galeón

galeón

(

  1. s m [MAR]

    Buque da carga ou de guerra, propio dos séculos XV, XVI e XVII, ao que se lle atribúe unha orixe hispánica. Arboraba tres ou catro paos con velas xeralmente cadradas, aínda que tamén tiñan algunhas latinas. No s XII asemellábase a unha pequena galera no seu corte e obra morta, aínda que eran menos longos e máis veloces, cunha soa fila de remos; entre os ss XV e XVII designaba os grandes navíos de alto bordo que se dedicaban ao comercio entre España e Portugal con América, especialmente ao transporte de ouro desde México e Perú. Adoitaban formar grandes convois de ata trinta ou corenta navíos para protexerse dos piratas. Conforme foi evolucionando a súa construción, chegou a acadar un desprazamento dunhas 1000 t.

  2. s m [MAR]

    Embarcación de cabotaxe, construída en Galicia, duns 13 m de eslora e dunhas 15-20 t, que se empregou especialmente nas Rías Baixas desde comezos do s XX ata a década dos 60. A adaptacion ao medio condicionaba o seu tamaño e características de funcionalidade: barrigudos de proa, con moita manga, cuberta ocupada en gran parte pola adega, popa redonda, fasquía mariñeira de proa levemente lanzada e aparello de balandro complementábase polos catro grandes remos que suplían a falta de vento. Calaba pouco e tiña a obra viva moi plana e leme con dúas posicións, unha máis baixa ca a quilla e outra ao mesmo nivel. Construíase con madeira de carballo e piñeiro. Dedicábase, basicamente, ao transporte da sardiña, dende a boca das rías ata as fábricas de salgadura, e mesmo de tellas e ladrillos na ría de Arousa, ou doutros produtos como madeira, sal, barro ou millo. A súa tripulación estaba composta por un patrón e dous mariñeiros; tiña rancho para os tripulantes a proa e cámara para o patrón a popa. Aínda que seguían conservando o aparello, a partir dos anos corenta incorporáronselles motores de explosión de ata 60 CV. A partir da década dos sesenta comezaron a desaparecer aínda que algúns se adaptaron ao traballo nas bateas. Tradicionalmente, considéranse antecedentes do galeón das Rías Baixas, o trincado ou as lanchas de relinga de dúas proas. No porto fluvial de Pontecesures existía outra modalidade de galeón, que se diferenciaba deste na popa, recta e máis estreita ca proa, e no aparello, xa que armaba vela de relinga, axudada ás veces por un pequeno foque.

Palabras veciñas

galénico -ca | galenismo | Galeno, Claudio | galeón | galeopiteco | galeota | galeote