Fugger

Fugger

Liñaxe de comerciantes e banqueiros alemáns que tivo un importante papel na vida económica europea durante os ss XV e XVI. Orixinaria de Graben, en 1367 Hans Fugger (?-1409) estableceuse en Augsburgo e dedicouse ao comercio de tecidos e á manufactura de panos, co que acadou unha notable fortuna e se converteu nun membro destacado do patriciado da cidade. Os seus fillos Andreas Fugger (1394?-1457) e Jakob Fugger o Vello (1399-1469) continuaron os negocios familiares, que acadaron a súa máxima expansión na seguinte xeración. Dirixida polos tres fillos de Jakob, Ulrich Fugger (1441-1510), Georg Fugger (1453-1506) e Jakob Fugger o Rico (1459-1526), a empresa ampliou o seu campo de acción e orientouse preferentemente cara á banca e á minería, aínda que sen abandonar o comercio. Desde 1487 monopolizaron a explotación de cobre en Hungría e o comercio das especies orientais, ademais de conceder numerosos créditos ao arquiduque Sexismundo de Austria e ao Emperador Maximiliano I. Foi transcendental a decisión tomada por Jakob Fugger o Rico, que se ocupou dos negocios familiares entre 1510 e 1525, de asegurar a elección imperial de Carlos V prestándolle os 543.000 floríns necesarios para a compra dos votos dos electores (1519), xa que, ademais de recibir o título de conde do Palatino (1514) e os señoríos de Kirchberg, Weissenhorn, Wallenstein e Pfaffenhofen, ligou a sorte da empresa aos Austria. Trala morte de Jakob sen descendencia, a dirección dos negocios asumírona os seus sobriños Anton Fugger (1494-1560) e Raymund Fugger (1489-1535), que continuaron a concesión de préstamos a Carlos V, ao tempo que recibiron do emperador o arrendamento das mestrías das ordes militares e a explotación directa das minas de mercurio de Almadén. Trala morte de Anton Fugger, iniciouse a decadencia da casa Fugger ao ser desprazados nos asuntos da coroa hispánica polos banqueiros xenoveses, polo que abandonaron o mundo financeiro e se integraron na aristocracia latifundista. Existiron dúas grandes ramas dentro da familia, a dos Fugger von Kirchberg und zu Weissenborn e a formada polos fillos do conde Anton Fugger, que á súa vez se subdividiu nos Fugger von Glött e nos Fugger von Bavenhausen .