franciscano -na
(< antropónimo Francisco de Asís)
-
adx
Relativo ou pertencente a San Francisco de Asís e aos relixiosos que seguen a súa regra.
-
-
s
[RELIX]
Membro da orde mendicante fundada por san Francisco de Asís en 1208.
-
s
Denominación que reciben as congregacións relixiosas que se declaran herdeiras da orde mendicante fundada en 1209 por san Francisco de Asís, a Orde dos Irmáns Menores (Ordo Fratrum Minorum).
Programa espiritual
San Francisco puxo en marcha o seu ideal relixioso a comezos do s XIII, cando a Igrexa vivía un momento de relaxación moral xeralizado. San Francisco propúxose combater as desviacións e abusos da Igrexa e propugnou un programa espiritual baseado en varios puntos: fraternidade, igualdade dos seus membros; desapropiación, pobreza evanxélica; obediencia á Igrexa de Roma; itinerancia, peregrinación dos seus membros fronte a estabilidade do monxe; vida en contacto co pobo; predicación penitencial, máis con exemplos ca con palabras. Este programa espiritual resumiuse en tres conceptos: sinxeleza, amor fraterno e alegría.
Orixe e diversificación do movemento franciscano
Francisco de Asís era fillo dun acomodado comerciante italiano. O seu pai incorporouno á vida militar coa intención de acceder á nobreza, sen embargo, caeu prisioneiro nunha batalla e no cativerio enfermou gravemente. Durante a súa convalecencia experimentou unha vocación distinta, que o levou a dedicar o resto da súa vida a axudar os máis necesitados. Ao postular un estilo de vida evanxélico foi repudiado polo seu pai. Entre 1213 e 1214 peregrinou a Santiago de Compostela, onde adoptou a decisión de fundar conventos. A primeira regra de vida dos franciscanos, baseada no Evanxeo e nas propias experiencias de fraternidade de san Francisco de Asís, aprobouna o Papa Inocencio III en 1210; esta regra perdeuse. En 1223 Honorio III aprobou unha nova á que seguen as tres ramas nas que se dividiu a orde como consecuencia de discrepancias na interpretación do carisma franciscano: Franciscanos (OFM); Capuchinos (OFM Cap), fundada por Mateo de Bassi coa pretensión de significar a recuperación da austeridade e a pobreza propias dos comezos da orde (a súa regra aprobouse en 1529); e Conventuais (OFM Conv) ou observantes, xurdidos a consecuencia do Cisma de Occidente (1378-1417). O carisma franciscano admite no seu seo tres xeitos de vivir a espiritualidade: os frades da orde primeira, as monxas da orde segunda e os leigos da orde terceira. A Orde Segunda é a das Clarisas. Santa Clara de Asís decidiu seguir os postulados de san Francisco e adoptou a súa forma de vida en 1212. A súa regra, coñecida como a das Damas Pobres, aprobouna Inocencio IV. En 1511 aceptaron a regra da orde segunda as relixiosas concepcionistas (Beata Beatriz de Silva). A Orde Terceira fórmana os segrares (terciarios franciscanos ou fraternidade secular de San Francisco), cristiáns que levan o programa espiritual da orde á súa vida diaria, relixiosos terciarios regulares e relixiosas terciarias de congregacións femininas. As principais ocupacións dos membros da orde eran a predicación ambulante, o coidado de leprosos e enfermos, a colaboración cos sacerdotes nos seus ministerios e o ensino en universidades e centros de estudio.
Os franciscanos en Galicia
Os franciscanos conventuais foron unha orde moi estendida na Península Ibérica ata 1567, cando Filipe II ordenou a súa disolución; regresaron en 1904. O papel dos franciscanos na Idade Moderna foi moi importante, especialmente na evanxelización de América, onde estableceron misións, do mesmo xeito que en China, Xapón, Filipinas e as terras austrais, continuando unha tradición misioneira que os levou a Terra Santa e Marrocos dende o s XIII. No s XIX decretouse en España a desamortización e a exclaustración de todos os conventos e pertenzas dos relixiosos. En Galicia establecéronse mosteiros franciscanos en Santiago (fundouno o propio san Francisco ao concluír a súa peregrinación ao sepulcro do Apóstolo), Lugo, Ourense, Betanzos, Noia, Herbón, A Coruña, Pontevedra, Ribadavia, Vigo e Ponteareas, ademais dos que quedaron desocupados en 1835: Ribadeo, Viveiro, Monterrei, Ferrol, A Pobra do Deán (A Pobra do Caramiñal), San Lourenzo de Trasouto (Santiago de Compostela), Vilabade (Castroverde), Monforte de Lemos, Redondela, Xinzo de Limia, Baiona, Cambados e Tui. Polo que respecta ás relixiosas, estableceron conventos en Pontevedra, Santiago, Allariz, Ribadeo, A Coruña, Monforte de Lemos, Ramirás, Viveiro e Mondoñedo. Os conventos femininos, a diferenza dos masculinos non sucumbiron á exclaustración. -
escola franciscana
[FILOS]
Liña do pensamento filosófico teolóxico propia dos franciscanos durante a Idade Media. Próxima ao agostinismo, opúxose ao tomismo. Distínguese entre a escola franciscana antiga, representada en París por Alexandre de Hales (1185?-1245) e san Boaventura (1221-1274), e en Oxford por Robert Grosseteste (1170-1253) e Tomás de York; a escola franciscana media, na que destacou John Peckam; e a escola franciscana última, representada por John Duns Escoto (1266?-1308). A finais da Idade Media derivou, coa figura de Guillerme de Ockham (1285-1347), cara ao conceptualismo.
-
s
[RELIX]