A comarca administrativa correspóndese, ademais, cunha comarca natural, a formada pola ría de Ferrol e a cunca do río Grande de Xubia, que compartimenta interiormente a comarca coas divisorias de augas dos seus afluentes. Polo N esta unidade natural continúa cara ás terras do Ortegal a través dos concellos de Valdoviño e Cedeira, e ao S transcende mesmo os límites comarcais e chega a vincularse funcionalmente cos concellos de Cabanas e Pontedeume.
Xeografía física
O relevo da comarca de Ferrol aparece moi condicionado pola litoloxía e a tectónica. No espazo comarcal aparecen fundamentalmente tres dominios rochosos distintos. O centro do territorio ocúpao unha banda de materiais metamórficos, os xistos da Serie de Ordes, que se van ensanchando de N a S, dende Valdoviño ata Fene, Mugardos e Ares. A ambas as marxes desta banda (ó L e ao O), ábrense dous afloramentos de materiais cristalinos (granitos, gabros e ortogneises), dispostos tamén en bandas: o occidental desenvólvese dende Punta Frouxeira (Valdoviño), ao N, ata Punta Coitelada (Ares), ao S, e presenta unha dirección NL-SO; o afloramento oriental ocupa o espazo situado entre Punta Corveira (Valdoviño), ao N, e Fene, ao S, e pasa por Narón e Neda; por último, na área NL da comarca atópase un conglomerado de rochas básicas (anfibolitas, peridotitas, ecloxitas, serpentinitas) e gneis, erguidos á superficie entre o Ordovícico e o Devónico por un proceso de subdución e posterior obdución. A oroxenia Herciniana no Paleozoico provocou unha intensa rede de fracturas, revitalizadas posteriormente durante o dobramento Alpino, que seguen unha dirección NNL-SSO e N-S. A diversidade litolóxica ofrece morfoloxías claramente diferenciadas, de xeito que a área central, ocupada por xistos, presenta un relevo suavemente ondulado de escasas altitudes que non superan os 200 m, no que os cursos fluviais abren amplos vales. En certas áreas costeiras a erosión actuou de xeito acusado, como os areais do interior das rías de Ferrol, Ares e Cedeira, e as praias de Frouxeira en Valdoviño e Doniños e San Xurxo en Ferrol. As áreas nas que predominan os materiais cristalinos son as que posúen as maiores altitudes, sobre todo no sector oriental (Pena dos Ladróns, de 620 m de altitude, e Vilalbesa, de 583 m, nas Somozas; Racamonde, 542 m, e Escoitadoira, 518 m, en San Sadurniño; e Penas Louseiras, de 461 m, en Neda). No sector occidental costeiro, en cambio, apenas chegan a sobrepasar os 300 m (Lagoa, 306 m, no límite entre Ferrol e Narón). Este sector litoral cristalino deu como resultado cantís poderosos e numerosos promontorios que se adentran no mar (Cabo Prioriño, San Xurxo, Cabo Prior, Punta Castelo, Punta Campelo, Punta Frouxeira, etc). Por último, no NL, en Cedeira, desenvólvese a serra da Capelada, que continúa en Cariño ata o Cabo Ortegal. Presenta unha altitude maior, con cumios achairados (O Cadro, 620 m; Poza de Auga, 572 m) nos que se poden observar evidencias das glaciacións do Cuaternario. A serra cae ao mar en impresionantes cantís, que en Vixía da Herbeira presentan 617 m de desnivel, o maior da Europa continental. Aprécianse nalgúns tramos costeiros vestixios de superficies de abrasión mariña (fundamentalmente en Ferrol e Valdoviño) e complexos praia-duna-lagoa en Doniños (Ferrol) e Frouxeira (Valdoviño), de grande interese xeomorfolóxico e ecolóxico pola presenza de multitude de especies de aves que aniñan nela. En canto á rede hidrográfica, cómpre destacar que a maior parte do territorio comarcal atópase incluída dentro da cunca do río Grande de Xubia, que desemboca na ría de Ferrol, aínda que tamén aparecen procesos endorreicos como os regos das Forcadas e Donelle, que verten no encoro das Forcadas, e outras cuncas como a dos ríos Póntigas e Condomiñas que desaugan na ría de Cedeira. Ao longo da costa aparecen dúas rías, a de Ferrol, orixinada conxuntamente pola diferenciación litolóxica, a acción tectónica e a incisión do río Grande de Xubia; e a de Cedeira, de pequenas dimensións, cunha estreita embocadura, e que coñece procesos de amoreamento, sobre todo na enseada de Esteiro. A costa da comarca ferrolá posúe excepcionais calidades paisaxísticas, ecolóxicas, xeolóxicas, e mesmo etnográficas, que xustificaron a declaración de varios espacios protexidos, como a Serra da Capelada, a Illa Gabeira e Punta Candieira, en Cedeira; a Lagoa e o Areal de Frouxeira, en Valdoviño; o Cabo Prior, e as illas Santa Comba, Herbosa e Gabieiras, en Ferrol; e a Punta Coitelada e as Illas Mirandas, en Ares. A comarca ferrolá pertence ao dominio climático oceánico, caracterízase por atoparse baixo a influencia directa do océano, pero tamén pola situación de abrigo fronte ás correntes perturbadas húmidas do SO; pola contra, os fluxos do NO penetran doadamente debido á ausencia de serras, agás no caso de Cedeira, onde se ergue a serra da Capelada, e son os que producen a maior parte das precipitacións. Os caracteres climáticos esenciais son a suavidade térmica e as precipitacións moderadas (agás en Cedeira, onde se incrementan notablemente). A suavidade térmica faise patente tanto na media anual, superior aos 13°C, como na feble amplitude estacional, inferior aos 10°C. O inverno é moi pouco sensible pois o mes máis frío, febreiro, supera os 8,5°C de media. Con este ambiente térmico as xeadas son excepcionais, agás nas maiores altitudes orientais e nos cumios da serra da Capelada. O verán tamén se caracteriza pola suavidade térmica (a temperatura media de agosto é de 18°C) debido á acción refrescante do océano. A estes caracteres acompañan numerosas xornadas anuais de chuvia (uns 150 días) e un ceo frecuentemente cuberto (190-200 días). Esta elevada frecuencia das chuvias non se corresponde con totais pluviométricos elevados, pois apenas se superan os 1.000 mm, agás en Cedeira, onde os relevos da Capelada provocan un aumento considerable (1.800-2.000 mm). Polo que respecta á súa distribución estacional, o inverno concentra as máximas precipitacións, pois nel recóllense o 33% das chuvias; pola contra, no verán redúcense ao 14%; esta relativa seca estival produce un certo déficit hídrico entre xuño e agosto. Pola súa banda, tanto a primavera como o outono presentan un carácter de estacións de transición, co 26% e o 27% das chuvias, respectivamente.
Xeografía humana
A evolución experimentada pola poboación da comarca de Ferrol dende o primeiro censo de 1887 caracterizouse pola irregularidade, con continuos altos e baixos. Así, o espazo comarcal contaba con 82.014 h en 1887 e medrou progresivamente ata 1950 (150.856 h), a un ritmo medio do 1,33% anual. Nese incremento influíu moito a decisión do goberno de Maura de arrendar os arsenais e estaleiros ferroláns á Sociedad Española de Construción Naval (1909), feito que significou o pulo deste sector, que só se interrompeu durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) e tamén no período da Segunda República (1931-1936). Ata 1910 o crecemento foi menor, do 0,41% anual, pero a partir de entón, a expansión da industria naval, propiciada dende o goberno, favoreceu un crecemento moito maior (1,32 % anual entre 1910 e 1930), que se incrementou aínda máis trala instalación de ASTANO en 1941 e Bazán en 1947 (1,65 % anual entre 1930 e 1950). A atracción que exerceron a cidade de Ferrol e os seus concellos limítrofes de Narón e Fene (no que se asenta ASTANO) fixo que, a partir de 1940, mentres estes tres municipios medraron fortemente, o resto dos concellos da comarca comezaron un declive demográfico debido ao éxodo rural cara a este espazo urbano en expansión. Dende a creación deses dous estaleiros, toda a comarca caeu nunha esaxerada especialización produtiva no sector naval, polo que a evolución demográfica e económica quedou fortemente condicionada polas conxunturas do sector. A década de 1950 supuxo o primeiro episodio de crise demográfica no s XX, pois a poboación descendeu levemente, un 0,05% anual; as causas, sen embargo, non foron as dificultades da industria naval, senón a intensa emigración exterior, que foi especialmente sensible nas áreas rurais da comarca. De feito, Narón, Fene, Ares, Neda, San Sadurniño e Cedeira aumentaron durante este período a súa poboación. Esta medrou entre 1960 e 1981 a un ritmo medio anual do 0,87%, coincidindo co máximo desenvolvemento da construción naval: a cidade de Ferrol e as áreas máis urbanizadas próximas, especialmente Narón e Fene concentraron este crecemento, mentres que o resto de concellos experimentaron unha forte mingua demográfica debido á atracción deses tres municipios. A actividade construtiva foi frenética naqueles tres concellos, pero desenvolveuse de xeito desordenado e con graves carencias nas dotacións infraestruturais, o que fixo xurdir importantes problemas medioambientais e de organización do espacio. A situación mudou totalmente no decenio seguinte (1980-1990), porque a crise industrial e a reconversión do sector naval provocaron un descenso rápido da poboación en toda a comarca, a excepción de Narón, que incrementou a súa poboación en 2.300 h, debido á unha actividade económica moito máis diversificada. No conxunto comarcal o descenso prolongouse ata finais de século. A principal consecuencia desta mingua poboacional foi o progresivo avellentamento demográfico, o forte retroceso da natalidade e o consecuente incremento da taxa de mortalidade. Así, en 1996, o 20,76% da poboación tiña menos de 20 anos, mentres que os maiores de 64 anos eran o 18,1%. A natalidade, pola súa banda, coñeceu unha diminución continua dende 1980; así, pasou do 12‰ (1981-1986) ao 7,9‰ (1986-1991) e ao 6,32‰ (1998). Mentres, a taxa de mortalidade aumentou e situouse nos mesmos intervalos temporais en 8,8‰ 9,56‰ e 10,66‰. Polo que respecta á estrutura por sexos, predominan notablemente as mulleres (52,19 %) sobre os homes, froito da súa maior esperanza de vida e da incidencia de procesos emigratorios entre a poboación masculina afectada polas regulacións de emprego do sector naval. A poboación aséntase fundamentalmente nas terras baixas situadas no contorno da ría de Ferrol, espazo que coñece unha intensa urbanización, mentres que cara ao N e L descende a densidade demográfica, agás na área na que se asenta a vila de Cedeira, no fondo da súa ría, na que se rexistra tamén unha intensa ocupación humana.
Xeografía económica
A economía da comarca de Ferrol caracterízase pola preponderancia da industria, xa que aínda que xa non é o sector que xera o maior volume de emprego, foi o que definiu a súa traxectoria socioeconómica nas últimas décadas. Esta circunstancia permitiu o desenvolvemento comarcal e propiciou o carácter particular deste conxunto territorial, favorecendo as vinculacións entre os concellos que o integran. O sector secundario dálle emprego ao 27,7% dos ocupados. Esta cifra ten retrocedido moito dende 1983, ano de incio da reconversión naval, cando moitos dos concellos que integran a comarca tiñan máis do 50% ou incluso do 60% dos traballadores deste sector económico. Neda e Fene son os que manteñen unha proporción máis elevada de emprego industrial (39,2% e 38,7%, respectivamente); no resto de concellos sitúase por riba do 25%, agás en Cedeira (11,9%) e Moeche (16,8%). A grave situación de Ferrol e toda a súa comarca trala reconversión naval da década de 1980 levou a que fose declarada sucesivamente Zona de Urxente Reindustrialización (ZUR) e Zona Industrial en Declive (ZID), accións que tiveron escaso éxito, sen conseguir corrixir os desequilibrios estruturais da comarca. A maior concentración de empresas industriais segue a darse nos concellos de Fene, Ferrol e Narón, e a polarización segue a ser moi importante no sector naval, ben directamente ou mediante empresas auxiliares. É o caso de IMENOSA e MEGASA, situadas en Fene e Narón, respectivamente. A primeira é líder no sector de bens de equipo e a segunda é a única produtora de aceiro laminado en Galicia. En Narón aséntanse, entre outras, POLIGAL (plásticos) e TILE STONE (materiais de construción). En San Sadurniño radica INTASA, dedicada á fabricación de taboleiros e aglomerados, que comezou a funcionar en 1989 baixo os incentivos do ZUR. Da mesma orixe é RUBBER, industria do caucho localizada en Fene. Polo que respecta ao sector agropecuario, a agricultura e gandería caracterízanse pola escasa significación no ámbito comarcal. A pesca, por outra parte, non é moi significativa e conta co problema da contaminación da ría de Ferrol, aínda que ao N, en Cedeira, acada un maior desenvolvemento. O conxunto do sector primario ocupa o 6,5% dos traballadores, aínda que se rexistran fortes contrastes intracomarcais, pois en Moeche, o concello de maior emprego primario, ascende ata o 43% e en Ferrol redúcese ata o 1,5%. A paulatina perda de importancia do sector primario coincidiu co desenvolvemento da industria naval dende mediados do s XX, co conseguinte abandono de moitas explotacións e o forte éxodo rural cara ao espazo urbanizado de Ferrol, Narón e Fene. Sen embrago, nos momentos de maior crise a necesidade levou a moitas familias a que regresasen a esta actividade. Predomina a agricultura a tempo parcial, aínda que subsiste unha agricultura tradicional, bastante orientada ao mercado (notable en Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e As Somozas), e unha agricultura de mercado na que se cultivan baixo plástico hortalizas e flores, fundamentalmente nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda. A gandería ten escasa significación na comarca; destaca tan só o gando bovino (14.800 cabezas en 1998), aínda que as explotacións son polo xeral pouco rendibles, debido ao seu carácter fundamentalmente doméstico. A pesca, pola súa banda, só acada certa significación en Ares (7% dos ocupados) e en Cedeira (18,4% do emprego). O marisqueo a pé na ría de Ferrol acada certa relevancia, sobre todo trala crise industrial. O sector servicios destaca sobre o resto (58,5% do emprego). Medrou dende a década de 1970 e acadou unha especial relevancia nos concellos de Ferrol, Fene e Narón. O desenvolvemento do sector naval e o incremento poboacional que o acompañou, xerou a necesidade de cubrir unha demanda de servicios. Destacan dentro das actividades terciarias tanto o comercio (12,55% dos activos), moi atomizado, diversificado e asentado en gran medida no concello de Ferrol, como os servicios sociais, nos que están empregados máis da cuarta parte dos traballadores da comarca (26,7%). Radican maioritariamente en Ferrol, cidade que centraliza a sanidade, a educación superior e gran parte dos servicios administrativos. Finalmente, a construción (7,3%) non está moi dimensionada por mor da crise dos últimos anos, que freou en gran medida o seu desenvolvemento. Polo que respecta ás infraestruturas viarias a Autoestrada do Atlántico A-9 comunica o S da comarca co Eixo Atlántico. A estrada nacional N-651, variante da estrada nacional radial N-VI, comunica coa Coruña e Madrid. As estradas comarcais C-642 (Ferrol-Ortigueira), C-646 (Ferrol-Cedeira) e C-641 (Ferrol-As Pontes de García Rodríguez, complementada coa vía rápida VAC-3), conforman a rede viaria. Polo que respecta ao ferrocarril, a liña de RENFE Ferrol-Betanzos-A Coruña conecta a comarca coa rede nacional; o N da comarca percórreo a liña Ferrol-Gijón do ferrocarril de vía estreita de FEVE.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana localizados na comarca de Ferrol datan do Paleolítico Medio e son unha serie de instrumentos líticos achados na área costeira de Maniños (Fene). Do fenómeno megalítico destacan, entre outros, o menhir do Marco de San Lourenzo (Fene), o conxunto de mámoas de Monte Marraxón (no límite Ares-Fene), as mámoas da Moura (Narón), Brión (Ferrol) e do Inglés (Neda) e os túmulos de Cervo e Montoxo (Cedeira). Da Idade do Bronce cómpre salientar as machadas pulimentadas atopadas en Régoa e Mantoxo (Cedeira). No eido da cultura castrexa o poboamento debeu ser numeroso como o constatan, entre outros, os castros de Mourón (Ares), Prismos (Fene), Ferrol, Santa Cruz (Moeche), Mugardos, Sedes (Narón), Viladonelle (Neda) e As Croas (San Sadurniño). Os autores romanos situaron nesta área o pobo dos ártabros, que, segundo os restos atopados en Valdoviño, Vilar do Coto (Fene) e da praia de Noville (Mugardos), foron romanizados. Trala desaparición do poder romano, os suevos instaláronse nalgunhas áreas da comarca, feito que se constata na toponimia. Na Idade Media o territorio estivo dividido en varias xurisdicións controladas polos mosteiros, os señores feudais e o rei. O mosteiro cluniacense de San Martiño de Xubia tiña xurisdición sobre Narón, Fene, San Sadurniño, Ares e Neda. Tamén exercían certo control sobre este territorio o cenobio de San Salvador de Pedroso, ocupado por cóengos regulares de Santo Agostiño, e o do Rosario en San Sadurniño, orixinariamente pertencente á orde do Temple e que no s XVI pasou a mans dominicanas. Xunto á familia dos Andrade e ás casas de Traba e Lemos, dominaba o territorio laico de Ferrolterra o monarca, que lle concedera a Ferrol o estatuto de cidade de reguengo. Na vila de Neda a familia dos Esquío acadou unha maior presenza ao concederlle Afonso XI unha serie de privilexios pola axuda na conquista de Algeciras. Esta circunstancia favoreceu o desenvolvemento da vila, que foi o núcleo máis destacado da ría de Ferrol ata a creación do Arsenal na capital comarcal. Por mor das exaccións que os Andrade lles impuñan ás súas vilas, en 1431 estalou na comarca a Primeira Guerra Irmandiña, liderada por Roi Xordo. O fracaso da revolta permitiu a restauración da orde social establecida. A comarca foi, ademais, un centro de peregrinación ao contar co santuario de santo André de Teixido e co paso do camiño inglés a Compostela. No s XVIII a historia de Ferrolterra mudou como consecuencia da decisión de Filipe V de establecer na ría de Ferrol a base do Departamento Marítimo do Noroeste. A construción do Arsenal iniciouse na Graña e desde 1749 trasladouse ao barrio ferrolán de Esteiro. O inicio dun novo enfrontamento co Reino Unido en 1796 levou á armada británica do almirante J. Warren ao desembarco na praia de Doniños e ao rexeitamento do ataque na Batalla de Brión (26.8.1800). No plano económico produciuse o desenvolvemento do sector naval no ámbito público e privado e das industrias vinculadas ao mar como as fábricas de conserva e salga de peixe das vilas de Ares, Mugardos e Cedeira. Outra experiencia industrializadora foi a levada a cabo en Neda, coa creación no s XVIII da fábrica de Xubia, que sucesivamente se dedicou á produción de pranchas de cobre para os barcos da Armada, á fabricación de fusís (1809), de moeda (1811) e, finalmente, a factoría de tecidos (1873). A crise da monarquía española durante o s XIX afectou directamente á comarca, que viu reducida a súa principal fonte de ingresos, a construción de barcos de guerra. O s XX iniciouse cunha nova revitalización do sector industrial promovida pola promulgación en 1909 da Lei de Creación da Escuadra, que permitiu a creación da Sociedade Española de Contratación Naval. A Primeira Guerra Mundial e a Guerra Civil frearon este proceso expansivo que só se recuperou trala fundación de Bazán e ASTANO nos anos corenta. Desde finais da década dos cincuenta, iniciouse un proceso de oposición ao franquismo desde o movemento obreiro que culminou en 1972 coas folgas de Bazán e Astano. Nos anos oitenta iniciouse unha reconversión industrial que levou o goberno a declarar Ferrol como Zona de Urxente Industrialización (ZUR).