Galaico-Asturiano, Pacto
Acordo asinado na Coruña o 18 de xullo de 1869 entre representantes das forzas republicano-federais das catro provincias galegas e da provincia asturiana. Xunto cos subscritos en Tortosa, Valls, Eibar e Córdoba supuxo unha tentativa das forzas rexionais de dotar o federalismo hispánico dunha organización estable, operativa e descentralizada, segundo o modelo de pactos sucesivos de Pi i Margall. Posteriormente, asinouse en Madrid un pacto entre os representantes dos cinco pactos rexionais, completándose a organización federalista do Partido Republicano Federal Español. O pacto recolleu como puntos principais os postulados básicos do ideario federal, como a defensa dos dereitos individuais e da soberanía popular e a condena da anarquía, e outras medidas, como a organización da milicia cidadán e o dereito de insurrección armada. A organización pactista durou pouco tempo, pois o fracaso da insurrección republicana de outono de 1869 foi aproveitado polos dirixentes madrileños para impoñer un movemento centralizador no partido, feito que se fixo posible na primavera de 1870.