Fuxan os ventos
Grupo musical creado en Lugo en 1972 que emprega a voz como canle de expresión fundamental. No seu repertorio combinan temas de autoría propia con outros de tradición popular e adaptacións de textos poéticos de Manuel María, Darío Xohán Cabana, Marica Campo ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros. Moitas das súas cancións céntranse na denuncia da problemática social e cultural galega, con alusións ao mundo do caciquismo, a emigración, etc. Ademais de Galicia, a súa proxección artística estendeuse a outros puntos do estado español, a Portugal e a diversas cidades europeas, como París, Londres, Bruxelas ou Lorient. A súa produción discográfica comezou en 1976, coa edición do disco Fuxan os Ventos; posteriormente gravaron O tequeletequele (1977), Sementeira (1979), Galicia canta ao neno (1978) e Quen a soubera cantar (1981). Os seus compoñentes foron variando e a comezos de 1983 produciuse a última modificación do grupo, coa incorporación dun trío de música tradicional. Nesta nova etapa o grupo intentou facer maior fincapé na riqueza instrumental e tímbrica así como nos arranxos musicais, manténdose non obstante fieis ao son característico no que atinxe ao aspecto vocal. Froito destas intencións foi o disco Noutrora (1984). En 1989 no Festival de Agapito Marazuela (Segovia), o grupo deu a súa última actuación pública, exceptuando a participación en 1993 na festa que organizou o Sindicato Labrego Galego (SLG) en Láncara (Lugo), e na conmemoración do XXV aniversario da asociación Auxilia en Lugo (1997). En 1999 o grupo reapareceu co disco Sempre e mais despois e a finais de 2002 saíu á luz Na memoria dos tempos.