freguesia*

freguesia*
s f [ADM]

Circunscrición administrativa básica na ordenación territorial portuguesa, inferior ao concelho. Aínda que é da mesma natureza ca a parroquia galega, a diferenza desta, a lexislación portuguesa recoñécelle unhas institucións de goberno propias, a Assembleia de Freguesia e a Junta de Freguesia. A Assembleia de Freguesia é o órgano deliberativo da freguesia, elixido por sufraxio universal. O número dos seus membros varía en función do censo: a lei determina que nas freguesias cun censo inferior aos 150 electores sexa substituída polo conxunto (Plenário) dos cidadáns electores. A Assembleia celebra xuntanzas ordinarias nos meses de abril, xuño e setembro, aínda que a súa Mesa, o presidente da Junta de Freguesia, un terzo dos seus membros ou unha porcentaxe dos electores, poden requirir a convocatoria dunha xuntanza extraordinaria. Á Assembleia compétenlle, entre outras atribucións, elixir os vocais da Junta de Freguesia, fiscalizar a súa actividade e aprobar o plan anual de actividades e o orzamento. A Junta de Freguesia é o órgano executivo colexial, integrado por un presidente, que sempre é o cidadán que encabeza a lista máis votada nas eleccións á Assembleia, e por vocais elixidos pola Assembleia de entre os seus membros, en número que tamén depende do seu censo. A Junta de Freguesia reúnese ordinariamente unha vez por mes, ou quincenalmente se o xulgara convinte, e extraordinariamente sempre que sexa necesario. Entre outras, ten as seguintes competencias: elaborar e executar os planos de actividades e orzamentos para os anos seguintes, así como elaborar a memoria de xestión e actividades; executar todas as deliberacións da Assembleia ou do Plenário; administrar os servicios da freguesia, informando á Assembleia ou ao Plenário do seu funcionamento e das irregularidades que estiveran constatadas; e certificar a residencia, vida e situación económica dos cidadáns da freguesia.