ferromagnetismo

ferromagnetismo

(

s m [FÍS]

Propiedade que teñen algunhas substancias de posuír unha susceptibilidade magnética positiva moi grande. Nestas substancias, o campo de indución magnética B é, polo tanto, moito máis intenso que no baleiro, para un mesmo valor da excitación magnética H. Os metais Fe, Co, Ni, Gd, Dy e algúns minerais e aliaxes metálicas son ferromagnéticos. As substancias ferromagnéticas teñen unha permeabilidade relativa moi elevada, ao redor de 1.000, variable en función do campo H e das condicións ás que se someteu o material, e se se anula o campo H, non se anula o B, e así permanecen magnetizadas (magnetismo remanente), polo que se poden empregar para fabricar imáns. Para cada substancia ferromagnética existe unha temperatura denominada de Curie que, unha vez sobrepasada, a substancia se volve paramagnética. Non existen líquidos nin gases ferromagnéticos. É un fenómeno que se debe a propiedades non atómicas nin moleculares, senón á estrutura cristalina. O modelo teórico máis simple, que se debe a Weiss, supón a existencia dunhas pequenas rexións, os dominios de Weiss, cos momentos magnéticos aliñados paralelamente. A magnetización do material ten un límite (saturación), e para anular o magnetismo remanente necesítase un campo H de sentido contrario (campo coercitivo).