galaxia

galaxia

(

  1. s f [ASTRON]

    Cada unha das agrupacións de estrelas que, vistas co telescopio, presentan un aspecto brillante, nebuloso e xeralmente aplanado. Por mor das inmensas distancias que separan a Terra das galaxias, é case imposible distinguir ningunha estrela individual. Ch. Messier, para evitar confusións á hora de identificar cometas, confeccionou un catálogo que inclúe nebulosas, cúmulos de estrelas e galaxias exteriores. Os obxectos catalogados por el están indicados coa letra M seguida dun número de orde. O primeiro observador que detectou a estrutura espiral dunha galaxia foi W. P. Rosse, no ano 1845. A proba experimental de que as galaxias eran obxectos exteriores á Vía Láctea e semellantes a ela na composición, a estrutura e as dimensións, foi acadada en 1923 por E. Hubble, quen observou as galaxias espirais de Andrómeda e do Triángulo no Mount Wilson Observatory. Malia que E. Hubble observou unha gran diversidade de formas de galaxias, puido establecer unha clasificación en elípticas, espirais e irregulares. As galaxias elípticas teñen un aspecto de elipsoide de revolución e presentan un decrecemento progresivo da luminosidade desde o núcleo central, moi brillante, ata os contornos, mal definidos, que se perden dentro da luminosidade xeral do ceo nocturno. Segundo o grao de elipticidade, repártense en oito tipos, do E0 ao E7. As galaxias espirais, vistas de cara, teñen unha estrutura caracterizada por unha condensación central, o núcleo, e por uns brazos, pouco ou moi desenvolvidos, que se enroscan e debuxan unha espiral. Observadas de perfil, estas galaxias preséntanse máis achatadas ca as elípticas. Divídense en normais, representadas por (S), que teñen uns brazos que nacen tanxencialmente en dous puntos opostos ao núcleo, e en barradas, representadas por (SB), nas que os seus brazos nacen perpendicularmente nos extremos dunha franxa nebulosa rectilínea que atravesa o núcleo. Dentro de cada unha destas subclases de galaxias pódense distinguir aínda tres categorías (a, b, c), segundo a importancia relativa do núcleo. As galaxias irregulares inclúen todas as galaxias que non presentan ningunha simetría particular. O 80% das galaxias son espirais, o 17% elípticas e o 3% irregulares. O problema da orixe e da evolución das galaxias está estreitamente ligado coa validez das diversas teorías cosmolóxicas propostas, entre as que a do modelo do Big Bang inicial é a que ten máis aceptación.

  2. s f [ASTRON]

    A Vía Láctea. OBS: Nesta acepción escríbese con maiúscula.

  3. galaxia anana [ASTRON]

    Galaxia que ten unha masa centenares de miles de veces menor ca a da Vía Láctea. Observacións recentes mostran que debe ser o tipo máis numeroso de galaxia. OBS: A grafía <x> representa o son [ks].