Galicia

Galicia

Comunidade Autónoma do Reino de España situada no extremo noroccidental da Península Ibérica. Limita ao N co Mar Cantábrico, ao O co Océano Atlántico, ao L co Principado de Asturias e a Comunidade Autónoma de Castela e León e ao S con Portugal. Sitúase entre os 43° 48’ e os 41° 49’ de latitude N e os 6° 44’ e os 9° 18’ de lonxitude O. Abrangue unha superficie de 29.574 km2, nos que acolle unha poboación de 2.737.370 h (2002). A capital é Santiago de Compostela.


Xeografía física


O relevo de Galicia caracterízase polo contraste topográfico entre as terras baixas costeiras situadas por debaixo dos 200 m (o 34% do territorio) e as terras máis elevadas do interior. A morfoloxía tamén sofre un marcado contraste entre as chairas elevadas da área setentrional e a sucesión de serras e depresións de orixe tectónica no sector meridional. Unha terceira oposición xeográfica márcaa a litoloxía, na maior parte das ocasións de idades moi antigas, situadas entre o Precámbrico e a Idade Primaria. Neste caso a diferenza márcase nitidamente entre o espazo oriental, no que dominan as rochas metasedimentarias (lousas e xistos fundamentalmente), e a área occidental, na que se dá unha maior presenza de rochas plutónicas e metamórficas.

Xeoloxía

O substrato xeolóxico é un zócolo paleozoico, elevado durante a oroxenia Herciniana e logo achaiado ao longo de toda a Era Primaria, para ser de novo sobreelevado e manter un período de tranquilidade xeolóxica durante o Mesozoico. Xa no Terciario, a oroxenia Alpina fracturou ese antigo zócolo, creando unha mesta rede de fallas e fracturas, que definen a disposición actual do relevo. Esta intensa fracturación provocou un xogo de bloques erguidos e afundidos. Os bloques que coñeceron procesos de subsidencia foron enchidos por sedimentos terciarios, polo que constitúen terras moi aptas para os cultivos e nalgúns casos depósitos significativos de minerais (lignitos das Pontes e Meirama, por exemplo). A finais do Terciario, outro fenómeno de subsidencia, daquela no bordo continental, orixinou a formación de boa parte das rías, afectadas ademais por movementos epiroxénicos verticais. Tamén deste período data a configuración actual da rede fluvial, que se encaixou na nova estrutura xeolóxica, ás veces de xeito moi marcado, como no curso medio do Miño e o val do Sil. O Cuaternario supuxo a aparición de certos episodios periglaciais e tan só algúns retoques, pois o fundamental do relevo galego quedou configurado na Era Terciaria.

Xeomorfoloxía

A historia tectónica e os diferentes procesos erosivos levaron á formación dunha serie de grandes unidades morfolóxicas ben diferenciadas, que permiten delimitar o relevo galego en cinco grandes conxuntos estruturais: o litoral, o prelitoral, as serras setentrionais e a Dorsal Occidental, as chairas, e as serras e depresións orientais.

O LITORAL

O litoral galego, estendido tras unha liña de costa de 1.195 km de lonxitude, posúe unha gran diversidade litolóxica e paixasística; non obstante pódense facer dúas grandes diferenciacións. Por unha banda aparecen as Rías Altas, que abranguen a costa setentrional e o sector Atlántico ata a ría de Muros e Noia, e nas que alternan áreas máis ou menos rectilíneas con outras nas que dominan pequenos entrantes que conforman as rías, que continúan cara ao interior nunha sucesión de vales e terras baixas litorais. Os promontorios rochosos e os cantís están moi desenvolvidos; entre eles sobresaen os da serra da Capelada, con 620 m de caída case vertical ata o mar na Vixía Herbeira. A morfoloxía das Rías Altas débese ao asolagamento de antigos vales fluviais con forma de funil. A rasa cantábrica, plataforma de abrasión mariña situada por debaixo dos 100 m de altitude, desenvólvese dende a fronteira administrativa co Principado de Asturias, na desembocadura do Eo, ata o porto de Burela, cun desenvolvemento medio de 2 km de largo. Este treito litoral das Rías Altas pódese dividir en varias unidades menores: A Mariña, O Ortegal, o Golfo Ártabro e As Mariñas, a Costa da Morte, e a área de transición cara ás Rías Baixas. A Mariña (dende Ribadeo ata Viveiro) é un sector de relevo suave que se desenvolve sobre materiais xistosos no que a fronte costeira apenas presenta entrantes e saíntes, cun perfil rectilíneo só roto polos esteiros dos ríos, como o Masma en Foz, a enseada de Fazouro, o Landro en Viveiro ou o Sor na ría do Barqueiro. No Ortegal sitúanse os puntos máis setentrionais da Península Ibérica, Estaca de Bares e Cabo Ortegal, entre os que se abre a ría de Ortigueira. O Golfo Ártabro e As Mariñas desenvólvense cara o S de Cabo Ortegal, enmarcados polo N polos cantís da serra da Capelada, con pendentes que chegan a superar o 80%. Inmediatamente ao S, ábrese a ría de Cedeira. Entra esta ría e a de Ferrol a costa vólvese rectilínea, os entrantes e saíntes pechados por barras sedimentarias deixaron no seu interior lagoas costeiras, como as de Rega en Pantín e a da Frouxeira (Valdoviño) ou a de Doniños (Ferrol). A ría de Ferrol, de boca estreita modelada sobre granitos, amplíase no seu interior, aberto sobre xistos. O Golfo Ártabro continúa nas rías de Ares, de Betanzos e da Coruña, máis abertas que a de Ferrol e cun relevo moi suave. A Costa da Morte, entre A Coruña e Fisterra, é moi rochosa e abrupta, desenvolta sobre granitos; os seus cantís ábrense en ocasións, formándose grandes areais con complexos dunares como os de Baldaio, Traba, Camelle, A Barra, Trece, Nemiña, O Rostro, etc; tamén acolle pequenas enseadas, como as de Barizo, Barda e O Cuño, e pequenas rías, como as de Corme e Laxe ou a de Camariñas. Finalmente, a área de transición cara as Rías Baixas caracterízase pola estreita chaira litoral ao pé de vigorosos relevos como o Monte Pindo. A ría de Corcubión serve de empalme coa área costeira das Rías Baixas. O segundo gran sector costeiro son as Rías Baixas, que se estenden dende O Ézaro ata a foz do Miño. Neste treito litoral tamén se poden diferenciar varias unidades: o sector entre O Ézaro e Louro, a ría de Muros e Noia, a ría de Arousa, a ría de Pontevedra, a ría de Vigo e a área dende cabo Silleiro ata o esteiro do Miño. O sector comprendido entre O Ézaro e Louro presenta algúns restos da rasa litoral a moi poucos metros sobre o nivel do mar. Entre as puntas de Caldebarcos e Lira ábrese a praia de Carnota, a máis extensa de Galicia, con formacións lacustres e dunares. A ría de Muros e Noia presenta unha morfoloxía de fractura en dirección SO-NL, coa marxe setentrional máis recurtada que a meridional. O enlace coa ría de Arousa faise a través do areal de Corrubedo, cun gran complexo dunar e lacustre; entre as rías de Muros e Noia e de Arousa érguese a Península do Barbanza, bloque erguido e basculado a favor de fallas de dirección N-S. A ría de Arousa, formada por fenómenos de subsidencia, destaca polos diferentes niveis mariños na Illa de Arousa, no Salnés ou na enseada da Toxa. Entre esta ría e a de Pontevedra atópase outro grande areal, o da Lanzada. A ría de Pontevedra ten unha dirección SO-NL; os seus bordos ofrecen pequenos tramos achaiados coa presenza dun antigo nivel costeiro a 100 m. As acumulacións areosas son menos abundantes ca noutros tramos do litoral. Á súa entrada atópanse as Illas de Ons, de litoloxía granítica, cun relevo baixo. A península do Morrazo sepáraa da ría de Vigo. A ría de Vigo, é morfoloxicamente moi parecida á de Pontevedra, aínda que máis ampla e cun maior desenvolvemento dos areais (Barra, Samil, O Vao, Praia América, Sabarís, etc); tamén na súa boca aparece un pequeno arquipélago, as Illas Cíes. A morfoloxía litoral cambia de xeito profundo no sector que se estende entre Cabo Silleiro e a desembocadura do Miño. A liña de costa alóngase en dirección N-S sen apenas accidentes. O litoral faise abrupto e rochoso, con cantís constantes, aínda que de escasa altitude. Os montes da Groba érguense como unha serra litoral.

O PRELITORAL

Unha vez sobrepasada a costa e un pouco cara ao interior aparece unha longa e estreita depresión tectónica que se estende dende Carballo a Tui e que se prolonga ao S cara ao Porto, en Portugal. Máis alá deste sector afundido ábrese a continuación, cara ao L, o conxunto denominado prelitoral, que chega ata as serras setentrionais e a Dorsal Occidental Galega. Neste espazo domina a horizontalidade, cunha litoloxía moi homoxénea que dá lugar a unha paisaxe que só se diferenza polos diversos matices climáticos que presenta. Nel pódense individualizar dous sectores: o prelitoral cantábrico e o atlántico. O primeiro esténdese entre a rasa litoral do N e a serra do Xistral, serra de Buio, serra da Carba, Cordal de Neda, serra de Lourenzá e serra de Meira. Neste espazo dominan pequenas áreas achaiadas e vales perpendiculares á costa. Un primeiro chanzo topográfico sitúase en torno aos 500 m, formado pola serra de Buio e os montes Cabaleiros; o segundo aparece aos 700 m, máis ao S, ata a serra do Xistral. Fóra destas áreas aplanadas domina un relevo contrastado de vales e interfluvios (dos ríos Eo, Masma, Valiñadares, Baus, Ouro, Moucide e Landro). Pola súa banda, o prelitoral atlántico presenta unha diferenciación clara entre dúas bandas paralelas que se estenden de N a S, a primeira preto do litoral, a franxa exterior, e a segunda, a franxa interior, máis próxima ás serras occidentais. A franxa exterior ábrese dende a ría de Ortigueira ata a Depresión do Tea. Esta área é de transición litoral-serra, caracterizada por un relevo que se descompón nunha serie de superficies achaiadas dispostas en chanzos, frecuentemente fracturados en dirección NO-SL ou NL-SO. Estas áreas achaiadas alternan con vales fluviais. No prelitoral atlántico existen, ademais, unha serie de depresións de orixe tectónica (Roura, Depresión Meridiana, As Pontes, Meirama, Tea e Oleiros) cubertas por sedimentos de areas, arxilas e gravas, moitas veces superpostos a lignitos (Meirama e As Pontes). Tamén rompen a morfoloxía os vales dos tres ríos máis importantes que atravesan este sector: o Tambre, o Ulla e o Miño. A franxa interior, pola súa parte, serve de transición ás serras. Ao S da depresión das Pontes érguese a serra de Queixeiro (800 m); despois, entre Monfero e Aranga aparecen dous chanzos topográficos, aos 400 e 600 m, que dan paso ao S á Terra de Ordes, xistosa, onde a altitude se reduce aos 400-500 m. A extensa rede fluvial apenas se encaixa neste tramo, e circula divagante. Na Terra de Santiago continúa esta topografía chaira, na que só sobresaen algúns relevos residuais como o dique de cuarzo do Pico Sacro. Ao S do Ulla aparece unha maior disección fluvial protagonizada polos seus tributarios Arnego, Asneiro e Deza.

AS SERRAS SETENTRIONAIS E A DORSAL OCCIDENTAL

Superado o tramo prelitoral álzanse unha serie de serras que fan o tránsito cara á Galicia interior. Ao S do prelitoral cantábrico aparecen as serras setentrionais, superficies aplanadas erguidas pola tectónica. Trátase dos Montes Guriscado (928 m), a serra do Xistral (O Cadramón, 1.056 m) e o Cordal de Neda. Cara o L estas serras presentan unha alternancia litolóxica en bandas (xistos, granitos, ollo de sapo, lousas, calcarias nas terras de Mondoñedo, cuarcitas) que favorece a aparición dun relevo apalachense (produto da erosión diferencial). Ao L do prelitoral atlántico tamén xorden unha serie de serras, que constitúan a Dorsal Occidental. Seguindo esa disposición sucédense as serras da Coriscada (700 m) e da Faladoira, caracterizadas por un relevo de tipo apalechense, da Cova da Serpe, do Careón e do Farelo (840 m), basculadas cara o L e nas que dominan os granitos, os xistos e o ollo de sapo. Máis cara ao S a serra do Faro (1.187 m) serve de límite ás comarcas do Deza, ao O, e de Chantada, ao L. Este cordal mostra evidentes pegadas da glaciación Würm do Cuaternario. Cara ao S o relevo complícase nun xogo de bloques erguidos e afundidos, que proporcionan maior dimensión ás serras (Faro de Avión, montes do Testeiro, serra do Candán, do Suído, do Cando, montes da Paradanta) que se diferencian con moita maior nitidez dos vales profundos dos ríos Lérez, Verdugo e Oitavén polo O, do Avia polo L e do Miño.

AS CHAIRAS

Superados estes relevos, ábrese paso á Galicia interior, situada entre eles e as serras orientais e sudorientais. Neste amplo espazo o relevo descomponse en tres unidades morfolóxicas: as superficies achaiadas, as depresións tectónicas e os vales fluviais, moi encaixados no sector meridional da Galicia interior. De N a S o primeiro sector é a Terra Chá, que se estende entre as serras setentrionais, a Dorsal Occidental, a serra de Meira ao L e o val do Miño, ao S. Na Terra Chá diferéncianse, á súa vez, tres unidades: un nivel achaiado a 600 m nas terras de Xermade, Guitiriz, Vilalba, Begonte e Lugo; unha área deprimida central situada entre Rábade, Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei, fosilizada por materiais arxiloso-areosos; e, un nivel achaiado superior situado a 700 m., que se estende por Meira e Rebordaos, próximo aos bordos das serras orientais. Na Terra Chá o relevo é moi pouco ondulado. Un segundo sector está constituído pola Meseta Lucense e as depresións de Lemos, Sarria e Chantada. A partir de Lugo percíbese un progresivo encaixamento da conca fluvial do Miño, que orixina un relevo contrastado entre sectores chairos cortados por vales pechados con pendentes que chegan a superar o 50% de desnivel. Entre o val do Miño e as serras orientais superpóñense diferentes niveis (o superior a 700 m), basculados cara ás liñas de fractura dominantes, con dirección NNL-SSO, como se aprecia con claridade entre as depresións de Lemos e Sarria ou a que afecta ao río Cabe na súa cabeceira. Neste sector aparece a Depresión de Sarria-Lemos, de morfoloxía achaiada e tapizada de sedimentos arxilosos, glacis e terrazas fluviais. Cara ao O, entre a Terra de Chantada, o val do Avia e o val do Miño, esténdense novamente superficies aplanadas con chanzos aos 700 e 500 m nos municipios da Peroxa, Amoeiro, O Carballiño e Maside. O val do Sil entre Quiroga e Os Peares está profundamente encaixado, e forma canóns con pendentes que chegan ao 75%. Entre Os Peares e Ribadavia, o val do Miño aparece igualmente pechado, con frecuentes cambios de dirección entre Ourense e Ribadavia, para acomodarse á rede de fracturas NL-SO).

AS SERRAS E DEPRESIÓNS ORIENTAIS

Máis alá do val do Miño-Sil, ábrense máis depresións tectónicas, na Galicia sudoriental, como a depresión de Valdeorras, con dirección L-O, achaiada no seu fondo grazas á acumulación de depósitos sedimentarios variados. O mesmo sucede na depresión de Quiroga, aberta nunha fractura NL-SO que aproveitaron os ríos Quiroga e Sil para instalarse. Ao S do val do Miño aparecen outras tres unidades morfolóxicas: as serras de Manzaneda e Trevinca; as depresións tectónicas de Maceda, A Limia, Monterrei e O Bolo; e as superficies achaiadas que separan esas depresións. Estas superficies de aplanamento aumentan en altitude cara ao S: un primeiro chanzo, a 400 m, ten como vértices as unións Arnoia-Miño, Sil-Miño e as depresións de Maceda e A Limia. A 500 m aparece o segundo, que se superpón ao anterior entre Cartelle e Barbadás. Finalmente, existe un terceiro a 800 m, entre Celanova, Verea e Esgos, que bordea polo S as depresións de Maceda e A Limia. A depresión de Maceda está delimitada por fallas de dirección NO-SL polo NO e polo SL. No seu sector occidental o límite é o nivel de aplanamento de Esgos, mentres que polo L é un salto de falla cara o macizo de Manzaneda no alto do Rodicio (1.000 m). No seu fondo aparecen sedimentos (arxilas, gravas, areas, lignitos e seixos) do Terciario e do Cuaternario. Presenta un relevo suavemente ondulado debido á acción fluvial. Ao S ábrese a depresión da Limia, xurdida a partir de fracturas NL-SO, que acadan unha altitude de 800-900 m polo O e 900 m polo L e S; dunha grande horizontalidade, nela aloxábase a desecada lagoa de Antela. Os sedimentos que acolle son moi similares aos de Maceda, e parece ter a súa orixe en fenómenos de subsidencia. Cara ao SL aparece outra depresión, a de Monterrei, separada das da Limia e Maceda por un bloque erguido ata os 900 m. O seu fondo tamén é plano e cuberto por materiais similares aos anteriores, pero presenta un contacto cos seus bordos moito máis brusco. As serras Orientais e Sudorientais, que superan os 2.000 m de altitude (Pena Trevinca, 2.124 m). Pódense distinguir varios tramos: un primeiro que se sitúa entre os vales do Eo e do Sil; outro entre o Sil e a Depresión de Monterrei; e un terceiro que se estende polas serras que serven de fronteira con Portugal. As serras situadas entre o Eo e o Sil érguense sobre unha litoloxía de lousas, cuarcitas e calcarias, con pequenas áreas graníticas: son as serras do Pozo, Portelo, Pedruñais, Foncuberta, Calamouco, Os Ancares, O Piornal, O Rañadoiro, O Courel e serra dos Cabalos. Presentan unha morfoloxía apalachense, con alternancia de cristas cuarcíticas e vales, na que a acción das cabeceiras dos ríos Miño, Eo, Navia, Sil e os seus respectivos afluentes foi fundamental xunto cos movementos tectónicos e cos modelados glacial e periglacial. Ao sur do Sil aparecen o Macizo de Manzaneda e o de Trevinca, separados pola Depresión do Bolo, situada nunha fractura N-S. No Macizo de Manzaneda (serras de Queixa, San Mamede, O Burgo, As Corzas e O Invernadeiro) predominan os materiais graníticos, polo que a erosión diferencial é escasa, cunha certa monotonía de formas e unha notable presenza de modelado glacial por riba dos 800 m. No Macizo de Trevinca a morfoloxía é similar, alombada, só rota polo encaixamento do río Bibei, que revitaliza a paisaxe. Nos cumios a acción dos glaciares é evidente, con vales en “U”, sobre todo na Serra de Segundeira. As serras limítrofes con Portugal (O Larouco, O Xurés, Santa Eufemia, Leboreiro ou Quinxo) presentan unha litoloxía granítica, basculada pola tectónica e disecada polos ríos, tamén con pegadas da acción glacial e periglacial.

Climatoloxía

A situación á beira do océano e a latitude na que se atopa marcan os caracteres climáticos de Galicia. A orografía é o outro factor definitorio do clima, que favorece a subdivisión interna nunha serie de variedades climáticas. A Circulación Xeral Atmosférica deixa a presenza dun forte fluxo zonal do O que orixina, en ocasións, circulación meridiana. A posición de Galicia no límite das latitudes medias, entre os 41° e 43° N, fai que existan uns contrastes estacionais moi marcados, pois altérnase a influencia da fronte polar no inverno e das altas presións subtropicais (anticiclón dos Açores) no verán. A circulación aínda se torna máis complexa ao chegar, nalgunhas ocasións, dorsais anticiclónicas do Atlántico, que desvían o fluxo do O e favorecen a chegada de aire meridiano, sobre todo aire frío ártico. Esta variedade de condicións atmosféricas explica a diversidade notoria de tipos de tempo que se rexistran en Galicia. O clima presenta trazos comúns con todos os climas oceánicos de Europa occidental, pero tamén características diferenciais. Os elementos comúns son as continuas chegadas de masas húmidas do O que favorecen intensas precipitacións, suavidade térmica invernal e veráns frescos. Non obstante , Galicia individualízase pola seca estival acentuada e a maior duración do verán. A pesar da relativa uniformidade dos caracteres climáticos que imperan en toda Galicia, non se pode falar dun clima único para o conxunto do territorio, no que se poden distinguir cinco variedades climáticas: a do litoral, a das plataformas occidentais, a da chaira, a das depresións sudorientais e a das áreas montañosas.

CLIMA LITORAL

Dentro do clima do litoral diferéncianse ben tres áreas. En primeiro lugar o clima da Mariña (entre Estaca de Bares e Ribadeo), que afecta a unha franxa costeira estreita (25 km) e se caracteriza pola temperatura media anual máis fresca das variedades climáticas litorais: os meses máis fríos superan os 8°C mentres que os rexistros medios dos máis calorosos fican por baixo dos 19°C. A barreira orográfica das serras setentrionais (dende a serra da Loba ata a de Meira) provoca abrigo aerolóxico con respecto aos ventos do S e SO, de xeito que existen menos precipitacións (1.500 mm) que nas Rías Baixas. Ten a oscilación térmica máis pequena (entre 7°C e 8°C) de toda a fachada occidental europea debido á combinación de invernos suaves e veráns con escasos días de calor. Chove menos de 130 xornadas anuais. En segundo lugar está o clima do litoral atlántico do NO (entre Estaca de Bares e Fisterra), que recibe a influencia directa e intensa dos fluxos ciclónicos do NO. Suavidade térmica e precipitacións moderadas son os seus caracteres esenciais. A temperatura media chega aos 14°C e a amplitude estacional é baixa (8-9°C). As precipitacións sitúanse entre 1.000 e 1.500 mm, que se reparten nuns 150 días de chuvia. Dáse un déficit hídrico estival, só notable no mes de agosto. Por último, está o clima das Rías Baixas, ao S de Fisterra. Aquí increméntanse sensiblemente as temperaturas (media superior a 15°C) e as precipitacións (1.500-2000 mm) debido ao aumento da insolación e á presenza de relevos vigorosos, así como á orientación favorable das rías aos fluxos do SO. Increméntase a aridez estival, entre os meses de xullo e agosto.

CLIMA DAS PLATAFORMAS OCCIDENTAIS

O clima das plataformas occidentais, que afecta ás cuncas altas dos ríos Tambre, Xallas e Eume, entre 200 e 500 m de altitude, caracterízase polo descenso da seca estival e maiores contrastes térmicos, polo distanciamento do mar e á altitude. Recibe precipitacións elevadas (1.500-2.000 mm) debido á exposición favorable tanto aos ventos do N e NO como aos do S e SO. A temperatura media anual baixa con respecto ao litoral (11-12° C); as medias mensuais máis baixas sitúanse por baixo dos 8°C e as máis altas non soben dos 19°C. O maior afastamento do mar favorece a presenza de xeadas invernais.

CLIMA DAS CHAIRAS

O clima das chairas explícase polo efecto de abrigo orográfico que exercen sobre elas as serras setentrionais e occidentais, que modifican as características térmicas e de humidade das masas de aire procedentes do mar. Unha primeira consecuencia disto é o descenso acusado das precipitacións; tamén se rexistra unha maior incidencia da continentalidade nas temperaturas. A Dorsal Occidental actúa como pantalla pluviométrica, o que fai que os rexistros de precipitacións descendan aos 1.000-1250 mm. A altitude media elevada (400-500 m), o afastamento do litoral e o abrigo da Dorsal acentúan as oscilacións térmicas, tanto anuais como diúrnas. A temperatura media anual sitúase nuns 12°C, mentres que as temperaturas medias mínimas baixan dos 6° e a máxima estival non supera os 18°C. A amplitude térmica anual medra ata os 11 ou 13°C. Con estas condicións térmicas o risco de xeadas esténdese de outubro a maio.

CLIMA DAS DEPRESIÓNS SUDORIENTAIS

As depresións sudorientais reciben unha menor influencia oceánica, aínda que segue sendo importante, e presenta certos matices continentais e mediterráneos. Pódese establecer unha diferenza entre as depresións de matiz cálido e as de matiz frío. Nas primeiras, de altitude media inferior a 400 m, como as de Ourense, Monforte e o val do Sil, onde as precipitacións descenden ata o límite do clima oceánico (800 mm), e o período húmido redúcese a cinco meses, con menos de 100 xornadas anuais de precipitación. A temperatura media mínima anual non é moi baixa (8° C) pero as máximas son moi altas (22° C). O déficit hídrico esténdese de xuño a setembro. Nas depresións de matiz frío, situadas por riba dos 600 m de altitude media, as temperaturas medias invernais (entre decembro e febreiro) non superan 1° C e no verán os 10° C; ademáis as precipitacións son relativamente modestas (900 mm anuais).

CLIMA DE MONTAÑA

O clima de montaña é o que rexe nas áreas situadas en altitudes superiores aos 800 m sobre o nivel do mar, é dicir, na Dorsal Occidental, nas serras setentrionais e nas orientais e sudorientais. Os invernos son fríos e húmidos e os veráns secos, con días calorosos e noites frescas. A neve fai acto de presenza máis de 20 días ao ano.

Hidrografía

A rede fluvial galega é resultado da interrelación de dous factores: a xeomorfoloxía e a pluviosidade. A disposición do relevo e as elevadas precipitacións favorecen a existencia de numerosísimos cursos fluviais, a maioría deles de curto percorrido. A tectónica orixinou unha intensa rede de fracturas e unha estruturación do relevo en bloques, responsables do trazado de moitos dos ríos galegos e da fragmentación das numerosas cuncas fluviais. Todos os ríos galegos amosan un réxime de tipo pluvial atlántico ou oceánico, que se caracteriza pola abundancia e regularidade nos caudais, con enchentes invernais e estiaxes moderadas no verán. Os ríos que desembocan na vertente cantábrica (Navia, Eo, Masma, Ouro, Landro, Sor, Mera) son os que teñen a maior regularidade no seu réxime debido aos caracteres climáticos dese conxunto xeográfico. Pola contra, os que desaugan nas Rías Baixas (Tambre, Ulla, Deza, Umia, Lérez, Verdugo, Oitabén, Lagares), presentan descensos moi importantes no seu caudal durante o verán. Mentres que os ríos que desembocan no Golfo Ártabro e na área de Fisterra (Grande de Xubia, Eume, Mandeo, Mero, Anllóns, Grande, Castro e Xallas) manteñen uns caracteres intermedios. O Miño, e o seu principal afluente, o Sil, merecen unha mención á parte, xa que tanto por constituírse nunha longa arteria fluvial que atravesa o territorio da comunidade autónoma de L e NL a SO, como pola amplitude da súa cunca e a diversidade de áreas climáticas que atravesa, teñen unha variabilidade no seu comportamento hídrico que os individualiza respecto ao resto de ríos de Galicia.

Medio Ambiente

A situación xeográfica de Galicia, nas latitudes temperadas do Hemisferio Norte (42-42°), afastada da meseta castelá polas serras orientais -que chegan ata os 2.000 m de altitude- e baixo a influencia docificadora do Océano Atlántico, nun litoral que se estende ao longo de 1.195 km, convértese nunha das rexións de maior valor ecolóxico de Europa. Esta riqueza é produto da variabilidade dos factores ambientais e humanos aos que estivo e está sometido este territorio: diversidade climática con notables variacións internas dende os climas hiperhúmidos aos mediterráneos; morfoloxía contrastada que, a xeito de grandes chanzos, avanza de L a O en cinco grandes unidades de relevo; rede hidrográfica extensa e incisiva, resultado da abondosa pluviometría e dunha intensa fracturación a finais do Herciniano; solos con características moi diferentes, formados sobre rochas ácidas, como os granitos, xistos, lousas e cuarcitas, e incluso sobre calcarias e sobre rochas básicas, como gabros e serpentinitas; o milenario proceso de antropización da paisaxe. Bioxeograficamente, Galicia inclúese no Reino Holártico e forma parte de dúas grandes rexións bioxeográficas: a eurosiberiana e a mediterránea. Á rexión eurosiberiana pertence a provincia cántabro-atlántica, cos sectores galego-asturiano (litoral cantábrico) e galego-portugués (todo o prelitoral e litoral galego atlántico, a dorsal meridiana e as montañas centrais e sudoccidentais) e a provincia orocantábrica, co sector laciano-ancarense (serras dos Ancares e O Courel). Á rexión mediterránea pertence a provincia carpetano-ibérico-leonesa co sector ourensán-sanabriense (serras sudorientais, depresións do Miño-Sil e de Lemos). En canto aos pisos bioclimáticos, detéctanse en Galicia os pisos colino, montano e subalpino na rexión eurosiberiana e os pisos mesomediterráneo, supramediterráneo e oromediterráneo na rexión mediterránea. Esta ampla gama de ambientes, con acusados contrastes, variados matices e paisaxes cambiantes, zona de transición entre esas dúas grandes rexións bioxeográficas, e polo tanto área límite para moitas especies, é a orixe de moi diversos hábitats naturais e de valiosos ecosistemas. En Galicia, segundo o inventario realizado para a Rede Natura 2000, existen múltiples e diferentes hábitats naturais, representativos de cada rexión e provincia bioxeográfica, dos que 56 tipos están clasificados como “hábitats de interese comunitario” (con presenza de preto da metade dos inventariados en España) e 10 como “hábitats prioritarios” (de especial interese para a súa protección). En razón á súa extensión, grao de naturalidade, nivel de ameaza ou representatividade, cómpre sinalar os seguintes: hábitats do litoral mariño, como bancos de area, esteiros, planos fangosos ou areosos, lagoas litorais, cantís marítimos, coídos, marismas e pastizais salinos e dunas marítimas móbiles ou fixas; hábitats de auga doce: augas oligotróficas, lagos eutróficos, lagos e estanques distróficos naturais, estanques temporais e cursos fluviais; brezais e matogueiras: brezais húmidos atlánticos de Erica ciliaris e Erica tetralix, brezais secos europeos, brezais secos atlánticos costeiros de Erica vagans, brezais alpinos e boreais e brezais oromediterráneos; matogueiras esclerófilas: matogueiras submediterráneas de piso montano con Cytisus purgans e matogueiras arborescentes mediterráneas en monte baixo de loureiros; formacións herbosas naturais e seminaturais: prados naturais cársticos e subalpinos e prados ibéricos silíceos, prados secos seminaturais con matogueiras sobre substratos calcarios, zonas subestépicas de gramíneas, formacións herbosas con Nardus sobre substratos silíceos de zonas montañosas, prados húmidos mediterráneos de herbas altas, megaforbios higrófilos de eutrofia das penechairas e dos pisos montano a alpino, e prados pobres de sega de baixa altitude; turbeiras: turbeiras ácidas de esfagnos nas que destacan as turbeiras activas de cobertura; hábitats rochosos e covas: desprendementos rochosos, pendentes rochosas con vexetación casmófita e covas non explotadas polo turismo; bosques: bosques da Europa temperada con faiais acidófilos atlánticos e bosques aluviais de amieiros e freixos. Bosques mediterráneos caducifolios con carballeiras galego-portuguesas de veriños e cerquiños, soutos e bosques de galería de salgueiros e chopos. Ademais, bosques esclerófilos mediterráneos con sobreiras, aciñeiras e acevedas. En canto á flora, en Galicia están catalogadas preto de 2.300 especies diferentes, a cuarta parte das existentes na Península, das que 77 son fentos, 9 ximnospermas, 570 monocotiledóneas e o resto dicotiledóneas. Suponse un nivel de endemicidade de preto do 8% sobre o conxunto peninsular, cun total de 47 endemismos galegos exclusivos. Fitoxeograficamente, atópanse en Galicia elementos atlánticos característicos da Galicia húmida e costeira moi ben representados con especies tan senlleiras, como o carballo (Quercus robur) e o toxo arnal (Ulex europeae); elementos mediterráneo-ibéricos que contrastan cos anteriores, propios da Galicia interior máis seca e quente, como o rebolo ou cerquiño (Quercus pyrenaica) e a aciñeira (Quercus ilex); elementos mediterráneo-lusitánicos como a sobreira (Quercus suber) que acada o interior de Galicia dende a costa subindo polos vales fluviais, o érbedo (Arbutus unedo) e o loureiro (Laurus nobilis); elementos árticos e centroeuropeos de reducida extensión, como os cimbros (Juniperus nana) dos cumios de Ancares e Trevinca, a faia (Fagus sylvatica) característica das montañas orientais (destaca o faial de Pintinidoia), e o teixo (Taxus baccata) con presenza nos Ancares, no Courel e no Teixedal de Casaio en Trevinca; e elementos paleotropicais, relitos da era terciaria, como a Culcita macrocarpa ou a Davalia canariensis. No que respecta á fauna, existen en Galicia 262 especies de vertebrados inventariados, dos que 12 son peixes de augas doces, 15 anfibios, 24 réptiles, 152 aves e 59 mamíferos. Ademais, están catalogadas outras 296 especies mariñas que habitan o litoral ou percorren periodicamente as costas galegas. Pola súa rareza, endemicidade, poboacións diminuídas, hábitats restrinxidos ou ameazados ou, en xeral, polo seu interese ecolóxico para a conservación, destacan as seguintes especies: a) mamíferos: oso pardo, catalogado en perigo de extinción; londra, gato montés, auganeira dos Pireneos, visón europeo, leirón gris e careto, marta, algaria, tourón, lobo, doniña, garduña, teixugo, ourizo cacho e morcegos; b) anfibios e réptiles: ra patilonga, rela común ou estroza, sapo de esporóns, sapoconcho común, salamántiga rabilonga, lagarto das silveiras, cobra lagarteira común, ra común, ra vermella e vívora de Seoane; c) peixes: lamprea mariña, salmón, boga, barbo e sábalo; d) aves: pita do monte, aguia real, aguia perdiceira, miñato queimado, rapina cincenta, gatafornela, falcón peregrino, bufo real, sisón, calandra común, pica papuda, escribenta das hortas e corvo carnazal. Todas estas especies requiren algún tipo de protección segundo a vixente lexislación, ben das súas poboacións ou dos seus hábitats, e as máis das aves -agás as cinexéticas- están protexidas. No que atinxe a espacios naturais, a maior aposta pola conservación in situ da natureza en Galicia baséase na denominada Rede Natura 2000, que pretende ser unha rede ecolóxica e coherente para a protección dos hábitats e especies máis ameazados ou de especial interese na Unión Europea. A proposta galega para a creación das Zonas de Especial Conservación (ZECs) inclúe un total de 369.469 ha (12,5% da superficie de Galicia) repartidas en 8 Zonas de Especial Conservación para as Aves (ZEPAS) e 57 Lugares de Interese Comunitario (LICs), en ecosistemas moi diferentes que van dende as altas montañas orientais ata as zonas marítimo-terrestes do Atlántico, e con superficies moi variables que espallan dende as 102.685 ha do LIC de Ancares-Courel ata as 12 ha do LIC do río Lérez. En 2003 a Rede de Espacios Naturais Protexidos de Galicia está formada polas seguintes figuras: Parque Nacional das Illas Atlánticas (8.496 ha); parques naturais; Baixa Limia-Xurés (20.920 ha), Montes do Invernadoiro (5.722 ha), Serra da Enciña da Lastra (3.151 ha), Monte Aloia (746 ha), Complexo Dunar de Corrubedo (550 ha) e Fragas do Eume (9.126 ha); monumentos naturais, como o Souto de Rozavales (1,8 ha), a Fraga de Catasós (4,5 ha); o Souto da Retorta (3,2 ha) e Costa de Dexo (266 ha). Ademais destes espacios, existen cinco zonas húmidas de importancia internacional (RAMSAR) con 8.026 ha; tres lugares de interese nacional con 58 ha; e a reserva nacional de caza de Ancares con 12.667 ha que contén tamén unha zona de especial protección para o oso pardo.

Xeografía humana


Evolución demográfica

A poboación galega experimentou un moderado crecemento (32%) no s XX, pois pasou de 2.073.638 h en 1900 a 2.737.370 h en 2002. Este incremento demográfico, sen embargo, non foi uniforme nin no espazo nin no tempo, xa que a nivel xeral se pode establecer, por unha banda, unha clara dicotomía na evolución seguida polas comarcas litorais, máis dinámicas, respecto das do interior; e, por outra, unha data que marca un claro cambio de tendencia: 1960. A evolución acontecida dende esta data pódese resumir en sete etapas ben diferenciadas: a primeira delas abrangue entre 1860 (1.799.244 h) e 1900. Entre 1900 e 1930 (2.230.281 h) desenvolveuse a segunda etapa, na que xa se deixou notar de xeito acusado o diferente ritmo de crecemento entre as comarcas occidentais e orientais en favor das primeiras; ese foi o momento de máxima intensidade da emigración ultramariña, que se viu contrarrestada por un elevado crecemento vexetativo. O litoral medrou ao abeiro da conxuntura da industrialización da pesca e os negocios derivados da neutralidade durante a Primeira Guerra Mundial. Os anos trinta e corenta constituíron a terceira etapa, na que en Galicia se deu o crecemento máis destacado e de xeito máis equilibrado. A crise económica mundial (tralo crack bursátil de Nova York en 1929) orixinou o cesamento da recepción de inmigrantes nos países de destino tradicional. Despois, a crise bélica (Guerra Civil e Segunda Guerra Mundial) mantivo a tendencia. No decenio seguinte restablecéronse os fluxos emigratorios americanos e europeos. Entre 1950 (2.604.200 h) e 1970 (2.583.674 h), perdeuse poboación no conxunto galego, ao iniciarse a emigración cara a Europa e as cidades españolas máis desenvolvidas como consecuencia da falta de rendibilidade e expectativas de futuro nas actividades agropecuarias. Entre 1970 e 1981 (2.753.836 h) a poboación galega recuperouse moderadamente da caída demográfica anterior. Este crecemento non foi uniforme no conxunto do país, pois concentrouse basicamente nas cidades, especialmente en Vigo, A Coruña e Ferrol, centros industriais que exerceron unha grande atracción demográfica. Entre 1981 e 1991 (2.720.445 h), volveuse perder poboación. O descenso estivo motivado polo elevadísimo saldo vexetativo negativo, particularmente importante a partir de mediados dos anos oitenta. O avellentamento demográfico comezaba a amosarse xa como irreversible. Finalmente, nos anos noventa, dende 1991, experimentouse un estancamento propiciado polo avellentamento demográfico.

Comportamento vexetativo e estrutura por idades

Polo que respecta ao movemento natural hai que dicir que en Galicia as taxas de natalidade seguiron en xeral unha evolución parella, aínda que algo máis atrasada, á do resto do mundo do mundo desenvolvido. A comezos do s XX situábanse ao redor do 35‰. Esta taxa foise reducindo lentamente ata mediados dos anos trinta, cando a redución incrementou a súa magnitude como consecuencia da Guerra Civil. Tralo conflito bélico recuperouse, pero deseguida volveu caer de xeito moderado ata chegar a mediados da década de 1980, momento a partir do cal a redución foi máis notable, ata acadar uns valores (6,7‰ en 2000) que se sitúan entre os máis baixos de Europa Occidental. Entre as causas desta natalidade tan baixa cómpre citar a xeneralización dos métodos anticonceptivos e o control voluntario dos nacementos, o elevado gasto que supón o mantemento dos fillos, as dificultades laborais das nais diante da maternidade ou o avellentamento, que fai que mingue a proporción de persoas en idade de procrear. A mortalidade seguiu unha evolución similar, pois a comezos do s XX presentaba taxas altas. Aínda que o descenso foi continuo, paralelo ás melloras hixiénicas e sanitarias, houbo certos momentos nos que medrou de xeito puntual, especialmente durante o andazo de gripe de 1918 e os anos 40, coa posguerra. En 1900 superaba o 20‰; en 1950 xa se reducira á metade, para seguir o descenso ata os anos oitenta, momento no que ascendeu por mor do forte avellentamento, ata recuperar valores semellantes aos da metade do s XX (10,4‰). Os índices de mortalidade municipais ofrecen unha visión moi clara da existencia dunha Galicia occidental e costeira, máis nova, fronte á interior e oriental cuns extremadamente altos índices de senectude. No referente á estrutura por idade e sexo hai que salientar como Galicia a comezos do século XX presentaba unha auténtica morfoloxía triangular nas súas pirámides de idades, cunha porcentaxe maioritaria de poboación de idade nova, que se ía estreitando cara ao cumio. Esta morfoloxía foi transformándose progresivamente como consecuencia dos procesos emigratorios e do avellentamento, ata chegar a unha pirámide de idades con forma de urna, de base moi estreita froito da redución da natalidade, e cun ensanchamento progresivo cara ao cumio debido ao maior peso relativo da poboación adulta e anciá.

Movementos migratorios

A emigración foi moi importante en Galicia e influíu decisivamente na súa estrutura por idades. Foi especialmente relevante entre mediados do s XIX e os anos setenta do s XX. A emigración transoceánica, fundamentalmente cara a Sudamérica durou aproximadamente ata 1960. Cuba, Arxentina, Brasil e Uruguay recibiron importantes continxentes de galegos ata 1930. A maior parte dos emigrantes (estímase que o 80%) eran homes que ían sos. Esta corrente viuse interrompida coa Primeira Guerra Mundial e coa crise económica internacional iniciada en 1929, á que seguiu a Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial. Ata 1945 non se retomou a corrente, pero foi xa máis modesta. Venezuela foi nesta ocasión o país que máis man de obra demandaba, fundamentalmente para as explotacións de petróleo. Os portos de Vigo e A Coruña monopolizaron, case de xeito, exclusivo as saídas cara a América. A situación muda a partir de 1960, cando os países máis industrializados de Europa Occidental comezaron a demandar moita man de obra. A maior proximidade e as dificultades para emigrar a América, debido ás crecentes trabas para a entrada de inmigrantes, favoreceron o cambio de destino dos fluxos emigratorios. Destacaron como países receptores Alemaña, Francia, Suíza, Bélxica, os Países Baixos e o Reino Unido. A partir de 1973 diminuíu a emigración exterior, como consecuencia da crise económica internacional. As migracións interiores tamén foron moi significativas. A partir de 1950 os núcleos industriais españois (Barcelona, Madrid e Bilbao) atraeron a moitos galegos. Ao longo do s XX, Galicia perdeu por mor da emigración ao redor dun millón de habitantes.

Poboamento

No tocante ao poboamento, o primeiro feito a destacar é o elevado número de entidades singulares de poboación existentes, máis de 30.000, que supoñen a metade das que existen en España. Esta situación produce grandes dificultades para dotar de servicios e infraestruturas (educación, sanidade, vías de comunicación, etc) de modo axeitado o conxunto do territorio galego. O hábitat rural galego distribúese de modo disperso, pero concentrado en pequenos núcleos (aldeas e lugares), que responden á tradicional organización socioeconómica do territorio. A entidade superior ao redor á cal se organizan as aldeas e lugares é a parroquia (existen unhas 4.000), que foi ata datas moi recentes o verdadeiro centro da vida social e económica no medio rural. A aldea de pequeno tamaño é a predominante en Galicia, aínda que non obstante existen tipoloxías variadas. Cara ao L os núcleos son cada vez maiores. Na área máis occidental as maiores densidades demográficas favorecen que as aldeas sexan tamén de gran tamaño, de estrutura laxa, e ocupen moita extensión e se confundan unhas coas outras. O hábitat tradicional sofre dende a segunda metade do s XX un proceso de rápido desartellamento. A distribución da poboación en Galicia ata a década de 1960 seguía unha lóxica agraria de rendibilización do territorio. Aquelas comarcas cunhas condicións naturais favorables ao desenvolvemento agrícola (solos fértiles, topografía chaira, climatoloxía favorable, etc) presentaban unhas densidades de ocupación elevadas. Esas densidades descendían moito nos lugares de topografía e climatoloxía máis desfavorable. A partir de 1960 comezou a percibirse unha mudanza nas características sociais, económicas e de organización do territorio. O cambio tivo unha serie de condicionantes que o propiciaron, aínda que se trata dun proceso aberto e dinámico. A crise do mundo rural tradicional, que supuxo unha transformación da agricultura de autoconsumo cara a explotacións orientadas ao mercado; os movementos migratorios masivos dende mediados da década de 1950 ata 1973; a industrialización polarizada en moi poucos núcleos; e a terciarización da sociedade, conformaron a base do proceso de urbanización que supuxo unha completa reorganización do espazo galego. Todos estes aspectos incidiron na concentración da poboación de Galicia nas cidades e nalgunhas vilas importantes ao longo dos anos 1960 e 1970. Este período deu paso ao longo dos anos oitenta e noventa á periurbanización, cando as urbes se converteron en espacios que os sectores de poboación de maior nivel económico (as novas clases medias e altas emerxentes coa terciarización da sociedade) apreciaron como pouco aptos para residir (problemas de degradación medioambiental, conxestión do tráfico, etc), e nos que se dá unha forte presión sobre o solo (especialmente nas áreas máis centrais pola competencia de usos), que eleva o seu prezo, de xeito que só as actividades de maior valor engadido ou con maior carga simbólica (sedes de grandes empresas, usos financeiros, actividade comercial de alta rendibilidade, etc) poden acceder a el. Deste xeito, tamén as clases populares, sobre todo os mozos que se emancipan e as parellas novas que inician a vida en común, que non contan con ingresos elevados, vense na obriga de residir en áreas periféricas á cidade, onde a vivenda é economicamente máis asequible. Ambas circunstancias favorecen fortes crecementos dos municipios periféricos ás cidades, de xeito que xorden fenómenos de expansión residencial (urbanizacións de vivendas unifamiliares e barrios satélite) e das actividades económicas, segundo unha lóxica de localización que busca unha oferta de solo barato e con boa conectividade. A irrupción desta fase do proceso de urbanización apréciase no territorio galego a partir de mediados dos anos 1980 nas proximidades da Coruña e Vigo. O resultado de todos estes cambios foi unha mudanza moi grande na organización do espacio, que se debe entender dende unha lóxica urbana, pero que establece unha clara dicotomía entre un pequeno espazo moi dinámico, próximo ao litoral, que concentra a boa parte da actividade económica e da poboación, e o resto do territorio, o interior, aínda cun marcado acento rural, tendente á despoboación e con potencialidades económicas pouco rendibles. A área máis dinámica articúlase en torno á autoestrada do Atlántico, dende Ferrol a Tui, espazo convertido en corredor de crecemento xeoespacial denominado “Eixo Urbano Atlántico”, que engloba ás cinco cidades occidentais galegas (Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo), ás súas rexións ou áreas urbanas e a amplos espacios nos que a urbanización ten experimentado un notable avance, aínda que permanecen presentes, con diversos graos de implantación, as actividades agrarias. Estas áreas correspóndense basicamente coa maior parte do espazo comprendido dende o litoral occidental ata a liña que segue a mencionada autoestrada (a excepción feita da Costa da Morte e da Terra de Soneira). Esta dinámica área litoral abarca menos da cuarta parte da extensión de Galicia, concentra a máis de tres cuartas partes da poboación, e preto do 80% do valor engadido bruto industrial. É, por tanto, o espazo no que se localizan os centros de poder e decisión, a gran maioría das empresas punteiras, onde as vías de comunicación están máis desenvolvidas e onde aparece unha notable implantación das novas tecnoloxías. Fóra deste puxante eixe de crecemento tan só algúns espacios moi localizados (sectores da Mariña, as dúas capitais provinciais orientais, Ourense e Lugo, a área mineira da comarca de Valdeorras, o enclave industrial das Pontes de García Rodríguez e algunhas vilas cabeceira comarcal dos espacios agrarios interiores, como Monforte de Lemos ou Lalín) se insiren nesa mesma dinámica. O resto do país está inmerso nun notable proceso de despoboamento e estancamento económico derivado da marcha de efectivos primeiro cara a emigración exterior e logo, nun momento posterior, ás áreas urbanas, de xeito que a estrutura demográfica, como vimos, evolucionou cara a un moi elevado grao de senectude. Na Galicia máis dinámica aparecen catro rexións urbanas, centralizadas polas cidades máis importantes, pero sen uns límites precisos, polo que o fenómeno de urbanización difusa acada significativas dimensións. Son de N a S: a área de Ferrol, tradicional sector de crecemento urbano difuso vinculado á localización de grandes empresas, que se estende sen discontinuidades edificativas aos concellos de Narón e Fene; este espazo enlaza coa área metropolitana da Coruña a través de Pontedeume e Betanzos, corredor de intensa ocupación e gran diversificación económica; a expansión da área metropolitana da Coruña dirixiuse tanto ao L como ao O, por Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada, Carral e Bergondo; cara ao S, e antes de chegar á comarca de Santiago, aparece un espazo no que as paisaxes urbanas non presentan tanta significación, pero onde a urbanización avanza de xeito constante, sobre todo ao longo da estrada que comunica a capital galega coa cidade da Coruña; Santiago de Compostela artella a terceira área urbana, grazas ao impulso fundamental que lle supuxo a condición de sede das institucións autonómicas a comezos da década de 1980, que reforzou a súa tradicional funcionalidade baseada no ensino superior, a sanidade e a actividade comercial, e estendeu a urbanización difusa cara o O e o S nos municipios de Ames, Brión, Teo, e máis recentemente, cara ao N no municipio de Oroso; finalmente, ao S aparece a maior aglomeración urbana, a de Vigo, que coa súa expansión chegou a incluír baixo a súa órbita a Pontevedra; a cidade do Lérez coñece tamén fenómenos de desconcentración residencial nos municipios de Poio e Marín, mentres Vigo presenta uns fortes lazos periurbanos cos municipios de Cangas, Moaña, Redondela, Mos, Porriño, Gondomar, Nigrán e Baiona, ademais dos das comarcas do Condado e O Baixo Miño, coas que mantén unhas potentes correntes pendulares diarias vinculadas a empregos industriais e terciarios. Unha circunstancia que se aprecia no conxunto desta área intensamente urbanizada é como se ten freado o crecemento demográfico nas urbes centrais en favor dos municipios periféricos. A presenza de polígonos industriais tamén é unha constante nestes espacios periurbanos, como sucede nos casos do Porriño, Arteixo, Bergondo e Ames, así como a instalación de grandes superficies, centros educativos e sanitarios, áreas de ocio, etc. Máis alá das periferias inmediatas ás cidades tamén se pode considerar periurbano todo o litoral occidental, agás o Ortegal, a Costa da Morte e o treito entre Baiona e A Guarda. A característica fundamental deste espazo costeiro é a urbanización difusa, motivada por unha notable diversificación produtiva baseada nunha agricultura intensiva de moi elevados rendementos aproveitando os solos fértiles e a climatoloxía favorable, nunha regulación da produción e extracción marisqueira, na modernización da actividade pesqueira, en implantacións industriais rendibles e de elevado valor engadido (téxtil, transformacións do peixe e marisco, da madeira, etc) e na potenciación turística, factores todos que favoreceron un crecemento demográfico continuo e un incremento da actividade construtiva. Neste espazo litoral hai tamén unha serie de vilas que funcionan como cabeceiras que organizan pequenas comarcas funcionais: Cedeira, Pontedeume, Betanzos, Cee, Muros, Noia, Ribeira, Vilagarcía de Arousa ou Sanxenxo. Fóra deste eixe costeiro occidental, moi poucas áreas conseguiron manter un certo dinamismo demográfico e/ou económico, cousa que sucedeu tan só nas capitais provinciais orientais e nalgunhas vilas distribuídas de xeito regular polo territorio, especialmente aquelas que se sitúan nas vías de comunicación que conectan Galicia co resto de España (Lugo, Ourense, Monforte de Lemos, Lalín, Verín, Sarria, Melide, Vilalba, Mondoñedo, Ribadeo, etc). As cidades de Lugo e Ourense son centros terciarios que ofrecen servicios públicos (sanidade especializada, ensino superior, xustiza, actividades administrativas), comercio e actividades de ocio. Contan ademais con certa presenza industrial, relacionada fundamentalmente co sector agropecuario, aínda que máis diversificada en Ourense, con presenza significativa dos sectores téxtil e mecánico. As cabeceiras comarcais do interior manteñen un dinamismo vinculado ao axeitado aproveitamento dos recursos endóxenos, á súa situación como puntos de paso nas comunicacións terrestres e á presenza dun sector terciario público e privado que fornece de bens e servicios ás comarcas agrarias que centralizan. Pódense citar outras tres áreas tamén dinámicas, como son o enclave mineiro-industrial das Pontes de García Rodríguez, a comarca de Valdeorras e A Mariña. As Pontes de García Rodríguez vivíu un notable crecemento demográfico e económico da man da explotación dos recursos mineiros para a produción de enerxía eléctrica. En Valdeorras pódese falar dun pequeno sistema urbano local xurdido da riqueza que xera a extracción e transformación da lousa. Pola súa parte, A Mariña fundamenta a súa economía no aproveitamento dos recursos pesqueiros (especialmente no porto de Burela), na actividade industrial (aluminio en San Cibrao), nos servicios e no turismo (Foz e Viveiro, fundamentalmente). O resto do espazo galego amosa unha constante perda de efectivos poboacionais debido a unha estrutura demográfica na que predominan as idades avanzadas, cunha moi escasa presenza de mozos. De todos os xeitos, este amplo espazo rural aparece totalmente inmerso na dinámica de mercado e nas pautas de comportamento urbano: produción agropecuaria destinada ás demandas urbanas; compra de todos os insumos necesarios para as súas explotacións; notable mobilidade da poboación na procura de servicios sanitarios, comerciais, administrativos e de ocio; uniformización cultural cos medios urbanos grazas á universalización do ensino, á influencia dos medios de comunicación, á similitude das pautas de ocio da mocidade, etc.

Xeografía económica


Economía

Na economía galega destaca, ao igual que nas ordes humana e social, a contraposición existente entre o litoral occidental máis desenvolvido, que presenta unha estrutura económica bastante diversificada e relativamente puxante, e o interior, no que aínda domina a compoñente rural, cunha economía baseada nos recursos que proporciona o sector agropecuario. O PIB en 1999 foi de 31.078 millóns de euros, feito que supón unha renda per capita de 11.353 euros. A taxa de actividade é do 49,2% (2001). A taxa masculina (60,3%) supera amplamente á feminina (40,2%). A taxa de paro, do 13,8% (2001), tamén reflicte unha gran desigualdade por sexo, pois afecta en moita maior medida ás mulleres (20,7%) ca os homes (10,4%).

Distribución sectorial da poboación

A distribución sectorial da poboación ocupada evolucionou moi notablemente ao longo do s XX, pois o sector primario pasou de ter unha predominancia case absoluta no comezo da centuria (85,9% en 1900) a reducirse paulatinamente, aínda que mantivo a hexemonía ata a década de 1960 (65,5% en 1930; 67,8% en 1960); só a partir de entón, e como consecuencia da emigración masiva dende o medio rural e da consolidación de polos industriais nas áreas urbanas occidentais, o emprego no sector agropecuario descendeu por baixo da metade dos ocupados (42% en 1975; 35% en 1990). Na década de 1990 a redución foi máis espectacular diante da notable diversificación da economía (17,9% en 2000). Paralelamente á perda de importancia das actividades do sector primario houbo unha evolución de signo contrario nos outros sectores económicos, que en 1900 posuían valores simbólicos (inferiores ao 10% cada un deles). Foi a partir dos anos 1960 cando, ao abeiro da industrialización e da intensificación dos movementos migratorios do campo ás cidades ou ao estranxeiro, os sectores secundario e terciario incrementaron os volumes de emprego e superaron o 20%. Así, en 2000 a industria acollía o 17,8% da poboación activa, mentres que a construción xeraba o 11,9% do emprego. O proceso de terciarización da economía galega fixo que a hexemonía no emprego pasara a corresponderlles aos servicios, que ocupan o 52,4% dos traballadores.

Recursos e sectores de actividade

O valor engadido bruto (VEB) que xerou cada sector económico en 1999 amosa a terciarización que experimentou a economía galega, pois os servicios convertéronse co 51,8% da produción, no sector de actividade hexemónico; nesa mesma data, o sector agropecuario e pesqueiro achegou o 8,3%, a minería e industria o 31,5% e a construción o 8,4 %.

AGRICULTURA

A agricultura pasou a ocupar un segundo plano entre as actividades do sector agropecuario, pois só achega o 19,9%. Unha das características esenciais da estrutura agraria galega é o dominio da pequena propiedade, cun promedio por propietario de 2,4 Ha fragmentadas en 14 parcelas. As disparidades internas son significativas entre unhas comarcas e outras, e a fragmentación acentúase nas áreas costeiras, as máis densamente poboadas. Dende comezos da década de 1960 experimentouse unha notable redución do número de explotacións. O 75% das explotacións posúen menos de 5 ha, pero tan só supoñen o 18% da superficie agraria; pola contra, as grandes explotacións (con máis de 50 ha) son moi poucas (o 1%), pero acaparan o 43% da superficie total. Non obstante , compre sinalar que o tamaño das explotacións non resulta totalmente definitorio da súa viabilidade económica, pois moitas pequenas parcelas de cultivos intensivos (hortalizas baixo plástico, viñedos, etc) reportan elevados beneficios. A idade media dos titulares de explotacións agrarias é moi elevada, feito que contribúe á redución espectacular da poboación ocupada no sector: un 73% son maiores de 55 anos, e máis da metade deles (o 43% do total) superan os 65 anos. A agricultura a tempo parcial ten medrado significativamente nas últimas tres décadas grazas á diversificación do sector secundario, da construción e dos servicios, de feito que o 30% dos titulares de explotacións declaran outra actividade como principal fonte de recursos. A agricultura a tempo parcial é particularmente intensa nas áreas litorais, especialmente nas Rías Baixas, no Golfo Ártabro, no Baixo Miño, nos hínterlands das cidades e nos concellos que contan con núcleos urbanos. No que respecta ao réxime de tenza da terra, domina a propiedade directa, co 87,6% do total. Os demais tipos de tenza afectan a unha superficie cada vez máis reducida: o arrendamento supón o 6,4%, a parcería o 0,2% e outros réximes de tenza como os montes en man común, as cesións gratuítas, o fideicomiso, explotacións en litixio ou en precario suman en conxunto o 5,8%. As terras de labor reducíronse no último cuarto do s XX, paralelamente ao desenvolvemento da gandería, que demandaba unha expansión da superficie dedicada a pastos. As terras de labor supoñen o 10% da superficie agraria útil, fronte ao 23% dos pastos e ao 67% ocupado polo bosque e mato. O policultivo foi dominante na economía (de autosubsistencia) ata a década de 1960; despois desa data, algúns cultivos reducíronse ata case desaparecer, como o liño e a oliveira. Dos cultivos tradicionais destacan os cereais, que seguen ocupando gran parte das terras cultivadas (27,7%); destaca o millo (60,5% dos cereais), orientado á produción gandeira; o centeo e o trigo séguenlle en importancia (18,9% e 17,9%, respectivamente). A pataca ten unha forte incidencia nos usos do solo, ocupa o 13 % da superficie cultivada, xa que se adapta bastante ben a todos os dominios climáticos galegos; a comarca da Limia está especializada neste tipo de cultivo. As leguminosas para gran, fundamentalmente feixóns secos, supoñen un 6,5% dos cultivos; Bergantiños a comarca cunha maior produción. As hortalizas, as froitas e o viñedo ocupan unha menor extensión, aínda que os ingresos que proporcionan son os máis elevados. As principais hortalizas (col, repolo, leituga, tomate, pemento, cebola e feixón) ocuparon tradicionalmente pequenas parcelas situadas nas inmediacións das vivendas rurais; este uso tradicional mantense, e ademais, este tipo de cultivo viuse potenciado coa proliferación de explotacións baixo plástico ou en áreas de regadío intensivo, nos que tamén é elevado o número de explotacións dedicadas á floricultura e á fruticultura. En conxunto, as hortalizas ocupan o 2,6% da superficie agraria útil. A viticultura, outra actividade de tradición milenaria, proporciona uns rendementos moi elevados. Na segunda metade do s XIX sufriu unha fonda crise como consecuencia do impacto de varias pragas (oidium, mildiu e filoxera). Para recuperar a produción substituíronse as cepas tradicionais (treixadura, brancellao, caíño, godello, albariño) por outras foráneas de inferior calidade. Non obstante , a partir da década de 1980 agromou a preocupación pola recuperación das castes tradicionais. As comarcas pioneiras neste proceso foron O Salnés e O Baixo Miño coa do albariño; Valdeorras coa do godello; e O Ribeiro coas torrontés e treixadura. Para protexer e potenciar as particularidades propias de cada viño creáronse cinco denominacións de orixe: Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei. Finalmente, as plantas forraxeiras coñeceron unha crecente e forte implantación para satisfacer as necesidades de alimentación do gando bovino, de xeito que ocupan o 45,6% da superficie agraria útil.

GANDERÍA

A gandería constitúe a principal actividade agraria en Galicia, pois proporciona o 64,7% do valor da produción final agraria. O proceso de especialización gandeira comezou na década de 1960, propiciado polo alivio da presión demográfica sobre a terra e o abandono da agricultura como consecuencia da emigración masiva, ademais das aptitudes naturais para a produción de pastos e forraxes, e a remota tradición gandeira. Domina a gandería bovina, con 1.016.361 cabezas en 2000. Durante todo o s XX houbo un grande interese pola optimización deste sector, o que levou á introdución de razas foráneas, especialmente para a orientación láctea; deste xeito, a frisona supón entre o 80 e o 90%, segundo a comarca, de todas as reses orientadas a este tipo de produción en Galicia (443.000). Outras razas minoritarias son a parda alpina ou a charolesa. Pola contra, na orientación cara ao consumo de carne a raza rubia galega (froito dunha selección artificial realizada no propio país) é a hexemónica e posúe denominación de orixe de seu. Na gandería porcina (777.118 cabezas en 2000) tamén se substituíron as especies tradicionais; introducíronse fundamentalmente o large white e o landrace. A avicultura constitúe outro do piares da gandería galega, cunha forte implantación tradicional e, nas comarcas máis meridionais, incluso industrial. Menor importancia teñen o gando ovino (360.000 cabezas en 1999) e o caprino (53.713 reses). Outras producións gandeiras con certa significación son a cunicultura e a cría de visóns. A finais do s XX introducíronse especies exóticas, como as avestruces e os canguros. Leite (49,8%), carne de bovino (18,5%), aves e ovos (16,5%) e carne de porcino (12,4%) son as principais producións gandeiras. No tocante ao leite, a produción está estabilizada nos últimos anos ao redor de 1,8 millóns de litros, debido ao sistema de cotas establecido pola Unión Europea. O 92% da produción véndese ás industrias lácteas.

PRODUCCIÓN FORESTAL

O subsector forestal achega o 12,4% da produción final agraria. A titularidade dos montes galegos tivo unha complexa historia durante todo o período contemporáneo, que rematou co recoñecemento da titularidade directa das comunidades veciñais sobre os montes en man común e a desaparición das tutelas municipais e estatais anteriores. Este tipo de réxime de tenza supón un 34% do total da superficie forestal. O resto son de propiedade privada individual. A tradicional funcionalidade do monte para producir esterco orgánico (despois de que as matogueiras servisen de cama aos animais nas cortes), como lugar de pastoreo libre e como área de cultivo temporal de rozas, favoreceu unha intensa deforestación; sen embargo, o descenso da presión demográfica como consecuencia da emigración, fixo desaparecer estes usos. Para o aproveitamento destas superficies procedeuse á plantación sistemática de especies foráneas: piñeiros (pinus pinaster, 76,2%; pinus silvestris, 6,7%; pinus radiata, 6,7%) e, sobre todo, na área litoral, eucaliptos. A produción destínase, en boa medida, a pasta de papel (42%) e aos serradoiros (40%), destaca tamén a fabricación de taboleiros de aglomerado (15%). A superficie arborada ocupa máis da metade da forestal e o 35 % da total.

PESCA E MARISQUEO

A pesca marítima é unha actividade de fonda tradición histórica en Galicia. Despois de anos de expansión, no último cuarto do s XX o sector introduciuse nunha dinámica de crise estrutural como consecuencia do esgotamento dos caladoiros propios e das complicacións para o acceso aos internacionais. Malia todo, mantén unha relativa importancia no VEB galego (3%), así como unha gran significación social polo efecto multiplicador que os seus rendementos inducen nas economías locais do litoral, ao xerar máis de 25.000 empregos directos nas tripulacións dos máis de 8.000 buques censados. Na pesca conviven un sector artesanal de baixura, con embarcacións de escaso porte, e outro industrial de altura e grande altura, con base nos portos máis destacados, que dispón dunha infraestrutura e medios técnicos que o sitúan na vangarda mundial. O marisqueo e a acuicultura tamén teñen unha longa tradición e ofrecen grandes rendementos económicos. Considerada globalmente, a flota ten unha moi escasa capacidade media (25,54 TRB e 3,15 tripulantes por barco). Non obstante , a flota industrial de altura (con máis de 150 TRB) e grande altura (máis de 500 TRB), concentra o 70% do TRB tan só no 4,3% dos buques, que contan cunha media de 20 tripulantes. O total de pesca desembarcada vai decrecendo ano tras ano (178.083 t en 1998; 156.281 t en 1999; 146.323 en 2000), aínda que o valor de mercado mantense debido ao aumento dos prezos (360 millóns de euros en 1998; 369 millóns de euros en 1999; 350 millóns de euros en 2000). Da tonelaxe total o 88,7% correspóndese a peixe; o 0,95% a crustáceos; o 10 % a moluscos; e a cantidade restante (0,35%) a invertebrados acuáticos. Malia a aparente dispersión xeográfica da actividade pesqueira, ao existir máis de 100 portos ao longo do litoral, non obstante os desembarcos e o valor da produción concéntranse maioritariamente nuns poucos. Nos de Vigo e A Coruña (especialmente no primeiro) localízase máis da metade (57%) da capacidade da flota pesqueira galega; xunto cos de Marín e Ribeira suman o 85%. Estes catro portos só concentran o 38% dos tripulantes ao ser base dos buques máis grandes e tecnificados. Destacan tamén, aínda que a un nivel inferior, os de Burela, Celeiro, Malpica de Bergantiños e A Guarda. No porto do Berbés, en Vigo, prodúcese o 40% dos desembarcos de peixe e no do Muro, na Coruña, o 30%, mentres que o outro 20% descárgase nos de Celeiro, Burela, Ribeira e Marín. O marisqueo e a acuicultura son tamén unha fonte importante de recursos mariños, especialmente a explotación de moluscos bivalvos en bateas (mexillóns, ostras e vieiras) e en parques de cultivo en area (ameixas, berberechos, navallas, etc). A acuicultura de peixe (rodaballo e salmón) en granxas litorais é punteira a nivel mundial e ten grandes posibilidades de expansión; factura uns 125 millóns de euros anuais. O 99% dos parques de cultivo e viveiros acuícolas españois atópanse en Galicia, debido especialmente á presenza das bateas (máis de 3.000), case todas nas Rías Baixas. As parcelas litorais para a cría de ameixas e berberechos son concesións a particulares ou a confrarías de pescadores. Outro tipo de marisqueo faise en sectores do litoral non acoutados (percebes, navallas, etc) que son explotados tamén con licenza e están sometidos a estrictos períodos de veda.

MINERÍA E ENERXÍA

A minería, aínda que conta con boas potencialidades, presenta unha explotación limitada e moi orientada á exportación; destacan o granito do Porriño e a lousa de Valdeorras. O lignito abastece as centrais térmicas das Pontes e Meirama, pero as reservas do mineral son escasas e están próximas ao esgotamento. A enerxía é moi importante polos cartos que xera, aínda que a súa contribución ao emprego e moi cativa. Existen 125 centrais hidroeléctricas (que achegan o 25% da produción española deste tipo de enerxía) e 9 termoeléctricas (o 10% da produción española). A produción hidroeléctrica está dominada por tres grandes compañías: Endesa, Unión Fenosa e Iberdrola. A política de desenvolvemento enerxético oriéntase cara á creación de minicentrais eléctricas no curso dos ríos, cara ao tratamento da biomasa en instalacións de coxeración, e cara ao impulso da infraestrutura eólica, xa con notables implantacións de xeradores na Costa da Morte, A Capelada, O Barbanza, A Coriscada, etc.

INDUSTRIA

A estrutura industrial está dominada por un tecido bastante denso de pequenas e medianas empresas (o 98% dos establecementos industriais teñen menos de 50 traballadores. As grandes empresas representan só o 2% do total do sector, pero crean máis do 38% do emprego industrial. O proceso histórico de industrialización en Galicia favoreceu a súa concentración na área costeira occidental. Esta concentración continúa dominando, aínda que se pode apreciar unha maior difusión polo territorio, debido a procesos de reestruturación produtiva inducidos pola aplicación de innovacións tecnolóxicas, descentralización da produción, reconversión dos sectores industriais maduros, a entrada nos circuítos económicos mundiais, a relocalización das empresas ou o aproveitamento dos recursos locais. Todos eses procesos tradúcense nun reforzamento dos focos industriais occidentais. O Eixo Atlántico é o grande espazo industrial. Nel destacan os focos industriais tradicionais: Vigo, Ferrol e A Coruña. Os concellos de Vigo e A Coruña concentran o 27% do emprego industrial, unha porcentaxe que se incrementa ata o 42% se se inclúen os municipios da súa periferia inmediata. Santiago de Compostela ocupa a terceira posición en postos de traballo industrial (4.500 no municipio e 7.500 no conxunto da súa área urbana). O conxunto do Eixo Atlántico (dende Ferrol á fronteira portuguesa) supera as tres cuartas partes do total do emprego industrial. No interior, Ourense xerou unha concentración industrial no seu contorno, fundamentalmente no polígono de San Cibrao das Viñas, que acolle máis de 700 empresas e 7.000 traballadores; na comarca de Valdeorras o tratamento da lousa converteuna nun dos principais focos industrias do interior; en Lugo localízanse significativas empresas agroalimentarias relacionadas especialmente cos subsectores lácteo e cárnico; na Mariña destaca o complexo de Alúmina-Aluminio en San Cibrao (Cervo); o mapa industrial complétase con algúns enclaves que aproveitan os recursos endóxenos ou a súa posición como cabeceiras comarcais (Lalín, Sarria, Xinzo de Limia, Verín, Monforte de Lemos, etc), que favorecen a descentralización da industria, especializada en actividades como as agroalimentarias, a téxtil, a madeira ou o cemento. Polo que respecta ás ramas de actividade industrial cómpre apuntar o elevado grao de diversificación. Sen dúbida, unha das máis importantes é a de equipamentos de transporte, que xera o 20% do emprego industrial. Vigo é o centro principal debido á presenza de PSA-Peugeot Citroën, empresa instalada en 1958 na zona franca, que supera os 10.000 traballadores e favoreceu a creación de moitas empresas auxiliares, nacidas en principio para abastecer a demanda da súa factoría, pero que, posteriormente, ampliaron o seu negocio a outros clientes. A industria naval está tamén moi concentrada, en Ferrol e Vigo; este subsector, moi dependente da conxuntura internacional dos mercados, está sometido a crises cíclicas que afectan ao volume dos seus cadros de persoal. Outro subsector industrial moi importante en Galicia é o agroalimentario e madeireiro, baseado na abundancia de materias primas procedentes da gandería (leite e carne), da pesca (conservas e tratamento de peixe e mariscos) e da explotación forestal (serradoiros e mobles). En conxunto supón o 25% do emprego industrial galego e preto do 50% do total de empresas existentes. Os grupos Pescanova e COREN son punteiros no subsector da alimentación. As empresas FINSA e TAFISA, pola súa banda, son líderes nacionais na fabricación de taboleiros de aglomerados. O sector conserveiro factura a maior parte da produción española. Cómpre destacar tamén a importancia adquirida pola industria téxtil, cunha fortísima expansión internacional, gran capacidade de innovación e aplicación de alta tecnoloxía. INDITEX converteuse nunha das tres multinacionais máis importantes do sector a escala mundial, cunha facturación anual próxima aos 3.000 millóns de euros e máis de 1.000 tendas propias abertas nos cinco continentes; pola calidade dos seus deseños e a súa proxección internacional, cómpre mencionar tamén outras firmas como Adolfo Domínguez, Caramelo, Roberto Verino, etc. En conxunto, o emprego neste sector aproxímase aos 18.000 empregados en máis de 1.000 empresas.

SERVICIOS

O sector terciario constituíuse a partir dos anos 1950 no principal contribuínte ao VEB da economía galega: en 1999 representaba o 51,8%. A porcentaxe de emprego no sector é similar, pois ocupa a máis da metade dos traballadores (52,4% en 2000). Na distribución territorial dos servicios tamén se aprecia a dicotomía litoral-interior, tanto no VEB coma no emprego. Polo que respecta ao tipo de emprego, os asalariados son a categoría dominante, aínda que varía a súa importancia segundo a rama: en conxunto supoñen o 70%, mentres que na hostalería e o comercio apenas superan o 50%, debido á preponderancia da pequena empresa de dimensión familiar. Outras, sen embargo, acadan o 100% de asalariados, como é o caso de servicios públicos, que se converteron na principal rama dentro do terciario grazas á xeneralización do estado do benestar e á consolidación do estado autonómico. Os servicios públicos concéntranse nas cidades e áreas urbanas, así como nas vilas e capitais muncipais. En conxunto, supoñen máis do 25% do emprego e achegan preto dun terzo do VEB terciario. Pola súa banda, os servicios comerciais tamén son moi significativos na súa achega económica, pois crean o 20% dos empregos e o 25% do VEB terciario. A notable implantación do comercio en Galicia ten moito que ver coa dispersión demográfica. Tamén, a estrutura empresarial é marcadamente familiar, de xeito que o 91% dos establecementos comerciais posúen entre 1 e 5 empregados e xeran o 74% do emprego total no subsector. Dende a década de 1970 comezaron a desenvolverse novas formas comerciais baseadas na instalación de grandes empresas de distribución con capital multinacional. Estas grandes superficies concentran gran cantidade de emprego e sitúanse fundamentalmente nos contornos das sete cidades principais e das vilas máis dinámicas (Monforte de Lemos, Ribeira, Lalín, Ribadeo, etc). O subsector dos transportes e comunicacións ocupa o terceiro lugar entre as actividades terciarias cun 11,5% do VEB e o 12% do emprego. Como noutras ramas, a concentración deste tipo de servicios no Eixo Atlántico é moi acusada. Cómpre destacar, así mesmo, o sector turístico. A mellora das infraestruturas viarias, dos establecementos turísticos, a irrupción con forza do turismo rural, cultural e gastronómico e a promoción turística, en particular do Camiño de Santiago e dos anos xacobeos, supuxeron un incremento notable do turismo en Galicia. As comarcas litorais, especialmente as das Rías Baixas, concentran a maior parte dos establecementos hoteleiros de todas as categorías, agás no turismo rural. Preto do 90% dos visitantes proceden do resto de España e chegan fundamentalmente durante a época estival.

Comercio exterior

O comercio exterior galego presenta unha balanza de pagamentos negativa, pois as importacións superaron as exportacións en 583 millóns de euros en 1999. Tan só tivo un saldo positivo coa Unión Europea, cara a onde se exportaron mercadorías por valor de 397 millóns de euros máis dos que se importaron.

Transportes e comunicacións

Nas dúas últimas décadas do s XX a rede viaria galega experimentou unha significativa mellora grazas á apertura de novas vías de alta capacidade. As áreas litorais do Golfo Ártabro e as Rías Baixas, así como a capital autonómica, concentran a maior densidade e calidade de infraestruturas viarias. Neste espazo localízase a vía máis destacada pola súa repercusión socioeconómica, a Autoestrada do Atlántico (A-9), da que se inaugurou o primeiro tramo en 1977; a A-9 une as cinco cidades occidentais entre si. As outras dúas grandes vías son as autovías do Noroeste (A-6) e das Rías Baixas (A-52), que unen con Benavente, respectivamente, A Coruña e Lugo e Vigo e Ourense. En conxunto, o territorio galego conta con 17.203 km de estradas (1999), dos que 619 corresponden a autovías e autoestradas. Ademais, construíronse unha serie de autoestradas e vías rápidas que favorecen as comunicacións comarcais. Pola contra, o ferrocarril presenta unha rede moi deficiente; a maior parte das liñas ferroviarias non foron remodeladas dende a súa construción. Galicia contaba en 1999 con 891 km de liñas en servicio, 153 deles de vía estreita (FEVE). Os puntos neurálxicos da rede ferroviaria galega son Ourense e Monforte de Lemos, pasos obrigados cara ao exterior de Galicia. Ademais, os nós terminais básicos son os dous portos máis notables, Vigo e A Coruña. O transporte aéreo conta con tres aeroportos: Lavacolla en Santiago, Peinador en Vigo e Alvedro en Culleredo. O número de pasaxeiros non deixa de incrementarse como consecuencia da crecente mobilidade da poboación e o abaratamento dos prezos. O transporte marítimo conta con excepcionais condicións para desenvolverse, e sobresaen os portos de Vigo, A Coruña, Ferrol, San Cibrao e Vilagarcía de Arousa.

Xeografía administrativa

Galicia converteuse en comunidade autónoma trala aprobación en referendo do seu Estatuto de Autonomía o 21 de decembro de 1980. En virtude deste texto legal, Galicia asumiu o seu autogoberno e dotouse de institucións propias: o Parlamento de Galicia, integrado por un número variable de deputados elixidos por sufraxio universal, libre, directo e secreto para un período de 4 anos, que posúe capacidade lexislativa e de control do goberno; a Xunta de Galicia, goberno encabezado por un Presidente (elixido polo Parlamento entre os seus membros) que designa libremente os seus conselleiros, cos que exerce as funcións executivas nas competencias transferidas; e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O territorio da comunidade autónoma permanece dividido dende 1833 en catro provincias, con capitais nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. As provincias posúen as súas respectivas Deputacións Provinciais, que teñen encomendadas funcións de coordinación, asesoramento e auxilio das corporacións locais. No plano inmediatamente inferior sitúanse os concellos, dos que hai constituídos un total de 315. Na escala superior a estes sitúase a comarca, que se desenvolveu como instrumento para a planificación territorial pola Lei de Desenvolvemento Comarcal de Galicia de 1996; sen embargo, non posúe capacidade administrativa. Outra entidade territorial recoñecida estatutariamente é a parroquia, que como a comarca, non desenvolveu a personalidade xurídica recoñecida no Estatuto.

A PREHISTORIA EN GALICIA


Os primeiros poboadores

O Acheulense das Gándaras de Budiño

A inexistencia de fósiles humanos en Galicia para épocas prehistóricas está condicionada pola acidez do chan, que descompón con rapidez os restos orgánicos e impide a súa conservación. Os útiles máis antigos atopados remítense ao complexo Acheulense característico do Paleolítico Inferior, identificado coa especie do Homo erectus. O principal xacemento atribuído ao Acheulense é o das Gándaras de Budiño (O Porriño), aínda que se coñecen outras localidades: Chan do Cereixo (Gondomar), Louselas (Ribadeo) e Pazos (San Cibrao das Viñas). Nas Gándaras atopáronse unhas 700 pezas elaboradas na maioría dos casos sobre seixos de orixe fluvial de cuarzo ou cuarcita, restos de fogueiras ao aire libre e de obradoiros onde se fabricaban os útiles líticos. Dende o punto de vista tipolóxico e tecnolóxico os modelos de pedra tallada, rudimentarios e sinxelos, corresponden a un momento intermedio dentro da evolución do complexo técnico. As pezas atopadas inclúen machadas, picos triédricos, pedras dentadas, pequenos raspadores e pezas de estilo arcaico, como bifaces parciais ou protobifaces e mesmo fendedores de tipos tecnoloxicamente sinxelos. Os estudios das industrias líticas galegas, que gardan unha gran semellanza coas das rexións veciñas, permitíronlles aos investigadores falar dunha normalización nas primeiras etapas da prehistoria galega. A escaseza de datos sobre o aproveitamento do medio e as similitudes na técnica de talla, na tipoloxía dos útiles e no medio da zona cantábrica, permitiu facer extrapolacións. Os grupos humanos deste período establecían os seus campamentos provisionais tanto en abrigos no litoral como nas bacías dos grandes ríos, sobre todo do Miño e os seus afluentes (Louro e Arenteiro). A súa principal actividade económica debeu ser a caza e os grupos estarían formadas por varias familias, nun número que oscila entre 25 e 50 membros, que se reunían con outras comunidades en determinados momentos do ano. Suponse que existía unha división do traballo en función do xénero, mentres o home cazaba a muller dedicábase á recolección; os grupos eran relativamente igualitarios, o mando era eventual e a estrutura social estaba pouco marcada. As pautas de distribución das industrias líticas permiten a posibilidade da práctica da pesca e do marisqueo nas costa e, tal vez, da pesca fluvial.

O Musteriense de Toén

O Paleolítico Medio vinculouse tradicionalmente coa presenza dunha nova especie, o Homo sapiens neanderthalensis, e coa aparición dun novo complexo de industria lítica sobre lascas, o Musteriense. En Galicia as identificacións de xacementos deste período presentan numerosas dificultades, pero un dos conxuntos que máis posibilidades ten de pertencer a este período é o da Piteira, en Toén (Ourense). Escavado en 1974 por V. Rodríguez Gracia, atopouse unha industria sobre lascas con técnica levallois (con raedeiras, pezas denticuladas, fendedores, puntas, coitelos de dorso natural, burís e raspadores), acompañada de bifaces, triedros e cantos tallados realizados maioritariamente sobre cuarcitas, pero tamén empregaron cuarzos, sílex e pórfidos. Tralo estudo destes materiais Rodríguez Gracia interpretounos como pertencentes a un Musteriense de tradición achuelense con técnica levallois, pero outros investigadores, como J. M. Vázquez Varela, J. Cano Pan e C. Llana, consideran que podería pertencer ao Acheulense. Malia que a súa atribución definitiva a un período determinado dependerá de novos estudios, está claramente confirmada a súa pertenza ao Paleolítico Medio.

A chegada do Homo sapiens

A Cova da Valiña

No Paleolítico Superior produciuse a aparición do Homo sapiens neanderthalensis. A figura deste homínido supuxo un avance na tecnoloxía lítica, pois xeneralizouse a extracción de láminas, feito que permitiu unha mellora no aproveitamento da materia prima. O inicio do Paleolítico Superior en Galicia está representado polo xacemento da Cova da Valiña (Castroverde). A súa excavación, entre 1987 e 1989, permitiu o descubrimento de restos óseos e industria lítica, realizada maioritariamente sobre cuarzos, xistos e calcarias de abastecemento local, caracterizada polo reducido tamaño dos útiles. Entre os tipos identificados destacan burís, raspadores, coitelos de dorso, raedeiras e pezas denticuladas. As características destas pezas permitiron identificalas cun momento temperán do Paleolítico Superior e os restos óseos atopados revelaron a súa condición de cazadores non especializados e claramente oportunistas.

O Madalenense da Galicia interior

A maior parte dos xacementos atribuídos ao Paleolítico Superior coinciden coas boas condicións climáticas do Interestadio Tardiglaciar. Os asentamentos da Galicia central deste período, que presenta similitudes cos da cornixa cantábrica, sitúanse en abrigos ou ocos na rocha, con condicións que os fan especialmente favorables polas súas proximidades a cursos de auga ou pola súa boa visibilidade. Os asentamentos no sector noroccidental da Terra Chá como Prado do Inferno I, na parroquia de Muras (Muras), o abrigo de Pena Grande en Santabaia (Vilalba) e o de Férvedes II en Lousada (Xermade) presentan industrias que se corresponden co último momento do Paleolítico Superior. Os útiles máis representativos son as follas, puntas, raspadores, burís e os perforadores de diversos tipos, cunha tendencia xeral ao microlitismo. Os grupos humanos implantados nas terras centrais presentan unha marcada homoxeneidade nas industrias co Madalense Superior da cornixa cantábrica. A presenza humana debeu organizarse en comunidades máis ou menos nómades que desenvolvían unhas prácticas económicas baseadas na caza, na pesca e na recolección, cun comportamento máis selectivo que en etapas anteriores. A presenza do ocre e dun colgante de pedra con decoración por ambas as dúas caras parece indicar unha preocupación pola estética e o simbolismo, que podería vincularse con crenzas de tipo relixioso.

As sociedades postpaleolíticas

Durante o Holoceno as sociedades acadaron o dominio sobre o medio natural a través da agricultura e a gandería e convertéronse axiña en sedentarias e complexas. O Epipaleolítico desenvolveuse no NO peninsular durante os primeiros milenios do óptimo climático. Tradicionalmente considerouse un período de transición e os materiais arqueolóxicos continúan a tradición final do Paleolítico Superior con raspadores, burís, perforadores, escotes e follas de dorso, pero realizados sobre a materia prima máis abundante en cada rexión e cun tamaño máis reducido. Nas áreas costeiras a produción lítica reduciuse a picos pouco tallados sobre cantos de cuarcita. A interpretación tradicional que vinculou estes achados co Asturiense foi revisada e propúxose unha nova interpretación segundo a cal os restos atopados na costa SO serían froito da acumulación de restos de diferentes etapas entre o Acheulense e o período galaico-romano. Malia que as sociedades presentan características análogas ás da cornixa cantábrica, non se puido demostrar no medio costeiro galego un incremento da explotación do mar mediante a pesca e o marisqueo. No val do río Arnela desenvolvéronse un conxunto de xacementos ao aire libre, como Arnela III e Val do Inferno, entre o 6400 a C e 5700 a C, nos que se atoparon instrumentos líticos como burís, pezas de dorso, perforadores e raspadores. Outro grupo de xacementos, como Xestido III e Arnela I, caracterizados polo microlitismo con soportes de tipo laminar, presentan unha cronoloxía inferior, entre 5700 a C e 5300 a C segundo os datos paleobotánios. Ao redor dalgúns destes xacementos atópanse rastros de deforestación que se interpretaron como consecuencia da actuación do home sobre a vexetación. As ocupacións máis tardías deste territorio, como a Pena do Pé (A Capela, Toques), correspóndense cunha serie de xacementos na transición entre o V e o IV milenio a C e caracterízanse pola presenza de microlitismo, retoque en dobre bisel e plano inverso e un certo número de triángulos entre as armaduras xeométricas. As manifestacións artísticas limitáronse aos seixos con sinxelos trazos de pintura. Respecto aos recipientes, os elementos precerámicos mestúranse coas primeiras mostras de cerámica, ao mesmo tempo que aparecen actividades artesanais como a cestería.

As sociedades agrícolas

A introdución e xeneralización do modo de vida agrícola-gandeiro dende o 5500 a C caracterizouse polo desenvolvemento do fenómeno tumular e a aparición do megalitismo. A economía agrícola provocou unha maior vinculación coa terra e un descenso da mobilidade, restrinxindo o nomadismo e limitando o espazo no que se produce a vida social e a captación dos recursos económicos, aínda que non se chegue a unha situación de sedentarismo en aldeas estables. Estas comunidades agrícolas empregaron o sistema de corta e roza para levar a cabo o cultivo das terras, no que a deforestación dunha superficie vai seguida da queima da capa vexetal e do posterior cultivo do solo, que se beneficia dos nutrientes contidos nas cinzas. Os grupos agrícolas deberon establecer a rotación de cultivos en superficies próximas

O fenómeno tumulario e a arte megalítica

As súas orixes parecen vinculadas ás sociedadess mesolíticas que a comezos do V milenio a C iniciaron rituais funerarios de enterramento baixo un túmulo. No último terzo do V milenio a C apareceron túmulos de tamaño reducido, cunha configuración interna de cámara poligonal simple cuberta por unha morea de terra, que simbolizan o esforzo das pequenas comunidades por honrar os seus mortos e reafirmarse como grupo social. Dende o comezo do IV milenio a C produciuse un incremento da diversidade formal acompañado dun incremento no volume das cámaras e dos túmulos, que levou os investigadores a interpretalos como enterramentos colectivos. Neste momento aparecen tamén túmulos que recobren fosas, os primeiros monumentos de corredor e as primeiras manifestacións de arte parietal. A convivencia entre diferentes tipos de monumentos parece que acadou o seu punto máximo entre o 4000 e o 3700 a C. Entre o 3600 a C e ata comezos da segunda metade do III milenio a C produciuse a eclosión do megalitismo, de aí o predominio dos monumentos de corredor. Os datos derivados da investigación do dolmen de Dombate indican que, na transición entre o IV e o III milenio a C, se realizaron transformacións no exterior do monumento, que poderían indicar modificacións nos rituais ou nos conceptos relixiosos. Os estudios de Fernan Alonso Matthías e Jose M. Bello Diéguez suxiren un ritual público e aberto, dirixido por un oficiante, feito que indicaría un cambio na sociedade e o desenvolvemento dun ritual para xustificar a profundización das desigualdades. Neste contexto aparecen as primeiras manifestacións metalúrxicas, en forma de machados de cobre que servían para reafirmar a posición social, polo que a súa propiedade se limitaba ás elites. Os megalitos galegos inclúense nun conxunto que abrangue Asturias, a metade occidental de León e Zamora e o N de Portugal ata o Douro. Espállanse por todo o territorio tanto na costa como no interior. Nalgunha mámoa atopáronse enxovais funerarios formados por cerámicas, ferramentas, armas e obxectos de adorno. Encontráronse tamén útiles de pedra labrada ou pulida, contas, obxectos de metal e estelas antropomorfas. Os megalitos aparecen en ocasións decorados con pinturas e gravados. Os motivos dos gravados son serpentiformes e zigzags verticais, oblicuos ou horizontais, como os de Chan de Castiñeiras (Vilaboa) e Roza das Modias (San Xoán de Alba, Vilalba), liñas radiais amodo de soles, como os de Espiñaredo, círculos simples ou dobres, motivos en U, ganchos, báculos, cruces, pezas antropomorfas e o motivo denominado, segundo a terminoloxía de E. Shee, a cousa, que aparece no dolmen de Dombate. Consérvanse pinturas de carácter xeométrico, como as antas, en Pedra Cuberta (Vimianzo), Dombate e Forno dos Mouros (Toques). No primeiro terzo do III milenio a C finalizou o ciclo clásico do megalitismo e apareceu o polimorfismo funerario, feito que suxire unha profunda crise social e que orixinou profundos cambios nas estruturas. As necesidades de materiais destinados á arquitectura megalítica ocasionou a explotación de canteiras para a obtención de granito e lousas. Ao mesmo tempo, detéctase unha demanda de arxila destinada á produción de cerámica e comezan a circular como materias suntuarias o acibeche, a variscita e o cinabrio. Os construtores dos túmulos modificaron dun xeito permanente a paisaxe, humanizando o territorio a través da súa ocupación segundo un sistema composto por numerosas unidades sociais dispersas e de pequeno tamaño e enlazadas por camiños. Estas comunidades baseaban a súa economía na explotación do monte (recolección), combinada coa agricultura de roza e a gandería.

O campaniforme en Galicia

A cerámica campaniforme, que marcou en Galicia o final do Calcolítico, chegou dende a rexión central da costa de Portugal, posiblemente como importación e elemento definidor do status a finais do III milenio a C. A tradición indíxena mesturouse e reinterpretou o campaniforme; xurdiu, así, un tipo peculiar de cerámica que perdeu o valor simbólico como obxecto de prestixio. Documéntase en máis de cincuenta xacementos, entre os que salientan As Pontes de García Rodríguez, Parxubeira (Mazaricos), Cova da Moura (Noia), Forno dos Mouros (Bocelo) e diferentes lugares do Morrazo, como Chan da Arquiña e Devesa de Abaixo. A partir do III milenio a C as melloras nos sistemas de explotación do medio e a expansión do hábitat humano cara ás terras baixas, apoiados nas prácticas de barbeito e estercadura, posibilitaron o incremento dos excedentes agrarios e da poboación, e levou a un proceso de sedentarización. Os asentamentos realizábanse en pequenos campamentos de cabanas e materiais perecedoiros. As análises polínicas permitiron situar o comezo do cultivo de cereais no IV milenio a C, e durante o seguinte milenio estendeuse o intensificouse o seu cultivo. A primeira evidencia arqueolóxica da presenza de trigo detectouse en Muras, no O da provincia de Lugo, cara ao 2000 a C. A agricultura de cereais combinouse coa recollida das landras dos carballos e doutras árbores afíns, confirmada pola análise do hábitat de Fontenla, no Morrazo, na segunda metade do III milenio a C. A súa dieta completábase, ademais, con especies diferentes hortícolas, como as berzas, que se detectaron no xacemento de Bocelo dende o III milenio a C. Os escasos datos da gandería proveñen da escavación na cova da Pala Vella (Rubiá), que evidencia un armentío variado, composto por vacas, cabras e ovellas. O xacemento arqueolóxico da illa de Xidoiros (III milenio a C) testemuña o aproveitamento dos recursos mariños nas comunidades costeiras.

Os gravados rupestres ao aire libre: temática e contexto sociocultural

Unha das manifestacións artísticas e socioculturais máis representativas da prehistoria galega está constituída polo denominado Grupo Galaico de Arte Rupestre. Realizados sobre laxes graníticas ao aire libre, dátanse na Idade do Bronce e o grupo máis numeroso atópase concentrado na Terra de Montes, nas Rías Baixas e no Baixo Miño. Realizáronse nunha sociedade que vivía inmersa nunha prosperidade económica dende os comezos do III milenio, que lle permitiu integrarse no circuíto comercial e cultural da Europa atlántica. Deste xeito, os gravados rupestres inclúense nun contexto común a Escandinavia, ás Illas Británicas, aos Alpes italianos e franceses e ao S de Francia e Portugal. A temática dos gravados rupestres ou petroglifos é de dous tipos: por unha banda, existen gravados figurativos que representan fundamentalmente animais, e, por outra, os de carácter abstracto coa representación de cazoletas, círculos, espirais, labirintos e outros signos e símbolos. Aínda que son produto dunha sociedade agrícola e gandeira, os motivos representados son a caza e a guerra polo que teñen un contido de carácter ritual. Ademais a súa disposición territorial, nas entradas naturais a serras, pode levar á suposición de que servisen como delimitadores territoriais.

A metalurxia do Bronce

O Bronce Inicial e Medio

Os obxectos de bronce máis antigos atopados en Galicia son dous punzóns do xacemento de Guidoiro Areoso (Illa de Arousa) datados ao redor do 2000 a C. O Bronce Inicial ou Antigo (1800 a C-1500 a C) supón unha continuación dos procesos iniciados no Calcolítico. Caracterizouse por unha metalurxia na que predomina o cobre de tradición campaniforme, que se diferenza da metalurxia calcolítica pola aparición de novos tipos de armas: o puñal de lingüeta e as puntas de tipo Palmela, que aparecen como enxovais de enterramentos individuais. No aspecto social percíbese unha tendencia á unha xerarquización máis marcada que na etapa anterior e un incremento da tensión entre os grupos que se manifestou no incremento na presenza de armas, en particular nos enterramentos e en depósitos. O Bronce Medio definiuse pola introdución de importantes cambios tecnolóxicos, entre os que destacan a aparición de novos tipos metálicos, especialmente machados de gume desenvolto, e o emprego dun bronce binario no que se detectou a regularización do contido de estaño nun 10%. A importancia da actividade mineira deu lugar a numerosos talleres artesanais locais que se converteron en ambulantes dende o Bronce Final. O escaso número de xacementos e de enterramentos levou a diversos autores a supoñer que neste período tivo lugar unha crise económica. Non obstante , diversas análises indican un incremento da agricultura e da deforestación xunto a un desenvolvemento da metalurxia e da minería. A economía baseábase nunha agricultura cerealística (trigo e cebada) acompañada de hortalizas e leguminosas. Na gandería explotaban ovinos, bóvidos, caprinos e porcinos (feito confirmado polos achados de recipientes cerámicos identificados como queixeiras).

O Bronce Final

Durante o Bronce Final (1200 a C-700 a C) a área galaica iniciou unha nova fase de desenvolvemento económico, con frecuentes contactos e intercambios coa a fachada atlántica e co Mediterráneo. Este proceso apoiouse na introdución de novos cultivos, no emprego dunha tecnoloxía agrícola máis axeitada e na chegada das innovacións de orixe mediterránea a partir do s XI a C nunha secuencia S-N e costa-interior. A intensificación agraria facilitou a explotación de novos territorios máis produtivos, onde se acadaron colleitas maiores e máis diversas, que permitiron o sustento dunha poboación cada vez máis numerosa. As comunidades campesiñas recuperaron a tendencia ao sedentarismo, circunstancia que supuxo un incremento na presión sobre a terra cultivable e o reforzo da diferenciación social pola especialización laboral. A demanda mediterránea de materias primas, especialmente de estaño, favoreceu a aparición ao longo da costa atlántica europea dunha serie de focos interconectados comercial e culturalmente, a denominada koiné atlántica. Os artefactos metálicos fixéronse máis variados e incrementáronse os obxectos de uso doméstico, a maioría de produción local pero seguindo as modas da área atlántica. Apareceron as primeiras espadas pistiliformes, nas que é posible seguir unha evolución ata os trazos que definirán as espadas de lingua de carpa, tipos que acadaron unha gran difusión polo litoral atlántico. Os paralelismos culturais coas comunidades atlánticas durante a Idade do Bronce permiten supoñer que as elites da área galaica manifestaron o seu poder mediante a acumulación de riquezas, fronte á exhibición de bens materiais, o que suxire a consolidación dunha clase que transmitiu a riqueza por herdanza de xeración en xeración. Os estudios paleoambientais indican un incremento na contaminación atmosférica por metais pesados no s VIII a C como resultado do proceso de redución dos distintos minerais, feito que confirma un incremento nas escalas produtivas e na actividade metalúrxica. Semella que o fenómeno tumular puido estenderse ata o Bronce Final, xeralmente en túmulos de pouca envergadura e de enxovais pobres. A manifestación máis típica desta época en toda a Europa Atlántica son os depósitos, de obxectos metálicos, que foron interpretados como rituais de deposición ou posibles enterramentos. Nos niveis máis antigos dos castros galegos aparecen os últimos desenvolvementos do Bronce Final, polo que a orixe da cultura castrexa debe buscarse nos procesos de desenvolvemento interno da sociedade galega do Bronce máis que na chegada de poboacións foráneas.

O MUNDO CASTREXO E A ROMANIZACIÓN

Investigadores como Antonio de la Peña Santos propoñen unha secuencia cultural integrada por unha fase de formación, dende o s XI a C ata o s V a C; unha fase de desenvolvemento, dende o s V a C ata mediados do s II a C; a fase castrexo-romana, dende mediados do s II a C ata mediados do s I d C; e a fase galaico-romana, dende finais do s I ata o seu esmorecemento nos ss III e IV.

Formación do mundo castrexo

No inicio do I milenio a C as comunidades campesiñas iniciaron un proceso de sedentarización, vinculado á intensificación agraria e ao cultivo do millo miúdo, á transición climática e ao desenvolvemento da complexidade social, que seguiu unha evolución no territorio galaico do S cara ao N e da costa cara ao interior. Os datos arqueolóxicos reflicten unha economía dependente dos cultivos agrícolas e da recolección de landras, completada por un armentío de cabras, ovellas, porcos e vacas. Trala disolución e fragmentación das antigas relacións de intercambio da economía atlántica baseada no bronce, produciuse unha crise de abastecemento de materias primas ao tempo que os fenicios se fixeron co control dos mecanismos tradicionais de intercambio e introduciron o ferro fenicio. Neste contexto, dende o s VIII a C detectouse no NO un reaproveitamento de chatarra para a fundición de obxectos de tipoloxía atlántica. As comunidades establecéronse en lugares de fácil defensa natural, preto dos terreos de explotación preferente e cun bo control visual dos mesmos. As estruturas de carácter defensivo, características do mundo castrexo, puideron servir para limitar as tendencias disgregadoras do grupo, actuar como elementos definidores do status do grupo, e convertían os poboados en marcas territoriais ante as comunidades veciñas. Articulábanse como minúsculas comunidades campesiñas autárquicas e pechadas, consideradas pacíficas pola ausencia case total de armas no seu rexistro arqueolóxico. As súas relacións espaciais limitábanse ao seu contorno inmediato, agás na procura de minerais, metais ou algún tipo moi específico de pedra. O castro consolidouse como a estrutura que organizaba socialmente as comunidades galaicas, ao tempo que lles conferiu aos seus poboadores un sentido da territorialidade fronte aos seus veciños. A este período pertencen os castros de Castromao, Troña, A Graña, Torroso e Penalba.

Desenvolvemento do mundo castrexo

A partir do s V a C os castros espalláronse polo territorio entre o Atlántico e a liña de serras que enlazan as desembocaduras do Navia (Asturias) e o Mondego (Portugal). A expansión desta forma de poboamento, xunto a cambios nos enterramentos e modificacións nas tipoloxías materiais, explicouse tradicionalmente coa chegada de elementos étnicos celtas, que provocaría un proceso de aculturación. Estudios posteriores suxiren unha orixe diferente para estes cambios relacionados coa evolución interna das sociedades castrexas froito dos contactos con outras culturas celtas e mediterráneas. Produciuse unha modificación na distribución espacial dos castros neste período, que se implantaron no interior dos vales e amosan unha acentuación do seu carácter agrícola cunha tendencia á explotación das terras pesadas dos fondos dos vales. Os datos paleontolóxicos e paleobotánicos confirman a continuación do armentío tradicional e unha intensificación da agricultura; dato este confirmado polo aumento da deforestación e da erosión dos solos como efecto da actividade humana. Mellorouse a fabricación da cerámica co emprego da roda lenta, e ampliouse o repertorio formal e a temática decorativa. Documentouse a aparición de novos tipos metalúrxicos, entre eles algúns de fíbulas, e algúns autores atribuíronlle a esta época gran parte da ourivería castrexa. A presenza de materiais mediterráneos (cerámicas púnicas, áticas e greco-itálicas, vidros, obxectos de ferro e outros) indican a continuidade dos intercambios coas factorías fenicias do S.

O contacto do mundo indíxena con Roma

Fronte ao mito historiográfico que identificaba esta etapa cun momento culminante do celtismo, apoiados pola toponimia e antroponimia deste período, autores como Gerardo Pereira Menaut e Antonio de la Peña Santos sosteñen que a presenza de trazos célticos deberíase ao substrato indoeuropeo das comunidades castrexas, posiblemente enriquecido pola chegada de grupos procedentes de áreas celtizadas da Península Ibérica e por membros do exército romano, colonos e comerciantes procedentes doutras áreas do mundo romano. A partir do s II a C as comunidades castrexas entraron nun proceso de cambios socioeconómicos, que se manifestaron primeiro no litoral do S, provocados pola progresiva incorporación das terras galaicas ao Imperio Romano entre as Guerras Lusitanas e o goberno de Octavio Augusto. As investigacións suxiren que as comunidades castrexas, malia a fragmentación do poder político indíxena e a ausencia dunha verdadeira unidade e conciencia étnicas, estaban inmersas nun fenómeno de integración política, que se viu interrompido pola conquista romana. Apareceron grandes poboados con novas concepcións urbanísticas e considerables estruturas defensivas, denominados oppida, que indican unha estrutura socioeconómica desenvolvida, capaz de grandes obras públicas e a presenza de lugares centrais xerarquizadores do territorio. Nesta fase xurdiron tamén pequenos poboados preto das áreas de explotación e dos recursos agrarios, preferentemente nos vales. Estas novas construcións, xunto coa ampliación dalgunhas de fases anteriores, indican unha explotación sistemática dos recursos agrarios, un incremento demográfico e a redistribución dunha gran masa de poboación. Proba da explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros son os cuncheiros atopados en diversas escavacións, que indican o consumo preferente de peixes capturados en áreas próximas á costa, como o robalo, a maragota, o xurelo ou a pescada. O marisqueo centrouse nos crustáceos, bibalbos e gasterópodos recollidos na zona intermareal. A organización social castrexa fundamentábase na familia, pero persisten as dúbidas sobre o seu carácter nuclear ou extenso. Os investigadores descartaron a existencia dun matriarcado, aínda que posiblemente se dese un sistema de filiación matrilineal, e indican unha división das actividades económicas en función dos xéneros, pola que a muller desenvolvería actividades no castro ou no seu contorno e os homes ocuparíanse das relacionadas co exterior, como a minería, a pesca ou os intercambios comerciais. As comunidades agrupábanse dun xeito diferente ás do resto da Hispania e a primeira unidade suprafamiliar sería o castro ou castellum, que aparecería na epigrafía representado por un C invertido. Os castros gozaban dunha grande autonomía que permitiu que establecesen pactos de hospitalidade (tesserae hospitalitatis), como os do Courel, e Castromao durante o período romano. Unha agrupación de castros formaba un pobo ou populus, entidade político-administrativa que os romanos conservaron inicialmente na Gallaecia.

O mundo galaico-romano

A entrada da Gallaecia nos sistemas romanos de organización territorial, social e económica contribuíu á desestruturación do mundo castrexo, que foi substituído pola organización socio-política galaico-romana especialmente trala concesión do ius latii na época flavia.

A nova organización do territorio

Despois da conquista os romanos emprenderon unha reordenación territorial que provocou transformacións na estrutura social dos pobos do noroeste. Nas cidades de novo cuño, como Bracara Augusta (Braga), Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo), a influencia romana definiu a estrutura social, mentres que nos medios rurais a transformación resultou máis lenta e conserváronse durante máis tempo as estruturas sociais, os asentamentos en castros, a cultura material e as crenzas. As terras de cultivo adquiriron a condición de ager publicus e, malia que a poboación galaica continuou traballándoas, tiveron que lles pagar tributos aos romanos por este dereito, mentres se desenvolveron novas relacións sociais e os membros das elites locais incrementaron o seu poder sobre os membros da comunidade a cambio da súa colaboración cos romanos. Esta reforma buscaba unha planificación para a explotación dos recursos e permitiu a introdución de novos cultivos, aparellos e técnicas. Malia a decadencia xeneralizada da vida urbana no Imperio Romano durante os ss III e IV, na Gallaecia non se documentou esta crise pero si se produciu a fortificación da maioría das antigas cidades, como foi o caso de Lugo.

AS VÍAS DE COMUNICACIÓN

A construción dunha rede viaria foi necesaria para facilitar o transporte de mercadorías, especialmente o ouro extraído nas minas, e unir os diversos núcleos de poboación. Para o trazado desta rede reaproveitáronse algúns camiños prerromanos, que seguían vías naturais, en función dos intereses dos romanos. As vías romanas, que seguiron un trazado en terreos elevados no que predominou a liña recta, dotáronse de instalacións como mansións ou pousadas para descansar. Segundo as fontes escritas e a documentación epigráfica e arqueolóxica, confirmouse a existencia de doce vías romanas na Gallaecia; as principais foron a vía XVII, de Bracara a Asturica por Chaves; a vía XVIII, de Bracara a Asturica por Ourense, construída na época flavia; a vía XIX, de Bracara a Lucus Augusti e Asturica; e a vía XX, coa mesma dirección, pero máis próxima á costa. A infraestrutura viaria completouse con pontes como as de Lugo, Ourense e Bibei, redes de canalizacións e cloacas nas cidades, faros, portos, campamentos militares (Cidadela e Baños de Bande) e outras instalacións que favorecían a explotación económica e o control do territorio.

A TRANSFORMACIÓN DO HÁBITAT: A REDE URBANA DA GALLAECIA E AS VILLAE

A creación dunha rede urbana galaica desenvolveuse ao longo de tres etapas. No primeiro período, marcado polas fundacións de Octavio Augusto e da dinastía Xulio-Claudia, producíronse as fundacións de Asturica Augusta, Emerita Augusta e Lucus Augusti. Nun segundo momento, que se estendeu polo derradeiro terzo do s I e se prolongou durante o s II, creáronse núcleos urbanos identificables por incluír no topónimo a denominación flaviu, como Aquae Flaviae, Flavium Brigantium e Iria Flavia, entre outras. A partir do s III desenvolveuse un terceiro período que se caracterizou pola construción de murallas ao redor dos principais núcleos urbanos e a aparición dunha nova poboación, Legio, ao redor do campamento da Legio VII Gemina. A creación destes núcleos favoreceu a concentración da poboación indíxena nas terras baixas e nos vales, mentres que se iniciou un proceso de abandono dos asentamentos castrexos, como os de Elviña, Baroña e Larón, ata a época da dinastía Xulia-Claudia. A partir da época flavia, paralelamente ao desenvolvemento da influencia romana nalgúns castros, produciuse un incrementro no abandono dos hábitats castrexos tradicionais, ao tempo que a influencia romana se deixou sentir na organización interna dos poboados en unidades familiares pechadas, formadas por dúas ou tres vivendas cos seus correspondentes almacéns e un espazo común entre elas. Este abandono interpretouse como un desenvolvemento da romanización trala concesión do dereito latino e a situación de paz e estabilidade. Neste período produciuse a substitución dos poboados nos castros por asentamentos nas chairas. O abandono dos castros non foi total nin definitivo, como se comprobou pola reocupación dalgúns recintos castrexos, como o de Viladonga de época tardorromana (ss III-V). A romanización supuxo tamén a aparición das villae, residencias rurais de luxo ligadas ás explotacións agrarias ou marítimo-pesqueiras, que tiveron un desenvolvemento económico e construtivo inferior ás do resto da Hispania. As primeiras villae coñecidas datan do s I, aínda que o seu proceso de expansión non se deu ata o s III, e implantáronse preferentemente nas áreas costeiras das rías e da Costa da Morte, e nos vales fluviais do interior, como o do Miño-Sil e o do río Támega. Entre as villae marítimas destacan Centroña (Pontedeume), Noville (Mugardos) e Toralla (Vigo) e, entre as villae interiores, Porta de Arcos (Lalín), San Vicente de Agrade (Chantada), Doncide (Pol), A Cigarrosa (A Rúa) e Castillós (Pantón). Outro tipo de asentamento galaico-romano foron os vici, pequenas aldeas ou poboados rurais de chairas non fortificados. O coñecemento destas poboacións a través da arqueoloxía é moi escaso; limítase aos xacementos de Santa Marta (Lucenza, Cualedro) e Ponte Brandomil (Zas). As mencións do historiador Ptolomeo permitiron identificar unha nova forma de asentamento, os fora, que se identificaron coa categoría máis baixa de cidades-mercado da Gallaecia. Os exemplos limítanse ao Forum Gigurrorum, Forum Bibalorum, Forum Limicorum e Forum Narbosorum.

As comunidades políticas na Gallaecia: populi e civitates


A romanización do NO non supuxo a ruptura co mundo prerromano e os indíxenas castrexos conservaron moitas das súas tradicións culturais, malia que sufriron unha alteración gradual das mesmas. Na segunda metade do s I as comunidades indíxenas da Gallaecia iniciaron un proceso de transformación cara a unha nova organización sociopolítica, mentres abandonaron o sistema indíxena e adoptaron as estruturas político-administrativas romanas. Produciuse a desaparición dos castella, asentamentos que se correspondían cos castros e nos que vivía unha comunidade autónoma e rodeada de outras comunidades coas que formaban os populi ou civitas. Estas unidades territoriais maiores adaptáronse ao novo marco político-administrativo do Imperio e déronlles unha certa integridade e coherencia ás comunidades maiores, que pasaron a actuar como clientes do estado romano e estableceron vínculos de dependencia.

O goberno e a administración imperial da Gallaecia: editos de latinidade e conventos xurídicos


A pesar da creación dos conventus a comezos do s I, posiblemente durante o goberno de Octavio Augusto, os populi do NO conservaron durante boa parte de todo este século as súas estruturas organizativas prerromanas; incluso os romanos lles consolidaron e reforzaron as súas autoridades, a cambio da satisfacción dos seus intereses básicos: render culto ao emperador, manter a paz na zona, pagar tributos, e proporcionar soldados para as tropas auxiliares do exército romano. O desenvolvemento dos conventos xurídicos Bracarense, Astur e Lucense, como institucións intermedias entre os populi e a provincia que servían para integrar e administrar unha poboación espallada e sen grandes núcleos de poboación, non se consolidou ata o goberno de Vespasiano (69-79), acompañada pola concesión do ius latii. A introdución desta nova división administrativa e da xurisdición imperial non debeu provocar cambios profundos no mundo indíxena, que continuou regulando a súa vida maioritariamente a través do sistema xurídico prerromano, pero os grupos aristocráticos integráronse con rapidez nas novas estruturas de dominación. O desenvolvemento da administración imperial supuxo a aparición de novos grupos dominantes xunto á elite indíxena: altos cargos romanos e funcionarios administrativos e militares que se ocupaban do control das minas. Os destacamentos militares e os representantes da administración romana difundirían, directa ou indirectamente, a nova cultura e a nova orde social, e mesmo os indíxenas recrutados para o exército se converteron en verdadeiros axentes da romanización. Segundo a interpretación que fan algúns autores das fontes epigráficas, baixo o reinado de Caracalla (212) produciuse unha escisión da provincia Citerior e creouse unha nova provincia, denominada Gallaecia, que quizais conservou os límites da unidade xeográfica da época flavia. A reestruturación das provincias do Imperio Romano durante o goberno de Diocleciano permitiu a creación entre o 284 e o 288 da provincia de Gallaecia, que incluía os tres conventos xurídicos do NO e a maior parte do convento Cluniense, dende o Cantábrico ao Douro e do Atlántico ata as actuais provincias de Soria e Segovia. Dirixida por un praesides, a súa capital situaríase posiblemente en Braga. No 365 foi promovida ao rango de provincia consular.

As transformacións económicas


Baixo a administración romana produciuse unha transformación da actividade económica que promoveu a diversificación nos asentamentos e nas formas de propiedade e explotación da terra, para mellorar o dominio político e económico sobre as terras conquistadas.

A AGRICULTURA, GANDERÍA E PESCA

A estabilización das prácticas agrícolas e gandeiras, como consecuencia da romanización, permitiu a creación dun hábitat rural novo. Segundo as fontes clásicas, o desenvolvemento da actividade agrícola, vinculada tradicionalmente ás mulleres, experimentou unha transformación e, trala reestruturación da posesión da terra levada a cabo polos romanos, deuse unha intensificación da explotación agraria e a introdución de novos produtos, como o trigo, o aceite e o viño, especialmente nas villae. Nestas explotacións debeuse desenvolver unha agricultura baseada no traballo dos escravos, que, na época baixo imperial, foron substituídos por colonos. Ao mesmo tempo produciuse unha mellora e perfeccionamento dos útiles agrícolas: introduciuse o arado romano, difundíronse de xeito masivo os muíños de man e os celeiros, e apareceron os lagares, feito que suxire o desenvolvemento das industrias de transformación da vide e a oliveira. A implantación destes cultivos na Gallaecia centrouse nas rexións meridionais, especialmente no convento bracarense nos vales do Támega e do Douro, Valdeorras e no Baixo Miño. A documentación literaria e iconográfica confirmou que a gandería conservou a súa importancia. As evidencias materiais indican a presenza de gando caprino, porcino e equino. Os recursos pesqueiros e marisqueiros continuaron explotándose e parece que o consumo dos produtos marítimos se estendeu cara ao interior, favorecido pola mellora das vías de comunicación terrestres. A principal transformación que se acometeu trala chegada dos romanos foi o desenvolvemento da industria da salga de peixe, testemuñada arqueoloxicamente na costa atlántica galega. Estas factorías instalábanse en zonas da costa que ofrecían bos peiraos naturais, preto de ríos ou regatos, para limpar o peixe, e de salinas, necesarias para o proceso de salga.

A MINERÍA

No sector mineiro continuou explotándose o estaño, pero os romanos centraron o seu interese na extracción de ouro. A explotación artesanal nos praceres fluviais da época castrexa deu paso ao emprego de técnicas de explotación do mineral a grande escala, na que se empregou a numerosos traballadores procedentes de tres grupos diferentes: escravos, condenados xudicialmente e homes libres. A abundante man de obra, sometida ao control e dirección dos romanos empregouse na explotación de diversas zonas auríferas, entre outras no eixe Miño-Sil, os xacementos de Barbantes e Montefurado. Os romanos explotaron xacementos primarios de rochas e secundarios en superficies sedimentarias ou de aluvión. Entre os xacementos documentados destacan os grandes centros mineiros na parte oriental, como a Mina da Toca (Courel), as Covas de Castañedo (Fonsagrada), Montefurado e As Médulas de Caldesiños (Viana do Bolo). Non obstante , boa parte dos asentamentos mineiros continuaron sendo castrexos e permitiron a continuación de formas de vida da sociedade prerromana. A importancia da minería galaica comezou a decaer cara a finais do s II por un conxunto de causas, entre as que se inclúen a escaseza de man de obra e o esgotamento das vetas de fácil acceso.

O COMERCIO E A PRODUCCIÓN ARTESANAL

A presenza romana permitiu a intensificación do comercio coa aparición e extensión da rede viaria, a introdución da moeda e o establecemento dun sistema de pesos e medidas. O desenvolvemento das rutas terrestres estimulou a produción nas rexións polas que transcorrían e favoreceu o establecemento de centros de comercio en lugares viarios, como Ourense e Chaves, e nos núcleos urbanos. O tráfico marítimo, que tivo unha grande intensidade durante o s I -sobre todo nas Rías Baixas e nas foces do ríos Ulla e Miño-, experimentou unha certa normalización trala conquista de Britannia, favoreceu o tránsito de mercadorías por vía marítima a longa distancia e apoiou o desenvolvemento dos portos, como o de Brigantium. O comercio de longa distancia por vía terrestre seguiu inicialmente o eixo Mérida-Coimbra-Braga-Lugo para os contactos co S. A partir da época flavia, e tralo desenvolvemento das producións locais, o comercio terrestre seguiu unha nova ruta e dende Astorga seguiu ata o val do Ebro e Tarragona. A clientela destas actividades estaba formada polos grupos de funcionarios imperiais asentados nos núcleos urbanos, os corpos do exército romano e as elites indíxenas romanizadas. Dende mediados do s II houbo un descenso no tráfico marítimo co Mediterráneo; este volveuse incrementar trala xeneralización das producións locais e rexionais a comezos do s IV. O escaso desenvolvemento da artesanía local, suxire que a maior parte dos produtos que se exportaban dende a Gallaecia foron materias primas.

Pervivencias indíxenas fronte á romanización: os cultos relixiosos


O proceso de aculturación relixiosa que sufriron os galaicos desenvolveuse en etapas sucesivas. Nun primeiro momento, durante o s I, os efectos da romanización son escasos e continuou o culto aos deuses prerromanos, como Lug, Bandua e Coso, e ás deusas Navia e Reua. Seica estas divindades cumprían no seu panteón as funcións de deuses supremos depositarios dos poderes políticos e militares da súa sociedade. Os deuses e cultos indíxenas foron substituídos polos romanos no medio urbano a partir do s II, pero a súa lembranza reflectiuse nos epítetos e cualificativos en lingua indíxena que acompañaron os deuses latinos nas inscricións. Esta interpretación ou asimilación dos deuses romanos coas divindades indíxenas estableceuse en función das semellanzas de rango ou funcionalidade. Fronte ao predominio das divindades clásicas nas representacións e dedicacións nas cidades de Lugo, Braga, Chaves, Astorga e León, fóra destas cidades os cultos aparecen pouco documentados e só en monumentos datables a partir da segunda metade do s II. A abundancia de testemuños da devoción indíxena a Xúpiter e aos Lares Viales supoñen un caso especial no conxunto das divindades clásicas. Diversos autores coinciden en interpretar a súa importancia entre os indíxenas como consecuencia da súa asimilación a divindades indíxenas funcionalmente equivalentes. A fraxilidade da romanización e a persistencia do mundo indíxena nas rexións afastadas dos centros de control romano, viuse confirmada polo achado de varios santuarios abertos, datados a partir da segunda metade do s II e consagrados a divinades indíxenas por medio de inscricións rupestres en lingua indíxena ou latina.

As artes plásticas


As manifestacións escultóricas castrexas pertencen ao período castrexo-romano e galaico-romano e dátanse a partir do s I d C. Os habitantes dos castros destacaron no traballo da pedra tanto na realización de murallas, nun primeiro momento feitas con pedras sen traballar e dende o s III a C con pedras careadas, como na realización de obxectos como muíños e pías e pezas artísticas. Ademais da pedra traballábase tamén os metais e o barro. Consérvanse guerreiros como o de Armeá, cabezas humanas como a de Cores, e figuras de vulto redondo sedentes; cabezas zoomórficas, como as atopadas en Santa Tegra, que se relacionaron coa escultura dos verróns e outras pezas monumentais que se colocaban nos linteis ou nas portas dos castros e que reproducían motivos semellantes aos das pezas de ourivería. No eido da ourivería, empregouse fundamentalmente o ouro debido ao gran número de xacementos auríferos explotados. As pezas máis características son os torques, as arracadas, os amuletos, os diademas ou cintas metálicas e os colgantes en forma de media lúa. Consérvanse tamén pezas de bronce, como caldeiros, puntas de colar, aneis, fíbulas, remates de armas e outros obxectos, entre os que destacan os cascos atopados en Caldelas de Tui do s I a C. A medida que os castros se romanizan, aparece un maior número de obxectos de ferro. As pezas cerámicas atopadas son moi variadas tanto na súa tipoloxía (pratos, vasos, cazolas e outros obxectos) como nos motivos decorativos que adoptan, como zigzags e meandros. Dende o s V a C empregouse a roda; acadou o seu esplendor no cambio de era cando proliferaron os motivos decorativos. Durante a época de dominación romana cómpre distinguir entre as manifestacións artísticas producidas na Gallaecia, as menos, e as manifestacións importadas de obradoiros foráneos. Ademais cómpre subliñar a dificultade de diferenciar, en moitas ocasións, entre as pezas galaico-romanas e as pezas castrexo-romanas. Pódense distinguir dúas correntes artísticas: unha arte oficial ou culta, relacionada cos modelos iconográficos e coas técnicas comúns a todo o Imperio e dirixida á aristocracia romana, e outra popular ou plebea, dirixida ao pobo e que asumiu as características autóctonas fusionándoas coas romanas. Mentres a primeira está destinada ás esculturas en bronce, aos mosaicos e á pintura mural, a segunda prefire a escultura en pedra, especialmente as estelas de carácter funerario. A Torre de Hércules atribúese á época de Traxano e, segundo unha inscrición conservada, construíuna o arquitecto lusitano Caio Sevio Lupo. Foi reconstruída en 1791 baixo as trazas do enxeñeiro Eustaquio Giannini. As cidades, asentadas sobre establecementos lexionarios, núcleos indíxenas ou lugares deshabitados ata entón, sempre foron de nova planta. Entre outras destaca Lucus Augusti, capital do Conventus Lucensis, da que se conserva a muralla do s III e as termas, con cámaras abovedadas de laxes de lousa, e na que se atoparon, ademais de restos arquitectónicos, numerosos restos escultóricos, epigráficos, numismáticos e cerámicos. Cómpre destacar o conxunto arquitectónico de Santa Baia de Bóveda (Begonte) identificado cun ninfeo romano cristianizado no s IV no que se conservan relevos e pinturas decorativas. No eido da escultura consérvanse manifestacións en pedra relacionadas coa corrente culta, entre outras pezas o grupo Dionisio e Ampelos, atopado en Mourazos (Verín) e a cabeza de Venus conservada no Museo Provincial de Lugo, baseada nos retratos de Faustina Minor. No eido da escultura popular destacan as estelas funerarias, realizadas en granito ou xisto e cunha parte superior decorada con motivos variados, como o crecente luar, as estrelas e as esvásticas, e cunha inscrición na parte inferior. Destacan, entre outras, as de Suavioso, San Pedro da Vila, Bermés, Vilar de Sarria e Seoane de Atán. Ademais consérvanse numerosas imaxes feitas en bronce con representación de heroes e deuses. Nas vilas e mansións atopáronse mosaicos con representacións de escenas de animais mariños, flores e decoración xeométrica, entre outros destacan os de Batitales, atopado en Lugo, a Cigarrosa, Parada de Outeiro (Xinzo de Limia) e Panxón (Nigrán). A isto cómpre engadir os restos cerámicos atopados nos diversos xacementos. A cerámica romana distribúese en tres grupos: a de tradición castrexa, que produce obxectos de diversa tipoloxía e tamaño cunha variada decoración; a común romana, destinada a pezas de uso doméstico e, en menor medida, funerario, ritual e ornamental; e a terra sigillata ou de importanción, cerámica de pasta fina cun verniz vermello que adoita ter unha marca. O bronce empregábase para a realización de obxectos, tanto de uso doméstico como artesanal, e na fabricación de armas. A maioría das pezas de ourivería son de importación, como os aneis do castro de Viladonga. En moitos xacementos atopáronse restos de vidros, como vasos, botellas e outros obxectos, realizados maioritariamente coa técnica do soprado.

A introdución do cristianismo e a arte paleocristiá


As primeiras informacións sobre comunidades cristás na Gallaecia documentáronse dende mediados do s III. Esta penetración, tardía en comparación con outras áreas da Hispania, puido deberse á situación de periferia xeográfica ou á pervivencia do paganismo nativo mesturado con elementos latinos. A paulatina identificación entre a Igrexa e o estado romano a través do compromiso relixioso dos emperadores, ocasionou a aparición no seu seo de desviacións doutrinais e movementos disidentes como o que encabezou Prisciliano. O movemento priscilianista pódese encadrar dentro dos conflitos entre a autoridade eclesiástica, progresivamente máis centralizada na figura dos bispos, e a dinámica relixiosa máis libre das comunidades cristiás, que se constituían ao redor dun santo ou asceta. Estes movementos foron considerados perigosos polas autoridades eclesiásticas, pois deslexitimaban o seu poder relixioso, e foron absorvidos pola Igrexa, coa creación de ordes monásticas, ou perseguidos, como no caso de Prisciliano, que trala súa condena pola autoridade civil e eclesiástica, foi executado en Trier (386). A doutrina priscilianista seguíana un importante grupo de adeptos procedentes dos grupos máis oprimidos e marxinados, especialmente do medio rural; estes rexeitaban os bispos ortodoxos, pois as súas sedes instalábanse en núcleos urbanos e representaban tanto as xerarquías relixiosas como políticas. As primeiras manifestacións materiais da cristianización de Galicia proceden das necrópoles de diversas vilas, como as da Lanzada, Adro Vello e Moraime. Por regra xeral, esta primeira arte cristiá mantivo as tradicións artísticas romanas que se adaptaron ás novas necesidades relixiosas e culturais. Cómpre destacar os restos de capiteis, bases e relevos conservados en Santa María de Temes (Carballedo), onde destaca a tapa dun sartego decorado con escenas bíblicas (320-330), e os achados en Nosa Señora da Ermida (Quiroga), onde se atopou un crismón de mármore datado a comezos do s V que conserva unha inscrición. O mundo romano chegou á súa fin na Gallaecia no 409 coa chegada dos pobos xermánicos, primeiro os vándalos e, posteriormente, os suevos, pero a división da Igrexa galaica entre priscilianistas e ortodoxos prolongouse e o dominio suevo permitiulle ao priscilianismo galaico quedar a cuberto da condena das autoridades eclesiásticas católicas e da lexislación imperial.

Ensino

Na Gallaecia romana (s IV) deberon desenvolverse iniciativas e experiencias favorables a unha crecente romanización lingüística e á súa cristianización. Isto permitiu que no ano 404 existise na cidade de Braga un espazo para o estudo bíblico ao coidado do bispo Avito, que da Gallaecia puidese saír Paulo Orosio, clérigo preparado para intervir intelectualmente nos problemas e debates político-relixiosos do momento coa súa obra Historiarum adversum Paganos (417), que no ano 427 o bispo de Chaves escribise o fundamental Chronicon, ou que pouco despois, baixo o bispado de Balconio, se puidese recoñecer unha posible escola de formación gramatical e retórica en Braga. A caída do Imperio Romano debeu influír, sen dúbida, na redución dese impulso cultural e educativo, que quizais se comezou a recuperar cara a mediados do s VI, arredor da figura de san Martiño de Braga e dos seus escritos e creacións monásticas en diversos puntos da Gallaecia e arredor tamén dos concilios relixiosos, celebrados en Braga e Lugo, que prestaron algunha atención á formación clerical e á educación relixiosa e moral dos crentes. Logo, ata mediados do s VII, non se volveu producir certa reactivación da actividade educativa episcopal e monástica da man de san Froitoso e de san Valerio, educador do Bierzo.


O REINO DE GALICIA


O Reino Suevo da Gallaecia (ss V-VI)

Asentamento dos suevos e evolución política do reino

A principios do s V, suevos, vándalos e alanos foron empurrados polos hunos cara ao interior das fronteiras do Imperio Romano. Os suevos, liderados por Hermerico (406?-441), dirixíronse a Pas-de-Calais coa intención de cruzar ás Illas Británicas, pero a sublevación das gornicións romanas na Bretaña fixo cambiar a súa ruta cara ao S, e no outono do 407, xunto con vándalos e alanos, cruzaron os Pireneos e penetraron na Península Ibérica. Ante esta situación o Estado romano viuse obrigado a asinar con suevos, vándalos e alanos un pacto de hospitalidade que permitía o seu establecemento dentro das fronteiras do Imperio a cambio de protección. Na Península Ibérica, alanos e vándalos ocuparon as provincias Lusitana, Cartaxinense e Bética, e os suevos establecéronse nos territorios máis occidentais da antiga provincia romana da Gallaecia. O foedus con Roma, asinado no 410, permitiu a creación dun reino suevo, no que a máxima autoridade oficial era o emperador pero que na práctica era gobernado directamente por un monarca. Non obstante , o progresivo deterioro do poder central romano fixo posible o desenvolvemento dun reino independente. Durante os primeiros anos da dominación (412-456), os efectivos humanos de orixe xermánica, probablemente un reducido número, asentáronse de forma maioritaria na área situada entre os ríos Miño e Douro. Tratábase de pequenos asentamentos rurais, de nova creación como demostra a toponimia, á marxe das explotacións galaico-romanas, e que permitiron un rápido crecemento demográfico. No 420, as ameazas sobre a Gallaecia dos vándalos asdingos, que tras un período de secas abandonaron as súas terras na Meseta, levaron a Hermerico a lles pedir axuda militar aos romanos, que desprazaron os asdingos ata a Bética. Os exércitos suevos aproveitaron esta situación para ocupar os antigos territorios vándalos na Meseta e desprazarse ao S da liña do Douro. Durante o reinado de Réquila (441-448), os suevos ocuparon a Lusitania, onde conquistaron Mérida, e convertérona na súa base de operacións para as razzias sobre a Bética e a Cartaxinense. Non obstante , coa chegada ao trono de Requiario (448-456), a situación cambiou ao converterse o monarca ao catolicismo (449) e enfrontarse aos exércitos visigodos. A conversión da poboación sueva á relixión oficial do Imperio Romano produciuse de forma gradual; partiu das clases máis baixas, que eran as que tiñan un maior contacto cos galaico-romanos, e culminou coa conversión do monarca. A oficialización do catolicismo tivo como consecuencias inmediatas a fusión total da poboación galaico-romana coa sueva e o apoio da Igrexa católica á monarquía. Requiario continuou as campañas militares do seu pai e dirixiuse cara ao N, onde se encontrou cos exércitos visigodos liderados por Teodorico II. O enfrontamento produciuse nas proximidades de Puente de Órbigo (5.10.456), na que os exércitos visigodos, militarmente superiores, derrotaron as tropas suevas e encamiñáronse a Braga, que foi practicamente destruída (27.10.456). Iniciouse así a prevalencia visigoda en toda a Península Ibérica, en particular sobre o Reino Suevo, que foi dividido en dúas coroas, a do convento Lucense e a do convento Bracarense. No 464, trala morte de Frumario (460-464), rei do convento Bracarense, Remismundo (464-469) puido converterse no monarca de ambos os conventos xurídicos tras aceptar o arianismo como relixión oficial e recoñecer a superioridade visigoda. Iniciouse entón un período escuro de case un século no que se sucederon os enfrontamentos entre a nobreza sueva convertida ao arianismo e a poboación galaico-romana, repartida entre priscilianistas, maniqueístas e católicos, que provocaron revoltas como a dos aunonenses; e no que o territorio visigodo se viu limitado ás fronteiras da Gallaecia. Non obstante , a presión á que francos e bizantinos someteron os visigodos permitiu, a mediados do s VI, reafirmar a independencia do Reino Suevo de Gallaecia. Influenciado por san Martiño de Braga, a corte de Carriarrico (550-559) volveu ao catolicismo e renovouse a alianza entre a aristocracia galaica e a nobreza sueva. O labor político, cultural e pastoral iniciado por san Martiño culminou durante o reinado de Teodomiro (559-570) coa conversión oficial de todo o reino ao catolicismo (559). O seu fillo e sucesor, o Rei Miro (570-583), consciente dos crecentes intereses visigodos, tratou de oporse aos plans de Leovixildo, polo que prestou axuda na fracasada rebelión que protagonizou o seu fillo Hermenexildo. Finalmente, durante o reinado de Andeca (584-585), o reino suevo foi incorporado á coroa visigoda.

Organización do Reino Suevo da Gallaecia

O establecemento do reino suevo nos territorios máis occidentais da provincia romana da Gallaecia, significou a asentamento dun reducido número de poboación sueva, que configurou un estado independente asociado ao Imperio. Neste reino, aproximadamente ata mediados do s V, a autoridade real non abranguía todo o territorio, senón só a poboación de orixe xermánica. O monarca era o xefe supremo civil e militar, aínda que o seu poder estaba limitado pola asemblea de homes libres, que debía confirmar as decisións do monarca no relativo á guerra e á súa sucesión. Ademais, entre as prerrogativas reais tamén estaba o dereito a cuñar moeda, nomear embaixadores e dispor libremente do tesouro. Para a poboación galaico-romana a presenza dunha xerarquía dirixente sueva non significou apenas cambios, posto que eles continuaron rexéndose polo dereito consuetudinario de tradición indíxena, no mundo rural, e polo dereito romano, no urbano. De xeito simultáneo, foise producindo un proceso de asimilacion e identificación destes dous grandes grupos sociais, que culminou coa conversión de Requiario ao catolicismo (449) e o seu recoñecemento como relixión oficial un século máis tarde. Durante o reinado de Teodomiro (559-570), o recoñecemento oficial da relixión católica permitiu o nacemento dunha Igrexa galega, que se converteu no eixo para a unificación ideolóxica do reino. O seu desenvolvemento foi en gran medida obra de san Martiño de Braga, quen propiciou a celebración de concilios nos que, ademais de establecerse as liñas doutrinarias, se asesoraba o monarca e se atendía a administración do reino. Ao abandonarse as formas de organización territorial romanas, que por outra parte nunca estiveran moi difundidas no mundo rural, foi necesaria a elaboración dunha nova división territorial, que se plasmou no Parochiale Suevum (s VI), que dividía o territorio en trece sedes ou dioceses, e estas en parroquias, que constituían o centro dun distrito territorial. A expansión do estado suevo completouse coas colonizacións agrarias que realizaron mosteiros como o de Dumio.

A incorporación de Gallaecia na monarquía visigoda (ss VI-VIII)


Tras ser conquistado no 585 polo rei visigodo Leovixildo (553-586), o Reino Suevo de Galicia pasou a integrarse no reino visigodo de Toledo. O dominio visigodo estendeuse desde finais do s VI a principios do s VIII e caracterizouse pola conservación da personalidade xurídica, administrativa e social galaica dentro do ámbito visigodo. A aristocracia suevo-galaica promocionouse dentro da corte e os monarcas visigodos asociaron os seus herdeiros en actividades administrativas na Gallaecia. As cidades convertéronse en pequenos burgos que a Igrexa, sobre todo trala conversión de Recaredo (589), comezou a controlar, e no mundo rural xeneralizáronse as grandes propiedades agrarias en mans de señores suevo-galaicos ou de pequenas comunidades monásticas, como as fundadas por san Froitoso de Braga en Peonense, Castrobón, Turonio e San Salvador de Montelios.

A formación do feudalismo (ss VIII-XI)

As transformacións sociais: repoboación e réxime señorial
A irrupción dos musulmáns na Península Ibérica no 711 significou para Galicia a fin das vellas estruturas estatais suevas e visigodas e a desintegración da unidade territorial da Gallaecia, ao desligarse o convento Ástur. A falta dunha estrutura estatal forte e centralizada potenciou a indefensión fronte aos ataques externos e a ruralización e atomización da sociedade. Entre os ss VIII e XI os territorios galaicos sufriron continuos ataques de exércitos musulmáns e normandos. Tanto para uns como para os outros este tipo de incursións eran simples expedicións de carácter militar coa finalidade de obter botín. A primeira incursión musulmá produciuse no 714 ao mando de Musa ibn Nusayr, quen ocupou a cidade de Lugo, e continuaron ata o 997 cando Almanzor atacou Santiago e arrasou a vila de Ourense. No 714 tamén se produciu o establecemento de pequenos grupos bérberes que abandonaron o territorio a mediados do s VIII. Desde o 844 sucedéronse os ataques normandos na costa e nalgunhas vilas do interior ás que accedían a través dos ríos. Durante os seus ataques os normandos deron morte ao bispo Sisnando (968), arrasaron a vila de Tui (1016) e atacaron a ría de Arousa (1032), onde se refuxiaron durante varios anos; ante os ataques os señores galegos fixéronlles fronte por medio da edificación de construcións defensivas, como as torres da Lanzada, de San Tomé do Mar, Caleiro e as torres do Oeste. A reorganización defensiva estivo acompañada dunha reorganización administrativa que acentuou o asentamento do poder señorial. Incrementáronse as relacións feudo-vasaláticas como consecuencia das dificultades económicas de numerosos pequenos propietarios que se viron obrigados a someterse ao poder señorial a cambio de seguridade. Os privilexiados, nobreza e clero, acumularon no seu poder as pequenas xurisdicións territoriais nas que os monarcas ástur-leoneses dividiran o territorio e á fronte das que estaban os comitatus e adquiriron competencias que ata ese momento foran desempeñadas polo Estado, como o cobro de impostos, a xustiza e a seguridade. As necesidades económicas e organizativas potenciaron a repoboación dalgúns territorios nas comarcas do interior, como as do bispo Odoario e dos seus familiares. A loita polo control da terra acabou por provocar numerosas tensións entre a Igrexa, apoiada polos monarcas ástur-leoneses, e a nobreza laica, conflitos que culminaron coa perda de influencia da nobreza laica trala aparición da tumba do Apóstolo Santiago en Compostela.

A nova monarquía cristiá herdeira dos visigodos

Nos territorios galaicos, que comprendían Galicia e os territorios portugueses ao N do Mondego, a nobreza durante os ss VIII e XI debateuse entre a súa integración na vida política ástur-leonesa e a configuración dun reino independente. Malia a vinculación das terras galaicas ao reino ástur desde os tempos de Afonso I (739-757), sucedéronse os intentos por parte da nobreza de apartarse do poder ástur. O primeiro intento deste tipo, aínda que frustrado, foi o protagonizado por algúns nobres galegos durante o reinado de Silo (774-783). O primeiro período de independencia do Reino de Galicia produciuse entre o 910 e o 914, cando Afonso III lle cedeu ao seu fillo Ordoño II a totalidade dos territorios galaicos. Non obstante , a experiencia foi breve, posto que ao morrer o seu irmán, García I de León, Ordoño converteuse no novo monarca leonés. Á súa morte (924) e tras unha serie de emfrontamentos entre os seus sucesores accedeu ao trono galaico Sancho I (926), quen morreu no 929 e lle deicou o trono a seu irmán Afonso IV, co que o reino de Galicia volveuse anexionar ao de León. No 1065, Galicia recuperou a súa independencia e o novo reino, xunto co condado de Portugal e as parias de Badajoz e Sevilla, correspondeulle a García I. Pero novamente a independencia de Galicia foi breve (1065-1070), ao enfrontarse García I aos seus irmáns Sancho e Afonso, quen no 1072 se converteu no rei de León, Galicia e Castela co nome de Afonso VII. A oposición por parte da nobreza galega aos reis ástures levounos a buscar o apoio da Igrexa para o que fomentaron un proceso de restauración eclesiástica que coincidiu co achado do sepulcro do Apóstolo Santiago no primeiro terzo do s IX. Clero e monarquía desexaban acabar coa importancia da Igrexa mozárabe polo que a aparición das reliquias permitiu crear na Península Ibérica un novo centro relixioso vinculado desde as súas orixes aos monarcas ástur-leoneses. Afonso II foi o primeiro monarca en visitar Compostela e conceder os privilexios para a construción das primeiras edificacións. As sucesivas concesións reais romperon o esquema administrativo existente, baseado na ampla rede de comitates, e déronlle o poder político e relixioso ao clero en detrimento do señorío laico. A importancia da cidade, que se desenvolveu ao redor do sepulcro como consecuencia do intercambio económico que promoveron as peregrinacións, foi de tal magnitude que, a finais dese mesmo século, a sé episcopal trasladouse desde Iria a Santiago e, a principios do s XII, foi promocionada á categoría arcebispal.

A era compostelá (ss XII-XIII)

O crecemento económico

A estabilidade política derivada da desintegración do califato de Córdoba e a conxuntura económica permitiron nos ss XII e XIII unha seguridade que se reflectiu no incremento da poboación. O crecemento demográfico levou parella a ampliación da superficie cultivada, a introdución de innovacións no cultivo e a atomización das propiedades. A ampliación das terras de cultivo realizouse a custa da incorporación de terreos baldíos nos eirados circundantes e en aldeas de nova creación, na súa maioría fundadas grazas á acción colonizadora dos mosteiros, especialmente aos da orde do Císter. O aumento da superficie cultivada supuxo un aumento da produción agrícola, que estivo acompañado pola introdución de melloras técnicas nos sistemas e ferramentas de cultivo. Potenciouse o cultivo de produtos hortícolas que, ademais de alimentar o grupo familiar, permitiron unha acumulación de excedentes, con fins comerciais, de leguminosas, de cereais e de vide, tanto nos vales do Miño e o Sil como nos arredores da Coruña, Betanzos e Viveiro. O cultivo da vide intensificouse, en gran medida, grazas á difusión por parte dos monxes do Císter de novas plantas, técnicas de cultivo e procedementos na elaboración do viño. No cultivo de cereais substituíuse o ano de barbeito pola alternancia de cultivos complementarios, trigo e centeo como cereais de inverno e paínzo como cereal de primavera, que permitisen a rexeneración dos solos. Xeneralizouse a utilización do arado de dobre rella e o uso do ferro na fabricación das ferramentas de labranza e a aplicación da enerxía hidráulica na moenda. O aumento gradual do excedente agrario permitiu o desenvolvemento de numerosos mercados e feiras, como as de Lugo (1104), Monforte de Lemos (1106) e Milmanda (1199), e unha difusión cada vez maior dos produtos galegos en mercados afastados. Produciuse a revitalización das antigas vías romanas e a expansión de novas rutas comerciais marítimas e terrestres. Os intercambios terrestres co exterior realizáronse a través do Camiño de Santiago con dúas entradas, a do val do Sil e a de Monterrei. Desde finais do s XII, produciuse un aumento espectacular do comercio marítimo como consecuencia dos seus poucos custos á hora de transportar mercancías pesadas e as melloras realizadas a expensas do arcebispo Diego Xelmírez nalgúns portos atlánticos. A canalización dos excedentes agrarios a través destas rutas potenciou o desenvolvemento dos núcleos urbanos. As cidades vertebráronse ao redor de dous eixos, o Camiño de Santiago, onde se desenvolveron núcleos urbanos coa finalidade de abastecer e hospedar os peregrinos, e a liña de costa, onde se desenvolveron núcleos de poboación ao redor da actividade comercial dos portos. Os núcleos de poboación interiores estiveron controlados polos grandes cenobios, mentres que os da costa dependían directamente da coroa. Nestas concentracións urbanas asentáronse, nas últimas décadas do s XII e nas primeiras do s XIII, un gran número de mercaderes, artesáns e traballadores que deixaron a súa pegada na toponimia das vilas ao organizárense por oficios e instalárense nas mesmas rúas.

A sociedade feudal

Na Baixa Idade Media tivo lugar en Galicia unha reordenación das relacións entre os homes como consecuencia, en boa medida, das transformacións económicas que se produciran. Malia os progresivos intentos por parte dos monarcas castelán-leoneses de centralizar o poder, nos territorios galaicos xeneralizouse ao longo dos ss XII e XIII a acumulación por parte de mosteiros e cabidos de numerosos ben raíces. A revitalización do Camiño de Santiago como vía de penetración de poboación de máis alá dos Pireneos e a necesidade por parte de Afonso VII de conseguir partidarios entre a nobreza galega foron algunhas das causas da importacia que adquiriu o monacato galego nos anos centrais da Baixa Idade Media. Mentres que Diego Xelmírez favoreceu a introdución da reforma de Cluny, o Rei Afonso VII propiciou, mediante a concesión de cartas de couto, o establecemento dos monxes cistercienses, que fundaron ou reformaron grandes mosteiros como os de Oseira, Monfero e Sobrado. Ademais, as dificultades da nobreza, que dividía as súas propiedades por mor das herdanzas e necesidade de liquidez monetaria, levárona a vincularse aos mosteiros a cambio das súas posesións. A configuración destes inxentes señoríos eclesiásticos aceleraron a desaparición de pequenos e medianos propietarios. A servidume da terra transformouse nunha vinculación e dependencia do campesiñado a esta por medio da xeneralización dos foros. Non obstante , o desenvolvemento na costa e ao longo do Camiño de Santiago de pequenos núcleos urbanos que baseaban a súa economía no comercio xerou as condicións necesarias para a aparición dunha nova clase social, a burguesía. O progresivo enriquecemento destas elites e a necesidade de asumir funcións políticas para defender os seus propios intereses, levounos primeiro a enfrontarse ao poder señorial e, posteriormente, a aliarse coa monarquía contra este. Os enfrontamentos contra o poder señorial producíronse nas cidades de Santiago, Lugo, Tui e Ourense e en todos eles a burguesía buscaba substituír o poder da Igrexa por medio do apoio aos seus contrarios, os señores laicos. En Compostela (1116), os burgueses, desexosos de acabar co poder de Xelmírez, aliáronse con aqueles nobres e membros do cabido contrarios ao arcebispo nunha irmandade xurada, mentres que en Lugo (1159), os burgueses, tamén xurados en irmandade, mataron o meiriño e obrigaron o bispo a abandonar a cidade. O fracaso deste tipo de accións levou a nova clase social a buscar o apoio da monarquía, que tratou de fortalecer o seu poder fronte ao señorío mediante a concesión de cartas forais, como as Santiago (1156), Pontevedra (1169), Tui (1170) e Lugo (1177), nas que se lles concedía aos burgueses un alto grao de autonomía.

O declive do Reino da Galicia e a formación do Reino de Portugal

As transformacións socioeconómicas da Baixa Idade Media permitiron a organización dun poder feudal segundo o modelo europeo. Á súa chegada ao trono, Afonso VI dividiu as posesións de García I e entregou Galicia a Reimundo de Borgoña, casado coa súa filla Urraca (1090), e o condado de Portugal a Enrique de Borgoña, casado coa súa filla Tareixa (1095). Á morte de Reimundo (1107) sucedeuno como condesa da Galicia a súa dona, Urraca, ata á morte do seu pai (1109), cando se formulou a cuestión sucesoria. Produciuse, entón, o enfrontamento entre a nobreza liderada por Pedro Froilaz de Traba, partidario da sucesión no fillo de Urraca, Afonso Reimúndez, e os partidarios de Urraca, entre os que se encontraba nun primeiro momento o arcebispo Diego Xelmírez. O entendemento entre Xelmírez e Traba produciuse en 1110, cando Afonso Reimúndez foi coroado como rei de Castela e León na catedral de Santiago de Compostela. A chegada ao trono de Afonso VII significou o avance en Galicia da feudalización e a proclamación de Portugal como reino independente (1121), aínda que baixo a vasalaxe do monarca leonés. Afonso VII (1126-1157) iniciou unha política dirixida, por un lado, a pacificar o territorio e, polo outro, a premiar a nobreza e o clero que lle foran fieis. Favoreceu o establecemento da orde do Císter e concedeu numerosas cartas de couto a mosteiros e igrexas, de tal xeito que unha gran parte do territorio galego quedou baixo señorío eclesiástico. En cambio, durante os reinados de Fernando II (1157-1188) e Afonso VIII (1188-1230) produciuse un cambio na política da monarquía que procurou o desenvolvemento das cidades para contrarrestar a importancia política adquirida pola igrexa con Afonso VII. A independencia real dos territorios portugueses produciuse en 1179, cando a Santa Sé lle recoñeceu o título de rei ao monarca portugués e se independizou a igrexa lusa. No século seguinte a acentuación da periferia de Galicia continuou ao centrar a monarquía castelá todos os seus intereses no avance cara aos territorios do S da Península Ibérica.

A crise do s XIV


O esgotamento do crecemento feudal

No s XIV o crecemento da sociedade feudal galega estancouse como consecuencia dunha serie de crises económicas e sociais. A principios do século, as malas condicións climáticas e o espectacular aumento demográfico de finais do s XIII produciron o esgotamento progresivo das terras e a aparición das primeiras manifestacións de fame negra na década de 1330. Á escaseza de alimentos engadiuse, na década seguinte, o avance da Peste Negra, que chegou a Galicia en 1348 por vía marítima e que avanzou desde as vilas costeiras cara ao interior; mesmo chegou a Ourense en 1387. Como consecuencia destes factores orixinouse, a mediados do século, unha importante contracción demográfica que tivo consecuencias directas sobre o réxime de propiedade das terras, a agricultura e o mundo urbano. Para os señores feudais, o descenso demográfico significou a redución do número de man de obra dispoñible e o abandono do cultivo en moitas das súas terras. Non obstante , mentres que para os señores eclesiásticos esta situación non fixo variar a súa forma de vida, para a nobreza laica fíxose necesaria a posta en práctica dalgunhas medidas como a fundación de morgados e melloras co fin de garantir a preservación dos núcleos dos patrimonios familiares e a supresión de foros, o aumento das rendas en especie de carácter proporcional e o alixeiramento das cargas señoriais co fin de aliviar a presión sobre o campesiñado. Malia todo, o descenso de poboación no rural mantívose ao longo do século ao producirse a emigración dos labregos cara á cidade. Orixinouse tamén unha caída dos prezos dos cereais e a orientación do campo cara á produción de viño e plantas industriais, como o liño, que fomentaron de forma directa a aparición de pequenos núcleos industriais nas áreas urbanas. Nas cidades, a pesar da crise xeneralizada, tivo lugar un crecemento da poboación como consecuencia do abandono do campo por parte de moitos labregos. O campesiñado incorporouse nas filas do artesanado, como asalariados ou como pequenos propietarios, e proseguiu a reorganización do traballo artesanal en gremios e confrarías segundo as súas actividades. A chegada de man de obra ás cidades permitiu, á súa vez, o desenvolvemento de pequenas industrias, salga do peixe e construción de barcos, que fornecen nun principio o comercio interno e, posteriormente, o comercio exterior. Co apoio dos señores eclesiásticos e civís, produciuse o desenvolvemento de numerosas feiras e mercados nos que apareceron sociedades dedicadas ao cambio e ao préstamo de diñeiro, como as confrarías de cambiadores de Santiago de Compostela e a de cambiadores e prestamistas de Tui. O comercio de exportación nun principio desenvolveuse a través dos portos da Coruña, Viveiro e Betanzos, e desde mediados de século a través dos portos galegos situados máis ao S, sobre todo os de Baiona e A Guarda. As mercadorías, fundamentalmente derivadas da actividade pesqueira, dirixíanse cara aos portos de Inglaterra, Francia e Flandres e, desde 1350, ao Mediterráneo.

A guerra civil e o relevo dinástico

O descenso do número de rendas, provocado polas circunstancias socioeconómicas, deu lugar a unha forte inestabilidade social, que culminou a mediados do século na guerra civil entre Pedro I o Cruel e o seu irmán, Enrique de Trastámara. Os actos de violencia como consecuencia directa da crise, estalaron por primeira vez en Compostela (1318-1320), cando o bispo de orixe francesa Berenguel de Landoira tivo que enfrontarse á nobreza e aos burgueses da cidade. Liderados por Alonso Suárez de Deza, nobreza e burguesía buscaron, sen éxito, a conquista da autonomía da cidade con respecto ao bispado e a súa transformación en cidade de reguengo. A situación agravouse coas medidas de centralización política iniciadas polo monarca castelán, ante as que se mostraron desconformes a pequena nobreza e o señorío eclesiástico e favorables as grandes casas nobiliarias e os concellos. A violencia novamente estalou en 1366 na cidade de Santiago, onde foi asasinado o arcebispo Suero Gómez de Toledo durante a procesión do Corpus a mans de dous membros da nobreza, Fernán Pérez de Churruchao e Gómez Galiñato. Os enfrontamentos xeneralizáronse durante as loitas polo trono entre Pedro I o Cruel e Enrique de Trastámara. En Galicia, mentres que o bando lexitimista estivo apoiado por un amplo sector da nobreza, liderado por Fernando Ruiz de Castro, e a burguesía, que buscaba acabar coa dominación señorial nas cidades; no bando de Enrique de Trastámara encontrábase a nobreza media e os cabaleiros, que desexaban obter así doazóns reais que lles permitisen aumentar o seu patrimonio. En 1365, o pretendente invadiu Castela, a excepción de Galicia, onde se refuxiou o monarca. Pedro I, co apoio de Eduardo III de Inglaterra, enfrontouse con éxito a Enrique en Nájera (1367); aínda que pouco despois foi derrotado e asasinado en Montiel (1369). Malia o ascenso ao trono de Enrique II, en Galicia continuou a oposición ao novo monarca coa axuda dos exércitos de Xoán de Gante, que ocuparon Santiago de Compostela e Ourense en 1387. Instaurada a casa dos Trastámara na Coroa de Castela e tras acabar coa resistencia da nobreza galega durante o reinado de Xoán I, a alta nobreza autóctona foi substituída por personaxes de orixe non galega como Pedro Ruiz Sarmiento, co título de adiantado maior de Galicia, e Pedro Enríquez de Castro, co título de pertegueiro maior de Santiago. Ademais da implantación de grupos dirixentes foráneos, os Trastámara concéderonlles a aqueles nobres que os apoiaran, entre outros, os Rodríguez de Biedma, os Pérez Osorio, Rodríguez de Valcárcel e os Pérez de Andrade, numerosos privilexios e rendas que lles permitiron pasar a ocupar postos importantes dentro da nobreza galega. As consecuencias máis directas deste cambio foron a imposición a Galicia de grandes contribucións e a reseñoralización do territorio, mediante o acaparamento dos bens eclesiásticos, dos bens dos concellos e dos cargos municipais, en favor das liñaxes que apoiaran a nova monarquía.

O século dos Irmandiños

As transformacións económicas

A primeira metade do s XV caracterizouse pola recuperación económica xeral, en gran medida consecuencia da expansión demográfica, que permitiu a ampliación das terras de cultivo e o crecemento das cidades. No sector primario continuou o desenvolvemento do cultivo da vide e da pesca cunha clara orientación comercial. O viño, cultivado maioritariamente na comarca do Ribeiro, comercializábase a través das vilas de Ourense, Santiago e Pontevedra. A prosperidade das actividades pesqueiras centrouse na súa maior parte no porto de Pontevedra, desde onde se exportou sobre todo cara ao Mediterráneo. Desde 1350 iniciouse a ralentización das actividades económicas. A actividade comercial viuse afectada polas subidas de prezos e a desaparición dos mercados europeos como consecuencia da política exterior da monarquía castelá. Nas cidades a actividade industrial diminuíu de forma progresiva e produciuse unha perda de poboación, en gran medida consecuencia das epidemias de peste que tiveron lugar nas décadas de 1350 e 1360.

Unha sociedade en crise: A Revolución Irmandiña

Á crise económica e social engadiuse o aumento da confrontación de intereses entre o señorío laico e eclesiástico e entre estes e os concellos. Os antecedentes da Revolución Irmandiña atópanse nas revoltas contra os señoríos eclesiásticos que tiveron lugar nas vilas de Santiago, Ourense, Lugo e Tui na primeira metade do s XIV. En Santiago, en 1422 e ante a ausencia do arcebispo e señor da cidade, Lope de Mendoza, os cabaleiros Roi Sánchez de Moscoso e Fadrique Enríquez de Castela e Castro e un grupo de artesáns da cidade iniciaron unha revolta co obxectivo de acabar co poder da Igrexa e converter a vila en cidade de reguengo. En Lugo, os Osorio e os Ulloa, xunto con artesáns, comerciantes e fidalgos, promoveron a sublevación popular contra o bispo. En Tui, en cambio, a revolta iniciárona os campesiños, ao negarse a pagarlle ao cabido en 1434 as rendas da loitosa, e foi secundada polos habitantes de Baiona e A Guarda e algún nobres. A primeira revolta, a Primeira Guerra Irmandiña, protagonizada polos labregos contra un señor foi a que tivo lugar en 1431 nas terras de Nuno Freire de Andrade. Os seguintes enfrontamentos tiveron lugar entre 1465 e 1469 e organizáronse ao redor da Irmandade Xeral do Reino de Galicia, que naceu coa intención de por fin aos excesos da nobreza e derrubar os símbolos do seu poder, as súas fortalezas. O estoupido da insurrección popular produciuse en 1467 e dirixiuse contra a nobreza laica, polo que tamén estivo apoiada polo clero e por amplos sectores da baixa nobreza. Os rebeldes, ademais de derrubar numerosas fortificacións, tomaron unha serie de medidas, como a supresión de impostos abusivos, a defensa dos privilexios dos cidadáns, a revisión xeral dos tributos e a devolución de terras monásticas usurpadas por algúns nobres. Non obstante , a superioridade militar da nobreza galega acabou coa revolta e reinstaurou o réxime feudal. O final da Revolución Irmandiña significou tamén a fin da loita das cidades na procura das súas liberdades e a fin das aspiracións políticas da burguesía.
A configuración da identidade cultural galega

O esplendor suevo

Coa constitución do Reino Suevo de Galicia produciuse un esplendor cultural exemplificado na denominada escola de Dumio, xurdida arredor da figura de san Martiño, e, en menor medida, nas manifestacións arquitectónicas e escultóricas. Non existiu unha arte sueva en Galicia coas características propias e definitorias dun estilo senón que, durante o período de dominio suevo, se desenvolveu unha arte na que se mantiveron os elementos da tradición romana e paleocristiá. Consérvanse escasos restos arquitectónicos, pois a maioría das construcións foron destruídas trala invasión musulmana. No eido da arquitectura cómpre destacar o templo rupestre de San Pedro de Rocas (Esgos), do que se conserva unha lápida coa data fundacional (573). Está formado por distintas covas illadas que rematan con ábsidas de ferradura e conserva tumbas antropomórficas. Ademais, atópanse elementos de procedencia sueva na igrexa de Santa María a Nai de Ourense, onde nunhas columnas da fachada se conservan capiteis do s IV, e en San Salvador de Setecoros (Valga), onde se empregaron capiteis do s VI no arco triunfal. Coa adopción do cristianismo apareceron novas necrópoles situadas preto das pequenas ermidas e cenobios. Atopáronse lápidas de estola, campás sepulcrais labradas a catro vertentes, entre outras, en Iria (Padrón) e Ancorados (A Estrada), algunhas con elementos antropomorfos gravados, como a de Santa María de Aguasantas, ou con outros símbolos, como as cruces das lápidas de Santa María de Trasmonte (Ames). Nas escavacións realizadas debaixo da catedral de Santiago de Compostela atopáronse sepulcros de época romana e sueva que proban a existencia dunha necrópole dos primeiros tempos do cristianismo. No eido das artes menores consérvanse escasos restos desta época, como aneis de ouro conservados nos diferentes museos galegos, pero non se pode establecer con claridade se foron feitos polo suevos ou por outro pobo xermánico. Na localidade de Dumio, preto de Braga, o monxe Martiño fundou un mosterio que se converteu en sé episcopal (556-570) e no que se desenvolveu un amplo labor cultural. Formado na tradición clásica, san Martiño de Braga ou de Dumio escribiu poemas e traballos de temática relixiosa e política entre os que destacan De correctione rusticorum e Formulae vitae honestae. Ademais, no mosteiro recompiláronse e copiáronse textos clásicos. Por outra banda, san Martiño estruturou a Igrexa Galega baixo o ideal de recuperar a esencia da doutrina cristiá. Loitou contra o arrianismo e o priscilianismo e contra as supersticións e costumes pagás e identificou o ideal cristián co monástico. Froito da súa formación bizantina, converteu os concilios en centros da vida cristiá xunto aos mosteiros. Ademais, reorganizou as parroquias que tamén recibiron o nome de diocese.

A cultura e a arte na etapa visigoda

O impulso cultural iniciado por san Martiño de Dumio tivo a súa continuación no s VII coa obra de san Froitoso, bispo abade de Dumio (653-656) e arcebispo de Braga (665-667). Fundou diversos mosteiros no territorio galego e organizou a vida monacal ao dotala das primeiras regras cara ao 640 coa Regula monachorum e a súa posterior recensión Regula communis. Nelas estableceu un pacto ou contrato entre o abade e o monxe de xeito que ambos se comprometían á vida común, á observancia e á obediencia. Da mesma época visigoda consérvase a Consensoria monachorum, de posible orixe galega, pola que se lles prohibe aos monxes que se apropien de calquera ben monacal. Cómpre sinalar que tamén existían mosteiros á marxe das regras de san Froitoso. No eido da arquitectura, asumiuse a planta de cruz grega, o arco de ferradura e a gradación de volumes, ademais da decoración con baixorrelevos no interior dos edificios. Destaca a construción de Santa Comba de Bande (s VII), de planta de cruz grega prolongada no presbiterio e no pórtico de entrada. Das diversas cámaras laterais só se conserva unha, na que queda a cruz inscrita nun rectángulo. Destaca tamén o templo de San Xoán de Panxón (Nigrán), dedicado en orixe a san Pantaión, construído no s VII e do que só se conserva un muro cun arco que puido ser o de acceso á ábsida. Consérvanse outros restos arquitectónicos, entre outros os capiteis procedentes de San Salvador de Setecoros (Valga), Santiago de Saamasas (Foz) e Santa María de Temes (Carballedo). Destacan os relevos de Saamasas (Lugo), constituídos por sete placas nas que predominan os temas vexetais. Tallados en mármore, puideron pertencer a un cancelo. No eido da ourivería, traballouse o bronce e, ás veces, o chapado en ouro.

A arte prerrománica


Coa integración no Reino de Asturias asumíronse as tendencias artísticas asturianas aínda que persistiron as características galaico-romanas, como a decoración en forma de corda e o arco de medio punto, visigodas, como o arco de ferradura e, posteriormente, as mozárabes. Entre outras obras cómpre destacar a capela de San Xes de Francelos (Ribadavia), na que se combinaron elementos asturianos cos visigodos; a primitiva igrexa de San Miguel de Eiré (Pantón); e Santa María do Cebreiro. O descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago no 813 contou co apoio dos monarcas ástures, que no eido da arte se manifestou na construción da primeira basílica compostelá, levada a cabo por de Afonso II o Casto. Da mesma época consérvase a lápida sepulcral do bispo Teodomiro. Afonso III o Grande erixiu un novo templo consagrado no 899, edificado segundo as características asturianas con planta de tres naves, cabeceira recta e un pórtico cuberto aos pés das naves. Xunto con esta basílica consagráronse outros tres altares dedicados ao Salvador, san Pedro e san Xoán Bautista que, segundo algúns autores, estaban situados fóra da basílica, na igrexa de Antealtares, que antes de ter a advocación de san Paio tivo a de san Pedro. No 997 produciuse a razzia de Almanzor que provocou a destrución da basílica de Afonso III, que quedou soterrada baixo a catedral románica. O arcebispo Pedro de Mezonzo reconstruíu o cenobio que preto da basílica se edificara a comezos do s IX e levantou a capela de Santa María da Corticela, que posteriormente se integrou na catedral compostelá. A basílica de Afonso III serviu como modelo, entre outras, para as igrexas de San Sadurniño de Goiáns (Porto do Son), San Pedro de Ansemil (Silleda), San Pedro de Orazo (A Estrada) e Santiago de Mens (Malpica). No eido da arquitectura defensiva cómpre destacar a fortaleza do Castellum Honesti. No eido da ourivería cómpre mencionar a cruz que Afonso III lle doou á basílica compostelá e a cruz do abade Brandila doada por este ao mosteiro de Samos, as dúas roubadas. Agás as razzias de Almanzor, a invasión islámica apenas lle afectou ao territorio galego. Non obstante , a repoboación trouxo a mozárabes procedentes do S da Península Ibérica que introduciron novos elementos artísticos ao longo do s X. Ademais tivo lugar unha expansión da vida monacal. Segundo R. Yzquierdo Perrín, desenvolvéronse fundamentalmente tres tipoloxías arquitectónicas: edificios cunha soa nave e capela, as dúas de planta rectangular tanto no interior como no exterior, como a capela do Ciprés ou do Salvador en Samos, Santa María de Loio (Paradela) e Santo Antoíño de Toques (A Coruña), aínda que algunhas podían ofrecer a ábsida con planta de ferradura no interior; igrexas con cruceiro entre as que destaca a capela de San Miguel de Celanova, situada no que fora o xardín do noviciado do mosteiro de San Salvador de Celanova; e as igrexas de tres naves, relacionadas coa arte asturiana, como Santa Eufemia de Ambía (Baños de Molgas) e Santa María de Mixós (Monterrei).

O románico


A cronoloxía establecida para a arte románica europea non é aplicable ao seu desenvolvemento en Galicia, pois as primeiras manifestacións románicas dátanse no derradeiro cuarto do s XI. Acadou o seu esplendor durante a era compostelá co desenvolvemento da sociedade feudal, e, dende finais do s XII e durante os primeiros anos do s XIII, conviviu coas formas protogóticas, iniciadas polo mestre Mateo. Á difusión da arte románica contribuíu o desenvolvemento do Camiño de Santiago e do monacato. As primeiras construcións románicas seguiron a decoración lombarda de arquiños cegos, pero pronto se asumiron as características do románico francés. Entre outras construcións do s XI cómpre destacar as igrexas de San Antoíño de Toques e San Martiño de Mondoñedo (Foz), de orixe prerrománica e na que destacan os relevos historiados dos capiteis e o retablo pétreo presidido por Cristo inscrito nun nimbo sostido por anxos. O bispo Diego Páez iniciou as obras da catedral románica de Santiago, dirixidas polos mestres Bernaldo o Vello e Roberto, coa construción do deambulatorio e das cinco capelas orixinais. Segundo a inscrición da capela do Salvador iniciouse en 1075 e segundo a Historia Compostelana en 1078. En época de Diego Xelmírez reanudáronse as obras baixo a dirección do mestre Estevo, identificado co mestre das Praterías. Finalizáronse as obras do deambulatorio, construíuse o cruceiro e deseñouse o programa iconográfico das Praterías e da desaparecida porta do Paraíso. En 1109 o mestre Bernaldo o Novo organizou a capela maior e a portada occidental e cubriu con bóvedas a nave principal e o cruceiro. A catedral converteuse no cumio das igrexas de peregrinación; ten planta de cruz latina con tres naves no eixo lonxitudinal e no cruceiro, deambulatorio con cinco capelas e triforio sobre as naves laterais. A nave central está cuberta cunha bóveda de canón e as laterais con bóveda de aresta. As obras compostelás serviron de modelo para o inicio da construción das catedrais de Lugo, Tui e Ourense, modificadas e ampliadas nos sucesivos estilos. En 1129 o mestre Raimundo de Monforte comezou as obras da catedral de Lugo, con planta de cruz latina e tres naves. En 1145 comezou a construción da catedral de Tui, tamén con tres naves e cabeceira semicircular triple. Finalmente, cara a 1160 iniciouse a catedral de Ourense coa construción da cabeceira. Entre outras obras románicas de Santiago, destacan San Paio de Antealtares, Santa María de Salomé, da que destaca a portada situada no oeste baixo un pórtico gótico, Santa María do Sar, San Pedro de Fóra e a primitiva construción de Santa María de Conxo. O románico rural caracterizouse pola simplicididade construtiva. Distínguese entre igrexas dunha soa nave e ábsida, que pode ser rectangular, como San Tomé de Serantes (Leiro) e San Vicente de Rodeiro, semicircular, como San Pedro de Vilanova de Donzón, San Paio de Diomondi (O Saviñao), San Pedro de Bembibre (Taboada), Santa María de Castrelos (Vigo), Santa María de Ferreira de Pallares (Guntín) e San Martiño de Dornelas (Silleda), ou poligonal, como San Fiz de Cangas (Pantón), San Pedro Fiz de Hospital do Incio, Santa Baia de Losón (Lalín), Santa María de Tebra (Tomiño), Santiago de Bembrive (Vigo) e San Salvador de Asma (Chantada); igrexas de planta cruciforme cunha soa nave coa cabeceira ben cuadrangular, como San Pedro de Angoares (Ponteareas), ben tripartita con ábsidas semicirculares, como San Miguel de Breamo (Pontedeume); e igrexas de planta basilical cruciforme con tres naves e cabeceira tripartita con ábsidas de diversas plantas, entre outras, Santa María de Aciveiro (Forcarei), Santiago de Mens (Malpica), San Bertomeu de Rebordáns (Tui), Santa Mariña de Aguas Santas (Allariz) e San Vicente de Pombeiro, Santa María a Real de Xunqueira de Ambía, Santa María de Mezonzo (Vilasantar), San Salvador de Bergondo, Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín), Santa María de Xunqueira de Espadanedo, Santa María de Penamaior (Becerreá) e Santa María de Cambre. A escultura espallouse por tímpanos, capiteis e cornixas adaptándose ao marco arquitectónico. A obra máis relevante é a portada de Praterías da catedral de Santiago que serviu de inspiración para outras obras. Ademais de escenas baseadas no Antigo e no Novo Testamento, os temas esculpidos foron vexetais, zoomorfos, bestiarios e inspirados no imaxinario popular. No eido da escultura exenta consérvanse cristos crucificados, como o Santo Cristo dos Desamparados da catedral de Ourense e o calvario de Santo Antoíño de Toques, e as imaxes da Virxe sedente co Neno como as de Santo Estevo de Parga (Guitiriz), a Virxe de Ferreiros (Agolada) e a de San Xoán de Saidres (Silleda). Aínda que se desenvolveu unha pintura mural na decoración de igrexas e mosteiros, só se conserva nunha capela de San Pedro de Rocas (Esgos) a representación do mapa do mundo coñecido naquel tempo semellante aos representados nos beatos, datada no derradeiro terzo do s XII. Máis relevantes son as miniaturas realizadas nos mosteiros e catedrais. Do s XI consérvase o Libro de Horas de Fernando I; e do s XII parte do Tombo A da catedral compostelá, o Liber Sancti Jacobi, o Códice Complutense e o Corpus Pelagium. No eido das artes suntuarias cómpre destacar, entre outras pezas, a cruz de Ordoño e a cruz de Carboeiro da catedral de Santiago de Compostela, e entre as pezas de bronce a cruz dos Farrapos que se atopa no tellado da catedral compostelá.

A transición ao gótico e a arte gótica

Considérase a arte cisterciense como a transición entre o románico e o gótico. A primeira fundación cisterciense foi o mosteiro de Sobrado (1142) e, posteriormente, integráronse dezaseis abadías; todas elas, agás a de Penamaior -que dependeu do mosteiro de Carracedo e polo tanto de Cîteaux-, dependeron de Clairvaux. As igrexas monacais adoptaron a planta cruciforme, con tres naves no eixo lonxitudinal e outra no cruceiro con capelas nos brazos. Ademais do mosteiro de Sobrado dos Monxes, cómpre destacar o de Armenteira, Meira, Melón, Montederramo, Monfero, Oia e Oseira, algún deles con influencias da arte románica. Por outra banda, a catedral de Mondoñedo asumiu algunha das propostas cistercienses con tres naves, cruceiro destacado en altura e cabeceira tripartita, planta modificada en épocas posteriores. A arte protogótica está representada pola obra do mestre Mateo. Autor do Pórtico da Gloria, introduciu o naturalismo característico do gótico nos rostros e no tratamento das figuras, e empregou como cubrición as bóvedas de nervio. Na catedral traballou tamén no remate das naves, realizou a fachada occidental e o coro pétreo situado na nave central e substituído por un cadeirado de madeira no s XVII. Ademais destas obras cómpre destacar os traballos do seu obradoiro tanto na catedral, como o Panteón Real e a remodelación da fachada de Praterías, como fóra dela, como o remate de Santa María do Sar e os realizados na desaparecida igrexa de San Pedro de Fóra. Os integrantes do obradoiro traballaron tamén fóra da cidade de Santiago. Entre outras cómpre destacar as obras da catedral de Ourense, onde sobresae o Pórtico do Paraíso, inspirado no da Gloria, e a fachada que o cobre; o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda), formado por unha cripta e unha igrexa alta; e San Xoán de Portomarín, trasladada da súa situación orixinal trala construción do encoro de Belesar. Á expansión do gótico contribuíron as ordes mendicantes, franciscanos e dominicanos, que fundaron conventos en vilas e cidades. Entre outras obras cómpre destacar as igrexas franciscanas de Ourense, Pontevedra, Viveiro, Lugo, Betanzos e A Coruña e as dominicanas de Santiago, Ribadavia, Pontevedra, Lugo, Tui e Santa María de Belvís (Santiago de Compostela). Dende o s XIII desenvolveuse unha arquitectura defensiva baseada na construción de torres e castelos situados en lugares estratéxicos que permitían a defensa do territorio. Moitos deles modificáronse ao longo dos séculos posteriores e foron reconstruídos, especialmente tralas Guerras Irmandiñas. Entre outros cómpre destacar o de Pambre, que comezou a construírse a finais do s XV, e o de Soutomaior, orixinado nunha torre do s XI. No eido da escultura, ademais das obras procedentes do obradoiro do mestre Mateo, como o mencionado Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense, cómpre destacar a escultura funeraria. Os sartegos conteñen figuras xacentes labradas cun gran naturalismo e elementos alusivos á vida e á condición social do falecido, como os escudos heráldicos. Entre outros cómpre destacar os sepulcros de Fernán Pérez de Andrade o Bo, en San Francisco de Betanzos, e de Paio Gómez Charino, en San Francisco de Pontevedra e os da catedral de Ourense. No eido da pintura mural apenas se conservan mostras, entre outras, unha Anunciación, en San Xoán de Portomarín, e o presbiterio de Vilar de Donas, decorado con pinturas do s XV que aluden á figura de Cristo. A mediados do s XV introduciuse o gótico hispano-flamengo, estilo que se mantivo nas pinturas murais do primeiro terzo do s XVI. Descoñécese o nome dos autores das mesmas, polo que son coñecidos por un dos lugares ou polo lugar onde traballaron. Consérvanse pinturas dos mestres de Marzá, de Cuíña, de Frameán, da Claustra Nova, de Mondoñedo e de Santo Estevo de Chouzán. Só se ten constancia dunha pintura sobre táboa en Santa María de Belvís, en Santiago de Compostela, dividida en catro franxas que reflicten a Cristo sedente no ceo, na banda superior, e a lenda dos dez mil mártires nas restantes. No eido da miniatura consérvanse cinco libros miniados do s XIII. No escritorio da catedral de Santiago continuouse coa realización do Tombo A e cara a 1238 realizouse a Historia Compostellana. Ademais destacan o tombo do mosteiro de Toxosoutos (1298), a Biblia da Universidade de Santiago de Compostela e as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, obra na que puido colaborar algún miniaturista de orixe galega. Do s XIV consérvase o Pontifical da catedral de Tui (1310?), o Tombo B da catedral compostelá e as copias do Liber Sancti Jacobi das bibliotecas Vaticana e da Universidad de Salamanca. A finais do s XV realizouse en estilo hispano-flamengo o Breviario do Cóengo Miranda.

Ciencia

Na época medieval a actividade científica limitouse en moitos casos á simple recollida e tradución dos textos clásicos. Nesta etapa desenvolveuse unha certa actividade científica en Galicia, asentada na presenza de médicos da escola de Salerno na corte de Xelmírez, no traballo de técnicos procedentes de Pisa e Xénova nos estaleiros de Padrón e na chegada de novas ideas e importantes científicos seguindo a ruta de peregrinación a Compostela. A iso débese engadir o labor dalgúns mosteiros e a actividade científica de membros das comunidades xudías galegas. Paracelso, unha figura moi discutida pola súa posición a medio camiño entre a ciencia e os saberes máxicos, viaxou a Compostela, ao igual que Pedro Hispano (Petrus Juliani ou Petrus Ulyssiponensis), un activo estudoso da filosofía aristotélica e cultivador da medicina práctica. Pola súa parte, o mundo árabe foi o que recolleu parte do legado científico clásico, que se integrou coa achega procedente de países como Siria, Persia e a India. Dese xeito, por medio de textos árabes puideron chegar a Occidente algunhas das contribucións científicas do mundo clásico, con avances en medicina, astronomía, farmacoloxía e agronomía. Parte destes coñecementos chegaron a Galicia, coma ao resto dos reinos cristiáns peninsulares, polo contacto durante varios séculos co mundo árabe, favorecido por iniciativas como a desenvolta na Escola de Tradutores de Toledo. Unha institución importante na historia da ciencia en Galicia foi a Universidade de Santiago de Compostela (s XVI). No ámbito médico, destaca o papel do Gran Hospital Real de Santiago e o labor de dous irmáns xudíos de Castro Caldelas, Antón e Paulo López de Guadalupe.

Ensino

A chegada dos musulmáns repercutiu negativamente no plano educativo, cultural e relixioso, tal e como se deduce das escasas fontes documentais que existen deste período. O abandono dos mosteiros e de parte das sés episcopais continuou ata ben entrado o s IX, momento en que, co reinado de Afonso III o Grande, se observa o reinicio da actividade anterior de extensión monástica bieita e do seu quefacer cultural. Con estes antecedentes impulsouse a educación e a cultura da Galicia do s X, do que foron manifestación as actividades relixiosas e culturais desenvolvidas en san Martiño Pinario, Samos, Celanova e outros mosteiros dispersos pola xeografía galega, así como a creación de numerosas parroquias coa súa dotación de códices relixiosos. No s XI rexistrouse o nacemento do protagonismo compostelán. No campo educativo e cultural cómpre destacar a Escola de Gramática Catedralicia, da que foi mestre Xeraldo de Beauvais (1114?), que converteu a catedral compostelá nunha das primeiras catedrais europeas con Escola de Gramática. A escola de Compostela, onde con anterioridade se educou o bispo Xelmírez, posiblemente se beneficiase da influencia cluniacense presente en Compostela e da propia presenza no mosteiro do Sar de cóengos agostiños, previsiblemente un centro de copia (scriptorium) de códices, en conxunción co propio scriptorium catedralicio impulsado por Xelmírez, onde se preapararon a Historia Compostellana e textos que conduciron á elaboración do Liber Sancti Jacobi, ademais de varios Tumbos, antecedentes dos Tumbos mandados preparar no comezo do s XIV polo arcebispo compostelán Berenguel de Landoira, expoñentes todos do dominio técnico calígrafo e do desenvolvemento de coñecementos gramaticais, literarios, canonísticos e litúrxicos. No tempo de Xelmírez tamén hai que destacar as escolas gramaticais e catedralicias de Lugo e Tui; nesta última estudiou san Teotonio, o galego fundador do mosteiro agostiño de Santa Cruz de Coimbra, o primeiro centro cultural do reino portugués. A corrente escolástica estivo presente en Galicia a través de Compostela, con personaxes como o gramático e logo arcebispo compostelán Pedro Helías, autor en Chartres dunha Summa in Priscianum, comentada na Université de Paris no s XIII, ou como Bernaldo II de Compostela, catedrático de dereito canónico (s XII) en Boloña. En 1169 o cabido compostelán ditou a constitución Ecclesiasticae Majestati, coa finalidade de que algúns cóengos composteláns se puidesen formar noutros lugares (París, Chartres, Boloña). No s XIII produciuse o nacemento das universidades e a consolidación das novas perspectivas académicas. Deste contexto foron partícipes directos varios destacados clérigos galegos. Antes de 1218 estudiou, na escola catedralicia de Compostela, o portugués, de orixe galega, Pedro Hispano (Summulae logicales, 1246). Contra 1220 o galego Xoán García Hispano foi profesor de canons en Boloña e Padua. Pouco despois os franciscanos de Compostela podían formarse en artes liberais, atendendo en particular ao cuadrivium. A finais do s XIII, os franciscanos contaban cunha sólida rede conventual en Galicia que lles permitiu constituír unha ampla provincia franciscana compostelá. Desta rede conventual, relixiosa e formativa saíron, entre outros, o mestre de teoloxía en París Gonzalo Balboa Valcárcel, e o tamén teólogo Álvaro Pais. Aínda que menos extensa, existía así mesmo unha rede conventual dominicana en Galicia que, por volta de 1344, dispuxo dun dos seus Estudios Xerais provinciais en Compostela, conxuntamente co de Salamanca, sede universitaria da extensa provincia eclesiástica gobernada polo arcebispo de Compostela. Neste tempo, un bo número de galegos gozou de oportunidades formativas a través do contacto con códices escritos, preferentemente en latín, e algúns se cadra noutras linguas, grazas ás comunicacións marítimas e a Compostela, centro de peregrinacións. Os fillos, e quizais algunhas das fillas da aristocracia nobiliaria lográbano nos seus propios castelos e mediante preceptores particulares, outros, fillos dos sectores nobres, mediante a súa presenza nas casas máis aristocráticas, e outros, de procedencia fidalga (e aínda en ocasións burguesa ou campesiña), podían lograr a súa formación, iniciada cun cura párroco, a través da asistencia a algunha das escolas catedralicias ou do seu ingreso no noviciado dalgunha das casas das ordes monásticas ou conventuais. Podían estudar e tomar contacto cos saberes do trivium, e secundariamente coas disciplinas do cuadrivium, mentres os fillos dos artesáns e dos comerciantes podían beneficiarse da formación práctica asegurada polos diversos gremios e mestres de oficio. Hai que destacar que tamén as rapazas que chegaban a profesar na rama feminina dalgún dos mosteiros e conventos existentes en Galicia (como por exemplo, as clarisas) accedían ao dominio do código escrito, a pesar de que os seus saberes permanecían xeralmente no ámbito relixioso e moral. Ademais, aqueles que se preparaban nas artes liberais tiñan un básico coñecemento da filosofía de corte aristotélico ao servizo da posterior formación teolóxica. Era un coñecemento accesible, mediante as leccións recibidas nos correspondentes mosteiros e conventos, ou nalgúns dos Estudios Provinciais que as citadas ordes relixiosas sostiñan (os de Salamanca eran unha referencia de primeira orde para os galegos). Outros accedían directamente ás aulas universitarias: ás de Salamanca, sobre todo, pero tamén ás de París e Boloña, e aínda se rexistraba a presenza dalgúns galegos en Aviñón, Toulouse, Lisboa e Coimbra.

Literatura

Desde finais do s XII desenvolveuse en Galicia en romance unha intensa actividade literaria. A lírica, que chegou ata mediados do XIV, presenta dúas vertentes ben diferenciadas, a profana -escrita nunha koiné literaria caracterizada polo emprego duns moldes literarios comúns autóctonos ou tirados da lírica provenzal- e a relixiosa. A prosa literaria -de fición, histórica, xurídica e mesmo científica-, que chegou ata o s XV, reflite, de forma máis directa, a realidade lingüística diferenciada ao N e S do río Miño.

LÍRICA

En función da materia tratada, así como da diversa tradición codicolóxica, a lírica galego-portuguesa divídese, á súa vez, en dous grupos: o que trata a temática profana (lírica profana galego-portuguesa) e o que basea a súa textualidade no universo dos milagres da Virxe María (Cantigas de Santa María). A lírica profana está composta por uns 1.680 textos atribuídos a uns 153 autores. Adoita clasificarse en tres grandes xéneros: as cantigas de amor, as cantigas de amigo e as cantigas de escarnio e maldicir (↪ cantiga). O primeiro texto datable con máis ou menos seguridade da lírica galego-portuguesa é o sirventés político “Ora faz ost’o senhor de Navarra” de Johan Soarez de Paiva (1196?). Tradicionalmente, concíbese como a data de remate desta escola lírica o 1350, ano do testamento de Pedro de Portugal; neste documento o conde de Barcelos légalle ao seu sobriño Afonso XI de Castela o Livro das Cantigas (non conservado), que quizais constitúa un dos antecedentes máis importantes dunha das pólas da tradición manuscrita galego-portuguesa. Á parte destes tres grandes grupos de cantigas, cómpre salientar os chamados xéneros menores; entre eles, os xéneros dialogados, como a tensó e o partimen ou joc partit, amais doutras modalidades como a cantiga de seguir, o descordo, o pranto, a cantiga encomiástica, a cantiga de cambio, a cantiga de malmaridada, os lais, etc. Cronoloxicamente, o proceso de aclimatación da poesía trobadoresca provenzal (1200-1225?) comeza cos nobres portugueses como Johan Soarez de Paiva, Garcia Mendiz d’Eixo e Gil Sanchez; xa no segundo cuarto do s XIII implántase esta tradición na nobreza galega e norte de Portugal, fíxanse os tres xéneros maiores e espállanse sobre todo pola corte de Castela; os maiores representantes desta etapa son Pero Garcia D’Ambroa, Pero da Ponte, Afonso Eanes de Coton, Fernan Paez de Talamancos, Roi Gomez de Taramancos, Roi Gomez de Briteiros, Johan Garcia de Guilhade, Martin Soarez ou Fernan Garcia Esgaravunha. A época de esplendor (1250-1300) dáse nas cortes de Afonso X e Sancho IV de Castela, e de Afonso III e don Denís de Portugal; destacan neste período os xograres Johan Airas de Santiago, Pero d’Ambroa, Lourenço ou Johan Zorro, e os trobadores Johan Mendiz de Briteiros, Airas Nunes, Pero da Ponte, Pai Gomez Chariño, Martin Moxa, amais dos reis Afonso X e Denís. A decadencia da creación lírica (1300-1350) veu motivada por unha serie de razóns tanto internas (desgaste do modelo literario, falta de mecenado e dun centro cultural), coma económicas, demográficas (peste de 1348), etc; os representantes desta etapa de esmorecemento da lírica trobadoresca son Estevan da Guarda, Estevan Coelho, Vasco Fernandez Praga de Sandin e Fernan Esquio. A lírica galego-portuguesa trasmitiuse practicamente en tres cancioneiros colectivos, organizados por xéneros: o ↪ Cancioneiro da Ajuda (A), de finais do XIII ou inicios do XIV; o ↪ Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (B) e o ↪ Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (V), ambos da primeira metade do s XVI; deste último hai unha copia coñecida como o ↪ Cancioneiro de Berkeley (K) (1580-1615?). De finais do s XIII ou comezos do s XIV hai outros dous testemuños musicados, o ↪ Pergamiño Vindel (N), coas sete cantigas de amigo Martin Codax, e o ↪ Pergamiño Sharrer (D), con sete cantigas de amor de don Denís. A tradición manuscrita complétase con dúas copias tardías do s XVII, que transmiten a tensó mantida entre Afonso Sanchez e Vasco Martinz de Resende, conservadas en dúas misceláneas depositadas, respectivamente, na Biblioteca Nacional de Madrid e na Biblioteca Pública Municipal do Porto. A vertente relixiosa desta lírica profana son as Cantigas de Santa María, colección de 420 composicións escritas en galego da segunda metade do s XIII, elaboradas na corte de Afonso X e dedicadas a loar a Virxe e a narrar os seus milagres; tiñan, por un lado, o fin piadoso de fomentar e divulgar a devoción a María e, por outro, o fin político de contrarrestar o protagonismo de Compostela fronte a Toledo como centro de peregrinación. A maioría son narrativas (cantigas de milagre) e o resto son de carácter eminentemente lírico (cantigas de loor), e nelas lévase a cabo o transvasamento do código amoroso característico da poesía trobadoresca para cantarlle á Virxe. Este corpus relixioso, ao estar composto en galego, reflicte o prestixio que acadara este como lingua literaria a finais do s XIII. As cantigas relixiosas transmitíronse en catro códices pergamiñáceos de finais do s XIII, tres deles con notación musical: Códice de Toledo (To), Códice T I 1 do Escorial (T), Códice da Biblioteca Nacional de Florencia (F), que quedou incompleto, e o Códice I.b.2 do Escorial (E). Cara a finais do s XIV, comezou a desenvolverse na Castela de Enrique II (1369-1379) e Xoán I (1379-1390) un movemento renovador da lírica e unha nova concepción da poesía caracterizada polas innovacións métricas, estróficas e temáticas; as composicións destínanse á recitación, e non ao canto, aparecen novas modas poéticas, como o alegorismo dantesco ou o petrarquismo, dáse un maior impulso da prosa, etc. Con todo, os textos epigonais en galego, ou fortemente contaminados, aparecen recollidos nos cancioneiros castelás dos ss XV e XVI. A fonte principal de autores e poemas da denominada ↪ escola lírica galego-castelá -que marca a ponte entre o ocaso da lírica trobadoresca galega a mediados do s XIV e a consolidación da poesía de cancioneiro en castelán a mediados do s XV-, atópase especialmente no ↪ Cancionero de Baena (1430?). Entre os poetas que forman parte deste cancioneiro destacan autores galegos que empregan a súa lingua, como Macías o Namorado; poetas casteláns que empregan tamén o galego, como Garci Ferrandes de Gerena, Alfonso Álvarez de Villasandino ou Pero González de Mendoza; ou autores non galegos que compoñen poesía ao modo trobadoresco galego-portugués pero en castelán, como Diego de Valencia, Juan Alfonso de Baena ou Ferrant Sánchez Calavera.

PROSA

Dende os inicios da prosa literaria medieval xa se perciben as diferencias lingüísticas entre os textos escritos en Galicia e no novo Reino de Portugal, pero é a partir de finais do s XIV cando se intensifican, por mor dun cada vez maior distanciamento político e cultural entre os territorios situados ao N e S do río Miño. Así, mentres que en Portugal a escrita aumentou considerablemente no s XIV e acadou un gran florecemento no s XV, na Galicia medieval foi diminuíndo progresivamente o uso do galego ata desaparecer como lingua de cultura no s XVI. En comparación coa lírica, a prosa literaria medieval en galego é escasa. Nas obras en prosa conservadas insírese unha parte da Biblia, un fragmento da Ilíada, un resumo da Odisea e doutras obras gregas, unha parte dos cantares épicos casteláns, á parte de temas dos ciclos carolinxio e artúrico franceses e obras xurídicas. En xeral os textos prosísticos galegos son traducións de obras latinas, castelás ou francesas e non hai prosa de creación propia. Aínda que os centros culturais da época eran os mosteiros e escolas monacais nos que imperaba o uso do latín eclesiástico, a partir de finais do XIII, e máis significativamente nos ss XIV-XV, os temas de maior difusión na Europa medieval recóllense en lingua galega; do ciclo troiano consérvase a ↪ Crónica [Historia] Troiana, da materia de Bretaña o ↪ Libro de Tristán, e do ciclo carolinxio e a literatura relixiosa os ↪ Miragres de Santiago, de finais do s XIV ou inicios do XV; esta última obra -que contén unha tradución do Codex Calixtinus ou ↪ Liber Sancti Jacobi-, malia a súa vertente ficional, podería encadrarse no parágrafo da prosa de carácter histórico pola súa tendencia propagandística, encamiñada a enxalzar a vida exemplar e os prodixios de Santiago e, en consecuencia, da sé compostelá como centro de peregrinación cristiá. Na configuración da historiografía medieval combinábanse dúas tradicións: as crónicas clericais latinas que transmitían a historia oficial e os cantares de xesta en romance que representaban a historia popular de tipo oral e allea á verosimiltude. Os testemuños máis destacados en galego son a ↪ Crónica Xeral e Crónica de Castela, de finais do s XIII, que está composto por dous códices, primitivamente independentes; o primeiro é unha tradución da Versión amplificada en 1289 da Estoria de España de Afonso X e o segundo da Crónica de Castilla e da Crónica Particular de S. Fernando; a ↪ Crónica de 1404 que se conserva total ou parcialmente en tres manuscritos do s XV e que serve de complemento á Crónica Xeral; e a ↪ Xeral Estoria, tradución incompleta ao galego da General estoria de Afonso X, que se conserva nun manuscrito do primeiro terzo do s XV. Como continuación da tradición historiográfica galega en latín, desenvolveuse tamén unha tradición historiográfica local en romance durante o s XV; un exemplo é a ↪ Crónica de Santa María de Iria, conservada en dúas versións. Con respecto á prosa non literaria, cómpre salientar que, a pesar de continuar a concibirse o latín como a lingua de cultura dos documentos legais, da liturxia e do ensino en toda a Europa medieval, dende a segunda metade do s XII comezan a inserirse nestes textos latinos os primeiros fragmentos en galego e xa no s XIII aparecen textos en galego, mostras da prosa tabeliónica medieval. Pese ao escaso cultivo da prosa literaria, ata finais do s XV a lingua da administración foi maioritariamente o galego; de feito, existe unha rica documentación xurídica que inclúe abondosos documentos notariais, foros particulares dados a diferentes vilas, ordenamentos de gremios, cartularios, actas de concellos, libros de propiedades e tenzas, actas, libros de posesións ou padróns, etc. Así, consérvanse dous fragmentos de dous textos: un quizais do XIV que parece parte dunha constitución episcopal perdida, e outro que combina dous episodios do Antigo e Novo Testamento, seguindo a tradición practicada noutros textos medievais europeos. Con respecto aos textos xurídicos destacan as diversas traducións ao galego que se realizaron das obras afonsinas. Do Fuero Real realizouse unha tradución no Bierzo, entre finais do s XIII e o comezos do s XIV, con trazos lingüísticos galego-leoneses; só se conserva un folio que forma parte do mesmo manuscrito que contén a tradución das Flores de Dereito. Tamén foi traducida ao galego Las siete partidas, pero non se conserva ningún manuscrito completo de ningunha das Partidas, pero si de varios fragmentos que son, en xeral, da primeira metade do s XIV. Consérvase, finalmente, un fragmento da tradución ao galego do Ordenamento de Alcalá de 1348, probablemente da segunda metade do s XIV ou comezos do XV. Entre os textos técnicos destaca o ↪ Tratado de Albeitería, unha das poucas obras científicas escritas en galego no s XV, transcrita polo cóengo Xoán Domínguez Fontela (1869-1942); tratáse dunha copia con moitos erros dun orixinal perdido, quizais do s XIV, e contén unha tradución de De medicaminibus equorum de Jordanus Ruffus de Calabria, que acadou gran difusión nos ss XIII-XIV e que foi traducido a diversas linguas. Ao igual ca o resto da prosa literaria medieval, os textos dramáticos, tanto en Galicia coma no Reino de Portugal, son escasos; o seu cultivo limítase practicamente a unhas poucas pezas, a miúdo de circunstancias. Así, o drama litúrxico que se representaba tanto no leste da Península, coma na Europa medieval dos ss XII a XVI, non chegou a callar no noroeste peninsular. A primeira peza conservada neste territorio é un manuscrito compostelán do s XII, Visitatio Sepulchri, que se representaba no remate do oficio de matíns, de factura sinxela e rudimentaria capacidade mimética ou teatral, fronte a outras pezas similares europeas dos ss XII e XIII. Finalmente, a partir do s IX apareceron en Europa os tropos, cantos interpolados ou engadidos a un canto litúrxico oficial da misa ou a un canto do Oficio, que se estenderon a todas as sedes baixo a autoridade de Roma.

O INICIO DOS SÉCULOS ESCUROS DA LITERATURA

No s XV comezou para a literatura e a lingua galega un longo período de esmorecemento que recibiu o nome de Séculos Escuros, período que chegou ata principios do s XIX, cando se deron os primeiros pasos para iniciar a recuperación cultural. A escaseza de testemuños literarios nestes séculos vincúlase a factores de cambio socio-políticos, culturais e lingüísticos. Se contra finais do s XV xa rareaban os documentos administrativos redactados en galego, a literatura sufriu un proceso semellante e quedará fundamentalmente reducida á expresión dunha tradición de poesía oral e popular. A poesía narrativa desta época emprega formas moi elementais, como o romance e as coplas populares, cunha temática de actualidade; ademais, moitas delas non se conservaron polo seu carácter oral. Entre estas, destaca o Pranto da Frouseira, composición de circunstancias na que un poeta anónimo chora o axustizamento polos Reis Católicos do mariscal Pardo de Cela.

Música


Dentro do período medieval, a música tivo un gran desenvolvemento, especialmente no ámbito relixioso. O Códice de Fernando I (1055?) é un dos mellores textos musicais do que se podería denominar como “música tipicamente hispánica”. Este códice contén abundantes notacións musicais que non se poden transcribir debido a que as notas non están incluídas dentro dun pentagrama. Outro texto musical de grande interese en Galicia é o Liber Sancti Jacobi (1160?). Este códice inclúe vinte composicións musicais polifónicas coa súa correspondente notación musical e representa os inicios da polifonía aplicada ás cancións relixiosas. Por outra banda, a unión entre música e poesía floreceu en Galicia e Portugal dende o s XIII ata mediados do s XIV. Dende o punto de vista musical, o coñecemento que se ten das cantigas de amigo é pouco, pois está directamente en relación co escaso número de cantigas deste tipo con música que se coñece. Só se conservan as melodías das seis cantigas de Martin Codax, no Pergamiño Vindel, transcritas e gravadas desde o seu descubrimento por Pedro Vindel a principios do s XX. Polo que respecta ás cantigas de amor, o coñecemento da súa música é moi limitado, xa que se conserva moi fragmentariamente a música dalgunhas cantigas de don Denís, contidas no Pergamiño Sharrer (finais do s XIII e principios do XIV), descuberto en 1990 na Torre do Tombo. Das cantigas de escarnio e maldicir non subsistiu ningún exemplo de música. Un caso moi distinto son as Cantigas de Santa María, musicadas case todas. Entre os instrumentos que se rexistran neste códice destacan os cordófonos, cunha variada tipoloxía: vihuelas de man e de arco, salterios, laúdes, rabel mourisco, zanfonas e gran cantidade de arpas; entre os de vento, cornetas, trompetas, chirimías, frautas, cornamusas, cromornos, gaitas e órganos; e entre a percusión, pandeiros, pandeiretas, tambores, tamborís, címbalos, campás e castañolas (moi similares ás tarrañolas). A partir de entón, coa forte presión literaria exercida pola lingua castelá, o termo cantiga seguiu a utilizarse na corte do Reino de Portugal para referirse ao que en Castela pasou a denominarse canción, e que segue a designar tanto en Portugal como en toda Galicia unha composición poética destinada a ser cantada.

O ANTIGO RÉXIMEO desenvolvemento económico

A agricultura

Na economía galega entre os ss XVI e XVIII continuou o predominio das actividades primarias, aínda que desde finais do s XVII comezou a se producir un tímido desenvolvemento comercial e industrial. Os foros pasaron a ter un carácter temporal, establecido por tres voces ou xeracións, e as rendas convertéronse en fixas e en especie. A fidalguía converteuse na intermediaria entre os arrendadores e os arrendatarios e cobráballe ao campesiño, que tomara en subforo, unha renda superior á renda que lle pagaba ao titular do dominio. Dende mediados do s XV incrementouse en todo o territorio a superficie cultivada, causa directa do crecemento demográfico ao inicio da centuria, que posteriormente foi acompañada pola introdución de novos cultivos e a intensificación da produción. A principios da Idade Moderna os cultivos máis comúns eran o paínzo, cultivado de forma maioritaria na costa; o centeo, cultivado nas zonas de interior; a castaña, recollida sobre todo nos vales de montaña; e a vide, monocultivo nalgunhas áreas como O Ribeiro e moi estendido como consecuencia da imposición do seu cultivo por parte dalgúns mosteiros. Os cambios cualitativos na agricultura producíronse a partir da primeira metade do s XVII, cando se introduciu o millo e a pataca. O millo, que desde a década de 1630 se estendera dende as Rías Baixas, ocupou terreos anteriormente dedicados á produción de paínzo e liño; mentres que a pataca comezou a súa expansión máis serodiamente e se cultivou sobre todo nas áreas de montaña en substitución da castaña. Tivo lugar tamén unha intensificación da produción como consecuencia da diminución do número de terras en barbeito, da utilización de fertilizantes naturais como o toxo e da especialización comarcal dos cultivos. Na gandería criábase maioritariamente gando vacún, lanar, caprino e porcino, cunha certa especialización. Nas terras baixas o gando vacún era o gando fundamental, aínda que a súa cría estaba supeditaba á produción agrícola; mentres que nas terras do interior e de montaña dominaba a produción gandeira sostida cos recursos dos montes. No s XVIII tivo lugar o incremento na produción como consecuencia da estabulación das reses na procura dunha maior produtividade na obtención de esterco.

A precoz industrialización

Nos ss XV e XVI a actividade pesqueira de tradición medieval, centrada na pesca e na exportación da sardiña, continuou, feito que permitiu que algunhas vilas mariñeiras, como Pontevedra, A Coruña, Noia, Baiona e Vigo, se convertesen en importantes centros pesqueiros e comerciais. A sardiña era a especie máis capturada e a súa pesca realizábase de forma tradicional por medio do uso da arte do cerco. Non obstante , as trabas impostas desde 1588 aos barcos de pesca produciron un importante descenso nas capturas durante o s XVII e parte do s XVIII. Na segunda metade do s XVIII, os ministros ilustrados iniciaron unha serie de reformas, como o establecemento de prezos privilexiados para a salgadura de peixe, destinadas á potenciación do sector e que permitiron a inclusión deste nos parámetros de produción capitalista. As artes tradicionais de pesca e conserva do peixe víronse revolucionadas pola chegada dos comerciantes cataláns dende finais do s XVIII, que introduciron as artes de arrastre, novas técnicas de salga e novos sistemas de traballo. A pesca en traiñeira coas artes tradicionais galegas foi substituída pola xávega, unha rede de arrastre que necesitaba un número de man de obra inferior. Na salga, abandonouse o escochado en favor do prensado do peixe, que ademais de aforrar man de obra permitía o aproveitamento do saín. Os fomentadores introduciron tamén o salario como forma de remuneración do traballo, aínda que ao principio desencadeáronse algúns conflitos como consecuencia da explotación dos traballadores. A importancia da actividade pesqueira trouxo ademais o crecemento do comercio por vía marítima. Nos ss XV e XVI, a sardiña exportábase aos mercados portugueses, andaluces e mediterráneos e as naves traían de volta sal, aceite e produtos americanos. Neste período tamén tivo lugar a expansión da industria madeireira galega, que exportaba madeira dende os portos do Cantábrico cara ao Mediterráneo en naves portuguesas, holandesas e hanseáticas; e o desenvolvemento do comercio cos países do N de Europa. Nun principio as relacións comerciais con Inglaterra realizáronse dende os portos da Coruña e Baiona, os únicos do litoral galego privilexiados pola coroa para recibir mercadorías estranxeiras (1452), e despois dende os de Pontevedra e Vigo, preferidos polos mariños ingleses polas súas maiores facilidades fiscais. Pero, as medidas proteccionistas en materia relixiosa impostas por Filipe II dende principios do s XVI potenciaron a decadencia deste comercio ata o s XVII, cando se asinou a paz con Inglaterra. No s XVIII a liberalización do comercio coas Indias dende o porto da Coruña (1764) permitiu a recuperación do comercio marítimo galego. O comercio interior estruturouse ao redor de numerosas feiras locais de produtos artesanais e agrícolas cunha certa especialización comarcal. No s XVI as mercadorías galegas estendéronse tamén a Castela, a onde se exportaban tecidos de liño, gando e peixe e de onde se importaban panos de la. O crecente tráfico mercantil fixo insuficientes as redes de camiños existentes, polo que os ministros ilustrados se esforzaron en construír estradas como a que unía o porto da Coruña con Madrid (1761) e as vilas de Pontevedra e Vigo con Madrid (1786). No interior do Reino de Galicia melloráronse os camiños que comunicaban A Coruña e Pontevedra con Santiago. Dende comezos do s XVII prosperou a industria téxtil, que ata ese momento se desenvolvera de forma local e nun ámbito doméstico. Tratábase do comercio de panos de liño que aínda que continuaron a ser producidos polos labregos nas súas casas, comezaron a venderse nos mercados de Castela. O aumento da demanda dos lenzos galegos dende mediados do s XVII fixo necesaria a importación de materia prima dende os países do Báltico, de menor calidade ca a autóctona, que posteriormente se lles vendía aos labregos para a súa manufactura. De xeito paralelo á produción doméstica, a finais do s XVIII apareceron os primeiros establecementos industriais como as mantelerías da Coruña, as fábricas de enxarcias e lonas de Sada, fundadas polos comerciantes flamengos A. de Roo e B. de Kiel, e a fábrica pontevedresa dos irmáns Lee na que se introduciu por primeira vez en Galicia maquinaria industrial para o fiado (1793). Prosperou tamén a industria siderúrxica, herdeira das ferrerías e batáns que se fundaran durante os ss XVI e XVII, sobre todo na montaña lucense onde abundaba a auga, o mineral e o combustible. A máis importante destas industrias foi a de Sargadelos, fundada en 1798 por Antonio Reimundo Ibáñez, que se reconverteu en 1804 nunha fábrica de louza.

A sociedade galega

A división estamental

A sociedade galega do Antigo Réxime tiña unha estrutura composta fundamentalmente por labregos e rendeiros, aos que se engadiron posteriormente os burgueses. Na cúspide da pirámide estamental estaban o clero, a nobreza e, dende o s XVI, a fidalguía. Mentres a nobreza de título, beneficiaria de numerosas rendas, se trasladaba a Madrid e se integraba na vida da corte, en Galicia xurdiu unha nova clase social intermediaria entre os propietarios e os traballadores da terra, a fidalguía. Constituída por segundóns da nobreza, cregos e membros da burocracia e da administración, baseou o seu poder no control das rendas forais e dos cargos da administración. O outro grupo dominante era o clero, que controlaba ademais as bases do poder ideolóxico. O mundo rural estaba, na súa maioría, controlado polas grandes abadías beneditinas e bernaldas, onde un número relativamente pequeno de monxes vivían do ingreso das rendas forais e do décimo. No mundo urbano estaban presentes o clero regular dos conventos e o clero secular ou diocesano. A situación económica dos conventos era bastante saneada e baseábase na obtención dos ingresos procedentes do ensino e das funcións relixiosas. A situación do clero diocesano, en cambio, presentaba unha gran disparidade. Mentres bispos e párrocos, xeralmente segundóns da nobreza e membros da fidalguía, vivían de xeito desafogado, os capeláns e patrimonialistas apenas subsistían, polo que tiñan que completar os seus ingresos con actividades de carácter mercantil e agrícola. Dende o s XVI o panorama social viuse ampliado coa aparición dunha pequena burguesía formada por comerciantes e membros de profesións liberais. Pero, de xeito paradóxico, a medida que este novo grupo social se enriquecía, integrábase na fidalguía rendista ao acumular terras e adoptar as pautas de comportamento deste grupo social. A mediados do s XVIII, como consecuencia directa dos decretos de libre comercio de 1778 que liberalizaron o tráfico marítimo coas Indias, produciuse a chegada de numerosos comerciantes cataláns e vascos que constituíron unha nova burguesía urbana. Os cataláns dedicáronse á salgadura e á venda da sardiña, mentres que os vascos e maragatos se dedicaron ao comercio. Na base da pirámide estamental estaba a gran maioría da poboación galega, que configuraba unha clase heteroxénea dedicada á produción agrícola e subministradora do excedente necesario para a manutención das clases privilexiadas. Estaba integrada por unha minoría que subsistía sen grandes problemas económicos e unha gran maioría que tiña que recorrer a actividades complementarias como a emigración estacional, o traballo de xornaleiro e, en ocasións, á esmola.

Os conflitos sociais

A conflitividade social durante o Antigo Réxime produciuse a todos os niveis, polo que se deron tanto enfrontamentos entre señores e vasalos, derivados do sistema de propiedade da terra, como entre as elites, derivados das pugnas polo control da terra e das rendas. A oposición aos señoríos monásticos tivo lugar maioritariamente entre finais do s XVII e principios do s XVIII cando os vasalos se negaron a pagar máis rendas e impostos. Foi o caso dos veciños de Refoxo co mosteiro de Celanova (1973), dos vasalos do mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil (1696) e dos foreiros do couto de Simes co mosteiro de Poio. No eido civil, os conflitos producíronse nas terras da nobreza de título absentista, como ocurreu cos vasalos dos condados de Lemos e Monterrei, que a principios do s XVIII se negaron a pagar os atrasos das rendas aos seus señores. De xeito paralelo xurdiron tamén enfrontamentos entre os distintos grupos privilexiados. As primeiras confrontacións producíronse entre 1629 e 1763 cando os mosteiros propietarios das terras aforadas intentaron recuperar os foros cedidos á fidalguía co fin de conseguir maiores beneficios económicos. Non obstante , a fidalguía, que controlaba as Xuntas do Reino, conseguiu que esta institución acabase coa pretensión dos mosteiros ao impedir en 1763 que as terras forais se convertesen en terras arrendadas. Os enfrontamentos co poder central foron a consecuencia das continuas levas e as excesivas contribucións, que deron lugar a motíns nas cidades de Santiago (1710), A Coruña (1765) e Ferrol (1765) e que culminaron co tumulto xeral xurdido tralo intento de instauración da Contribución Única en 1790. A última serie de conflitos enfrontou os iniciadores da industrialización e os grupos dominantes do Antigo Réxime, defensores do modo de produción feudal e da sociedade tradicional. Así, en 1798, os métodos coactivos para conseguir forza de traballo barata por parte do marqués de Sargadelos foron utilizados como escusa polos rendistas para alzar a veciñanza de Cervo e destruír as instalacións.

A administración territorial

A Real Audiencia do Reino de Galicia e o cargo de intendente

Unha vez finalizada a guerra civil castelá e tralo afianzamento dos Reis Católicos no trono, produciuse a integración de Galicia no novo estado proxectado polos monarcas. O proceso iniciouse en 1475 cando Enrique Enríquez, conde de Alba de Liste, foi nomeado gobernador de Galicia, e proseguiu coa chegada de Fernando de Acuña e García López de Chinchilla, encargados de pacificar o reino e instaurar a xustiza real por medio da implantación da Real Audiencia de Galicia (1480). Nun principio, foi un órgano administrativo itinerante, que dende 1564 se instalou na vila da Coruña, integrado no Consello de Castela e na Real Chancelería de Valladolid, con poderes a todos os niveis e presidido por un gobernador capitán xeneral. Non obstante , para a súa implantación e funcionamento fíxose necesario un maior control sobre as clases privilexiadas. O control sobre a nobreza realizouse por medio da súa integración nas grandes empresas da monarquía e nas altas esferas da administración, como ocorreu co arcebispo Alonso de Fonseca nomeado presidente do Consello de Castela (1481), e da súa substitución por funcionarios de fóra de Galicia, o que provocou unha progresiva castelanización da administración pública. Estas medidas provocaron a resistencia por parte dalgúns nobres que viron minguado o seu poder, como Pedro Álvarez de Soutomaior e Pedro Pardo de Cela, e que a monarquía, detivo mediante unha serie de medidas entre as que destacaron a destrución e derrubamento das súas fortalezas, símbolos do seu poder, a abolición dalgunha das súas cargas e privilexios e o axustizamento dos líderes. O control da propiedade e das estruturas do poder por parte da Igrexa, fixeron necesaria a intervención da monarquía nos asuntos eclesiásticos. Os Reis Católicos iniciaron unha serie de reformas, referendadas por senllas bulas papais (1484 e 1497), dos mosteiros galegos, polas que se pecharon varios pequenos mosteiros rurais, e produciuse o cambio dos directivos nun intento de romper cos lazos de sangue existentes entre os abades galegos e as familias fidalgas. Intentaron tamén por freo ao excesivo poder e ás actitudes arbitrarias do clero secular para o que se buscou favorecer os concellos, nos que se instaurou a figura do corrixidor como autoridade delegada do monarca. A mediados do s XVI, produciuse a diferenciación entre os asuntos de goberno, que pasaron a estar controlados polo Real Acordo, e os militares, que continuaron a depender do gobernador capitán xeneral. As reformas borbónicas de 1711 introduciron a figura do intendente con amplas funcións en materia militar, os cargos de corrixidor nas vilas da Coruña, Betanzos, Viveiro, Baiona e Ourense e a institucionalización da Real Audiencia para acabar cos abusos na administración de xustiza.

As Xuntas do Reino de Galicia, os concellos e as xurisdicións señoriais

No s XV e por motivos fiscais, o territorio galego dividiuse en cinco provincias que posteriormente se ampliaron a sete, Tui, Santiago, A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo e Ourense. En 1528 os procuradores das cidades cabeceiras das provincias acordaron reunirse de forma regular, circunstancia que deu lugar ao nacemento das Xuntas do Reino. Estas reunións tiñan os seus antecedentes nas Xuntas de Procuradores da Santa Irmandade, que se reuniran por primeira vez en Viveiro en 1480. Foi unha institución sen poderes de xestión que se reunía a instancias do monarca, do gobernador capitán xeneral ou do Real Acordo, segundo os intereses fiscais ou militares da monarquía. Controladas pola fidalguía urbana dende comezos do s XVII, solicitáronlle ao monarca, entre outras peticións, a recuperación do voto en Cortes para Galicia que lles permitise un maior control en materia fiscal; o establecemento dunha escuadra que defendese as costas galegas dos ataques ingleses, holandeses e berberiscos; e o establecemento na Coruña dunha Casa de Contratación. A monarquía utilizou, a cambio, as Xuntas para os seus propios intereses e converteunas nas mediadoras entre esta e as clases oligárquicas. O resto do territorio dividíase entre xurisdicións eclesiásticas e señoriais. As xurisdicións controladas polo clero abranguían pequenas vilas e freguesías rurais; mentres que as controladas pola nobreza e mais a fidalguía se centraban en vilas de maior tamaño e numerosos coutos. O reguengo era máis ben escaso polo que Filipe II propiciou, coa autorización da Santa Sé, un proceso de liberalización das propiedades eclesiásticas que finalizou coa venda das terras a privados como consecuencia das necesidades económicas da monarquía. Mentres que nas cidades e nas vilas baixo réxime señorial os señores monopolizaban o nomeamento de cargos, nas xurisdicións rurais os veciños tiñan un alto grao participativo, ao escoller o xuíz ou meiriño, alcaldes, rexedores, escribáns e procuradores. Ao longo do s XVII produciuse unha ruptura deste sistema por causa da creación por parte da monarquía de novos cargos que foron vendidos á fidalguía.

O desenvolvemento cultural durante o Antigo Réxime

Arte

RENACEMENTO

As primeiras formas renacentistas iniciáronse coa renovación da catedral de Ourense e coa fundación en Santiago de Compostela do Hospital Real levada a cabo polos Reis Católicos. Nos primeiros anos do s XVI mantivéronse as formas góticas que recibiron a influencia das formas italianizantes. Das obras do Hospital Real fíxose cargo Enrique Egas. Na catedral de Santiago acometeuse a construción do claustro novo, promovido por Alonso III Fonseca e no que traballaron Juan de Álava, Juan de Badajoz, Rodrigo Gil de Hontañón e Alonso de Covarrubias. O mesmo Fonseca promoveu a construción do colexio de Santiago Alfeo (colexio de Fonseca), trazado por Juan de Álava e Alonso de Covarrubias. Entre outras obras deste primeiro Renacemento destacan a igrexa monacal de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos) e Santa María a Grande de Pontevedra e, no eido da arquitectura civil, os pazos urbanos de Ourense, entre os que sobresae o dos Oca-Valadares. O Renacemento clasicista desenvolveuse dende mediados do s XVI. A obra máis representativa é a igrexa de San Martiño Pinario, encargada en 1598 a Mateo Lopes, autor tamén da fachada. Na catedral compostelá finalizouse o claustro co remate da fronte do Obradoiro cunha galería alta e a escalinata. Fóra de Santiago destacan o colexio de Santa María a Antiga ou do Cardeal, en Monforte de Lemos, e a renovación acometida polos mosteiros galegos tanto bieitos como cistercientes. Cómpre destacar os claustros de Sobrado dos Monxes, Celanova, Monfero, Oia e Santo Estevo de Ribas de Sil. A introdución na escultura das novas formas, aínda impregnadas do gótico, manifestáronse na decoración da capela do Hospital Real, onde traballou N. de Chaterenne, e da súa fachada, obra dos mestres franceses Martín de Blas e Guillén Colás. As obras de Cornielles de Holanda, entre as que destacan o retablo maior da catedral de Ourense e a fachada de Santa María a Grande de Pontevedra, fusionaron o naturalismo do gótico borgoñón co decorativismo plateresco. A finais do s XVI destacou Juan Bautista Celma, introdutor do manierismo, entre outras obras, nos púlpitos da catedral de Santiago. O manierismo castelán, baseado no estilo de Juan de Juni, desenvolveuse coa obra do mestre de Sobrado; de Juan de Angés o Mozo, autor con Diego de Solís do cadeirado do coro da catedral de Ourense; de Juan Davila e Gregorio Español no coro da catedral de Santiago; de Mateo Lopes no sepulcro do arcebispo Francisco Blanco na igrexa da Universidade de Santiago e na fachada de San Martiño Pinario; e de Alonso Martínez no cadeirado do coro de Montederramo. No eido da ourivería cómpre destacar as custodias das catedrais de Santiago de Compostela, de Antonio de Arfe, de Tui e de Ourense, obra conxunta de Marcelo de Montanos e Miguel Mojados. No eido da pintura a penetración das formas renacentistas foi lenta e, xunto ás novas formas, conviviron as reminiscencias góticas. A primeira obra pictórica con características renacentistas é a decoración da gran sala do palacio do arcebispo Alonso III de Fonseca, realizado por Francisco López baixo a dirección do mestre Fadrique (1520), pero a maioría das obras son posteriores a 1540. No eido da pintura mural destacaron o mestre de Parga, o segundo mestre de Cuíña, o mestre de Paderne, o mestre de Fornás e o mestre de Sixto. Xa manieristas son o denominado pintor de Banga, que decorou Santa Baia de Banga e Santa María de Mugares, ambas en Ourense (1555?), cunha interpretación neoplatónica; e Juan Bautista Celma, autor entre outras obras, dunha táboa que representa a Epifanía e a Resurrección, conservada no arquivo da catedral de Santiago de Compostela. Destacaron tamén o portugués Francisco Teide, autor dunhas táboas para un retablo de Santa María de Pontevedra; e o mestre de Nogueira, que realizou as pinturas murais de Santa María de Nogueira, San Pedro de Ribasaltas e San Miguel do Monte.

BARROCO

Durante o s XVII asistiuse a unha grande actividade construtiva promovida pola Igrexa e a fidalguía rural. A cidade de Santiago de Compostela sufriu unha renovación que afectou á catedral e ao urbanismo. Á súa imaxe remodeláronse tamén outras cidades e as súas catedrais. Xunto a este Barroco urbano desenvolveuse un Barroco rural baixo o mecenado dos mosteiros. As primeiras formas arquitectónicas barrocas do s XVII foron clasicistas. O arquitecto Bartolomé Fernández Lechuga (?-1645) e o entallador Bernaldo Cabrera foron os introdutores das características barrocas. A remodelación da catedral iniciouse baixo a dirección do cóengo Xosé de Vega e Verdugo que encargou as obras a José Peña de Toro. Transformouse a fachada da praza da Quintana coa cubrición das ábsidas e a apertura de diversas portas. En 1639 fíxose cargo das obras Domingo Antonio de Andrade (1639-1711), autor, entre outras obras, da torre do Reloxo e da fachada retablo do Pórtico Real da Quintana. No s XVIII traballaron na catedral Fernando de Casas Novoa (1675?-1749), autor da fachada do Obradoiro, e o seu sucesor como mestre de obras, Lucas Ferro Caaveiro (1699-1770) que, xunto con Clemente Fernández Sarela (1716-1765), iniciou a fachada da Acibechería, rematada en estilo neoclásico tralo informe de Ventura Rodríguez en 1765. Ademais da catedral cómpre destacar o mosteiro de San Martiño Pinario, a remodelación de San Paio de Antealtares, as casas da Parra, das Pombas e do Deán, o convento das Madres Mercedarias e a fachada do convento de Santa Clara. Fóra de Santiago destacan os traballos de Andrade e Casas Novoa na catedral de Lugo, a cabeceira da catedral de Ourense, a fachada principal da catedral de Mondoñedo e as capelas de San Pedro e Santa Catarina na catedral de Tui. Houbo tamén unha renovación nas construcións monacais que se baseou na construción de novos complexos ou na reconstrución, transformación ou remodelación de estruturas preexistentes. Cómpre destacar os traballos realizados en Sobrado dos Monxes, Celanova, Oseira e Montederramo. Os pazos foron a representación visible da fidalguía. O conxunto do pazo estaba formado pola vivenda e a capela e por unha serie de construcións adxacentes, como o hórreo, o muíño, o forno e o pombal. Entre outros cómpre destacar o pazo de Oca (A Estrada), o pazo de Mariñán (Bergondo) e o pazo de Fefiñáns (Cambados). A escultura barroca foi exclusivamente relixiosa e centrouse na realización de retablos, cadeirados de coro e na decoración de fachadas. Destacaron Gregorio Fernández (1575?-1636), que realizou en Castela a maioría da súa obra; Francisco de Moure (1577?-1636), introdutor do Barroco e autor dunha obra na que foi achegándose cada vez máis ao naturalismo, como nos retablos do mosteiro de Oseira, o San Mauro da catedral de Ourense e o cadeirado do coro da catedral de Lugo; Mateo de Prado (?-1678?), autor do cadeirado de San Matiño Pinario e do retablo maior de Montederramo; Miguel de Romay (1670-1740?), que realizou os retablos deseñados por Fernando de Casas e Simón Rodríguez como o de San Martiño Pinario; Benito Silveira que traballou en La Granja de San Ildefonso; e Xosé Gambino (1719-1775), autor dun gran número de imaxes relixiosas. O paso do Barroco ao neoclasicismo realizouno Xosé Ferreiro, formado na tradición barroca de Gambino. A pintura non tivo un gran desenvolvemento, pois centrouse fundamentalmente na policromía de imaxes e retablos. Cómpre destacar as pinturas murais de Vilanova de Lourenzá e a obra de Antonio de Puga (1602-1648), activo na corte, e Xoán Antonio García de Bouzas (1680?-1755), que traballou para a catedral de Santiago de Compostela.

Ciencia

O Renacemento supuxo un cambio notable na cultura occidental; iniciouse unha complexa revolución que deu lugar á ciencia moderna. É a época dos pensadores renacentistas, atentos a múltiples áreas do coñecemento e simbolizados en Leonardo da Vinci. Pedro Sarmiento, fillo de pais galegos, embarcouse en 1568 como piloto na expedición de Álvaro de Mendaña que chegou ás Illas Salomón e acadou sona internacional polas súas propostas de mellora de mapas e instrumentos náuticos. Os irmáns Bertomeu e Gonzalo García de Nodal descubriron o estreito de San Vicente, nas Antillas, estudiaron correntes e mareas e indicaron a latitude do cabo de Hornos. A implantación social da ciencia acadouse no s XVII; con Galileo (1564-1642) comezou o seu período moderno. Non obstante , a actividade científica en España e Galicia atravesou unha etapa de estancamento e illamento; o triunfo da mentalidade contrarreformista propiciou o predominio do escolasticismo e a imposición do illamento ideolóxico, como medio de defensa contra as ideas heterodoxas. O médico Pedro de Castro (1592-1661) foi un dos poucos galegos que tomou contacto co novo mundo científico. Por outra banda, en 1648 creouse, na Universidade de Santiago de Compostela, a facultade de Medicina. A primeira etapa (1649-1755), cualificada como escolástica, ten a súa orixe na dotación das cátedras de Prima e Vísperas (posteriormente Instituciones Médicas), ás que se engadiu a de Método en 1673. A revolución científica coñeceu un decisivo avance coa obra de Isaac Newton. Tamén foi o período en que se descubriu o microscopio e se estableceron as bases da historia natural moderna dende autores como John Ray e J. Pitton Tournefort, que facilitaron a notable contribución de Carl von Linné. A Ilustración en España e Galicia foi un fenómeno complexo, que se caracterizou pola súa moderación e limitados avances. A situación de partida era diferente, cun notable peso da Inquisición e o escolasticismo e cun atraso do aparello produtivo. Nesas circunstancias era difícil unha modernización na dirección da preindustrialización e da conquista de maiores cotas de liberdade individual sen cambiar nada no Estado. De todos os xeitos, no s XVIII o despotismo ilustrado favoreceu a incorporación da cultura e da ciencia europeas. A política científica ilustrada tentaba atender algunhas demandas sociais e necesidades do aparato do Estado. As polémicas entre “antigos” e “modernos”, de finais do Barroco, e a obra de Feijoo foron o punto de partida. Á primeira etapa da época ilustrada pertence Fernando Sande Lago. Mais na Ilustración sobresae a participación doutros galegos como Feijoo, Sarmiento e Cornide; B. X. Feijoo Montenegro (1676-1764) desenvolveu unha inmensa actividade crítica contra os prexuízos, erros e supersticións, contribuíu a que a autoridade de Aristóteles fose discutida nun ámbito moi amplo e introduciu a dúbida fronte ás certezas escolástico-aristotélicas. Martín Sarmiento (1695-1772) foi o mellor coñecedor da química e da historia natural do seu tempo en España, e asesorou os reis Felipe V e Fernando VI; ademais, defendeu o sistema sexual de Von Linné e, das súas viaxes por Galicia, xurdiron escritos botánicos como Pensamientos Crítico-Botánicos ou Sobre un vegetable llamado Seyxebra. X. A. Cornide Saavedra (1734-1802) contribuíu á fundación da Academia de Agricultura de Galicia en 1765.

Ensino


A pesar da crise do s XV, Galicia continuou a manter os esquemas e oportunidades formativas do século anterior. É posible que a presenza do arcebispo compostelán Xoán Rodríguez de Padrón no concilio humanista de Basilea (1438) e a presenza en Italia de varios dominicanos galegos, que despois pasaron a conventos galegos (Pontevedra e Viveiro), influíse, dalgunha maneira, nos pequenos círculos literarios de Santiago de Compostela ao achegar as novas ideas do humanismo. Pero, só se sabe con certeza que en Compostela, arredor das familias dos Muros e dos Fonseca, se formaron dous pequenos núcleos humanistas que tiñan os seus referentes máis próximos na Universidad de Salamanca. Conectado con ese espírito humanista está o encargo, por parte do cabido catedralicio, da impresión de 130 breviarios (1483?), acto fundacional e toma de contacto de Galicia coa imprenta, así como a iniciativa de Lope Gómez de Marzoa de fundar (1495) en Compostela un Colexio de Gramática, convertido en antecedente da fundación da Universidade de Santiago de Compostela (1526). Ao longo da segunda metade do s XVI existiu unha notable acción alfabetizadora na Europa católica como resposta ao máis sólido impulso alfabetizador luterano e sobre todo calvinista, a través dos seminarios, os colexios e cátedras de gramática, e as escolas de ler, escribir e contar, que ían aumentando o seu número paulatinamente. A maioría destas escolas existían mediante legados e fundacións -aínda que, ás veces, tamén estaban ligadas a unha decisión municipal ou á propia existencia dun seminario, un colexio xesuíta, ou unha cátedra de latinidade-, case sempre atendidas por clérigos ou laicos. Os mestres de primeiras letras atendían nenos de idades diversas pertencentes a clases baixas, mediante un ensino individual e unha ríxida disciplina. Os fillos de aristócratas, fidalgos ou burgueses acomodados alfabetizábanse, en cambio, no ámbito familiar e mediante o establecemento de contratos entre o pai de familia e un preceptor. A aprendizaxe da lectura, directamente en latín, ou senón en castelán, era lenta e prolixa e depois comezaba a aprendizaxe da escrita, que en moitas ocasións se reducía ao dominio da sinatura. Escribir implicaba non só o dominio da lectura, senón tamén saber coller e acadar o dominio das plumas de ave e dos seus cortes para poder escribir con diversos tipos de letra. Ata finais do s XVIII foi un saber reservado para aqueles que logo ían estudar humanidades ou dedicarse a oficios relacionados co comercio ou co artesanado. Os que aprendían a escribir tamén xeralmente aprendían as regras das catro operacións matemáticas; de non ser así, a aprendizaxe das contas era moi esquemática e eran moi poucos os que adquirían unha maior formación matemática. En todo caso, nunca faltaba a aprendizaxe das oracións do cristián e de certos principios de moral católica, aos que se podían sumar certas nocións de urbanidade e algúns coñecementos de historia sagrada, incluídos milagres e vidas de santos. Unha parte dos que facían estas aprendizaxes entraban logo no estudo do latín e da súa gramática, que, de cando en vez, se acompañaba de nocións literarias, de xeografía e de historia, e, case sempre, dunha introdución á retórica. Estas aprendizaxes eran aseguradas polos colexios dos xesuítas, e en menor medida polos seminarios e as cátedras de gramática, que se crearon no común das vilas, ou ben a través de legados ou por intervención municipal ou dos conventos dominicanos ou franciscanos. As distintas iniciativas galegas encadrábanse no contexto alfabetizador e de institucionalización escolarizadora europea. Así, ao longo dos ss XVI e XVII, creáronse escolas, estudios e cátedras en diversos lugares. Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Viveiro, Ribadeo, Baiona, Mondoñedo, Tui, Vilagarcía, Melide, Ribadavia, Betanzos, Noia, Pontedeume, Monterrei e Allariz dispuxeron de estudios e de cátedras de gramática, cunha relativa continuidade neste período, ás veces coa axuda da iniciativa conventual ou por medio da presenza dos xesuítas. Mesmo chegou a haber, con descontinuidade, cátedras de artes, filosofía ou teoloxía en vilas e cidades diversas: A Coruña, Samos, Xunqueira de Ambía, Ribas de Sil, Caión, Lérez, Poio, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ribadavia, San Sadurniño, Montederramo, Meira, Monterrei, Conxo, Viveiro, Tui, Monforte de Lemos, Vigo, Salvaterra e Ourense. Tamén se deberon desenvolver as aprendizaxes propias da escola primaria, aínda que citadas como tales no s XVI só se documentan en Tui, Ourense, Santiago e Monterrei; durante o s XVII aumentaron as referencias e aparecen en lugares vilegos non citados ata ese momento -Lourenzá, Quiroga, etc-, e en parroquias do ámbito rural. O s XVII foi o período de maior creación de escolas mediante fundación, sobre todo no momento final que se liga á Ilustración. Produciuse, en toda Europa, un constante incremento do desenvolvemento educativo e escolarizador, realizado dende unha nova mentalidade que combatía o escolasticismo, que proclamaba a razón crítica, o naturalismo e o empirismo e que acollía as innovacións científicas, o mecanismo matemático e aínda o atomismo. A educación considerábase unha condición de progreso e de reforma social, perspectiva que paulatinamente incorporaron tamén os ilustrados españois. En Galicia, aínda que non se daban as mellores condicións para o desenvolvemento da Ilustración (escasa poboación urbana e burguesa, certo arcaísmo e conservadurismo intelectual eclesiástico e fidalgo, agás os casos da Coruña e de Ferrol), incrementouse devagar a alfabetización da poboación e a presenza de cátedras de gramática. Algo máis de 200 escolas tiña Galicia a mediados do s XVIII, segundo os datos do Catastro do Marqués de la Ensenada; e, segundo os datos de 1797, 567 mestres, 94 mestras e algo máis de 16.000 escolares. Ata 1767 houbo seis colexios dos xesuítas, dos que se retomou a posteriori como Colexio de Humanidades o de Monforte; Lugo e Mondoñedo dispuñan de seminarios clericais; e os agostiños, dun colexio na Coruña. As vilas mencionadas dispuñan de cátedras de gramática. Lugares como Santiago ou Betanzos mesmo chegaron a ter colexios de educandas: La Enseñanza, ou As Orfas, en Santiago de Compostela. Tamén en Santiago, na Universidade e na Sociedad Económica de Amigos del País, produciuse unha pequena achega á Ilustración. Foron A Coruña e Ferrol os centros da Ilustración a través das cátedras da Escola de Náutica do Real Consulado do Mar da Coruña (1785), da Escola de Gardas Mariñas de Ferrol (1776) e da presenza e uso de libros representativos da Ilustración europea.

Imprenta

A chegada da imprenta a Galicia remóntase ao ano 1490. Os primeiros obradoiros instaláronse en Monterrei, rexentado por Gonzalo Rodríguez de la Pasera, e Ourense, dirixido polo escribán Rodrigo de Lavandeira; funcionaron con certa eficacia entre 1490 e 1491. No período 1495-1496 rexistráronse dúas imprentas, unha situada novamente en Monterrei e outra en Mondoñedo. A primeira publicación realizada en Galicia foi o Breviario Auriense (1485-1490). O segundo volume en canto á antigüidade corresponde ao Misal Auriense (1494), impreso en Monterrei por Gonzalo Rodríguez de la Pasera. Durante o s XVI xurdiron diferentes nomes de impresores e libreiros dun xeito illado, o que denota unha certa actividade editorial, pero sen continuidade. En Compostela cómpre subliñar o labor de Xoán García de Figueiroá, libreiro e encadernador da catedral; Pedro de la Roche, impresor instalado en Ourense e que fixo algúns traballos en Santiago de Compostela; Nicolao Thyerri, impresor do Manual Compostelano (1534), das Constituciones Sinodales de Mondoñedo (1534) e, posiblemente, dun Breviario Lucense (1536). En Ourense e Mondoñedo traballaron Vasco Díaz Tanco (1544-1548) e Agostiño de Paz (1550-1553); este último trasladouse posteriormente a Santiago de Compostela. Nesta mesma cidade e entre mediados e finais do s XVI traballaron Luís de Paz, fillo de Agustín de Paz, Pedro de Nandín, Antonio Álvarez ou Paulo de Paredes. O carácter provisional das imprentas é un dos trazos máis salientables, pois moitos dos mestres impresores viñan de fóra para realizar traballos puntuais, cun carácter itinerante, como foi o caso de Arnao Guillén de Brocar, quen estivo en Lugo e Mondoñedo. Nese sentido, a impresión tanto dos sumarios de indulxencias, as bulas, como os modelos notariais ou os libros diocesanos, realizábase xeralmente fóra de Galicia; así, o Breviario Compostelano (1484), impreso en Burgos por Juan de Bobadilla e Álvaro de Castro, o Misal Mindoniense (1520?), impreso en Pamplona por Brocar, o Breviario Compostelano (1497), impreso en Lisboa por Nicolao de Saxonia, e o Breviario Tudense (1564?), impreso en Salamanca. No s XVII produciuse unha importante regresión no que respecta á calidade dos traballos e sobre o número de obradoiros tipográficos, agás Santiago de Compostela. En canto aos mestres impresores, a Luís de Paz débense engadir os nomes de Xoán Pacheco (1607-1621), Xoán Guixard de León (1626-1633), Xoán Jaques (1636-1640), Xoán B. González de San Clemente (1640?-1684), Xosé de Canto Sierra (1665-1668) e Antonio Frayz Piñeiro (1673-1697). No s XVIII, en cambio, produciuse un leve incremento no número de impresores, entre eles, Bieito Frayz (1700-1706), Antonio Aldemunde (1704-1726), Antonio Pedache (1715), Andrés Frayz (1719-1760), Ignacio Guerra (1736-1737) ou Aguayo Buenaventura (1726-1759). Ademais, neste último século mellora a calidade das impresións, que incrementan a súa beleza en moitos casos grazas aos gravados que acompañan os textos. Do conxunto de textos editados, cómpre salientar a presenza de numerosas novenas, diversas alegacións xurídicas e algunhas obras de carácter histórico ou literario, como o volume editado con motivo das Festas Minervais de 1697. Tamén destes anos é a edición das Ordenanzas de la Real Audiencia de Galicia (1679), impresas por Antonio Frayz na Coruña ou Santiago de Compostela.

Literatura

Entre os ss XVI e XVIII cultiváronse composicións de carácter popular e culto, algunhas de autor coñecido e noutros casos anónimas. Os poucos textos escritos fan supoñer a existencia de certo uso do galego na literatura destes séculos, pero circunscrito a estrofas populares, como o romance. Entre a poesía lírica de orixe popular destaca a tradición de panxoliñas de Nadal que se atopan dende os ss XVII-XIX en diferentes pazos, igrexas e catedrais. Estas composicións amosan unha galeguización do misterio de Nadal, cunha identificación de todo o galego cos diferentes elementos que interveñen na celebración do mesmo e que van desde a toponimia, pasando polo mundo material, ata as propias condicións de vida e a psicoloxía do pobo galego. As panxoliñas son, na súa maioría, anónimas; entre outros autores do s XVII destacan Carlos Patiño, frei Francisco de Santiago e Manuel Bravo de Velasco e Pantoja. Por outra banda, hai composicións de circunstancias que reflicten un acontecemento histórico ou social, neste grupo hai que salientar as composicións realizadas en 1506 con motivo do desembarco na Coruña dos reis Filipe o Fermoso e Xoana a Tola; o poema composto a raíz do saqueo turco a Cangas do Morrazo (1617) transmitiuse oralmente e recolleuse por escrito no s XVIII nunha versión moi retocada; e as Décimas ao Apóstol Santiago compostas por Fonseca Martín Torrado de Figueira a raíz da polémica que suscitou o nomeamento de santa Tareixa (1617), avogosa dos Reinos de España. Dentro da chamada “poesía académica” e nunha estética renacentista, cómpre mencionar a pastorela anónima Soneto de Monterrei (1530-1540); e un soneto dedicado a Alonso de Ercilla, da autoría de Isabel de Castro Andrade, condesa de Altamira (1578). Outras composicións en galego están na Relación de las exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galicia a la Reyna D. Margarita de Austria descriptas y puestas en stilo por Ioan Gómez Tonel (1612), editada con motivo da morte da raíña e na que se recollen dous sonetos de estilo barroco en galego, un de Pedro Vázquez de Neira “Respice finem” e o outro de Xoán Gómez Tonel, “Soneto con falda”; no volume Fiestas Minervales y aclamación perpetua a la Musa (1697), escrito na honra de Alonso III de Fonseca o Grande, que amosa características propias da poesía barroca do momento, e no que se recolle unha pequena mostra de nove romances en galego; entre os seus autores salienta Fabián Pardiñas Villardefrancos (1657-1703); no volume El Clarín de la Fama y Cíthara de Apolo, que recolle as composicións presentadas ao Certame ourensán (1708), aparece unha composición en galego de José Noguerol Camba. O primeiro texto dramático de que se ten noticia, é o ↪ Entremés famoso da pesca no Río Miño (1671) de Gabriel Feixoo de Arauxo, que constitúe un exemplo dunha literatura de carácter popular que alimentaba as manifestacións escénicas que naquela altura se producían en galego e que ao longo dos séculos deixaron outros exemplos como o Entremés del portugués, do que fala José Luís Pensado e o Sainete de Bora que recuperou F. Bouza Brey, sen esquecer os xogos escénicos documentados por Uxío Carré Alvarellos e Antonio Fraguas Fraguas. No s XVIII, a chegada das ideas ilustradas afianza o uso das linguas nacionais; simultaneamente xurdiron algúns autores que trataban de dignificar co seu traballo intelectual estas linguas consideradas daquela “dialectos”. Deste século sobresaen B. X. Feijoo Montenegro (1676-1764) e os irmáns, Anselmo Feijoo Montenegro (s XVIII) -autor do “Pranto da Frota” (1702), composto en forma de quintillas, así como dunha “Glosa” escrita con motivo do acompañamento a pé do viático, que fixeron os reis en 1722- e Plácido Feijoo, que empregou o mesmo motivo para escribir unha glosa en galego. Deste século destaca tamén frei Martín Sarmiento (1695-1772) que, no eido da literatura, deixou 1.201 coplas do que ía ser un inacabado Diálogo de 24 rústicos, que apareceu baixo a autoría de “O poeta Marcos da Portela”; Diego Antonio Cernadas Castro, o cura de Fruíme (1698-1777), versificador que amosa un estilo vivo e irónico, e do que só se conservan 15 composicións en galego; Xosé Andrés Cornide Saavedra Folgueira (1734-1803), autor do soneto de corte prerromántico “A Filida”; Xoán Sobreira Salgado (1745?-1805), autor dun Dicionario gallego do que rematou as letras A e B; e María Francisca de Isla Losada (1734-1808), da que só se conserva un “Romance ao señor abade de Fruime”.

Música


RENACEMENTO

Despois da desaparición da escola lírica galego-portuguesa, a música sufriu un período de decadencia que durou varios séculos. Non existe apenas documentación relativa á música desta época, só pequenas mencións espalladas. Respecto da música profana deuse un gran desenvolvemento da música popular, feito que se pode afirmar como evolución e continuación dos modelos da lírica medieval, que se viron incrementados coa incorporación de novos ritmos, instrumentos e a aparición da polifonía. Unha das manifestacións musicais que se desenvolveu con máis forza e que perviviu ata o s XXI, foron as composicións relacionadas cos ciclos anuais (aninovo, nadal, reis, maios, seitura). No terreo da música culta as fontes documentais son algo máis amplas. O máis destacado é a continuidade da música relixiosa como vehículo case exclusivo da música culta nesta época. A polifonía introduciu maior riqueza musical nas composicións de certos ritos, ata o momento monocordes. A catedral compostelá dispoñía, a mediados do s XV, dunha capela de música, encargada das composicións polifónicas que acompañaban os distintos actos litúrxicos. Tamén se teñen noticias semellantes doutras catedrais galegas e incluso dalgúns mosteiros, como o de Santa Cristina de Ribas de Sil, que en 1457 contaba con dous órganos e varios libros de canto. Outros mosteiros e catedrais tiñan tamén órganos e persoas dedicadas especificamente ao seu coidado, así como intérpretes e compositores de obras litúrxicas. Nas principais catedrais, como a de Santiago de Compostela, existían arredor de 1525 un grupo de cantores profesionais que interpretaban a música polifónica, un coro de cóengos encargados do canto gregoriano monocorde e un coro de nenos.

BARROCO

O barroco musical en Galicia comezou nos últimos anos do s XVI sen cambios bruscos, como unha etapa de evolución da música polifónica do último Renacemento e a súa adaptación aos novos principios estéticos da arte barroca. As catedrais mantiveron conxuntos estables de cantores e instrumentistas, integrados na capela de música, á fronte das que traballaron destacados mestres. Paulatinamente, ao longo do primeiro cuarto do s XVI, a nova mentalidade penetrou nestas capelas de música (mesmo nos propios cabidos das catedrais), para culminar cara ao 1640 coa adopción da arpa como instrumento fundamental para o acompañamento das voces e a realización do baixo continuo. Nestes anos, cómpre destacar a presenza na catedral de Santiago de Compostela dos mestres Antonio Carreira, Xerome Vicente e Diego Pontac, que sobresaíron como polifonistas. Máis aló da metade do s XVII produciuse a eclosión e esplendor musical do estilo, que coincidiu coa presenza de grandes mestres nas catedrais. Nas súas obras utilizaron a polifonía de corte clásico, a polifonía de corte máis novidoso, ás veces con coro de instrumentos, pezas para voz solista con acompañamento instrumental e vilancicos. A través destas composicións, a policoralidade, un dos elementos máis interesantes do estilo, levouse ata as súas últimas consecuencias. Tralo cambio de século, entrouse nunha lenta etapa de decadencia, onde o barroquismo máis peculiar cedeu, aos poucos, ante novas correntes e, de xeito especial, ante a continua chegada de música e músicos italianizantes. Pouco a pouco, a arpa deixou de empregarse nas catedrais e comezaron a manexarse conceptos máis novidosos de acompañamento instrumental, de xeito que, coa chegada do italiano Buono Chiodi (1770) á catedral compostelá, comezou unha nova xeración de músicos que se pode clasificar como tardobarroca; entre eles destacaron Melchor López, Xosé Quiroga e Xoaquín Pedrosa. Algúns dos principios estéticos da música relixiosa ao longo do Barroco foron a composición, seguindo os principios do baixo continuo, o uso da policoralidade, a utilización dunha linguaxe máis sobria nas composicións latinas ou o cultivo do vilancico. Unha mención especial merecen os organistas, músicos sempre de grande actividade nas catedrais galegas, entre os que destacan Gregorio Alonso Galindo, Xoaquín Martínez de la Roca e Vicente Roel del Río.

A Ilustración galega

A mellora económica e o impacto nos sectores máis altos da sociedade das novas ideas contribuíron ao desenvolvemento do movemento ilustrado, caracterizado en Galicia polo interese nos problemas económicos e sociais máis ca nos políticos. O desenvolvemento económico da segunda metade do s XVIII permitiu a chegada a Galicia dunha burguesía foránea que constituíu unha elite na que frutificaron as novas ideas ilustradas. Os ilustrados pretendían realizar reformas económicas tanto no eido agrario, reflectindo os aspectos negativos da amortización, especialmente dos morgados, solicitando a eliminación dos baldíos e a súa entrega aos campesiños e apoiando as innovacións técnicas; e no eido industrial afirmando a necesidade dun proceso de industrialización baseado nas industrias domésticas relacionadas coa agricultura e na introdución de novos sectores. Xunto ao aspecto económico, os ilustrados descubriron Galicia como entidade propia e diferenciada, á que defenderon dende os seus escritos. No eido político, non cuestionaron a monarquía absoluta nin a organización socioadministrativa, limitáronse a denunciar os abusos sen poñer en dúbida a súa existencia ou eliminación. Os ilustrados que maior relevancia tiveron foron Xoán Francisco Castro (1721-1790), X. A. Cornide Saavedra (1734-1803), Bieito Feijoo (1676-1764), Bernaldo Herbella de Puga (1735-1807), Lucas Xosé Labrada (1762-1842), Luís Marcelino Pereira (?-1811), frei Martín Sarmiento (1695-1772) e Francisco Xavier Somoza (1749-1806). Xunto a eles cómpre destacar autores que realizaron escritos de diversos temas como Xoán Xosé Caamaño Pardo (1761-1819), Ignacio Cervelo, Anxo Antonio Henry Vieira (1768-1813), frei Paulo Rodríguez e Xoán Sobreira Salgado (1745-1805). Na posta en práctica de todas estas ideas destacou Antonio Raimundo Ibáñez (1749-1819), creador do complexo industrial de Sargadelos. Ao longo da segunda metade do s XVIII floreceron diversas institucións baseadas e inspiradas neste movemento. En 1765 creouse a Academia de Agricultura del Reino de Galicia con sede na Coruña. Formada por nobres e fidalgos, trataron de resolver os problemas da agricultura galega e redactaron memorias e informes. En 1785 aprobouse a creación na Coruña do Real Consulado Marítimo. Tiña a finalidade de promover o desenvolvemento do porto e da actividade industrial e mercantil. En 1783 fundouse a Real Sociedad Económica de Amigos del País de Lugo e, ao ano seguinte, a Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, que contribuíron ao desenvolvemento económico e educativo do país.

A GALICIA CONTEMPORÁNEA


A crise do Antigo Réxime (1789-1839)

A Revolución Francesa de 1789 e as súas consecuencias posteriores trouxeron a desaparición do Antigo Réxime e a aparición do estado liberal. Dende entón e durante o s XIX sucedéronse as loitas entre absolutistas e liberais. Galicia non permaneceu allea a este proceso e os diversos sectores da sociedade defenderon unha ou outra ideoloxía. Mentres as clases privilexiadas buscaron manter a orde establecida, a burguesía defendeu o novo réxime.

Os ecos da Revolución Francesa (1789-1808)

Tralo inicio da revolución en Francia e en especial trala execución de Luís XVI, o pánico e o sentimento antirrevolucionario estendéronse por todo o territorio español. Aínda que houbo algún grupo de afrancesados, as medidas contra a expansión das ideas revolucionarias, como as pastorais dos clérigos e a Inquisición, funcionaron con éxito. Non obstante , proclamas, manifestos e prensa liberal chegaban aos parladoiros liberais. Os ecos contrarrevolucionarios espalláronse a tavés dos que fuxían de Francia, principalmente relixiosos e algún nobre. No eido militar, Galicia participou nas dúas guerras que mantivo o Estado, primeiro aliado de Inglaterra contra Francia (1793), e despois aliado de Francia, contra Inglaterra (1796). As costas galegas estiveron bloqueadas pola armada inglesa en numerosas ocasións, feito que produciu perdas económicas e comerciais. Ademais, rexementos e batallóns establecidos en Galicia participaron no intento de asalto a Inglaterra e na conquista francesa de Portugal. Por outra banda, houbo revoltas populares motivadas polas levas militares e pola situación económica, condicionada polas guerras. Tralos sucesos acaecidos en Baiona en 1808, establecéronse xuntas provinciais que tiñan o poder político fronte á administración francesa. O 2 de xuño de 1808 a Xunta da Coruña acordou declararse Xunta Suprema e Gobernativa do Reino de Galicia. Constituída días despois pola reunión dos representantes das sete provincias, proclamouse soberana, asumiu o poder político e encargouse de organizar a resistencia fronte aos franceses e de gobernar ata que se restablecesen as circunstancias políticas. Foi recoñecida polas xuntas locais agás pola de Santiago de Compostela, coa que mantivo un enfrontamento durante toda a súa existencia.

A guerra contra o francés (1809)

Galicia participou no conflito dende os inicios do mesmo. Un dos corpos militares enviados polo Reino Unido, baixo o mando de Braid, chegou á Coruña e uniouse pouco despois ao dirixido polo xeneral Moore. Tralo enfrontamento coas tropas francesas, o exército inglés comezou, dende Astorga, a retirada cara a Lugo coa intención de chegar á Coruña para embarcarse cara ás Illas Británicas. Perseguidos polas tropas dos mariscais Soult e Ney, chegaron á Coruña o 11 de xaneiro de 1809. As dificultades meteorolóxicas obrigaron a Moore a permanecer na cidade e o 16 de xaneiro produciuse en Elviña o enfrontamento cos franceses. Tres días despois o mariscal Soult lograba a capitulación da cidade. Moore morreu na batalla pero as súas tropas conseguiron embarcar cara ás Illas Británicas. Mentres, o exército español do marqués de La Romana permaneceu acantoado na provincia de Ourense. Nun mes, o exército francés ocupou toda Galicia: o 20 de xaneiro caeu Santiago de Compostela; o 21, Pontevedra; e o 31, Vigo. Suprimida a Xunta Suprema, a loita estivo protagonizada polo pobo que se articulou en guerrillas que illaron os exércitos franceses e recuperaron as vilas e cidades tomadas por estes. As partidas conseguiron, entre outros logros, a reconquista de Vigo e de Tui. Moitas das guerrillas integráronse na División do Miño, exército popular dirixido por Martín de la Carrera, que tomou Santiago de Compostela (23.5.1809) e acadou a vitoria definitiva na Batalla de Pontesampaio (7-9 de xuño de 1809) coa conseguinte expulsión dos franceses.

O goberno de Galicia (1810-1814)

A sociedade dividiuse entre os partidarios da restauración do Antigo Réxime, encabezados polo arcepispo de Santiago de Compostela, Rafael Múquiz, e os valedores do réxime liberal, a burguesía e a alta administación do Estado. Os primeiros valéronse das pastorais e dos escritos teolóxicos para proclamar a súa ideoloxía, e os segundos manifestáronse na prensa e nos parladoiros de cafés e sociedades. No ámbito político, trala expulsión dos franceses, o poder tívoo nun primeiro momento o capitán xeneral de Galicia, mais o 22 de xaneiro de 1810 creouse na Coruña a Xunta Superior de Galicia con funcións estritamente militares. Estaba integrada polo capitán xeneral de Galicia, o seu presidente, e polos representantes das sete provincias, do exército e da Igrexa. Dependía da Junta Central e estableceuse en Santiago de Compostela o 8 de maio de 1812 ata que desapareceu co establecemento da Deputación do Reino de Galicia o 19 de marzo de 1813, órgano intermedio entre o poder central e a administración municipal que apenas tivo poderes de feito. Estaba formada polo xefe superior de Galicia, que a presidía, o intendente real e os representantes das provincias. Por outra banda, houbo representación nas Cortes de 1810 (25 deputados) e de 1813 (16 deputados), nos dous casos a maioría eran de tendencias absolutistas.

O primeiro absolutismo (1814-1820): A represión absolutista e o pronunciamento de Porlier

En 1814, co retorno de Fernando VII, regresou o absolutismo e comezou a represión dos liberais e dos afrancesados. A igrexa e a nobreza, que se mantiveran fieis ao absolutismo, recibiron beneficios, prebendas e outros premios, mentres que os liberais sufriron persecucións e depuracións. As únicas vías que lles quedaron aos liberais para tentar recuperar o liberalismo de 1812 foron os pronunciamentos militares e as conspiracións. En 1815 tivo lugar na Coruña o pronunciamento do mariscal de campo Juan Díaz Porlier, detido polas súas ideas liberais e condenado a reclusión no castelo de Santo Antón da Coruña. Dende A Pastoriza, organizou unha sublevación que se produciu a noite do 18 ao 19 de setembro de 1815. Tomou a cidade e dirixiuse cara a Santiago de Compostela onde se organizou unha contraofensiva que logrou, por medio do suborno, o apoio das súas propias tropas e a súa detención en Merelle (21.9.1815). Trasladado á Coruña, foi executado o 3 de outubro. Este fracaso non conseguiu que as conspiracións sucumbisen, senón que continuaron ata o triunfo de 1820.

O Trienio Liberal (1820-1823)

Tralo levantamento de Riego en Cabezas de San Juan (Cádiz) en xaneiro de 1820, a gornición da Coruña levantouse en armas o 21 de febreiro, cando as tropas de Riego estaban practicamente derrotadas. O pronunciamento, que contou tamén co apoio da burguesía, dos artesáns e incluso das clases populares, produciuse o día no que chegaba o marqués de La Reunión, novo capitán xeneral de Galicia. Nomeouse ao coronel Félix Álvarez Acevedo xefe supremo militar. Trala sublevación da Coruña, pronunciáronse Ferrol e Vigo o 23 de febreiro e dous días despois Pontevedra. As cidades episcopais opuxeron maior resistencia e tiveron que ser tomadas polas armas. No mesmo día do pronunciamento constituíuse na Coruña a Xunta Superior de Goberno que gozou de plenos poderes, políticos e militares, ata que se disolveu o 19 de xullo de 1820. A Xunta contou co apoio das sociedades patrióticas constituídas nas principais cidades e que funcionaron ata que se disolveron por orde do goberno o 21 de outubro de 1820. Ese mesmo ano, o 9 de xullo, estableceuse na Coruña a Deputación Provincial de Galicia, encargada de recadar e repartir as contribucións. A contrarrevolución protagonizouna o clero, fundamentalmente o cabido compostelán, e un sector da fidalguía. En Tui creouse a Xunta Apostólica de Galicia, posteriormente Xunta de Subsidio e Armamento, coa finalidade de por fin ao réxime liberal. A loita máis activa contra o liberalismo protagonizárona as partidas realistas, integradas por membros do clero e da fidalguía, que comezaron a articularse en 1822 polas zonas rurais coa idea de levar a cabo un gran levantamento en toda Galicia. Trala chegada a España dos Cen Mil Fillos de San Luís, a defensa de Galicia encargouse a un corpo do exército dirixido polo xeneral Pablo Morillo que creou en Lugo o 25 de xuño de 1823 unha Xunta Gobernativa, que gobernou de xeito autónomo con respecto do goberno central. Trala súa deserción, dirixiu a resistencia galega o xeneral Quiroga que resistiu na Coruña, derradeiro bastión liberal, ata o 13 de agosto de 1823.

O retorno do absolutismo (1823-1833)

Coa volta ao poder do absolutismo, moitos liberais fuxiron do país mentres que os que permaneceron aquí sufriron un novo período de depuracións e persecucións. Para controlar a situación o goberno creou dous corpos de seguridade: a Policía e os Voluntarios Realistas. A policía tiña a xefatura na Coruña e delegacións nas principais cidades. Os Voluntarios Realistas apareceron en 1823 e formaron un corpo fiel a Fernando VII disposto a abortar calquera tentativa de derrocamento do réxime. Dirixidos pola nobreza e a fidalguía, contaban coa presenza dun clérigo. Ademais púxose a defensores do absolutismo á fronte das institucións, tanto civís como militares. O capitán xeneral de Galicia, Nazario Eguía, trasladou a capitanía a Santiago de Compostela, dende onde tentou someter todos os focos liberais. Os acontecementos políticos galegos seguiron o curso do sucedido na corte. O matrimonio de Fernando VII con María Cristina de Borbón abriu unha nova porta ao liberalismo. En 1832 nomeouse a Pablo Morillo capitán xeneral de Galicia; entre as súas medidas cómpre destacar a eliminación do corpo de Voluntarios Realistas e a organización dun servizo de espionaxe que permitiu a desarticulación dos primeiros seguidores carlistas.

A Guerra Carlista e a derruba do absolutismo (1833-1839)

A morte en 1833 de Fernando VII supuxo o inicio do enfrontamento entre os partidarios do infante Carlos María Isidro e os da Raíña Isabel II e a súa nai, a raíña rexente e gobernadora María Cristina de Borbón. Enfrontábanse de novo os absolutistas (carlistas) e os liberais (isabelinos ou cristinos). Morillo obrigou a prestar xuramento a nova raíña e a acatar o Estatuto Real de 1834. Tralos primeiros levantamentos carlistas, o infante Carlos María Isidro lanzou o 10 de xaneiro de 1834 unha proclama aos galegos na que os chamaba ás armas. A dirección da sublevación que tería lugar o 18 de febreiro en Lugo encargóuselle a Antonio López, antigo oficial do exército. A pesar de contar co apoio de oficiais do exército, de fidalgos e de cóengos e cregos, o pronunciamento fracasou e formáronse as partidas carlistas en diversas zonas. A loita mantívose durante seis anos pero non se conseguiu dominar ningunha comarca nin creou un exército regular. Tralo Convenio de Bergara (29.8.1839), que puxo fin á Primeira Guerra Carlista, Laureano Sanz, capitán xeneral de Galicia, ofreceu un armisticio a Xoán Martínez Villaverde, cóengo de Mondoñedo e representante do carlismo galego. Aínda que este aceptou, os carlistas mantiveron as hostilidades ata que en decembro dese mesmo ano Martínez Villaverde ordenou pór fin ás mesmas. A desmembración do primeiro carlismo e as medidas tomadas pola rexente María Cristina, entre outras a instauración da Constitución de 1837, levaron á implantación político-administrativa do estado liberal. Este novo réxime levou á construción dunha nova estrutura territorial baseada na división provincial de Javier Burgos de 1833 pola que formalmente desapareceu o Reino de Galicia ao dividirse en catro provincias (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra).

O triunfo do liberalismo: moderados e progresistas (1840-1868)

O novo período iniciado trala Guerra Carlista supuxo o establecemento do estado liberal baixo a dirección dunha oligarquía agraria e financeira. O reinado de Isabel II caracterizouse pola alternancia no poder das dúas ramas do liberalismo, o moderantismo e o progresismo. En Galicia moderados e progresistas apenas diferenciaron os seus postulados ideolóxicos. Neste período xurdiron tamén as primeiras manifestacións do galeguismo.

O pronunciamento progresista de 1840

As medidas moderadas da rexencia de María Cristina levaron a que ao longo de 1840 se sucederan unha serie de levantamentos progresistas que buscaban a súa dimisión e a súa substitución polo xeneral Espartero. O 24 de xullo de 1840 formouse en Santiago de Compostela unha Xunta Progresista na que participaron estudiantes universitarios, pero fracasaron e foron encarcerados polo capitán xeneral de Galicia. O pronunciamento a favor de Espartero comezou a prepararse cando este enviou o xeneral Martín José Iriarte. O 10 de setembro pronunciouse o exército de Vigo e Ferrol e ao día seguinte o da Coruña e Santiago. Ademais creáronse xuntas progresistas en diversas cidades que se constituíron na Xunta Suprema Central de Galicia o 26 de setembro; dous días despois, Iriarte, novo capitán xeneral de Galicia, suprimiuna por innecesaria. As xuntas locais e provinciais continuaron funcionando nun primeiro momento pero, trala chegada á rexencia, Espartero só mantivo as xuntas das capitais de provincia. As medidas centralistas do novo rexente provocaron unha serie de manifestacións e levantamentos na súa contra que levaron á creación de xuntas de vixilancia, formadas polos sectores progresistas máis afíns ao rexente. Os progresistas de Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vigo manifestábanse a favor de Espartero, e os da Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, na súa contra.

O pronunciamento de xuño de 1843

A división dos progresistas provocou que nas eleccións de 1843 Espartero perdese apoios e que as Cortes lle pedisen a aceptación das reformas. Como resposta Espartero disolveu as Cortes, feito que provocou a sublevación en distintos puntos de España. Na Coruña o levantamento produciuse o 18 de xuño; posteriormente subleváronse Lugo (o día 19), e Vigo e Ourense (o día 21). Tralos pronunciamentos creáronse xuntas locais e provinciais. Na Asemblea Federal de Lugo, celebrada o 15 de xullo de 1843, os representantes das xuntas provinciais constituíron a Xunta Central de Galicia. Pediulle a fidelidade ao rexente, a convocatoria a Cortes Constituíntes, a creación dunha Junta Central de España e a organización dun poder central en Galicia que asumise todos os poderes. Ao mesmo tempo reclamou a soberanía mentres non se restaurase o poder central. Funcionou ata que desapareceu, por orde ministerial, o 15 de agosto. Os pronunciamentos a favor de Espartero continuaron e, trala sublevación do Regimiento del Príncipe do 30 de agosto, sucedéronse novos levantamentos por toda España, entre outros o da gornición de Vigo o 23 de outubro, que foi reprimido o 11 de novembro. Finalmente, a unión de moderados e progresistas fixo que se adiantase a maioría de idade de Isabel II e que Ramón María Narváez asumise a xefatura do goberno.

A década moderada (1844-1854)

En 1844 abriuse un período de goberno moderado. A instauración do moderantismo baseouse na promulgación da Constitución de 1845 e na reforma electoral de 1846 que reduciu a base electoral. Narváez enviou a políticos do seu partido a ocupar os postos de gobernación en Galicia e vixiou as gornicións que se levantaran a favor do progresismo. Aínda así, os progresistas continuaron conspirando; entre os focos conspiradores destaca o de Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, na Coruña. O pronunciamiento de 1846 contou co apoio de Enrique de Borbón e Borbón-Dúas Sicilias, pretendente de Isabel II que, despois de publicar un manifesto (31.12.1845), fora enviado a Galicia ao mando do buque Manzanares. As súas conspiracións polas diversas cidades galegas valéronlle o desterro a Francia. O pronunciamento produciuse o 2 de abril de 1846 en Lugo coa sublevación do segundo batallón do Regimiento de Zamora. Á fronte da sublevación situouse o comandante Miguel Solís, que, xunto co exército, se moveu por Galicia e espallou o pronunciamiento. Ademais, constituíuse en Lugo unha Xunta presidida por Manuel Becerra e un novo goberno municipal. Nos días seguintes pronunciáronse Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Tui, mentres Ferrol, A Coruña e Ourense permaneceron fieis ao goberno. O 15 de abril tivo lugar unha asemblea en Santiago de Compostela presidida por Solís na que se acordou crear a Xunta Superior do Goberno de Galicia, presidida por Pío Rodríguez Terrazo, que na súa proclama manifestou o seu compromiso con Galicia. Creáronse dous corpos do exército, un mandado por Rubín de Celis, que se dirixiría a Ourense, e outro, o Libertador de Galicia, baixo as ordes de Solís, cara á Coruña e Ferrol, que posteriormente se fusionarían para facer fronte ás tropas do goberno, dirixidas polo xeneral Concha. Despois dos intentos de tomar estas tres cidades, a Xunta Superior nomeou a Solís capitán xeneral de Galicia e xefe supremo do exército e decidiu que os dous corpos dos exércitos se unisen e cortasen en Ourense a ofensiva de Concha. As diferencias entre a Xunta e Solís provocaron que este se acantoase nun primeiro momento en Santiago e que finalmente se dirixise a Cacheiras, onde se produciu o enfrontameno o 23 de abril. As tropas de Solís retiráronse cara a Santiago, onde se recluíron no mosteiro de San Martiño, ata que finalmente Solís se entregou. Ao día seguinte, Villalonga, capitán xeneral de Galicia, ordenou a creación dun tribunal militar que se instalou en Carral, onde foron fusilados os principais dirixentes o 26 de abril. Dende 1847 detectouse o movemento de partidas carlistas en diversas zonas da provincia de Lugo e na fronteira con Portugal, dende onde penetrarían en Ourense en 1849, pero con escaso éxito. Destacou a partida de Francisco Gómez, coñecido como o Ebanista, que dende Portugal se dirixiu cara a Monterroso e Friol. Nestes anos xurdiu o primeiro movemento galeguista, o “provincialismo”, que entendía a Galicia como unha unidade política diferenciada, a provincia do antigo Reino de Galicia, fronte ao Estado central que impuxo a división provincial de 1833. A primeira xeración de provincialistas estaba formada por mozos universitarios e profesionais liberais vinculados ao progresismo e cun ideal republicano federal. Moitos deles agrupábanse ao redor da Academia Literaria de Santiago, entre outros, Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz, Francisco Añón, Vicente Cocina e os irmáns Rúa Figueroa. Esta primeira xeración apoiou o pronunciamento de Solís de 1846. Os estudiantes universitarios formaron o Batallón Literario mentres que outros provincialistas participaron nas diversas xuntas e concellos, como Pío Rodríguez Terrazo, presidente da Xunta Superior, Antolín Faraldo, o seu secretario, e Manuel Rúa Figueroa, alcalde de Santiago. A influencia do provincialismo amósase na idea de defender o país galego. O levantamento de 1846 e o fusilamento de Solís e dos seus compañeiros foi un feito fundacional do galeguismo que atopou neles os seus primeiros mártires.

Do Bienio Progresista (1854-1856) á Revolución de Setembro (1868)

Despois dunha década de goberno moderado, o pronunciamento militar de Vicálvaro (28.6.1854) e o posterior Manifiesto de Manzanares (7.7.1854) levou ao goberno a unha coalición de progresistas e liberais moderados que supuxo o regreso de Espartero, que formou goberno o 28 de xullo. O capitán xeneral de Galicia, José María Sanz, mantívose a medio camiño entre a denuncia e o apoio do pronunciamento. Tralos sucesos de Vicálvaro denunciou a O’Donell e Dulce pero o 23 de xullo nomeou ao progresista Vicente Alsina alcalde consitucional da Coruña e, ao día seguinte, constituíu unha Xunta de Salvación, que el mesmo presidiu, para secundar as medidas tomadas polo novo goberno. Nas demais cidades formáronse xuntas locais ou provinciais. A desamortización de bens decretada polo goberno baixo a dirección do ministro Pascual Madoz foi rexeitada pola Igrexa galega mais non serviu de nada. Neste período tivo lugar o Banquete de Conxo, un feito relevante na configuración do galeguismo. O 2 de marzo de 1856 Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Luís Rodríguez Seoane organizaron na carballeira do antigo mosteiro de Conxo un xantar interclasista que reuniu a estudiantes e artesáns. Herdeiros da primeira xeración provincialista, os mozos participantes, que adoitaban reunirse no Liceo da Mocidade de Santiago de Compostela, constituíron unha nova xeración que protagonizou o rexurdimento literario. Ademais das obras de Rosalía, Pondal e Curros, cómpre destacar o desenvolvemento dunha historiografía galeguista con Benito Vicetto e Manuel Murguía, do que destaca a súa contribución ideolóxica e teórica ao galeguismo.

O Sexenio Revolucionario (1868-1874)

O pronunciamento de 1868 e a monarquía de Amadeo de Savoia

A crise política española, patente dende os sucesos de 1865 e 1866, desembocou no pronunciamento do 18 de setembro de 1868 que tivo lugar en Cádiz e que provocou a caída de Isabel II. O pronunciamiento foi secundado pola Mariña de Ferrol (20 de setembro) e, nove días despois, creouse na Coruña creouse unha Xunta de Goberno; despois pronunciáronse Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Tui e Ourense. Constituíronse Xuntas Revolucionarias, encargadas da transición á nova situación política, que nas súas proclamas pediron a abolición dos impostos, especialmente o dos consumos e o das quintas, os dous motivos que maior desencanto producían na sociedade e que provocaron revoltas populares. O Goberno Provisional suprimiunas e devolveulles o poder aos concellos e deputacións. Nas Cortes Constituíntes de 1869 a maioría dos deputados elixidos nos distritos galegos eran monárquicos. A nova monarquía democrática de Amadeo de Savoia caracterizouse ideoloxicamente polo progresismo. O republicanismo non estivo calado e nas principais cidades houbo actos nos que non se aceptaba, aínda que se acataba a nova Constitución. O federalismo ampliou as súas bases no campo e nas cidades ao manifestarse a favor da redención foral e a eliminación dos impostos e as levas. Houbo revoltas campesiñas en Maceda, Quiroga, Monforte de Lemos, Sarria e noutras zonas. En outubro de 1869 produciuse unha sublevación en Ourense que proclamou a República Federal pero que fracasou trala intervención do exército. Tres anos despois produciuse en Ferrol unha sublevación protagonizada polos republicanos, os obreiros do estaleiro e membros da Mariña que constituíron o Exército Federal de Galicia. As súas intencións eran a proclamación dunha república federal en España; sen embargo, Pi i Margall, partidario dunha chegada democrática da República, condenou o acto nas Cortes e provocou a ruptura do federalismo galego. Trala proclamación da Primeira República, o 11 de febreiro de 1873, comezaron a publicarse manifestos e proclamas dos comités republicanos das principais cidades. O programa dos republicanos galegos recollían as peticións campesiñas de suprimir as levas e reducir os impostos, ademais da creación dun estado laico e federal. O mantenemento das quintas, por mor da Terceira Guerra Carlista, e dos impostos provocaron que se continuasen a producir revoltas populares. O novo enfrontamento carlista (1872-1876) apenas tivo incidencia en Galicia; dende 1869 o carlismo centrábase na provincia de Ourense e, trala declaración da guerra, comezaron a espallarse as partidas. Aínda que tivo apoios da fidalguía e do clero, non contou co apoio do pobo e fracasou.

A Primeira República (1873-1874): a redención foral

Nas eleccións a Cortes Constituíntes, en maio de 1873, o republicanismo federal acadou 37 dos 45 escanos que lle correspondían a Galicia. Trala proclamación da República Federal, os federalistas galegos dividíronse entre os que apoiaban o goberno nas súas posturas moderadas e os máis radicais, que fomentaban as revoltas para obrigar o goberno a realizar os cambios. Os deputados federalistas centraron as súas demandas no problema da propiedade da terra, na chegada do ferrocarril a Galicia e nas demandas autonomistas. Ao longo do s XIX perpetuáronse os foros ao tempo que se produciron os ataques ao sistema foral ao consideralo unha das causas que impedían a modernización da agricultura. Antes da Primeira República houbo iniciativas que tentaron conseguir a redención dos mesmos, pero o proceso de desaparición iniciouse coa aprobación da Lei de Redención Foral (20.8.1873), aínda que tivo pouca eficacia ao estar en vigor só seis meses. Axilizouse a construción das primeiras vías férreas e comezou a operar o “Compostelano” entre Santiago de Compostela e O Carril.

O impacto do Sexenio Revolucionario no galeguismo

Galeguismo, dende a óptica do provincialismo, e federalismo, a pesar de seren ideoloxías con puntos en diverxencia, uníronse nas demandas autonomistas para Galicia dentro do marco da República Federal. Xa antes da proclamación da República houbera propostas a favor da República Federal como o Pacto Galaico-Asturiano de 1869. O Partido Federal Galego pediu a formación dun cantón en Galicia rexido por un estatuto ou constitución cantonal, e antes da disolución das Cortes Constituíntes houbo un proxecto de constitución federal cantonal para Galicia. Outra iniciativa que uniu federalismo e provincialismo foi o Centro de Iniciativas para la Nueva Organización de Galicia -promovido en 1873 polo alcalde republicano federal de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Villamarín-, e que entendía a Galicia como unha entidade histórico-política e como unha etnia integrada no contexto federal do Estado. O federalismo intransixente reclamaba a proclamación do Cantón Galego por medio da insurrección armada. Esta idea defendeuse nos xornais El Adalid, da Coruña, e El Deber, de Pontevedra. En agosto de 1873, unha rama do federalismo intransixente protagonizou unha revolta contra a República. O batallón dos Galaicos, creado para combater os carlistas en Lugo e Ourense, rebelouse baixo a consigna de “Viva la República Federal, Intransigente y Social” pero, perseguidos polas tropas do capitán xeneral de Galicia, fracasaron no seu intento.

Da Restauración á Segunda República (1875-1931)

Tralo pronunciamento do xeneral Manuel Pavía, o Rei Afonso XII chegou a España en xaneiro de 1875. A consolidación do réxime da Restauración foi obra de Antonio Cánovas del Castillo, que deseñou un sistema que trataba de desprazar os militares da vida política e converter a coroa na fonte básica do poder mediante unha quenda no goberno entre conservadores e liberais, tendo en conta a manipulación do sufraxio. O éxito dependía de garantir a representación parlamentaria de todas as forzas, feito que implicaba unha división territorial nunha serie de demarcacións controladas polos notables comarcais de cada partido. A clave do sistema residía na figura do cacique. Durante este longo período, desenvolvéronse diversas tendencias políticas e no eido do galeguismo produciuse unha evolución dende o rexionalismo ata o nacionalismo.

O caciquismo

O cacique, xefe local do partido, controlaba unha rexión polo seu papel de intermediario entre as decisións do Estado e a súa comunidade. O poder derivaba dos seus contactos nas estruturas do poder provincial e estatal, sen necesidade de desempeñar ningún cargo público. As súas relacións permitíanlle manipular sentencias xudiciais, realizar obras de infraestruturas e conceder empregos na administración local. Mediante estas e outras medidas articulaba ao seu redor un grupo importante de veciños que tiñan un papel representativo na estrutura social. Controlaba o proceso electoral tanto polo seu dominio sobre o municipio e a realización do censo, como pola localización das mesas e o horario das eleccións; ademais influía na poboación de xeito directo ou a través dos seus fieis que se convertían en recadadores de votos. Para garantir o funcionamento da alternancia política recorríase á fraude electoral a través do cacique, que impuña, con diferentes métodos impositivos, a lista electoral proposta polo ministerio da Gobernación nos seus distritos. A oposición ao caciquismo iniciouse dende os grupos de intelectuais a partir de mediados do s XIX e, posteriormente, estendeuse entre as asociacións obreiras e agrarias e os republicanos. As referencias e críticas aos caciques son frecuentes nas obras de diversos intelectuais como O catecismo do labrego de Valentín Lamas Carvajal. Dende o agrarismo emprendeuse unha campaña contra a figura do cacique, ao que consideraban responsable das condicións de servidume social e económica nas que vivían os campesiños por un conxunto de medidas xudiciais desaxustadas e impostos inxustos, ao tempo que se establecían beneficios e privilexios para o sector vinculado ao cacique.

As familias políticas

Durante a Restauración o territorio galego repartíase entre as grandes familias políticas como as de Saturnino Álvarez Bugallal e Euxenio Montero Ríos, e estirpes cunha notable influencia local como as dos Gasset, Riestra e Pardo-Montenegro. Estas familias, que controlaban directamente importantes distritos electorais, interviñan nos nomeamentos de alcaldes, secretarios de concellos, deputados provinciais e gobernadores. A súa protección, que se estendía sobre centos de familias das súas demarcacións, estaba limitada polas figuras dos “enfeudados”, aqueles que acadaran tal consolidación no seu distrito que lles permitía certa independencia política dos líderes e das familias políticas. Entre as grandes familias podíanse distinguir dous grandes grupos ideolóxicos: Augusto González Besada e Álvarez Bugallal pertencían ao Partido Conservador, mentres que Riestra, Eduardo Gasset e Montero Ríos eran liberais. O monterismo, que dominou durante case toda a Restauración nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Pontevedra, estendeu a súa influencia por outros distritos como o de Mondoñedo e Muros. A familia Gasset controlou de xeito case absoluto os distritos de Padrón e Noia e ademais promoveu a outros membros do seu grupo a través dos distritos de Ordes, dende 1903, e de Arzúa, dende 1905. A crise do réxime coincidiu co nomeamento de Álvarez Bugallal xefe do Partido Conservador. O seu couto estendíase polos distritos de Ponteareas, Pontecaldelas, A Cañiza, O Carballiño, Ribadavia, Celanova, Bande e Verín aínda que moitos deles fosen deputados enfeudados aditos. González Besada, membro da elite do Partido Conservador, articulou ao seu redor un grupo de deputados cos que dominou boa parte da provincia de Lugo, como Leonardo Rodríguez, deputado pola cidade de Lugo en 1914 e posteriormente por Chantada, e Joaquín Caro del Arroyo que representou o distrito de Becerreá en diversas ocasións dende 1907. A familia Riestra acadou unha grande influencia na provincia de Pontevedra, especialmente nos distritos da Estrada e Redondela, espacios que controlou directamente ata a Ditadura de Primo de Rivera.

O republicanismo

O éxito da Restauración borbónica provocou o abandono do federalismo entre os republicanos galegos, que se limitaron á defensa dos ideais laicos e democráticos e da república como forma de goberno. A democratización aparente do réxime levou a unha aproximación entre republicanos e conservadores na defensa da orde social burguesa e do nacionalismo españolista. A maior parte dos republicanos federalistas galegos tentaron integrarse nas agrupacións progresistas de Manuel Ruiz Zorrilla e Nicolás Salmerón durante a década de 1880, pero non chegaron a constituír unha estrutura organizativa sólida e mantiveron enfrontamentos entre eles. A ruptura de Salmerón con Ruiz Zorrilla, levou á fundación do Partido Centralista (1891), representado en Galicia por Alfredo Viñas. A reorganización en Galicia do antigo Partido Republicano Federal iniciouse coa constitución dos primeiros comités locais na Coruña e Lugo (1881). Posteriormente, formouse un núcleo en Pontevedra, liderado por Andrés Muruais e Riccardo Mella, que achegaron unha orientación obreirista, populista e galeguista. A Segunda Asemblea Federal da Rexión Galega (1887), aprobou o Proyecto de Constitución para el Futuro Estado Gallego, elaborado por Segundo Moreno Barcia. A visita de Francesc Pi i Margall a Galicia no 1892 propiciou o intento de reagrupación dos republicanos galegos na Unión Republicana de Galicia, que asumía entre os seus obxectivos a defensa das autonomías municipal e rexional. Dende comezos do s XX produciuse unha revitalización do republicanismo español ao redor do Partido Radical de Alejandro Lerroux e o Partido Reformista de Melquíades Álvarez, que limitou a súa presenza a pequenas agrupacións nos núcleos urbanos. Atopou apoios entre os republicanos progresistas da provincia de Pontevedra, nos sectores do agrarismo próximos a Basilio Álvarez e nos republicanos coruñeses de G. Abad Conde.

O socialismo

A implantacion do Partido Socialista Obrero Español (PSOE) en Galicia iniciouse en Ferrol en febreiro de 1891. No mes de xullo dese ano constituíse a primeira agrupación socialista da Coruña e en setembro o núcleo de Santiago de Compostela. A agrupación viguesa non se implantou ata 1894, trala visita de Paulo Iglesias a Galicia; posteriormente, constituíronse novos núcleos socialistas en Pontevedra, Betanzos e Ourense. Durante os primeiros anos do s XX houbo unha detención no proceso de expansión do socialismo que se reflectiu nunha moderada militancia capitalizada pola agrupación viguesa, segundo os datos expostos no Congreso Internacional de Stuttgart (1907). A súa participación nas campañas electorais foi empregada inicialmente como unha vía de publicidade e, salvo algúns casos particulares como Ferrol (1895) e Betanzos (1901) onde acadou concelleiros, tivo que agardar ata a súa alianza cos republicanos para acadar éxitos. Así, o PSOE acadou dous concelleiros en Betanzos (1909) e conseguiu participar nos concellos de Vigo, Pontevedra e A Coruña (1913).

A evolución do galeguismo: do rexionalismo ao nacionalismo

As críticas dende a prensa galega ao sistema político da Restauración e as graves consecuencias que tiña para Galicia, como o atraso económico e a emigración, definiron as reivindicacións que se converteron na base do programa ideolóxico do rexionalismo. En 1886 Manuel Murguía publicou Los Precursores e un artigo en La Región Gallega, no que proclamou que Galicia reunía os requisitos e condicións para ser unha “nación”. Os rexionalistas caracterizábanse pola defensa dos intereses de Galicia, superando as divisións de clase ou de partido, e tiñan como obxectivo acadar representación parlamentaria propia que se ocupase dos intereses galegos. A esta corrente adscribíronse personalidades de distinta procedencia, entre as que cabe subliñar a Aureliano J. Pereira, Alfredo Brañas e Manuel Murguía, que personificaban outras tantas tendencias ideolóxicas que convivirían no seo do movemento. O rexionalismo federalista introduciu a vertente democrática republicana e tentou establecer a súa base social no campesiñado e entre os sectores máis radicalizados da pequena burguesía e do artesanado urbano. O rexionalismo tradicionalista asentou as bases no catolicismo integrista e defendeu o retorno ao pasado e aos seus valores. Rexeitou o capitalismo e o liberalismo, ao tempo que estableceu unha proposta descentralizadora económica e política que recuperaba os vellos privilexios e liberdades dos reinos, municipios, gremios e corporacións. As súas formulacións teóricas reflectíronse na obra El regionalismo (1889) de Alfredo Brañas. O rexionalismo liberal, herdeiro do provincialismo, foi a corrente máis numerosa. Defendía un modelo de desenvolvemento capitalista para Galicia, a súa modernización social e a eliminación de estruturas e institucións arcaicas, a democratización e a galeguización política e cultural do país. Entre as organizacións políticas exclusivamente galegas destacou a Asociación Rexionalista Gallega, que xurdiu ao redor do Comité Central Rexionalista que se constituíu en novembro de 1890 en Santiago de Compostela, presidida por Murguía. Nos meses seguintes apareceron comités locais na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Tui. Despois da súa participación nas manifestacións de rexeitamento polo traslado da Capitanía Xeneral de Galicia, desapareceu definitivamente en 1893. En 1897 constituíuse na Coruña, ao redor do núcleo rexionalista dirixido por Murguía, a Liga Gallega, que tiña entre os seus membros a Lugrís Freire e Uxío Carré. O desenvolvemento do rexionalismo contou dende o seu comezo co apoio da emigración galega en América, especialmente en La Habana, onde se desenvolveu con maior intensidade a finais do s XIX. O retorno de emigrantes trala desfeita de 1898 supuxo a chegada dun novo grupo que desenvolveu unha importante actividade cultural, como a fundación da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega (1905), que exerceu a súa influencia sobre dirixentes nacionalistas como Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas. En 1907 constituíuse Solidaridad Gallega, vinculada á estratexia anticentralista da Lliga catalá e ao éxito electoral de Solidaritat Catalana. O seu Manifiesto Solidario facía un chamamento para obter as prerrogativas de rexión autonómica. Integrou os rexionalistas da Coruña, liderados por Murguía, xunto a un sector do republicanismo coruñés encabezado por Xosé Rodríguez Martínez e o grupo de neocarlistas de Juan Vázquez de Mella. O seu ideario mesturaba o anticaciquismo, co rexionalismo español, o agrarismo antiforista e a busca dunha reafirmación da personalidade propia de Galicia dentro do Estado español. Dende o primeiro momento contou con sociedades en Betanzos, Chantada, Monforte de Lemos e Arzúa, entre outros lugares. Tivo escasa duración como alianza electoral, debilitada polas disensións internas e polo escaso éxito nas eleccions xenerais, malia que nas municipais de 1909 acadou 258 concelleiros. O asociacionismo agrario foi quen de articular sociedades solidarias e organizou as Asembleas de Monforte de Lemos (1908, 1910, 1911), nas que se elaboraron unha serie de cambios e melloras nas estruturas agrarias. Ao mesmo tempo, provocou unha reactivación do galeguismo e animou os seus membros cara ao activismo político. Trala desaparición de Solidaridad Gallega no 1912, o nacionalismo galego perdeu protagonismo e permaneceu nun segundo plano ata que no 1915 Aurelio Ribalta dirixiu, na revista Estudios Galegos, unha campaña a prol do idioma galego. Antón Villar Ponte continuou este labor e publicou o folleto “Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional”, punto de partida da primeira Irmandade de Amigos da Fala, fundada na Coruña en 1916. A Irmandade acadou unha importante implantación entre a pequena burguesía urbana, pero nas eleccións de 1918 as candidaturas galeguistas fracasaron. Tras esta primera Irmandade apareceron outras nas principais cidades e vilas galegas como Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense, Betanzos, Vilalba, Monforte de Lemos, Lugo e Mondoñedo, ata chegar a 28 irmandades en 1923. As diferentes liñas ideoloxías que había nas irmandades coindiron nun programa político na Primeira Asambleia Nazonalista de Lugo en novembro de 1917. O seu manifesto reflectiu o ideario do nacionalismo galego que mesturou as achegas das irmandades coruñesa e ourensá. No eido político, defenderon a necesidade da autonomía integral para Galicia e a organización federal de España. Propúxose unha política económica librecambista, mentres que no ámbito cultural se avogou pola cooficialidade dos idiomas galego e castelán.

O agrarismo

As principais organizacións agraristas foron as sociedades agrícolas, acollidas á Lei de Asociacións (1887) e os sindicatos agrarios regulamentados entre 1906 e 1908. Non obstante , o agrarismo non adquiriu relevancia ata a aparición de Solidaridad Gallega (1907), que supuxo un intento de coordinación e dirección das asociacións agrarias dun xeito unitario. Ao mesmo tempo apareceron a Unión Campesina, impulsada por elementos anarquistas ao redor da Coruña; o Directorio Antiforista de Teis, que tivo especial incidencia no S de Galicia e formulou o acceso á plena propiedade da terra; e Acción Gallega, que capitalizou o populismo agrario en Pontevedra e Ourense baixo o liderado de Basilio Álvarez. Paralelamente, a Igrexa impulsou un asociacionismo agrario católico, que pretendía garantir a orde social establecida e limitar a expansión de ideoloxías que consideraba subversivas. Apoiouse nos vínculos existentes nas parroquias co obxectivo de eliminar os foros e estendeu o seu campo de actividade pola participación de xornalistas, obreiros urbanos e avogados que aproveitaron a súa forza no ámbito electoral e de mobilización política. A época máis activa e reivindicativa do agrarismo concentrouse entre 1917 e 1923, cando a presión social para acadar a eliminación dos foros se estendeu polas provincias de Ourense e Pontevedra; chegaron a censarse 234 sociedades e 801 sindicatos en Galicia. A Ditadura de Primo de Rivera supuxo unha reorientación do sindicalismo agrario seguindo unha vía menos reivindicativa dirixida polos sindicatos católicos que, como as Federacións Católico-Agrarias de Mondoñedo, Lugo, A Coruña e Tui, se dedicaron fundamentalmente á adquisición de bens industriais e á organización da comercialización da produción gandeira, mediante vendas directas ou impulsando iniciativas como os matadeiros frigoríficos.

A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)

As promesas iniciais de Miguel Primo de Rivera de emprender reformas sociais orientadas a rematar co caciquismo e favorecer o crecemento económico cunha campaña de obras públicas, xunto coas referencias á descentralización administrativa e aos idiomas rexionais outorgáronlle un amplo consenso incluso entre os nacionalistas. En Galicia adoptáronse diversas medidas agrarias, entre as que destacaron o decreto redencionista de 1926 que puxo fin ao problema dos foros, o fomento da especialización gandeira e a reorientación das demandas do asociacionismo agrario cara á modernización das explotacións. A retórica anticaciquil e de respecto ás rexións provocou que algúns nacionalistas, como Vicente Risco, Antón Villar Ponte e Antón Losada Diéguez colaborasen nas corporacións municipais e incluso nas deputacións, ata que os incumprimentos das promesas e as presións de Primo de Rivera para que se integrasen na Unión Patriótica (UP) os obrigou a dimitir (1925). Ao mesmo tempo, contou co apoio inicial dos agraristas galegos que recibiron cargos de responsabilidade nas institucións a cambio de aceptar a solución redencionista para os foros. O declive do republicanismo anterior ao golpe de estado de Primo de Rivera experimentou dende 1926 unha importante revitalización e renovación ideolóxica coa aparición de Alianza Republicana, impulsada polos republicanos federais, radicais e independentes co obxetivo de mobilizar a opinión pública contra o réxime autoritario. Ao mesmo tempo, os agraristas vinculados ao socialismo asumiron posicións críticas estimuladas, entre outros, polos círculos progresistas da emigración americana.

A Segunda República (1931-1936)

As eleccións do 12 de abril de 1931 trouxeron a promulgación, dous días despois, da Segunda República. Durante o novo período republicano a actividade dos partidos políticos de implantación nacional multiplicouse en Galicia. Segundo a Constitución de 1931, a República constituía un estado integral compatible coa autonomía dos municipios e das rexións. Neste contexto elaborouse o Estatuto de Autonomía de 1936, que non entrou en vigor por mor da Guerra Civil.

Os partidos políticos da dereita

O gran partido de masas da dereita española foi a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) que en Galicia se manifestou na Unión Regional de Derechas (URD). A URD viviu un proceso de expansión apoiado nun moderado achegamento ao proceso autonomista e na defensa dos intereses do sector agropecuario galego nas institucións do Estado. Logo da súa participación no congreso fundacional da CEDA en Madrid (febreiro-marzo de 1933), nas eleccións de novembro consolidouse como a segunda forza de Galicia con 9 escanos, repartidos maiotariamente entre Pontevedra e A Coruña; e nas de febreiro de 1936 con 8 deputados. As mocidades do partido, Juventudes de la Unión Regional de Derechas, caracterizáronse polo seu carácter radical e pola orientación cara ao fascismo que as achegou á Falange Española dende 1935. A política posibilista e de acatamento da CEDA á Constitución de 1931, levou o sector máis autoritario das forzas da dereita á creación de Renovación Española en marzo de 1933 polo tudense Xosé Calvo Sotelo. Nas eleccións de novembro de 1833, presentou candidaturas xunto á URD e acadou 7 deputados; na de 1936 os seus resultados empeoraron e só conservou 4 deputados, 3 deles en Ourense, onde a súa implantación foi forte polas súas relacións con destacados persoeiros e membros das clases medias que serviron de enlaces cunha extensa rede clientelar. A súa actuación política centrouse en contrarrestar o crecente activismo obreiro por medios violentos e o seu achegamento cara ás posicións da Falange Española. Outras forzas políticas de dereita que tiveron escasa implantación en Galicia foron Comunión Tradicionalista, que só presentou ás eleccións de 1936 un candidato por Ourense que non resultou electo; o Partido Nacionalista Español, que só tivo un pequeno núcleo en Vigo; e Falange Española, con escaso desenvolvemento ata 1936.

Os partidos de esquerdas

O PSOE, vinculado ao sindicato UGT, acadara a súa consolidación na década de 1920 concentrado en Vigo e Ferrol e as súas comarcas. Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 acadou o 14% dos votos nas sete grandes cidades, mentres que nas parlamentarias de xuño dese ano, nas que se presentaron en coalición cos republicanos na Coruña e Pontevedra, acadaron a elección de todos os seus candidatos nas provincias atlánticas, mentres que só conseguiu un deputado por Ourense. No período 1931-1933 a súa política caracterizouse pola colaboración co goberno, a defensa dunha lexislación progresista cara aos traballadores e a arbitraxe como vía para solucionar os conflitos laborais. Como consecuencia dos atrancos do republicanismo conservador ás reformas e da represión gobernamental contra o movemento obreiro, dende a primavera de 1933 iniciou un proceso de radicalización. Trala perda da súa representación parlamentaria e a represión despois da revolución de outubro de 1934, aproximouse ao bolxevismo, especialmente entre os afiliados máis novos, mentres os dirixentes moderados se retiraron da vida pública. Nas súas manifestacións e asembleas, de carácter multitudinario, reclamaban a amnistía cos obreiros presos e alentaban a defensa contra o fascismo. O Partido Comunista de España (PCE), cunha escasa representación en 1931, articulouse ao redor dos núcleos formados pola Federación de Traballadores do Ensino en Ourense, das industrias navais situadas ao redor de Ferrol e Mugardos, e dos sectores conserveiro, ferroviario e metalúrxico da ría de Vigo. A súa implantación estendeuse tamén polo ámbito rural onde constituíron a Federación Comarcal Agraria de Pontevedra e posteriormente a Federación Provincial Campesiña de Ourense do PCE (1936). O Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM) contou con membros integrados nos cadros dos sindicatos universitarios de Santiago e da organización FETE-UGT e con intelectuais e artistas como os irmáns Cándido e Armando Fernández Mazas, Andrés Colombo e os irmáns Mario e Eugenio Granell. A Confederación Regional Galaica da Confederación Nacional del Trabajo (CNT) apareceu en 1922 e malia que a Ditadura de Primo de Rivera limitou o seu desenvolvemento, coa chegada da Segunda República estendeuse a súa presenza na sociedade galega. A maior parte dos seus afiliados xurdiron dos núcleos urbanos e costeiros, especialmente da Coruña, pero tamén en diversas vilas mariñeiras como Cariño, Vilagarcía de Arousa, O Grove, Porto do Son, Bueu e Cangas. A política moderada dos seus dirixentes, como Xosé Villaverde Vello, que evitou a intervención desta sección en moitas das diversas tentativas de insurrección, favoreceu a súa integración no tecido social no bienio 1931-1932 coa participación nas folgas dos estaleiros de Ferrol, da construción na Coruña e a do sector pesqueiro en Vigo. A chegada dun novo grupo de dirixentes sindicais radicalizou as súas actuacións e, despois de dúas folgas xerais en decembro de 1933 e outubro de 1934, sufriu unha dura represión que se centrou na cidade da Coruña. As consecuencias desta situación provocaron unha revisión da súa estratexia que o levaron a unha aproximación á UGT nos temas sindicais e reivindicativos durante 1935; en 1936 abandonaron o abstencionismo anarquista. Xunto a estas forzas cómpre citar tamén a Federación Anarquista (FAI) e o Partido Sindicalista (PS).

Os partidos nacionalistas

A publicación en 1920 da Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco, supuxo un fito na construción do discurso nacionalista. Risco afirmaba a existencia dun estado plurinacional no que unha das nacionalidades, Castela, oprimía e explotaba as outras tres (Galicia, Catalunya e Euskadi). Esta concepción da nación galega foi aceptada polas diferentes correntes do nacionalismo dos anos vinte e trinta. Durante a Segunda República cobraron vida diversas organizacións nacionalistas galegas, como Unión Socialista Gallega, Federación de Mocedades Galeguistas e Vangarda Nazonalista Galega, xunto ás dúas forzas máis representativas, a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e o Partido Galeguista (PG). O republicanismo galego articulouse ao redor da ORGA, que se constituíu en setembro de 1929 pola confluencia dos galeguistas republicanos da Irmandade da Fala coruñesa e dos seguidores de Antón Villar Ponte co grupo de republicanos federais de Santiago Casares Quiroga. Entre os seus obxectivos figuraba o establecemento dun réxime de autonomía para Galicia. A súa militancia limitábase á pequena burguesía e ás clases medias urbanas. En outubro de 1930 nacionalistas, republicanos e agraristas formalizaron o Pacto ou Compromiso de Barrantes que buscaba, entre outros puntos, acadar a autonomía plena para Galicia e a galeguización do ensino. En decembro de 1931 fundouse en Pontevedra, coincidindo coa celebración da VII Asemblea Nacionalista, o PG. Entre os seus obxectivos destacaban a autodeterminación política de Galicia, a supresión das deputacións provinciais e o recoñecemento da parroquia como entidade político-administrativa, a igualdade de dereitos políticos para a muller, a creación dun Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a reforma agraria. Entre os seus membros destacaron as figuras de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Ramón Suárez Picallo e Castelao. A súa indefinición política, marcada por unha executiva conservadora, dificultou a integración de elementos republicanos e, tralo fracaso nas eleccións de 1933, modificou a súa orientación. Na IV Asemblea do PG (1935) triunfou unha tendencia republicana e pactista, orientada cara á esquerda. Como consecuencia deste acordo, escindiuse un grupo liderado por Fernando Filgueira Valverde e Vicente Risco, Dereita Galeguista, cunha reducida influencia política e escasa militancia.

Frente Popular e Estatuto de Autonomía de 1936

As forzas políticas de esquerda crearon en xaneiro de 1936 a coalición Frente Popular que acadou a vitoria nas eleccións do mes de febreiro. O PG aprobou o 25 de xaneiro o seu ingreso na FP e presentou como candidatos a Castelao, por Pontevedra, Alexandre Bóveda, por Ourense, X. Álvarez Gallego, por Lugo, e Ramón Suárez Picallo e Antón Villar Ponte, por Ourense. Deles só foron elixidos Castelao e Suárez Picallo. Durante o seu goberno impulsouse o proceso autonómico, para dotar a Galicia dun Estatuto de Autonomía; así, en 1932, coa celebración dunha asemblea de concellos, aprobouse un texto co voto favorable do 77% dos concellos. En 1933 solicitouse a licenza gobernamental para a celebración da consulta aos electores, inda que tardou en producirse pola indecisión dos republicanos autonomistas respecto do plebiscito e pola caída do goberno de Manuel Azaña tralas eleccións de novembro de 1933. O triunfo da coalición Frente Popular permitiu a celebración do plebiscito estatutario o 28 de xuño de 1936. Os resultados permitiron aprobar o texto co voto afirmativo do 74% do censo electoral. O 15 de xullo de 1936 presentouselle ao presidente da República, pero o comezo da Guerra Civil impediu a súa discusión nas Cortes ata a súa reunión en Montserrat o 1 de febreiro de 1938. Finalmente, foi aprobado nas Cortes celebradas en México en 1945, pero nunca puido entrar en vigor. O texto definía a Galicia como unha rexión autónoma con institucións propias, establecía o marco das competencias, ao tempo que recoñecía o galego como lingua propia e dotaba de personalidade xurídica a parroquia.

O desenvolvemento económico

A permanencia nunha situación de atraso da economía galega ao inicio da Idade Contemporánea pódese achacar tanto á incapacidade para a transformación dos sectores produtivos galegos como ao xeito de incorporación ao estado liberal español, co que se mantivo nunha situación de dependencia. Os intentos de renovación que se levaron a cabo durante o s XX non conseguiron lograr o autodesenvolvemento de Galicia dentro da economía capitalista. No occidente europeo, a ruptura coas estruturas do Antigo Réxime pasaron polo inicio do proceso de industrialización e de diversificación económica. En Galicia, o inmobilismo estrutural e tecnolóxico, a inexistencia dun mercado nacional integrado e a sangría económica das clases dirixentes mantiveron o país na situación económica dunha época xa pasada.

O sector primario

No sector agrícola, as reformas liberais romperon co sistema de autoconsumo para iniciar una transformación orientada cara a unha produción que permitise a comercialización de excedentes. Con este obxectivo, o primeiro paso foi poñer en marcha o proceso desamortizador que modificase a estrutura da propiedade da terra. A desamortización galega supuxo un 4% do total das terras desamortizadas no Estado e a súa procedencia foi maioritariamente eclesiástica. Levouse a cabo en dous períodos: ao finalizar a Guerra Carlista (1833-1839) e trala promulgación da Lei Madoz (1855) e estivo caracterizada polo traspaso de dereitos de renda e non da propiedade física das terras, o que perpetuou o sistema de renda foral e converteu os adquirentes en rendeiros e non en propietarios territoriais. En consecuencia, os novos adquirentes non tiñan posibilidade de mudar as contías e condicións das rendas adoptadas nin de intervir no proceso de produción agraria. Nun principio aceptouse o pagamento en papel, modificado polo pago en diñeiro trala desamortización de Madoz. Quen tivo maior posibilidade de compra, e polo tanto se fixo cun maior número de rendas, foi a burguesía comercial e urbana; seguida da fidalguía e, en menor medida, dos campesiños, que carecían de posibilidades de pagamento. No que respecta ás estruturas, o agro galego caracterizábase polo mantemento dos tipos e dos sistemas de cultivo, con escasos medios técnicos e pouco rendemento, agravado polo minifundismo, que se reflicte non só na excesiva parcelación territorial senón tamén na organización de pequena labranza familiar. A principios de século deuse un lixeiro aumento da produción debido ao aumento da superficie cultivada e á intensificación nos cultivos provenientes de América, o millo no litoral e a pataca no interior, que posibilitaron a eliminación do barbeito dos sistemas de rotación. O viño e o gando vacún foron os produtos máis comercializados e permitiron facer fronte ás necesidades monetarias impostas polo sistema tributario. A limitación da superficie cultivada estancou a produción, ao non complementarse con melloras nos medios técnicos e na fertilización. A feble situación non foi quen de superar as crises agrarias que se sucederon a mediados do século. Asemade, xurdiron correntes de pensamento que propoñían a modificación ou a supresión do sistema foral, con representantes como Manuel Colmeiro, Xosé María Castro Bolaño e Euxenio Montero Ríos, que protagonizaron campañas a prol da redención foral. En 1864, Justo Pelayo Cuesta presentou no Congreso un proxecto de lei de redención de foros, que foi analizado no Congreso Agrícola convocado pola Sociedade Económica de Santiago, no mesmo ano, e que non chegou a ser aprobado. Outro intento de reforma do réxime de propiedade deuse durante a Primeira República, a través da Lei de Redención Foral (20.8.1873) presentado polo ourensán Xoán Paz Novoa, que foi aplicada só durante seis meses.

O sector secundario

O sector industrial non foi significativo como para levar a cabo a transformación cara a un sistema de produción capitalista. Xurdiron de forma incipiente determinados sectores industriais, como o eléctrico e sobre todo o conserveiro, e desindustrializáronse sectores que se viñan traballando artesanalmente. A incipiente industria téxtil quedou estancada debido á dificultade de aprovisionamento de materias primas e á competencia da produción inglesa e catalana. A lencería do liño foi a actividade máis importante tanto en produción como en emprego de man de obra. Instaláronse fábricas de liño no Seixo (Franza, Mugardos, 1845-1895), Chavín (Viveiro, 1850-1864) e no Roxal (Anca, Neda, dedicada ao liño entre 1847-1860). No ramo do algodón xurdiron La Primera Coruñesa, fábricas de fiados e tecidos, e a fábrica de Xubia (Narón), produtora de téxtiles cataláns. A finais de século creouse La Arzuana en Vilasantar, denominada posteriormente Hilados y Tejidos de Vilasantar, que perdurou ata 1950. Estas fábricas supuñan un pequeno reduto industrial, que consumía algo máis do 1% do que consumía a industria catalana. A entrada no mercado de teas inglesas, francesas, belgas, e do algodón catalán, a prezos máis competitivos, afundiu as posibilidades fabrís do téxtil galego. A siderurxia concentrábase fundamentalmente na provincia de Lugo, que contaba con ferrerías tradicionais e co alto forno de Sargadelos. O escaso nivel técnico e a carencia de materias primas fixeron sucumbir a siderurxia galega, que desapareceu no último cuarto de século, fronte á vasca e á asturiana. As fábricas de curtido e peles xogaban un importante papel no mercado español, destacaban os centros produtores de Allariz, Caldas, Cea, Noia e Soutomaior. Os avances técnicos permitiron situar as fábricas lonxe dos focos de materias primas, feito que desbancou o único beneficio co que contaban os coireiros galegos, desprazados novamente polos cataláns. A industria conserveira, impulsada polos cataláns asentados en Galicia, ocupou un gran número de man de obra, sobre todo feminina, e mecanizouse rapidamente. Centrada fundamentalmente na zona das Rías Baixas, en 1861 os irmáns Curbera crearon a primeira fábrica de conservas en Chapela, á que acompañou desde a década dos oitenta Massó, en Bueu, e Alonso, no Areal vigués. A industria de transformación de peixe incidiu no desenvolvemento doutros sectores como o pesqueiro, no que o aumento da demanda motivou a mellora das capturas; o sector naval, que demandaba máis embarcacións e subministracións -xurdiu a fundición La Vulcano (1886) e Viuda de J. Barreras (1892), ambas en Vigo e dedicadas á fabricación de caldeiras a vapor e á construción de cascos de buques-; e industrias auxiliares, como as encargadas da fabricación de envases, como La Artística e La Metalúrgica, da fabricación de xeo, etc. A minería estivo controlada por empresas foráneas (vascas, inglesas, belgas e alemanas) e a materia prima exportouse cara ao Reino Unido e Alemaña. O mapa do sector industrial completábase con algúns outros centros concretos, como a Fábrica de Tabacos da Coruña e o Arsenal de Ferrol.

O sector servicios

O símbolo do progreso no s XIX, o ferrocarril, comezouse a construír en Galicia tardiamente. O desacordo entre os sectores comerciais das distintas localidades, sobre todo de Vigo e A Coruña, para facer unha presión común, atrasaron a súa construción; e tampouco o Estado español elaborou para Galicia un plan de obras rigoroso e coa suficiente profundidade. Desde mediados de século a poboación, a administración e a prensa galegas reivindicaron a chegada da rede ferroviaria, pero a escasa circulación comercial, o débil desenvolvemento industrial e as dificultades orográficas frearon a súa implantación e desenvolvemento. A rede galega construíuse entre 1873 e 1886. En 1873 entrou en funcionamento a liña Santiago de Compostela-O Carril, e ata 1883 non se ligou Galicia co resto do estado coa apertura da liña A Coruña/Monforte de Lemos/Toral de los Vados. A banca neste século estaba constituída por pequenas institucións creadas pola burguesía local coa finalidade de prover o comercio de medios de pagamento. Do s XVIII é a creación do Banco Etchevarría e a Casa de Banca José Pastor, e do s XIX son o Banco Hijos de Simeón García y Compañía, o Banco Hijos de Olimpio Pérez e o Banco da Coruña, creado trala lei de bancos de emisión de 1856. O decreto de 1874 estipulaba a exclusividade na emisión de billetes do Banco de España, que estableceu sucursais en Vigo e na Coruña. No último cuarto de século creáronse as Caixas de Aforro e xurdiron pequenas entidades locais e sucursais da banca americana.

A crise finisecular

No derradeiro cuarto do s XIX a agricultura europea entrou en crise debido en gran medida á entrada de produtos de América e Australia, que chegaban a Europa máis competitivos tralo abaratamento dos fretes. Galicia viuse afectada na década dos oitenta e prexudicou fundamentalmente o gando vacún que se exportaba ao Reino Unido, substituído agora pola carne arxentina. A crise agravouse coa propagación das enfermidades da filoxera nos viñedos e da tiña nos castiñeiros, e, como consecuencia, na década final do século intensificouse o fluxo migratorio cara aos países americanos. A caída do prezo dos cereais arruinou os perceptores de rendas, feito que se traduciu nunha postura progresivamente favorable ao proceso redencionista. A solución da crise pasaba por unha modernización dos sectores produtivos. Nas últimas décadas puxéronse en marcha centros de experimentación e desenvolvemento agrícola, como a Granxa Experimental da Coruña, creada en 1888 coa intención de aplicar as novas tecnoloxías e difundilas no agro galego.

Cara á modernización: 1900-1936

O primeiro elemento do cambio foi a progresiva eliminación do sistema foral, debido principalmente á loita levada a cabo polo movemento agrarista e a maior dispoñibilidade de capital, achegado fundamentalmente polas remesas dos emigrantes americanos. O proceso culminou coa Lei de Redención de Foros de 1926, promulgada por Primo de Rivera e que declaraba redimibles todos os foros. Como consecuencia deste proceso redencionista, os campesiños fóronse convertendo en propietarios da terra que traballaban, condición fundamental para a racionalización da produción e para a incorporación nos circuítos comerciais. Estes novos propietarios iniciaron unha nova etapa marcada polos progresos no aproveitamento agropecuario a través da reconversión do sistema de cultivos e das innovacións técnicas. O barbeito desapareceu definitivamente e a produción intensificouse e diversificouse; estabilizouse o cultivo de cereais e aumentou o da pataca e a forraxe. As melloras técnicas reflíctense na introdución de maquinaria, arados de veso, debulladoras e limpadoras, e de fertilizantes. A penetración destas innovacións foi menos intensa ca no resto de España pero significou un primeiro paso cara á modernización do agro galego. Onde mellor se aprecia o dinamismo na comercialización foi no sector gandeiro. O feito máis salientable foi a transformación da cabana de ovino e cabrío por gando bovino e porcino e a súa cría estabulada e intensiva. Este gando abasteceu as cidades galegas e as do resto de España, en proceso de crecemento. Supuxo unha importante entrada de ingresos líquidos para o agro galego, que introduciu modificacións, como a creación de pastos e a selección de razas. Os sindicatos agrarios e as federacións católicas fixeron un importante labor de divulgación e incluso de adquisición das innovacións técnicas, a través da creación de matadoiros, centrais leiteiras, fábricas de queixos, que constituíron o precedente da industrialización dos anos cincuenta. Na industria, a aplicación de novos métodos importados de Francia e Noruega e a apertura aos mercados europeos, a raíz da Primeira Guerra Mundial, mellorou as condicións da industria conserveira, que demandou un maior desenvolvemento da industria naval. Creáronse as novas fábricas de Bouzas e Coia e xurdiron os estaleiros de Barreras e Santodomingo que xunto a Massó, Albo, Alfageme e Cerqueira conformaron o núcleo da estrutura industrial viguesa. En 1900 constituíuse a Sociedad Minera, que explotaba o mineral de ferro de Vilaodriz, exportado a Holanda e ao Reino Unido; a explotación doutros minerais, como o estaño, cobre e o volframio, atraeron o capital estranxeiro para a súa explotación. Dende principios de século xurdiron as primeiras empresas de prestación de servicios de auga, electricidade ou transporte, tamén os primeiros balnearios e a comercialización de augas minerais; e as primeiras hidroeléctricas, que posteriormente confluíron na empresa FENOSA. Construíuse boa parte do trazado ferroviario cunha segunda liña que unía Sanabria con Ourense, Santiago e A Coruña, o enlace Betanzos-Ferrol e proxectouse a liña da costa. Desenvolveuse o comercio, centrado nas principais vías e portos galegos, nos que se comercializaban produtos manufacturados destinados á poboación que constantemente embarcaba e desembarcaba, froito do forte fluxo emigratorio. Esta emigración deu lugar á multiplicación dunha pequena banca de ámbito local que domiciliaba os xiros procedentes de América. O sector servicios viuse tamén favorecido polos progresos no agro, que se converteu nun mercado potencial de materias primas, bens de consumo e bens de equipo.

O estancamento: 1936-1950

A incipiente modernización sufriu o embate da Guerra Civil, que deu inicio a un período de estancamento e de reruralización. O sector agrogandeiro retornou ao autoconsumo, aos sistemas extensivos e á priorización do traballo humano sobre o da máquina. Trala profunda crise da posguerra en que se sumiu todo o país, déronse algunhas novidades que podían reactivar a economía galega. Sectores en expansión foron o eléctrico e a minería. No primeiro, o seu desenvolvemento veu asociado ao proceso de concentración empresarial que supuxo a unificación da Sociedad Gallega de Electricidad e de Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad, en FENOSA, fundada en 1943 en réxime de monopolio. Tamén recibiu un novo impulso o sector mineiro, fundamentalmente entre 1935 e 1955, como consecuencia das necesidades dos conflitos bélicos (Segunda Guerra Mundial). Asemade, medrou o número de explotacións e o persoal empregado nelas.

A industrialización dos sesenta

A industrialización que se produciu en España nos anos sesenta tivo o seu reflexo na economía galega, se ben non conseguiu transformar cualitativamente a súa estrutura interna. O desenvolvemento agrario permitiu un maior desprazamento de man de obra cara á actividade industrial e ao abastecemento dunha poboación cada vez máis urbanizada. Os estaleiros ferroláns (Astano) intensificaron a súa actividade como resposta a unha maior demanda de buques petroleiros e da mariña mercante; os vigueses (Barreras, Ascón, Freire, Vulcano) cubriron as necesidades do sector pesqueiro, que precisaba buques conxeladores. A produción naval multiplicouse por doce no período 1961-1976. Instaláronse en Galicia industrias de enclave que trataron de aproveitar as materias primas e unha man de obra máis económica, e instalaron grupos monopolistas, tanto nacionais coma estranxeiros (Citroën, Endesa). A pesar do claro incremento da participación do sector industrial no PIB galego, o sector sufriu unha certa heteroxeneidade, convivindo formas capitalistas e non capitalistas, e carecía dunha rede industrial propia e independente.

A crise dos anos setenta e oitenta

A crise de principios dos setenta correspóndese coa crise económica internacional. Dende 1979, o axuste industrial é debil e estendeuse o salario social. O sector industrial, fundamentalmente o naval, sufriu as consecuencias do proceso de reconversión industrial, non exento dunha forte conflicitividade social. Houbo de iniciarse un proceso de readecuación do sistema produtivo. No sector agrogandeiro a forte presión do mercado determinou a orientación da produción (cárnica, leiteira). Xurdiron empresas agrarias nidiamente capitalistas, como COREN e FEIRACO, mais non se deu o desenvolvemento dun sector agroindustrial, senón que se creou un mercado de importación de insumos agrarios (fertilizantes, pensos, maquinaria), que reforzaba a dependencia do exterior. Ao mesmo tempo, os traballadores agrícolas viron como se desvalorizaban os seus medios de produción (a terra basicamente) e os seus coñecementos tradicionais. O índice de poboación activa no agro aínda era elevado. A través do Plan de Reconversión da Flota de 1961 construíronse gran número de buques conxeladores que aumentaron a actividade pesqueira industrial, liderada pola empresa Pescanova. Desde os anos 70 iniciouse un proceso de contracción achacable á redución de caladoiros debido aos problemas coas augas territoriais de Marrocos, Irlanda e Canadá, ás limitacións nos caladoiros internacionais despois da integración de España na CEE e ao esgotamento dos caladoiros galegos.

A terciarización

Nos últimos anos, o peso das actividades do sector primario (especialmente da agricultura) foi substituído por unha intensa terciarización da economía ao non contar cun equipamento industrial suficientemente consolidado. A industria estaba moi condicionada polo forte peso dun número limitado de grandes empresas como Citroën, Unión Fenosa, Pescanova e COREN, ás que tamén cabe engadir algúns sectores de dinamismo recente como o téxtil e a extracción de granito e lousa. Na dinámica laboral é salientable o continuo desprazamento da actividade económica cara ás provincias occidentais e, máis concretamente, cara ao litoral atlántico, que ocupa arredor dun 75% da poboación. A comunidade debe camiñar cara á converxencia económica co resto do Estado, aumentando o seu peso no PIB e o seu nivel salarial.

A sociedade galega



A estrutura da sociedade do s XIX

A sociedade galega do s XIX vivía nun 90% no medio rural e xeraba a través das actividades agrícolas un excedente destinado ao pago de rendas, aos impostos e a outras actividades. A carencia de transformacións agrarias permitiu a perpetuación durante o s XIX dos trazos propios do Antigo Réxime, exemplificados na preeminencia social da fidalguía como consecuencia do sistema foral, nunha agricultura mal organizada e nunha escasa diversificación económica. A fidalguía recibía ingresos procedentes da explotación indirecta das terras, da súa participación na burocracia estatal e no exército; e os segundóns ingresaban na carreira eclesiástica. O seu predominio social deteriorouse ao longo do século, entre outras causas, polo desequilibrio entre as súas fontes de ingresos, que, na segunda metade do s XIX, experimentaron un descenso, e polo incremento nos impostos estatais dende 1845. O clero era tamén un estamento privilexiado e participaba do foro como propietarios do dominio directo e como perceptores de rendas. Tivo que enfrontarse á resistencia do campesiñado, ao pago das rendas e ao descenso nos prezos agrícolas a partir de 1817, que levou a unha caída nos ingresos dos mosteiros. O grupo máis numeroso e heteroxéneo era o dos labregos, formados por campesiños que posuían a plena propiedade das súas terras, arrendatarios e caseteiros. Tiñan o dominio útil da terra e mantiñan unha neutralidade política. A burguesía caracterizouse ata finais do s XVIII polo seu carácter señorial e arrendatario, pois participaba dos ingresos da renda agraria dun xeito similar á fidalguía, e polo marcado carácter inmobilista alleo á creación dunha nova actividade económica. A Guerra de Independencia e a perda das colonias incidiron negativamente na súa economía. O seu papel nos proxectos de modernización económica, como os ferrocarrís e as reformas agrarias, foi escaso e os diversos grupos defendían os seus intereses de xeito localista. Existía unha burguesía industrial minoritaria, que se dedicou inicialmente á salgadura e, posteriormente, desenvolveu a industria conserveira e diversas actividades mercantís; e unha burguesía comercial, máis abondosa, que se espallou por vilas e cidades, dedicada á redistribución de produtos manufacturados e ao préstamo con usura. A comezos do s XIX a maior parte dos comerciantes e pequenos empresarios eran de orixe foránea: os maragatos dedicáronse ao comercio de produtos polo miúdo; os vascos ocupáronse do comercio naval de gran tonelaxe, das industrias de curtidos e do comercio por xunto e polo miúdo; e os cataláns controlaron o sector pesqueiro. Os estranxeiros, como os alemáns e os austríacos, centráronse en oficios especializados, os franceses no comercio portuario e os italianos como impresores. O predominio da ruralidade e a feble industrialización no s XIX limitou o proletariado aos obreiros das industrias estatais, como o Arsenal de Ferrol e a Fábrica de Tabacos da Coruña, que estaban formadas maioritariamante por asalariado feminino. Dende mediados do s XIX a loita por unha mellora nas condicións de traballo e de vida adquiriu maior importancia, especialmente no conflito da Fábrica de Tabacos (1857). A partir do Sexenio Revolucionario intensificáronse os enfrontamentos e produciuse unha estreita colaboración entre os republicanos federais e os obreiros, que favoreceu a aparición de asociacións e sociedades obreiras nas principais cidades de Galicia (1870-1873), que adoptaron a modalidade de cooperativas e mutuas. Nas orixes do asociacionismo proletario atópase un elemento mutualista, orientado cara á procura de axudas en caso de enfermidade ou desamparo económico, aínda que tamén existen outros fins de carácter cultural e social. A chegada das ideas da Primeira Internacional (1870-1871) favoreceu a aparición de grupos internacionalistas na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ourense. A ruptura do asociacionismo obreiro cos republicanos federalistas a favor dos principios da Asociación Internacional de Traballadores (AIT) en 1872 supuxo un avance na autoorganización obreira. Os gobernos da Restauración recortaron as liberdades e adoptaron medidas coercitivas sobre as actividades e publicacións do movemento obreiro que, sen embargo, conservou a súa forza. Tralo restablecemento da liberdade de asociación (1881), a reorganización da Federación Regional (1881-1888), e a Lei de Asociacións (1887) establecéronse as bases do movemento obreiro. As sociedades obreiras multiplicáronse e conservaron entre as súas reclamacións as melloras salariais, o descanso dominical, o retiro e a xornada laboral de oito horas. A consolidación do movemento obreiro, que se iniciou en cidades, como A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra e Ourense, a finais do s XIX, espallouse posteriormente por outras vilas.

A consolidación da burguesía e a aparición do proletariado (1900-1936)

A chegada do s XX marcou o comezo da modernización na economía galega que afectou á composición tradicional da sociedade. A progresiva diversificación económica foi acompañada da desaparición da fidalguía e dos rendistas agrarios, mentres se desenvolveu unha burguesía comercial e industrial, e se incrementou o proletariado, que se liberou das estruturas gremiais. Nos primeiros decenios do s XX producíronse importantes manifestacións da conflitividade social, tanto no campo, como no medio urbano, e desenvolvéronse as organizacións sindicais, os círculos obreiros e as sociedades agrarias. A burguesía industrial e comercial, establecida especialmente en Vigo e A Coruña, dirixiu dende finais do s XIX unha reactivación económica encabezada polos industriais conserveiros, que, a partir de 1904, incorporaron procedementos técnicos noruegueses e franceses que permitiron un notable incremento na produción. Posteriormente, en 1918 constituíuse a Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia. Neste período apareceron en Galicia outras sociedades industriais dedicadas á explotación dos xacementos de ferro, cobre, tungsteno e antimonio, e creáronse tamén empresas destinadas a satisfacer as necesidades de consumo da poboación, como as de tranvías, traída de auga e electricidade. Nas principais vilas a burguesía desenvolveu actividades comerciais, de préstamo con usura ou de administración, e organizouse socialmente ao redor de sociedades e casinos. A poboación activa dedicada ao sector secundario experimentou un incremento nas primeiras décadas do s XX, acompañada dunha consolidación das organizacións obreiras, especialmente a UGT como sindicato maioritario na provincia de Pontevedra, mentres as sociedades anarquistas predominaron na provincia da Coruña. Ademais existían outras sociedades obreiras de ideoloxía católica e republicana con menor representatividade. No 1901 constituíuse a Unión Galaico-Portuguesa, un proxecto internacionalista que tentou rematar co emprego por parte dos empresarios galegos de canteiros portugueses para a creba das folgas. A conflitividade laboral acadou os niveis máis elevados na Coruña a partir de 1906 e desembocou nas folgas xerais de 1916 e 1917, seguidas cun éxito desigual. Os traballadores empregaron dun xeito preferente a folga local de ámbito corporativo como medio para acadar as súas reivindicacións, con independencia da súa militancia no socialismo ou no movemento anarquista. As reivindicacións sindicais, centrábanse na xornada laboral de oito horas, no descanso dominical e nas vacacións pagadas. A represión polas autoridades do movemento obreiro non repercutiu inicialmente nun descenso no número de afiliados e mentres a CNT recoñecía en 1919 a 9.971 afiliados na provincia da Coruña, a UGT acadou os 11.000 afiliados en 1920. Durante a Ditadura de Primo de Rivera o sindicato socialista participou nos órganos de concertación laboral do novo goberno, pero a vixilancia policial obrigounos a limitar as súas actividades. Mentres a CNT galega, que tentou manter a súa organización dentro da legalidade, sufriu a represión das autoridades e a censura dos seus xornais. Coa chegada da Segunda República, os anarquistas recuperaron a súa influencia nun contexto de incremento da conflitividade con folgas da construción na Coruña (1930), dos estaleiros (1932) e o conflito pesqueiro na ría de Vigo (1932). A crise económica levou a unha radicalización das posturas dos obreiros (1933), que apoiaron a loita dos mineiros en Asturias en 1934, ao tempo que a CNT e a UGT equilibraban as súas forzas. No período 1935-1936 producíronse en Galicia 60 folgas, durante as que ambas as centrais sindicais defenderon as mesmas reivindicacións. As tensións sociais apareceron tamén no agro, onde xurdiron sindicatos, sociedades agrarias, círculos obreiros e centrais sindicais. As principais organizacions foron as sociedades agrarias, que se acolleron á Lei de Asociacións de 1887, e os sindicatos agrarios, regulamentados (1906-1908). Entre 1906 e a Primeira Guerra Mundial o agrarismo estendeuse por toda Galicia, e multiplicáronse as sociedades e federacións agrarias. O seu período maís activo e reivindicativo concentrouse entre 1917 e 1923, cando se censaron 234 sociedades e 801 sindicatos. A Ditadura de Primo de Rivera dirixiu o sindicalismo agrario por unha vía de carácter menos reivindicativo liderada polos sindicatos católicos.

Clases e conflitos sociais dende a posguerra

Durante o período franquista produciuse unha profunda transformación económica e social que trala reruralización dos anos corenta, iniciou dende finais dos anos cincuenta un proceso de modernización no que se consolidou o sector pesqueiro e se desenvolveu o naval e a industria madeireira, ao tempo que se consolidou a urbanización e se comezou a construción de numerosas presas. Pero a modernización económica non foi acompañada dunha evolución política equivalente e xurdiron diversos núcleos de oposición á ditadura franquista. A represión que seguiu a derrota militar republicana afectou inicialmente ás autoridades democráticas e aos dirixentes dos partidos e estendeuse entre os militantes dos partidos liberais, centristas, nacionalistas, republicanos, socialistas, anarquistas, comunistas e agraristas. Entre 1939 e 1943 desartellouse o sistema das sociedades agrarias e substituíuse por un sindicalismo obrigatorio, vertical e burocrático. Os movementos obreiros desapareceron case totalmente nos anos posteriores á Guerra Civil. A finais da década de 1950 a aprobación de novas leis laborais menos represivas como o Regulamento de Eleccións Sindicais (1960) e a relativa apertura apoiada no Plan de Liberalización Económica de 1959, permitiu a reorganización dos obreiros dun xeito clandestino. En 1960 o movemento obreiro logrou constituír as súas primeiras células en Galicia, lideradas polo PC e articuladas ao redor de Vigo, A Coruña e Ferrol. Aproveitando as posibilidades legais do sindicalismo oficial establecéronse núcleos cada vez máis fortes de CC OO, nos que os comunistas confluíron con católicos progresistas e nacionalistas. Participaron nas reclamacións dun convenio colectivo dos empregados dos estaleiros, que orixinaron as folgas de Ferrol (Bazán e Astano) e Vigo (Vulcano e Barreras) en 1962. A partir de 1966, CC OO consolidouse como organización estable en Galicia e o movemento obreiro acadou o apoio popular. En 1972 as represalias aos representantes dos obreiros de Bazán provocou a paralización da empresa e a intervención das forzas de seguridade. O enfrontamento rematou coa morte de dous manifestantes; en resposta, a cidade paralizouse e o goberno emprendeu unha dura represión. No mesmo ano produciuse un conflito similar en Vigo. Despois das folgas obreiras de 1972 deuse unha diversificación entre os grupos sindicais, malia que CC OO conservou a súa posición de liderado. Establecéronse as bases do movemento obreiro nacionalista, especialmente dende a UPG, que promoveu a autoorganización de diferentes sectores sociais galegos e xurdiron organizacións como Estudantes Revolucionários Galegos (ERGA) en 1973, Unión de Traballadores do Ensino de Galicia (UTEG) e Frente Cultural Galego en 1974. En 1975 apareceu o Sindicato Obreiro Galego (SOG) e constituíuse a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) como plataforma suprapartidaria que organizaba o sindicalismo nacionalista. No SOG confluíron diversos grupos locais vinculados á UPG; trala morte de Franco integrouse na AN-PG e medrou nos centros industriais onde protagonizou a folga do transporte en Vigo en marzo de 1977 e a dos madeireiros en Ourense entre maio e xuño dese ano. Paralelamente xurdiron outros sindicatos nacionalistas sectoriais, integrados tamén na AN-PG, como o sindicato Comisións Mariñeiras (CC MM), que posteriormente trocou o seu nome polo de Sindicato Galego de Traballadores do Mar (SGTM); a Unión de Traballadores de Banca de Galicia (UTBG); a Unión de Traballadores da Sanidade Galega (UTSG); e a Unión de Traballadores do Ensino de Galicia (UTEG), formada a partir de 1974 e vinculada á UPG. En marzo de 1977 a UPG creou a Intersindical Nacional Galega (ING), froito da unión do SOG cos sindicatos integrados na AN-PG. A ING participou activamente nos conflitos obreiros de 1977, como a folga dos obreiros da construción en Lugo, e nas eleccións sindicais de 1978 acadou a terceira posición tras UGT e CC OO. Fusionouse coa Central de Traballadores Galegos (CTG) en 1980, nun proceso que buscaba certa unificación dos sindicatos galegos e dende 1981 denominouse Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG). O sindicalismo labrego tivo a súa orixe nos Comités de Axuda á Loita Labrega organizados dende 1970 por membros e simpatizantes da UPG e por cregos vinculados a Cristiáns polo Socialismo. Estendéronse polas bisbarras de Monforte de Lemos, Ribadeo, O Courel, A Fonsagrada, Verín, península do Barbanza, e nos concellos de Soutomaior, Arbo, Cuntis e Vilanova de Arousa. En 1973 constituíronse os primeiros núcleos das Comisións Labregas (CC LL) en Ribadeo, que posteriormente se espallaron. As súas reinvindicacións centráronse na recuperación dos montes veciñais en mancomún e na abolición da cota empresarial da Seguridade Social Agraria, dirixiron tamén a oposición veciñal ás expropiacións das terras nas Encrobas para a explotación do lignito. A campaña de represión contra a UPG de 1975 afectou tamén a varios dirixentes das CC LL, que tiveron que exiliarse ao tempo que se produciu unha escisión da que xurdiu o Sindicato Agrario Galego (SAGA). Trala volta dos dirixentes do sindicato (1976), produciuse unha reorganización das CC LL e publicouse un programa integrado por medidas económicas, socioculturais e políticas, entre as que destacaban o fomento do asociacionismo agrario e das cooperativas de produción, a dotación de estradas, auga e electricidade ás parroquias rurais. Trala Lei de Amnistía para os presos políticos (1977) e a legalización dos partidos políticos e sindicatos, as CC LL reorientaron a súa estratexia e produciuse a refundación do sindicato como Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CC LL). O novo sindicato continuou as campañas das CC LL en Xove e nas Encrobas e distinguiuse nunha campaña de oposición ao pagamento da cota da Seguridade Social Agraria que se centrou na provincia de Lugo. Nas eleccións as Cámaras Agrarias (1978) confirmouse a súa implantación no agro, consolidou a súa organización e continuou coas súas reivindicacións.

A sociedade postindustrial: Galicia despois da reconversión

A década de 1980 supuxo un período fundamental no desenvolvemento da economía e a sociedade galega, marcado pola perda de peso do sector primario, froito da crise que comezara na década anterior e condicionado polo proceso de integración na CEE e terciarización da economía. Ao mesmo tempo produciuse un descenso na demanda das actividades industriais tradicionais en Galicia, especialmente nos estaleiros, tralo proceso de reconversión industrial promovido polo goberno central, feito que levou a unha xeneralización dos conflitos nos núcleos obreiros e no campesiñado. En 1984 convocáronse tres folgas xerais (o 14 de febreiro, o 12 de xullo e o 29 de novembro), cun peso importante do sindicalismo nacionalista. A súa causa directa foi a perda de emprego provocada pola reconversión naval, pero reflectiron tamén o rexeitamento da marxinación de Galicia dende o goberno español e denunciaron as consecuencias que tería o ingreso na CEE para os sectores produtivos galegos. Neste período, produciuse unha transformación da estrutura social polo desenvolvemento do sistema autonómico, que orixinou a aparición dunha nova clase media que baseaba a súa posición na súa formación cultural. Conseguíronse melloras no acceso ao ensino, e o cambio social orixinou tamén modificacións na concepcion tradicional de familia. Os desaxustes no mercado de traballo e as elevadas taxas de paro entre os mozos, que afectaron especialmente ás mulleres, provocaron un descenso da nupcialidade e na natalidade. O descenso do número de fillos, xunto aos novos valores, e a prolongada convivencia cos proxenitores polo investimento educativo, configuraron familias nucleares.

A Guerra Civil e o Franquismo



(1936-1975)



A sublevación militar

A sublevación iniciouse en Galicia o 20 de xullo de 1936 e non foi liderada polo máximo rango da escala militar, senón que os artífices da rebelión foron sobre todo coroneis, comandantes e capitáns, mentres que os principais mandos foron executados ou cesados. A capacidade de reacción e resistencia ao golpe militar estivo mediatizada polas condicións estruturais e socioeconómicas do país, a ausencia de grandes concentracións urbanas e proletarias, e a máis lenta evolución social do nacionalismo e das posturas revolucionarias marcaron menos en Galicia o carácter bipolar do conflito. Malia todo, déronse importantes episodios de resistencia en numerosas cidades e comarcas, con escasos medios, xa que se desestimou a opción de armar o pobo. Os principais focos de resistencia foron A Coruña, onde se resistiron os principais mandos militares; Ferrol, onde se resistiu o xefe do Arsenal, Antonio Azarola, e parte da mariñeiría; Vigo, cun importante foco de resistencia en Lavadores; Tui e as comarcas de Maceda, Verín, A Gudiña e Valdeorras, no interior, e na costa de Ribeira a Corcubión, en Vilagarcía de Arousa, Ribadeo, Pontedeume e Betanzos. Organizáronse desprazamentos de columnas leais cara a múltiples direccións: unha columna de mineiros de Lousame axudou á defensa da Coruña, os mineiros de Viveiro dirixiron tres columnas cara á Coruña, Lugo e Asturias, os ferroviarios de Monforte de Lemos a Lugo e a Ourense e agraristas e galeguistas dende a comarca do Condado tentaron axudar a Vigo. Tamén partiron galegos en defensa da República cara a Madrid, onde crearon as Milicias Populares Gallegas, capitaneadas polo oficial Manuel López Iglesias, que tiña de comisario a Santiago Álvarez. Malia estes focos de resistencia, nunha semana triunfou a sublevación que abriu paso á represión dos vencidos e a outras iniciativas de loita.

A represión durante a Guerra Civil

Dende o mesmo mes de xullo iniciouse a represión, nun principio contra todo o sospeitoso de defensa da República, para pasar, a medida que se impoñía o goberno dos nacionais, a estenderse a toda a poboación sometida a un réxime de terror, utilizado como instrumento de control social. Pronto comezaron os fusilamentos, que se iniciaron coas autoridades, primeiro militares e logo civís. Foron fusilados os dous xenerais da rexión, o xeneral de división e capitán xeneral de Galicia, Enrique Salcedo, o xeneral de brigada, Roxelio Caridad Pita, e o capitán xeneral de Ferrol, Antonio Azarola; e gobernadores civís das catro provincias, os presidentes das deputacións provinciais, os alcaldes das principais cidades e doutras moitas, varios deputados das Cortes, galeguistas, sindicalistas, socialistas e intelectuais. Nesta liña de eliminación de desafectos, fíxose especial fincapé na depuración administrativa, fundamentalmente no ensino. Do mes de agosto datan as primeiras sancións e ceses a mestres, municipais, funcionarios de xustiza, etc. A represión estendeuse ao resto da poboación de forma indiscriminada, o terror impúxose a través dos consellos de guerra, os xuízos sumarísimos, as incautacións de bens, as destitucións e a morte. Recicláronse moitos edificios para dar cabida á numerosa poboación reclusa, que xa non cabía nas cadeas, e as gabias enchéronse de cadáveres dos “paseados” sen retorno. A represión afectou tamén á mentalidade colectiva e resultou clave para a evolución posterior da realidade sociocultural galega e ao afincamento da dependencia nacional.

A oposición ao réxime: os exiliados

A represión franquista fixo moi difícil a oposición dende o interior e provocou o exilio dos líderes do galeguismo. En 1944 creouse en Toulouse o Bloque Repubricán Nacional Galego, que reivindicou a pervivencia da coalición Frente Popular como institución legal e democrática. Coa Segunda Guerra Mundial e a ocupación alemá de Francia, a resistencia trasladouse a América. A emigración galega en América acolleu os exiliados galeguistas que levaron a cabo o labor político e cultural prohibido no seu país. Especial relevancia tivo a presenza de Castelao en Bos Aires, onde publicou en 1944 Sempre en Galiza, ideario do nacionalismo republicano. Ese mesmo ano creouse o Consello de Galiza, como herdeiro da legalidade republicana en Galicia, que logrou das Cortes republicanas, reunidas no exilio en México en 1945, o recoñecemento do Estatuto de Autonomía e que Castelao representase a Galicia como ministro do goberno da República no exilio. A década dos cincuenta abriuse co falecemento de Castelao, e no interior do país coa creación da editorial Galaxia, coa participación de representantes da Xeración Nós e do galeguismo republicano. Mentres que no interior primaba a acción cultural sobre a política, no exilio mexicano xurdiron os xermolos da futura Unión do Pobo Galego (UPG) arredor da publicación da revista Vieiros, e no exilio arxentino revitalizábase a actividade política coa remodelación do Consello de Galiza en 1960, encabezado por Antón Alonso Ríos.

A guerrilla antifranquista

A represión que seguiu ao triunfo do alzamento militar deu lugar ao fenómeno dos escapados ou fuxidos, que se esconderon no monte buscando a súa supervivencia, e que constituíron o xermolo da estrutura organizativa da guerrilla. As partidas de fuxidos distribuíronse polo territorio galego, en especial nas zonas SL de Lugo, E de Ourense, e nas áreas costeiras da Coruña e Lugo, nunha liña descontinua que unía Vigo con Viveiro, pasando por Ferrol; apoiados nunha densa rede de enlaces composta por familiares, veciños e simpatizantes. O hábitat disperso galego facilitou o apoio popular. Dende 1939, a derrota da República e a nova situación mudial, co estoupido da Segunda Guerra Mundial, fixo ver a necesidade de organizarse para continuar a loita fronte á Ditadura. En 1942, reunidos nos montes de Ferradillo, constituíuse a Federación de Guerrillas de León-Galicia, que declarou a súa adhesión á UNE (Unión Nacional Española) en 1943. O período 1943-1948 foi o de maior actividade da ofensiva guerrilleira, e de control da súa organización polo PCE. As guerrillas galegas organizáronse territorialmente en Agrupacións, a II arredor de Ourense, a III ao N de Lugo, a IV na comarca de Ferrol e a V en Pontevedra (entre Silleda e Vigo). En xaneiro de 1947 iniciouse a edición de El Guerrillero, publicación do Ejército Guerrillero de Galicia. Pese ao triunfo aliado na Segunda Guerra Mundial, as potencias vencedoras declararon a súa negativa a intervir nos asuntos internos de España e o réxime franquista acentuou a súa ofensiva coa proclamación do decreto lei para a Represión del Bandidaje y el Terrorismo, en abril de 1947, que incrementou os efectivos na loita fronte á resistencia antifranquista. Uniuse a esta situación a nova táctica do PCE, que desde 1948 decidiu abandonar o apoio á loita armada e optar pola vía de inxerencia das organizacións de masas. Nestas condicións a guerrilla como estrutura organizativa entrou en decadencia e foron caíndo consecutivamente as diferentes agrupacións (1949-1952), en que se deu por acabado o movemento de resistencia armada. Quedaron só algúns guerrilleiros illados que optaron ou polo exilio ou por seguir resistindo ata a morte. O último guerrilleiro galego, Xosé Castro Veiga o Piloto foi abatido en 1965.

A clandestinidade política (1960-1975)

Desde os anos sesenta comezou a expresarse en Galicia unha oposición política máis activa e organizada, na que uniron as súas forzas os exiliados galegos, o nacionalismo e os grupos de esquerda. O nacionalismo superou nesta década o ámbito cultural e pasou a defender reivindicacións de tipo político. En 1963 fundouse o Consello da Mocidade, que reuniu a uns cincuenta galeguistas co obxectivo de facer rexurdir unha forza política galeguista. Puideron xa observarse tres tendencias ideolóxicas de distinto signo: socialista, democristiá e marxista-leninista. Arredor desta última, xurdiu en 1964 a Unión do Pobo Galego (UPG) que expresaba no seu órgano oficial Terra e Tempo o seu ideario político marxista e anticolonialista. No mesmo ano xurdiu o Partido Socialista Galego (PSG), tamén marxista pero defensor dun sistema federalista. O Partido Comunista, que levara ata entón a dirección do movemento clandestino en Galicia, creou arredor da figura de Santiago Álvarez, o Partido Comunista Gallego, en 1968. A década dos setenta revela un clima xeneralizado de conflitividade social; as mobilizacións no agro, na industria, no mundo universitario demandan a ruptura da ditadura franquista. En abril de 1975 fundouse en Portugal a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), como fronte suprapartidaria, pero baixo a inspiración da UPG, co obxecto de espallar o nacionalismo e de canalizar a mobilización de masas cara a este obxectivo.

Conflitividade obreira e campesiña

As limitacións máis patentes do proceso de modernización da agricultura galega na década dos sesenta e setenta, consolidadas trala posterior adhesión á CEE, foron o éxodo rural e o progresivo envellecemento da poboación, o crecemento constante do abandono de terras e a dependencia do mercado exterior. A estrutura industrial caracterizouse polo dominio dun sector monopolístico, con centros de decisión e intereses alleos a Galicia. Os primeiros enfrontamentos no mundo campesiño naceron a raíz da construción de encoros para a produción de enerxía eléctrica; un exemplo foron os enfrontamentos de Castrelo de Miño (1964). As cidades de Ferrol, Vigo e A Coruña eran os núcleos da articulación organizativa do movemento obreiro, no que xogou un importante papel o Partido Comunista. Dende 1966 consolidáronse as Comisións Obreiras como organización estable de Galicia. Durante a década dos sesenta sucedéronse os conflitos nos estaleiros de Barreras e Vulcano en Vigo e Bazán en Ferrol, en protesta polas regulacións de emprego e polas sancións aos seus líderes. Na década dos setenta aumentou a conflitividade. En Ferrol o conflito iniciouse no mes de marzo de 1972, ao demandar os obreiros o seu recoñecemento colectivo nas negociacións coa empresa para mellorar as condicións de traballo e os salarios. As manifestacións obreiras foron reprimidas cunha dureza que deixou como resultado dous mortos e varios feridos e que desencadearon folgas de protesta noutras cidades galegas. A protesta obreira en Vigo comezou cun movemento de solidariedade cos obreiros ferroláns e estendeuse polas empresas máis importantes da cidade; chegaron mesmo a participar na folga uns 15.000 obreiros durante vinte días. Como consecuencia, numerosos dirixentes foron encarcerados ou pasaron ao exilio. Froito destas mobilizacións xurdiron as primeiras organizacións sindicais, Comisións Labregas (1973) e o Sindicato Obreiro Galego (SOG) (1975). Estes acontecementos acadaron grandes dimensións e supuxeron a transformación dun conflito laboral nunha protesta cidadá contra a represión.

A Transición (1976-1981)

A cuestión nacional e a maneira de articular o novo estado democrático singularizaron a transición en Galicia, na que a oposición democrática buscou, por un lado, a consecución das liberdades e por outro, os dereitos nacionais, reivindicacións que deron lugar á organización de diversos colectivos. En 1975 o PCG creou a Xunta Democrática, e a Federación Galega do PSOE a Plataforma de Converxencia Democrática, fundidas ao ano seguinte na plataforma unitaria da Táboa Democrática, que agrupaba a toda a oposición non nacionalista de esquerdas e que propuña a recuperación do modelo estatutario de 1936. As forzas nacionalistas crearon en 1976 o Consello de Forzas Políticas Galegas, baixo o lema do dereito de autodeterminación política. As discrepancias internas ocasionaron a súa ruptura a finais do mesmo ano. Tamén se produciron intentos de reorganización política entre os sectores da dereita moderada, mais o conxunto de siglas que apareceron (PGI, Partido Gallego Independiente, PPG, Partido Popular Gallego) pronto se incorporaron á UCD. Trala aprobación da Lei de Reforma Política, o presidente Adolfo Suárez negociou cunha comisión unitaria da oposición as condicións para a celebración das primeiras eleccións democráticas. A comisión contou coa presenza de Valentín Paz Andrade como representante da Táboa. Nas eleccións xerais de 1977, as forzas conservadoras da UCD e AP obtiveron 24 dos 27 escanos, nunhas eleccións cun 40% de abstención. A UCD contaba coas autoridades locais, nomeadas na súa maior parte por Manuel Fraga cando ocupou a carteira de Gobernación e que se pasaron á UCD: alcaldes, concelleiros, deputados provincias. Tralas eleccións, Galicia aparecía como unha das zonas máis conservadoras de España, cunha representación nacional de dereitas, con escasa representación de esquerdas e sen representación dos partidos rexionais. O 25 de xullo de 1977 constituíuse en Santiago de Compostela a Asemblea de Parlamentarios de Galicia, presidida por Antonio Rosón, que elaborarou un proxecto de réxime de preautonomía galega, presentado ao presidente Adolfo Suárez en outubro. A lentitude do goberno central no avance do proxecto deu lugar a unha gran manifestación de protesta o 4 de decembro de 1977. Finalmente, en marzo de 1978, publicouse o decreto de constitución da preautonomía galega, que instauraba a Xunta como órgano de goberno da preautonomía, presidida por A. Rosón ata 1979, data en que foi substituído por Xosé Quiroga, ambos da UCD. Esta circunstancia permitiu que Galicia se engadira ao resto das comunidades históricas, Catalunya e Euskadi, na tramitación rápida do Estatuto de Autonomía, pola vía do artigo 151. Trala aprobación da Constitución, iniciouse o proceso de elaboración do estatuto a través dunha comisión creada por A. Rosón, que intentou consensuar os grupos parlamentarios e non parlamentarios. A coñecida como “Comisión dos 16” reunida por vez primeira o 10 de xaneiro de 1979 e presidida por Manuel Reymóndez, entregáronlle o anteproxecto ao presidente da Xunta o 9 de abril. No mes de maio a Asemblea decidiu nomear outra comisión de 9 parlamentarios encargada de elaborar o proxecto do estatuto en base ao anteproxecto dos 16, que foi levado adiante na etapa do novo presidente da Xunta, Xosé Quiroga. O proceso viuse perturbado polo descontento dos sectores nacionalistas fronte ao centralismo da UCD e aos seus representantes en Galicia, aos que tachaban incluso de antiautonomistas. O proxecto aprobado incluía novas disposicións que delimitaban as competencias autonómicas respecto ao Estado central, feito que provocou o descontento da poboación galega que decidiu mobilizarse fronte ao que denominaban o “estatuto da aldraxe”. En marzo de 1980 organizouse o colectivo Realidade Galega, formado por persoeiros vinculados ao nacionalismo que reclamaban un estatuto sen rebaixas. A través da chamado Pacto do Hostal (setembro de 1980), no que participaron UCD, PSOE, CD, PCG, PSDG e PG, realizáronse modificacións que se incorporaron ao proxecto e que foron aprobadas pola comisión constitucional o 29 de outubro de 1980, que dispuxo a data do referendo popular para o 21 de decembro. Un cúmulo de circunstancias, entre as que cómpre salientar as vicisitudes do proxecto, a oposición dos partidos nacionalistas e o escaso entusiamo autonomista da UCD, engadido á tradicional apatía política do pobo galego, tiveron como consecuencia unha alta porcentaxe de abstención no referendo do Estatuto, que foi por fin publicado no BOE o 28 de abril de 1981. O proceso de institucionalización da autonomía culminou coas eleccións ao primeiro Parlamento de Galicia en outubro de 1981.

A Autonomía Galega

As convocatorias electorais do período democrático celebradas en Galicia mostraban un panorama político dominado polos partidos de ámbito estatal, que se mantivo nos resultados das primeiras eleccións autonómicas. O centro político, representado pola UCD, foi deixando paso ao control da dereita representada por AP, posteriormente PP, que agrupou o centro-dereita e acadou a maioría nos procesos electorais autonómicos. A medida que transcorre a autonomía o nacionalismo vai gañando representatividade, ata converterse, en mans do BNG, na terceira forza política dende 1989, cun maior número de votos nas cidades e no sector occidental do país.

Os gobernos de Albor: 1982-1985; 1986-1987

Integrado nas listas de AP pola Coruña, o 8 de xaneiro Gerardo Fernández Albor foi elixido primeiro presidente da Xunta cos votos de AP, UCD e tres galeguistas. As primeiras cuestións que afrontou o goberno foron a transferencia de competencias do poder central ao autonómico e a capitalidade. A comisión da capitalidade designou a Santiago de Compostela como capital da comunidade autónoma e reservou para a cidade da Coruña a sede do futuro Tribunal Superior de Xustiza. Para o segundo mandato de Albor foron necesarios tres debates de investidura para acadar o apoio suficiente, como consecuencia da falta de maioría de Coalición Popular (AP, PDP, PL de Galicia e Centristas de Galicia). A crise do goberno evidenciouse cando o cesado Xosé Luís Barreiro Rivas se deu de baixa en AP, seguido doutros catro deputados. Cun goberno en minoría, o golpe definitivo veu da man dunha moción de censura pactada e gañada por PSOE, CG e PNG.

O Goberno Tripartito: 1987-1990

O novo goberno tomou posesión o 30 de setembro, presidido por Fernando González Laxe, do PSOE. Traballaron a prol de melloras económicas e sociais con iniciativas como a creación de novas universidades e o aumento de grupos escolares e de centros de saúde. Levaron adiante o proxecto de Lei da Xunta e do seu Presidente, aprobado por trámite de urxencia en setembro de 1988. O 23 de outubro de 1989 disolveuse o Parlamento galego e fixouse a data das eleccións para o 17 de decembro.

Os gobernos de Manuel Fraga

(1990 Manuel Fraga liderou as vitorias electorais desde 1990 (1993-1997-2001) con maioría absoluta. Tomou posesión da presidencia o 5 de febreiro de 1990 nun acto popular, no que realizou un chamamento á unidade e á galeguidade. Entre os obxectivos do seu goberno cómpre salientar o proxecto de organización comarcal integrado noutro máis amplo de reorganización administrativa, a consecuención de transferencias da administración central, a mellora das infraestruturas viarias, das comunicacións e do sistema enerxético, que teñen como finalidade a modernización e equiparación de Galicia co resto do Estado. A promoción cultural e turística baseouse na potenciación dos produtos galegos e da súa comercialización (Galicia-calidade, Turgalicia) e no desenvolvemento de programas como o Xacobeo. No seu cuarto mandato, o desastre ecolóxico ocasionado polo afundimento do petroleiro Prestige, en novembro de 2002, deu lugar a unha gran mobilización popular de protesta. A sociedade civil respondeu ante a marea negra de fuel que inundou as costas galegas con cuantiosas mostras de solidariedade.

O desenvolvemento cultural



A arte neoclásica

O neoclasicismo iniciouse trala modificación dos planos da fachada da Acibechería, trazada por Lucas Ferro Caaveiro, que rematou Domingos Lois Monteagudo (1723?-1786), introdutor do novo estilo na cidade de Santiago de Compostela; entre outras obras, destaca a da capela da Comuñón. Outras construcións son o palacio de Rajoy; a capela das Ánimas, Santa María do Camiño e o novo edificio da Universidade, obras de Miguel Ferro Caaveiro (1740?-1807); e San Bieito do Campo e San Miguel dos Agros, obras de Melchor de Prado Mariño (1770?-1834). A Ilustración promoveu un novo urbanismo e a construción de edificios públicos con fins utilitarios, como centros sanitarios e militares e edificios institucionais, como arquivos e casas do concello. Neste sentidoo cómpre destacar o labor dos enxeñeiros militares chegados de fóra de Galicia. A renovación urbanística produciuse en Ferrol coa creación do Arsenal, do que destaca a Sala de Armas e a porta do Dique, e dun novo barrio, A Magdanela, onde se erixiu a igrexa de San Xián, o Hospital da Caridade e o cuartel de Batallóns. O establecemento da Capitanía Xeral de Galicia e do Real Consulado Marítimo na Coruña permitiu o desenvolvemento urbano da cidade, coa ampliación do barrio da Pescadería, e a construción de diversos edificios como os que acolleron estes dous organismos. Ademais, cómpre destacar, entre outras obras neoclásicas, o Arquivo Xeral do Reino de Galicia de Betanzos, que non chegou a cumprir tal función, e a fachada da catedral de Lugo. As novas ideas académicas representounas na escultura Xosé Ferreiro (1738-1830), autor das imaxes realizadas para os altares laterais de San Martiño Pinario e da Minerva que remataba o edificio da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén destacaron Filipe de Castro (1711?-1775), Antonio Fernández o Vello e Xoán Antonio Fabeiro. Non obstante , a pintura non tivo un amplo desenvolvemento no s XVIII; entre os primeiros pintores que adotaron o neoclasicismo cómpre destacar a Manuel Arias Varela (1730-1790), Manuel Landeira Bolaño (1736-1790), José Terán e Gregorio Ferro Requeijo (1742-1812), pintor académico que desenvolveu unha ampla traxectoria fóra de Galicia. No s XVIII asistiuse a un auxe do gravado da man dos Pecoul, dos Piedra e de Caetano Jordán (1753-1853).

O clasicismo musical

A produción musical deste período destinouse, en gran parte, ao culto litúrxico, e a música profana medrou e diversificouse. Apareceu a ópera e as formas de música popular urbana: bandas de música, orfeóns, músicos de café, etc. As catedrais e igrexas foron puntos fundamentais de creación e apoio musical e destino de músicos estranxeiros. De grande importancia foron as capelas de música de Mondoñedo, Tui, Ourense, Lugo e Santiago de Compostela, onde se asentaron mestres de capela e músicos de gran relevancia. O reinado de Carlos III correspondeuse co apoxeo musical das catedrais galegas. A partir de 1808 produciuse un declive musical, debido a problemas internos nas catedrais, ás guerras e, posteriormente, coa chegada do Trienio Liberal, á redución de capital das catedrais. Da segunda metade do s XVIII datan as primeiras noticias de representacións de ópera en Galicia, realizadas por compañías de artistas ambulantes que tiñan como repertorio as óperas bufas italianas. Co paso do tempo, a ópera acadou un gran nivel de popularidade e moitos dos músicos relacionados coas catedrais participaban nas súas postas en escena. A partir de 1840 empezáronse a edificar ou reedificar diferentes teatros na Coruña (1842), Pontevedra (1848) e Vigo (1855), e comezaron a representarse obras de Rossini, Bellini, Verdi e Pucini, entre outros compositores.

Arquitectura dos ss XIX e XX

Durante o primeiro terzo do s XIX mantivéronse as formas neoclásicas coa obra de Fernando Domínguez Romay (1740?-1818?), autor da Aduana Marítima da Coruña; Melchor de Prado Mariño, autor da igrexa colexiata de Santa María de Vigo; e Aleixo Andrade Yáñez, autor da capela do cemiterio de Santo Amaro na Coruña. Dende a segunda metade do s XIX desenvolveuse o eclecticismo e o historicismo na construción de edificios de carácter público, ao ser o Estado o principal cliente. Acometéronse tamén desenvolvementos urbanísticos co derrubamento das vellas murallas das cidades e coa construción de ensanches e barrios. Destacaron os arquitectos Manuel de Prado Vallo e Daniel García Vaamonde en Santiago de Compostela; Faustino Domínguez Domínguez (1811-1890), Juan de Ciórraga (1836-1931) e Faustino Domínguez Coumes-Gay (1844-1900) na Coruña; Ángel Losín Fernández (1828-?), Rafael de Luque Lubián, Nemesio Cobreros (1846-1909) e Luís Bellido en Lugo; e Alexandre Rodríguez Sesmero en Pontevedra. Os novos materiais empregáronse en obras de enxeñería, como na antiga ponte internacional de Tui. No primeiro terzo do s XX desenvolveuse o modernismo, que conviviu coa pervivencia dos estilos decimonónicos. Na Coruña cómpre destacar a obra de Riccardo Boán Callejas (1880-1915), Julio Galán Carvajal (1875?-1939) e Antonio López Hernández (1879-1950); en Vigo, Bieito Gómez Román (1868-1905), o seu irmán Manuel Gómez Román (1876-1964), Xenaro de la Fuente Domínguez (1851-1922) e Xosé Franco Montes (1879-1922); en Santiago de Compostela, Jesús López de Rego; e en Ferrol, Rodolfo Ucha Piñeiro (1882-1981). Nos anos vinte desenvolvéronse diversas tendencias estilísticas; destacou Rafael González Villar (1887-1941), autor dunha obra que evolucionou dende o eclecticismo e o modernismo vienés cara a formas racionalistas. Na cidade herculina construíuse en 1922 o edificio do Banco Pastor, obra de Antonio Tenreiro Rodríguez e Peregrín Estellés (1891-?), no que se empregou o formigón armado na súa estrutura e no que se incluíron os avances tecnolóxicos da época na instalación de ascensores, telefonía e nas obras de saneamento e outros detalles. A obra de Antonio Palacios (1876-1945) estivo marcada por un eclecticismo e un monumentalismo reflectido nas obras que realizou en Galicia, como o Teatro García-Barbón de Vigo (Centro Cultural Caixanova), a casa do concello do Porriño e a igrexa da Vera Cruz do Carballiño. Nos anos trinta, os arquitectos formados nas escolas de Madrid e Barcelona introduciron os postulados racionalistas. O pioneiro foi Santiago Rey Pedreira; amais del destacaron Francisco Casto Represas (1905-1997), Pedro Alonso Pérez (1908-1990), José María Banet (1903-1984), José Caridad Mateo (1906-?), Eloy Maquieira e Antonio Álex Reylen. Na recuperación dos estilos históricos destaca a reordenación neobarroca da Cidade Universitaria de Santiago de Compostela, de Xenaro de la Fuente Álvarez (1891-1963), realizada antes da Guerra Civil. O illamento internacional da España de F. Franco reflectiuse na arquitectura co mantenemento dos estilos históricos ata que a apertura dos anos cincuenta permitiu a integración na modernidade. En Galicia veu da man de Andrés Fernández-Albalat (1924) na Coruña e de Xosé Bar Boo (1922-1994) en Vigo. Ademais, cómpre salientar a Juan Castañón de Mena (1903-1982), José Antonio Corrales (1921) e Alejandro de la Sota (1913-1996). Trala depresión de posguerra, a recuperación económica dos anos sesenta tamén se reflitiu na arquitectura. Entre os arquitectos titulados nesta década, na que comezaron a súa andaina, cómpre destacar a Manuel Gallego Jorreto (1936), César Portela (1937), Pascuala Campos (1938), Rafael Baltar (1933), Bartolomé Argüelles (1934) e Alberto Noguerol (1934). En 1973 naceu o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), ao abeiro do que se creou a Escola Superior de Arquitectura da Coruña. Os novos arquitectos mostraron interese pola tipoloxía tradicional galega e valoraron a concepción volumétrica e outros elementos definidores da mesma. Cómpre destacar a Alfredo Freixedo Alemparte (1946), Alfonso Penelas (1955) e Julio Cano Lasso (1920-1996). A comezos dos anos oitenta comezaron a traballar os primeiros arquitectos formados en Galicia que, xunto cos membros da xeración anterior e outros chegados de fóra, introduciron as novas tendencias internacionais sen esquecer o aspecto galego. Na primeira mostra de Atlántica (Baiona, 1980) presentaron proxectos arquitectónicos; entre outros, Fernando Blanco, Alfredo Freixedo, Celestino García Braña, Francico Javier Pena e Iago Seara. Ademais da creación de obras orixinais, cómpre destacar o labor de restauración e da rehabilitación do patrimonio, como o de Santo Estevo de Ribas de Sil, obra de Xosé Xabier Suances, Alfredo Freixedo e Manuel Vecoña; o do cuartel de San Fernando de Pontevedra para acoller a facultade de Belas Artes de Pontevedra, obra de César Portela; o da Casa da Parra en Santiago de Compostela, proxectada por Iago Seara; e o do antigo cárcere e os xulgados de Vigo para convertelo no Museo de Arte Contemporánea (MARCO), obra de Manuel Portolés Sanjuán, Francisco Javier García-Quijada Romero e Salvador Fraga Rivas. A restauración da catedral de Santiago de Compostela (1999) recibiu o Premio Europa Nostra. Dende a década dos oitenta traballaron en Galicia arquitectos internacionais, como Álvaro Siza, autor do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e do Parque de Bonaval en Santiago de Compostela; Arata Isozaki, que realizou a Domus da Coruña con César Portela; e Aldo Rossi, autor do Museo do Mar de Galicia (Vigo) xunto con César Portela.

Pintura dos ss XIX e XX

A pintura galega comezou o s XIX inserida na tradición neoclásica, presente na obra de artistas, como Plácido Fernández de Arosa (1760-1833) e Agostiño Díaz Robles (1812-1867). A ausencia dunha escola pictórica galega foise superando ao longo do século coa creación de centros de ensino, coa fundación da Academia Provincial de Bellas Artes da Coruña (1849) e doutras institucións culturais, e coa creación de bolsas, concedidas polas deputacións provincias, que lles permitiron aos artistas formarse fóra de Galicia, en Madrid, París e Roma, fundamentalmente. Ademais comezaron a celebrarse exposicións nas que as artes plásticas tiveron o seu protagonismo. A maioría dos pintores galegos foron profesores nos diversos centros de ensino, aos que se incorporaron tamén artistas procedentes doutros puntos de España que se integraron na vida galega, de xeito que se consideran representantes da pintura galega ao igual que os aquí nacidos. A estes dous grupos hai que engadir os pintores nacidos en Galicia pero que desenvolveron fóra a súa traxectoria . O romanticismo atopou en Xoán Xosé Cancela del Río (1803-1886) un dos seus primeiros representantes. O ferrolán Xenaro Pérez Villaamil (1803-1854) foi o prototipo de paisaxista romántico. No debuxo e na paisaxe arqueolóxica cómpre destacar a Ramón Gil Rey (1818-1844) e a Federico Guisasola (1830-1882) e, no costumismo, a Dionisio Fierros (1827-1893). A superación da paisaxe romántica veu da man de Serafín Avendaño (1838-1916), que evolucionou dende a paisaxe romántica ata o realismo iluminista. Entre os pintores que comezaron a desenvolver a súa actividade na segunda metade do s XIX cómpre destacar a Xosé Garabal Louzao (1835-1907), Francisco Sobrino Iglesias (1824-?), Xosé María Salgado Rodríguez (1836-?), Vicente Valderrama Mariño (1827-1864) e Leopoldo Villaamil García de Paredes (1841-1885). A finais do s XIX triunfaron as correntes eclécticas e historicistas e a busca da veracidade que levou ao naturalismo e á pintura social. Produciuse un rexurdimento da plástica co labor dos pintores profesores formados no academicismo. Destacaron Josep Maria Fenollera Ibáñez (1851-1918), Modesto Brocos (1852-1936), Román Navarro (1854-1928), Eduardo de la Vega Balanda (1859-1943), Gumersindo Pardo Reguera (1847-1916) e Arturo Souto (1862-1940). O s XIX péchase cos pintores nados ao redor de 1870 e mortos nos inicios da centuria seguinte en pleno proceso formativo, a denominada Xeración Doente ou Dorida: Ovidio Murguía (1871-1900), Xoaquín Vaamonde (1871-1900), Ramón Parada Justel (1871-1902) e Xenaro Carrero Fernández (1874-1902). A Desfeita do 98 marcou o inicio do s XX. Asistiuse á superación dos temas decimonónicos e á adopción dun certo primitivismo que buscaba mostrar as características particulares de España e dos distintos pobos que a formaban. Os rexionalistas cultivaron temáticas referidas á terra, como a paisaxe, e escenas de xénero e costumistas desenvolvidas en estilos diferentes que evolucionaron de xeito diverso. O máximo representante do rexionalismo galego foi Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960), ademais de Roberto González del Blanco (1887-1959), Xoán Luís López García (1894-1984), Francisco Lloréns (1874-1948), Xesús Rodríguez Corredoira de Castro (1887-1939), Elvira Santiso García (1872-1961), Carlos Sobrino Buhigas (1885-1978), Mariano Tito Vázquez (1870-1952) e os paisaxistas Manuel Abelenda Zapata (1889-1957), Filipe Bello Piñeiro (1886-1952), Enrique Campo Sobrino (1890-1911), Imeldo Corral González (1889-1976), Xosé Seixo Rubio (1881-1970), Alfredo Souto (1862-1940) e Xermán Taibo (1899-1919). O modernismo reflectiuse na obra de debuxantes e ilustradores que incluíron tamén nas súas propostas o sentimento nacionalista e a preocupacion social; destacaron Manuel Bujados (1889-1935), Máximo Ramos (1890-1949), Federico Ribas Montenegro (1892-1952) e Camilo Díaz Baliño (1889-1936). Pola súa banda, Castelao (1886-1950) comezou realizando un debuxo idealizante e lírico na liña da Xeración do 98 para despois realizar unha arte dura e realista e de compromiso coa situación sociopolítica galega, da que destacan os álbumes, Nós (1931), Galicia Mártir (1937) e Atila en Galicia (1937). O ambiente cultural da Segunda República propiciou o desenvolvemento da primeira vangarda que tanto na forma como na temática non perdeu o seu carácter galego. A este ambiente contribuíron as bolsas e axudas que, dende os anos vinte, lles permitiron a estes artistas formarse fóra de Galicia, a publicación de revistas como Ronsel e Resol, e a celebración de parladoiros artísticos e literarios como o dos cafés Derby en Santiago, Moderno en Pontevedra, Derby en Vigo e Galicia na Coruña. A tradición e a vangarda permaneceron unidas no que se chamou o Movemento Renovador da Arte Galega ou Os Renovadores: Carlos Maside (1897-1958), Manuel Torres Martínez (1901-1995), Manuel Colmeiro Guimarás (1901-1999), Cándido Fernández Mazas (1902-1942), Arturo Souto Feixóo (1902-1964) e Laxeiro (1908-1996). O surrealismo tivo en Galicia a dous dos seus máximos expoñentes, Maruja Mallo (1902-1995) e Eugenio Fernández Granell (1912-2001); xunto a eles cómpre destacar a Urbano Lugrís (1906-1973) e a Mario Fernández Granell (1914-1991), que nas súas últimas obras se achegou ao informalismo. Tamén se relacionaron en certa medida co surrealismo, ou tomaron algún elemento desta estética, Francisco Miguel Fernández Moratinos (1899-1936) e Álvaro Cebreiro (1903-1956). Ademais destes artistas cómpre destacar a Virxilio Blanco (1896-1949), María do Carme Corredoira (1893-1970), Xosé Frau (1898-1976), Firmino González Prieto (1887-1987), Manuel López Garabal (1907-1981), Xulia Minguillón (1906-1965), Luís Mosquera (1889-1987), Luís Pintos Fonseca, Carmen Rodríguez de Legísima (1896-1980) ou Concha Vázquez (1906-1971). Trala Guerra Civil e a imposición do réxime franquista, os artistas tomaron un dobre camiño; por unha banda, os comprometidos politicamente coa loita republicana e galeguista víronse obrigados ao exilio, e pola outra, os que permaneceron no país tiveron que convivir coa estética oficial imposta polo Estado baseada no academicismo e clasicismo e amparáronse no silencio como resposta a ela. Entre os exiliados cómpre destacar a Luís Seoane (1910-1979) que, ademais dunha importante actividade artística, levou a cabo un importante labor editorial e cultural dende Bos Aires. Nos primeiros anos da posguerra comezou a despuntar unha nova xeración que asumiu as linguaxes dos Renovadores; entre outros, Manuel Pesqueira (1911-1988), Manuel Prego de Oliver (1915-1986), Luís Torras (1912), e Isaac Díaz Pardo (1920) que desenvolveu tamén un importante labor cultural durante o Franquismo e os anos posteriores coa recuperación de Sargadelos e a creación das diferentes empresas que forman o seu grupo. A finais dos anos cincuenta comezaron a traballar Xosé Conde Corbal (1923-1999), Virxilio Fernández Cañedo (1925) e Jorge Castillo (1933), e a comezos da década seguinte cómpre destacar os denominados por Vicente Risco Os Artistiñas, grupo integrado, entre outros, por Xaime Quessada (1937) e Xosé Luís de Dios (1943). Dende os anos sesenta a pintura galega participou, en maior ou menor medida, das tendencias pitóricas occidentais dirixíndose ben cara á figuración ben cara á abstracción. Entre os primeiros pintores abstractos destacan Antonio Lago Rivera (1916-1990), Manuel Suárez Molezún (1920-2001), Manuel Mampaso (1920), José María de Labra (1925-1994); a abstracción foi continuada por Leopoldo Nóvoa (1919), Fernando Lodeiro (1932-1996), Antón Goyanes (1934), Manuel Ruibal (1942), Manuel Facal (1943), Francisco Mantecón (1948-2001), Armando López Guerra (1948) e, sobre todo, por Reimundo Patiño (1936-1985). A medio camiño entre a abstracción e a figuración atópase a obra de Tino Grandío (1925-1977). Na figuración sobresaíron María Antonia Dans (1922-1988), Tomás Barros (1922-1986), Antonio Tenreiro (1923), Julio Fernández-Argüelles (1923-2002), Agustín Pérez Bellas (1927-1982), María Victoria de la Fuente (1927), Antón Abreu Bastos (1927), Felipe Criado (1928), Alexandre González Pascual (1930-1993), Alfonso Abelenda (1931), Antonio García Patiño (1932), Xulio Maside (1933), Mercedes Ruibal (1936), X. Barreiro Gómez (1940) e Elena Gago. Os anos 80 veñen marcados por Atlántica, proposta artística integrada por pintores, escultores e arquitectos e promovida por Menchu Lamas (1954), Antón Patiño (1957), Ánxel Huete (1944) e Guillerme Monroy (1954-1982). Nacida co fin de renovar a estrutura artística galega, converteuse nun movemento de vangarda ao redor do que se desenvolveu a arte posterior. Na primeira mostra que tivo lugar en Baiona en 1980 participaron, ademais dos promotores, os pintores José Lodeiro (1932-1996), Antón Goyanes (1934), Alberto Datas (1935), Reimundo Patiño (1936-1985), Manolo Ruibal (1942), Manuel Facal (1943), Armando López Guerra (1948), Vidal Souto (1948), Francisco Mantecón (1948-2001), Manuel Moldes (1949), Xavier Correa Corredoira (1952), Xosé Fernández Freixanes (1953), Xaime Cabanas (1953) e Antón Lamazares (1954). Dende aquela a pintura galega participa dos distintos movementos e tendencias da arte ao tempo que aumentou o número de pintores; entre outros moitos, cómpre destacar a Alfonso Sucasas (1940), Ánxel Sevillano (1942-1994), Antón Pulido (1944), Manuel Quintana Martelo (1946), Morquecho (1946), Roberto González Fernández (1948), Amando (1951), Carmen Chacón (1954), Din Matamoro (1958), Tono Carbajo (1960), Xurxo Gómez-Chao (1960), Xurxo Martiño (1964), Antonio Murado (1964), Almudena Fernández (1970) e Tatiana Medal (1971).

Escultura dos ss XIX e XX

O s XIX comezou baixo os ideais e principios da centuria precedente. O neoclasicismo mantívose na obra de Manuel de Prado Mariño (1773?-1822), Bertomeu Fernández, Xoán Pernas (1774-1846) e Antonio Sanxurxo. Cunha temática fundamentalmente relixiosa, destacou Francisco Rodeiro Permuy (1813-1873). Como sucedía na pintura, a renovación veu da man dos artistas profesores, formados fóra de Galicia pero que desenvolveron aquí o seu maxisterio e andaina, entre outros Isidoro Brocos (1841-1914), que introduciu na escultura as escenas de costumes. Desenvolveuse a escultura pública de carácter conmemorativo na que destacou Xoán Sanmartín de la Serna (1830-1898). O eclecticismo característico do s XIX amósase na obra de Maximino Magariños (1869-1927). Dende finais do s XIX comezaron a empregarse os modos modernistas, introducidos polo gaditano Ramón Núñez (1894-?). A temática costumista foi cultivada polos escultores da Xeración do 98, entre outros Rafael de la Torre Mirón (1871-1937), autor dunha obra situada a medio camiño entre o eclecticismo e o modernismo. O tránsito ao s XX representouno Francisco Asorey (1889-1961), autor dunha obra realista enraizada na tradición escultórica galega. Xunto a el cómpre destacar a Xosé Mateo Larrauri (1885-1958), Fernando Campo Sobrino (1886-1957), Santiago Bonome (1901-1995), Emilio Madariaga (1886-1857), Narciso Pérez Rey (1904-1930) e, entre os discípulos e colaboradores de Asorey, Xosé María Acuña (1903-1991). No grupo dos Renovadores integrouse Gabriel Eiroa Barral (1892-1935), que se afastou do folclorismo e do anecdótico. A obra de Cristino Mallo (1905-1989), formado nos anos previos á Segunda República e integrado no seu ambiente cultural e político, reflectiu un realismo neohumanista. Trala Guerra Civil, a escultura galega mantívose nos canons das linguaxes primitivas e expresionistas baseadas na estética de Asorey e Eiroa, continuada por Antonio Faílde (1907-1979) e o seu discípulo Arturo Baltar (1924?). Entre os nacidos na década de 1920, que comezaron a desenvolver a súa traxectoria artística nos cincuenta, destacaron Xoán Piñeiro (1920-1980), Xesús Valverde Alonso (1925-1993), Carlos García González (1926) e Xoán Oliveira (1928-2002). Trala posguerra e durante os anos sesenta mantivéronse os trazos tradicionais da escultura galega baseada na importancia da materia e da técnica, e a partir dos anos setenta comezou a renovación coa apertura da arte galega ao exterior e coa adaptación de novas técnicas, estilos, materiais e tecnoloxía. Coa recuperación económica desenvolveuse unha nova escultura pública, eido no que sobresaíu Camilo Nogueira (1904-1982). Nestas décadas comezaron a destacar Camilo Otero (1932), Francisco Otero Besteiro (1933-1996), Xoán Otero García Eiravella (1934), Manuel García de Buciños (1938), Acisclo Manzano (1940), José Díaz Fuentes (1940) e Xosé Cid Menor (1946). A renovación artística proposta por Atlántica nos anos oitenta contou na súa primeira mostra coa presenza dos escultores J. Díaz Fuentes, Silveiro Rivas (1942), Mon Vasco (1951-1983), Ignacio Basallo e Saco, aos que se uniron Francisco Leiro (1957) e Luís Borrajo (1950). Dende os anos oitenta, asumíronse as novas linguaxes escultóricas e o emprego de novos materiais aínda que tamén se mantiveron aspectos característicos da escultura galega como a talla directa. Ademais a nómina de escultores aumentou considerablemente. Entre outros compre destacar a Soledad Penalta (1944), Fernando Casás (1946), Paco Pestana (1949), Manuel Patinha (1949), Jorge Barbi (1950), Enrique Conde (1950), Ramón Conde (1951), Manolo Paz (1951), Moncho Amigo (1952), Álvaro de la Vega (1954), Enrique Velasco (1954), Pepe Galán (1955), Xurxo Oro Claro (1955), Rosalía Pazo (1956), Lomarti (1957), Xosé Manuel Castro (1959), Xoán Anleo (1960), Xesús Valmaseda (1960), Francisco Pazos (1961), Jorge Barreiro (1963) e Guillermo Díaz Charlín (1968). Nos traballos de cérámica sobresaíron Elena Colmeiro (1932), María Xosé Díaz (1949), Xavier Toubes (1947), Caxigueiro (1955) e Miguel Vázquez (1956).

Cartelismo e gravado

Unha das representacións máis características e relevantes da arte galega do s XX é a produción de carteis. Os primeiros carteis realizados en Galicia anunciaban festas relixiosas de carácter local. Foron realizados por pintores, ilustradores e debuxantes e, tralo concurso convocado en 1909 polo concello de Santiago para anunciar as festas do Apóstolo, proliferaron os que anunciaban os distintos festexos. O pavillón galego da Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929 decorouse con gravados alusivos a Galicia realizados, entre outros, por Camilo Díaz Baliño, Carlos Maside, Arturo Souto, Federico Ribas e Manuel Castro Gil. Como medio publicitario empregouse en todo tipo de anuncios, tanto de carácter cultural (Coral de Ruada de C. Díaz Baliño, 1931), deportivos (Primeira Volta Ciclista a Galicia, 1933), turísticos e comerciais, nos que destacou Federico Ribas. Por outra banda, o cartel de carácter político comezou a desenvolverse durante a Segunda República coa campaña a favor do Estatuto de 1936 para o que realizaron carteis Castelao, Díaz Baliño, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Ao longo do s XX numerosas iniciativas culturais e políticas fixeron uso do cartel para anunciarse. A tradición do gravado en Galicia remóntase aos obradoiros composteláns do s XVIII; entre outros, o dos Piedra. Nesta tradición realizáronse os gravados do s XIX e dos inicios do s XX. Nesta época destacaron Máximo Ramos (1880-1944), Manuel Castro Gil (1891-1961), nas técnicas da augaforte e da punta seca, e Xulio Prieto Nespereira (1896-1991) e Enrique Mayer Méndez (1907-?). A renovación técnica veu da man de Castelao e Xaime Prada (1891-1966), que introduciron o linogravado, e a renovación temática da escola linoleística de Pontevedra que realizou temas políticos e satíricos. Foi unha técnica cultivada por numerosos artistas como Carlos Sobrino, Carlos Maside, Manuel Torres, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Laxeiro e Luís Seoane. Nos anos sesenta desenvolveuse baixo o liderado de Reimundo Patiño o grupo Estampa Popular Galega, no que tiveron cabida tanto as tendencias neofigurativas como as correntes informalistas. Posteriormente, destacaron Díaz Pardo, Xosé Conde Corbal, Virxilio, Jorge Castillo, Alfonso Costa Beiro, Jesús Núñez e Manuel Facal. Ademais cómpre destacar a celebración do Premio Internacional de Gravado Máximo Ramos, da Bienal do Gravado Caixanova Premio Julio Prieto Nespereira e o labor da Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea, da que depende o Museo de la Estampa Contemporánea en Betanzos, e da Fundación do Museo do Gravado e da Estampa Dixital de Artes en Ribeira.

Cine

A expansión do cine fixo chegar á cidade da Coruña o espectáculo das imaxes en movemento a principios de setembro de 1896. En 1898, Joseph Sellier Loup, fotógrafo de orixe francesa que residía na Coruña, realizou, seguindo as pautas formais e temáticas dos Lumière, as primeiras obras rodadas en Galicia: Entierro del general Sánchez Bregua, Desembarco de heridos de Cuba, Salida de misa de San Jorge, Orzán e Oleaje, documentais perdidos, pero que sitúan a súa práctica cinematográfica case ao mesmo nivel da coetánea realizada noutros lugares de Europa. Viñeron, logo, uns anos de inactividade “creativa”, ata a irrupción no apartado do cine doutro fotógrafo, Xosé Gil Gil. Vigo, e a provincia de Pontevedra, foron o escenario máis habitual do seu traballo, dende a década de 1910 ata a consolidación do sonoro a principios de 1930. Coa montaxe do primeiro taller de cine de Galicia en 1910, foi o iniciador do cine galego de ficción ao fotografar o “guión” do escritor R. López de Haro, Miss Ledya (1916). Así mesmo, foi o creador de empresas produtoras como Galicia Films (1919) e Galicia Cinegráfica (1927), para a que confeccionou o Noticiario de Galicia, do que fixo once números, e que se pode considerar como o primeiro exemplo galego de xornalismo cinematográfico; tamén realizou filmes que se poden incluír no campo do cinema publicitario industrial, como a obra recuperada Talleres Alonarti. Por outra parte, ao longo de todos eses anos realizou variadas filmacións para asociacións galegas en América, o chamado “cine de correspondencia”. A pesar da diversidade apuntada, o seu esforzo foi practicamente individual, sen apenas colaboracións económicas significativas. O cine galego non conseguía acadar unha estruturación industrial. Movíase, pois, no ámbito do cine afeccionado, aínda que os traballos de Gil non encaixasen estritamente no que se entende como tal, do que unha das súas compoñentes é a de constituír unha alternativa ao cine comercial. Nos anos vinte, e coincidindo co período primorriverista, tres filmes españois, con produción madrileña e cunha participación autóctona, toman paisaxes e, en menor medida, temas galegos como marco das súas historias. Son Maruxa (1923), de Henry Vorins; La casa de la Troya (1924), de Alejandro Pérez Lugín e Manuel Noriega; e Carmiña, flor de Galicia (1926), de Rino Lupo. Esta última, que contén localizacións portuguesas, sobrepasa a visión tópica e folclorista das outras e, como no cine sueco, nalgunhas secuencias emprega a natureza como espello das oscilacións psicolóxicas dos protagonistas. Sobre textos literarios de autores máis vinculados coa cultura galega fixéronse outros dous filmes, La Virgen del Cristal (1925), dos irmáns Lois Piñeiro, sobre o poema de M. Curros Enríquez, e La tragedia de Xirobio (1930), de José Signo para a Vicus Films, sobre un conto de Castelao. Durante a Segunda República houbo uns tímidos intentos de unir arte cinematográfica e función política; tamén nesta época se produciu o inicio da actividade de dous cineastas ourensáns, Antonio Román e Carlos Velo, con traxectorias diverxentes despois do remate da Guerra Civil. O primeiro permaneceu en España, onde desenvolveu o seu labor ata finais da década de 1960. Velo marchou ao exilio, a México, do que só volveu temporalmente, ata despois de 1975. Outras referencias do tempo republicano son os traballos de Xosé Suárez e os dos irmáns Enrique e Ramón Barreiro que, en Pontevedra, puxeron en marcha a produtora Folk (1932), que prolongou a súa actividade no franquismo. De Suárez queda a memoria escrita e fotográfica da desaparecida obra Mariñeiros, película que, para a produtora Cifesa, resultou afectada polo inicio da guerra. Isaac Fraga, o empresario galego de espectáculos, a través da empresa Films Patria financiou a rodaxe de documentais bélicos; entre outros, as que mostran a participación de soldados galegos na loita (De Vigo a Mérida; En el frente de Asturias), algo semellante ao que fixera, nos anos vinte, durante a guerra no N de África. Na inmediata posguerra, a principios da década de 1940, o vigués Cesáreo González decidiu crear unha casa produtora con sede en Madrid, Suevia Films. Durante case dúas décadas foi a produtora máis prolífica da cinematografía española, con actores e directores asalariados, unha fórmula empregada xa por Cifesa, nunha copia do sistema estadounidense. González contribuíu ao mantemento da imaxe tópica de Galicia con obras como Mar abierto (1946) e Sabela de Cambados (1948), dirixidas por Ramón Torrado. Na liña das producións de González, o cine español que empregaba a paisaxe galega como escenario continuou durante varios anos. As décadas de 1940, 1950 e a primeira metade da de 1960 foron anos de expansión das salas cinematográficas, tanto no medio urbano coma no rural, seguindo unha corrente común a todo o territorio español. Algúns dos cines que superaban as mil localidades eran o Xesteira (Ourense, 1942), Victoria (Pontevedra, 1943), Capitol (Ferrol, 1946), Kursal (Lugo, 1947), Colón (A Coruña, 1948), Malvar (Pontevedra, 1948) e o Fraga (Vigo, 1948), o de maior capacidade, pois superaba as 1.500 localidades. Os irmáns Docampo e Xosé Ernesto Díaz Noriega, na Coruña, e Rafael Lucca de Tena, en Vigo, foron algúns dos cineastas afeccionados que mantiveron unha actividade regular, así Díaz Noriega con El cine amateur (1965) obtivo o primeiro premio da súa modalidade no festival de Cannes en 1967. En 1969 produciuse unha mínima ruptura no tratamento tópico de temas galegos no cine español coa rodaxe de El bosque del lobo, de Pedro Olea, sobre a novela do escritor coruñés C. Martínez Barbeito. Ourense acolleu dende 1973 as Xornadas de Cine, organizadas polo cineclub Padre Feixoo. Tamén nese tempo, Víctor Ruppen promoveu unha praxe, un tanto ecléctica, que deu como resultado curtametraxes e mediametraxes. Entre estas destacan Fendetestas (1975), de Antonio Francisco Simón; O cadaleito (1976), de Enrique Rodríguez Baixeras; O herdeiro (1976), de Miguel Gato; ou O pai de Migueliño (1976), de Miguel Castelo. Ao abeiro de varios cineclubs apareceron certames como o de Lugo (1967) e o de Vilagarcía de Arousa (1973), que serviron para que se asentasen os cineastas locais en formatos subestándar (maiormente en Super 8), como foi o caso de Benxamín Rey, Rafael Sabugueiro e Xoán Pinzás en Vilagarcía. Por outra parte, houbo colectivos cinematográficos cunha produción variada en puntos como Santiago de Compostela (Grupo Lupa, 1970-1974), A Coruña (Imaxe, 1973-1980) e Lalín (Deza, 1976-1982) coordinados, respectivamente, por Euloxio Rodríguez Ruibal, Carlos Aurelio López Piñeiro e Daniel González Alén. En 1980 estreouse a longametraxe Malapata, dirixida por López Piñeiro. Esta película sinala o límite do traballo afeccionado que quere chegar a profesional, pero que queda truncado na súa difusión, entre outras cousas, polo formato 16 mm e por unha duración atípica, un pouco máis dunha hora. Arredor de 1980 tamén comezou o estudo científico da historiografía cinematográfica en Galicia, coa Universidade de Santiago de Compostela como pioneira neste campo. Catro anos despois, e como resultado das primeiras axudas gobernamentais para a posta en funcionamento dun cine galego en galego, apareceron varias curtametraxes, das que destaca Mamasunción (1984), de Chano Piñeiro. Era o principio dun camiño que rematou coa Lei do Audiovisual de Galicia (setembro de 1999), que permitiu regular a actividade cinematográfica en Galicia. Dende 1988 a Televisión de Galicia foi unha peza moi importante para a conformación da imaxe interna e externa do audiovisual galego e, polo tanto, do cine, ao que se sumaron as sucesivas promocións que fixeron os seus estudios na Escola de Imaxe e Son (EIS) da Coruña, inaugurada en 1991. A estrea simultánea en Vigo de tres longametraxes galegas en novembro de 1989, anunciou a etapa cinematográfica dos anos 90. Os filmes, por riba das diferencias de produción e de estilo, tiñan en común ser os primeiros traballos especificamente comerciais de directores formados no cine non profesional. Trátase de Continental, de Xavier Villaverde; Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro; e Urxa, de Alfredo García Pinal e López Piñeiro. Na derradeira década do s XX desenvolveron a súa actividade cineastas como Héctor Carré (Dáme lume, 1994; Dáme algo, 1997), Raúl Veiga (A metade da vida, 1994; Arde amor, 1999), Xavier Bermúdez (Nena, 1997), Antonio Francisco Simón (A noiva de medianoite, 1997) e Xavier Villaverde (Fisterra, onde termina o mundo, 1998). Destaca tamén Juan Pinzás, que iniciou a súa andaina na década de 1980 con traballos en Super 8, ata chegar a fundar unha produtora propia, Atlántico Films. Entre as súas obras destacan as longametraxes La gran comedia (1986), Era outra vez (1999), coa que conseguiu, no 2001, o primeiro certificado “Dogme 95” do cine español, e Días de voda (2002). Así mesmo, o cine galego entrou con forza no campo da animación coa longametraxe O bosque animado (2001), dirixida por Ángel de la Cruz e Manuel González. Pero a imaxe cinematográfica de Galicia máis difundida está vinculada ao labor de autores non galegos, entre outros, José Luis Cuerda, (El bosque animado, 1987; A lingua das bolboretas, 1999) e Fernando León de Aranoa (Os luns ao sol, 2002), que tratan, respectivamente, o imaxinario fantástico de Galicia, dos anos da Guerra Civil nunha vila galega e da vida cotiá de traballadores en paro nunha grande urbe, Vigo. Cómpre lembrar que esta cidade foi tamén o escenario da mediametraxe de Chano Piñeiro, Esperanza (1986), sobre a incidencia do alcoholismo nunha familia obreira, e tamén de Lena (2001), de Gonzalo Tapia, sobre a relación da protagonista co mundo do tráfico de drogas. Outros filmes recentes son Cando volvas ao meu lado (1999), de Gracia Querejeta; Sei quen es (2000), de Patricia Ferreira; e Ilegal (2002), de Ignacio Vilar. Neste punto, o cine galego está na mesma liña temática ca o español e ca os cines periféricos europeos que presentan problemas reales da sociedade contemporánea. Outra liña narrativa é a de Trece badaladas (2002), de Xavier Villaverde, sobre un guión de Suso de Toro. A comezos do s XXI o feito cinematográfico en Galicia experimentou un certo avance, do que son boa proba as curtametraxes dos últimos anos. Así mesmo, cóntase con empresas e institucións, privadas e públicas, que apostan polo emprego do audiovisual, e con asociacións profesionais de recente implantación no sector.

Ciencia

A incorporación definitiva das disciplinas científicas modernas á Universidade de Santiago de Compostela acadouse co liberalismo a mediados do s XIX, sobre todo a partir dos plans de estudios impulsados por Pedro José Pidal (1845) e Claudio Moyano Samaniego (1857). Co plan Moyano, afastáronse dos de filosofía e puido falarse dunha facultade de Ciencias. A presenza simultánea e novidosa de diversas carreiras científicas (ciencias, medicina e farmacia), a mediados de século, deu lugar a un momento de certo esplendor. Unha nova xeración de científicos abordou un gran labor; o máis salientable foi Antonio Casares. A cátedra de Química creouse como consecuencia do plan de 1845 e na súa dotación e na formación do laboratorio tivo un gran protagonismo o reitor Juan José Viñas. O ensino medio oficial estaba constituído en Galicia, en 1868, por seis institutos, catro provinciais, os de Santiago, Pontevedra, Lugo e Ourense e dous locais, os da Coruña e Monforte de Lemos. A constitución dos institutos permitiu desenvolver unha docencia das materias científicas, a incorporación dun profesorado que desenvolveu, en xeral, un salientable labor, a creación de gabinetes científicos, museos de historia natural, xardíns botánicos, estacións meteorolóxicas e algunhas bibliotecas de interese. En España e Galicia foi a mediados do s XIX cando se articulou o primeiro proxecto de catalogación, en que destacou Mariano de la Paz Graells Agüera e Víctor López Seoane; este último desenvolveu unha ampla actividade ao longo de máis de corenta anos de recollidas e investigacións; ademais, prestou especial atención ao coleccionismo de seres naturais e aos intercambios con colegas de numerosos países. Outro naturalista destacado foi o leonés Gerónimo Macho Velado (1826-1899). Dende comezos do s XIX ata o s XX debe sinalarse o labor de matemáticos como V. Vázquez Queipo, M. Ulla Ibarzábal, F. Saavedra Meneses, M. Domínguez Hervella, E. Mosquera Quiroga, R. Vázquez Illa, T. Varela de la Iglesia, H. Gallego Armesto, D. Fernández Diéguez, E. Vidal Abascal e, especialmente, Durán Loriga e Ramón María Aller Ulloa (1878-1966). O interese polo estudo científico da agricultura levou, no s XIX, a crear centros especializados na investigación agraria. En Galicia concretouse na creación en 1888 da Granxa-Escola da Coruña. Débese sinalar a creación en Santiago, en 1961, do centro do CSIC denominado Instituto de Agrobiología de Galicia, orientado cara aos estudios de solos, botánica, fisioloxía vexetal e química orgánica. En 1970 creouse a Sección de Bioloxía da Facultade de Ciencias, feito que implicou un notable incremento da actividade docente e investigadora. En 1954 o CSIC creou en Vigo o Instituto de Investigacións Pesqueiras, en que se integraron investigadores como Ramón Margalef, Andreu, Manuel López-Benito e Fernando Fraga. En 1940 a Granxa da Coruña integrouse no INIA e, en 1971, reorganizouse por un programa do Banco Mundial para o desenvolvemento da investigación agraria. En Mabegondo creouse o Centro Regional de Investigación y Desarrollo Agrario, con programas de investigación dirixidos á economía gandeira e á agricultura. No pazo de Lourizán, que viña utilizándose como escola de verán da Escuela Superior de Montes de Madrid, creouse o Centro Regional de Enseñanzas, Investigaciones y Experiencias Forestales. Nas últimas décadas o cambio máis salientable foi o desenvolvemento dos estudios científicos universitarios -proceso en que incidiu notablemente a creación de dúas novas universidades-, que supuxo a extensión das modalidades científicas e o incremento nas investigacións.

Ensino

Os colexios de humanidades e as cátedras de latinidade deixaron paso aos institutos de bacharelato. Así creáronse os de Lugo (1842), Monforte (1848), Tui (1842-1847), Santiago, Pontevedra e Ourense (dende 1845) e A Coruña (1862); e, a finais da segunda década do s XX, creáronse os de Vigo e Ferrol (1927), Noia e Ribadeo (1928), Vilalba, Tui e A Estrada (1933). Posteriormente, durante o franquismo, procedeuse ademais á creación dos institutos laborais. Tamén se foron creando centros privados de ensino primario e secundario, ademais das escolas de comercio da Coruña (1850) e de Ribadeo (1856); as de náutica, nos mesmos lugares, e tamén por un tempo breve en Pontevedra e en Vigo. Os estudios de belas artes e de artes e oficios concentráronse na Coruña, en Santiago (1877), en Ferrol (1882), en Lugo, en Ourense e en Pontevedra e, con posterioridade, noutras vilas (Betanzos, Noia, Cee). Este desenvolvemento institucional, reducido aínda que constante, fíxose seguindo o espírito positivista e os avances científico-técnicos, tal e como deixan entrever os laboratorios de física e química e de historia natural deseñados para as ensinanzas industriais e modernas e presentes nunha parte dos anteriores centros. Mentres, as novidades no ensino primario, caracterizado por un escaso equipamento, foron menores ata ben entrado o s XX. Ata a aprobación da Lei Moyano (1857) non aumentou o número de escolas con respecto ao s XVIII. Non obstante , rexistráronse algunhas innovacións metodolóxicas, que as novas escolas normais estenden, ao redor do que se denominou o “ensino mutuo”. Este tipo de ensino introduciu a figura dos alumnos “monitores” que colaboraban cun mestre que podía atender así unha clase numerosa. Ademais comezou a ensinarse simultaneamente a lectura e a escritura. Finalmente, impúxose tamén a gradación de clases e a división de clases en niveis, realizando un ensino directo e simultáneo por parte do mestre; ademais o equipamento e o material didáctico dunha aula comezaba a diversificarse e a ampliarse, ao tempo que a organización escolar estatal, a centralización curricular, a existencia dun corpo de inspectores e a actuación da administración escolar provincial permitiu ordenar progresivamente unha rede escolar de crecente importancia, cara ás décadas finais do s XIX. No s XX, a modernización social e o dinamismo cultural incitaron a unha crecente alfabetización, á profundización da escolarización, á academización de saberes e a un crecente protagonismo dos docentes. Deste modo, Galicia pasou das 2.000 escolas públicas do inicio de século ás algo máis de 6.000 do ano 1935; con algún aumento nas escolas privadas e o innovador e modernizador fenómeno das escolas creadas polos emigrantes en América e polas súas sociedades. Neste clima expansivo desenvolveuse a modernidade pedagóxica, que propiciou unha certa europeización didáctica entre algúns sectores do profesorado e a realización dalgunhas innovadoras experiencias -algunhas delas empezaron a configurar o xermolo dun proxecto pedagóxico galego-, baixo o espírito da escola nova europea e a Institución Libre de Enseñanza. Unha pléiade de ilustres e cultos profesores e profesoras acompañou e promoveu esta mobilización educativa. Durante a Segunda República houbo neste senso un forte dinamismo, apoiado pola Revista de Pedagogía, dirixida por Lorenzo Luzuriaga, ou pola Escuela del Trabajo dos mestres ourensáns, a Escuela Vivida dos pontevedreses ou o Boletín de Vanguardia Pedagógica dos coruñeses. O inicio da Guerra Civil provocou a anulación de toda a configuración legal no campo da educación. Segundo diversos estudios realizados, no conxunto do profesorado galego, foron ao redor de cincuenta o número de profesores fusilados e asasinados; uns 700 foron sancionados con destitución e cesamento; case 800 sufriron outras sancións; e máis de 40 exiliáronse. O nacionalcatolicismo e a españolización, así como o tradicionalismo pedagóxico e o autoritarismo marcaron as perspectivas da escolarización, moi especialmente a partir de 1936 e ata mediados dos anos sesenta, momento en que, nun contexto de modernización capitalista comezou algunha modernización pedagóxica que non afectaba, sen embargo, á filosofía política educativa que inspiraba as intervencións escolares. Produciuse neste período unha parálise da política educativa e unha franca ruptura da procura republicana da escola unificada, isto é, daquel proceso que prevía crear vías públicas de extensión e de conexión entre a escolaridade primaria, o ensino medio e o universitario. Durante vinte anos a escolaridade primaria sufriu un retroceso sociolóxico e pedagóxico, mentres a educación secundaria quedou encomendada ás institucións eclesiásticas católicas, responsable da educación das clases medias. Con motivo dos plans de desenvolvemento dos anos sesenta comezou a demandarse socialmente un maior apoio á educación. A finais dos anos sesenta as estatísticas de alumnos escolarizados comezaban a mostrar un maior volume, aínda que a universidade non experimentou este aumento. Neste contexto cumpría unha reforma das estruturas escolares, preconizada ademais pola OCDE e o Banco Mundial, feito que conduciu á aprobación da Lei Xeral de Educación (1970) e á posta en marcha do Plan Galicia (1971). Era urxente que as autoridades políticas afirmasen o protagonismo público no desenvolvemento das estruturas educativas, feito que orixinou algunha crise con respecto á Igrexa Católica, que vía reducido o seu tradicional peso. Entre tanto, suscitábanse as primeiras manifestacións contrarias á política educativa franquista, tanto dende sectores populares incipientemente articulados arredor de formulacións políticas de orientación democrática, como dende algúns sectores profesionais politizados dende as universidades, ás que comezaban a acceder os fillos da burguesía e de sectores urbanos distanciados da dialéctica bélica dos “nacionais” e dende sectores sociais vinculados culturalmente ao galeguismo e á memoria familiar do que fora o período republicano. Iniciativas como a apertura do colexio privado Rosalía de Castro (Vigo), os cursos de galego realizados polo Facho na Coruña dende 1964, a creación da cátedra de Lingua e Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela (1965), a presenza dos primeiros xermolos das organizacións políticas nacionalistas, a posta en marcha do Instituto da Lingua Galega (1971) e algunhas campañas de prensa a prol da presenza do galego na escola (1972-1973), foron desembocando nos anos 1974 e 1975 na posta en marcha de iniciativas que pretendían desestabilizar o franquismo, entre elas a actividade aberta ao abeiro dos Coloquios de Parroquias, a creación da Asociación Católica de Mestres da Coruña, dende onde, e co apoio da editorial catalá Casals, se preparou o método de lecto-escritura Picariños, a posta en marcha dos primeiros núcleos da pedagoxía Freinet (ACIES) entre un profesorado disposto a secundar unha pedagoxía democrática. A partir de 1975 moitos proxectos que defendían unha escola en galego pasaron a ter continuidade coa publicación para escolares de Vagalume, que contou co antecedente de Axóuxere (La Región), mentres centos de ensinantes asinaron o Manifesto dos ensinantes galegos, ao que en poucos meses seguiu o Manifesto por unha Universidade galega e democrática, articulado por un grupo de profesores con ideoloxía democrática. O Colexio de Doutores e Licenciados convocou en 1976 as Primeiras Xornadas do Ensino, suspendidas pola autoridade gobernativa. Aínda así, constatouse a existencia dunha importante vontade social de desfacerse das vellas, tradicionais, autoritarias e caducas estrutruras escolares e de construír unha escola e unha educación democrática para Galicia. Comezou así un período de contestación social e tamén de creatividade no mundo da educación nun tempo de transición política. Entre 1977 e 1983 desautorizáronse os servicios de inspección técnica no ensino, mobilizáronse os ensinantes, creáronse diversos colectivos de renovación didáctica e pedagóxica, apareceron as primeiros revistas pedagóxicas en galego (As Roladas-2, impulsada polo Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega, O Ensino, promovida pola AS-PG en 1980), comezou a política editorial de creación de libros de texto en galego, introduciuse o sindicalismo entre os ensinantes, asentouse o asociacionismo dos pais nos centros públicos, o galego comezou a ser materia de estudo obrigatorio, nomeáronse, a partir de 1981, os primeiros catedráticos oficiais de lingua e literatura galega e comezou a debaterse a apertura dos currículos escolares á sociedade. Baixo a presenza do PSOE no goberno do Estado e a posta en marcha da autonomización política de Galicia, comezou a deseñarse o cambio educativo. Ao longo dos anos oitenta comezaron a atenderse as demandas de escolarización pública e a perfilarse o novo marco político-administrativo da educación en Galicia. Aprobouse a Lei de Normalización Lingüística (1983) e no propio Parlamento discutiuse sobre política educativa. A educación infantil, os estudios secundarios, a formación continuada do profesorado, a problemática das necesidades educativas especiais e a mesma universidade comezaron a gozar dunha atención pública novidosa. Así, ao longo dos anos oitenta, avanzouse na renovación educativa: os concellos comezaron a preocuparse pola educación, de tal modo que se crearon os primeiros departamentos municipais de educación (os primeiros, o de Vigo e o de Santiago) e, en 1985, celebráronse as primeiras xornadas de concellos e educación; suscitouse unha importante creatividade social e profesional da que son mostra o nacemento do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e a creación da Casa das Ciencias na Coruña -que marca unha dirección á didáctica das ciencias-; leváronse a cabo proxectos de innovación educativa, abriuse unha nova reflexión sobre o que debería ser a nova escola rural, feito que provocou a creación oficial dos Colexios Rurais Agrupados; organizáronse entidades socioprofesionais relacionadas co estudo e a atención á educación especial coa perspectiva da integración escolar e social (Quinesia, etc); botou a andar a Revista Galega de Educación (1986), acompañada un pouco antes de diversos suplementos de prensa (La Voz de la Escuela, Escola, A Pizarra, Na Escola); comezou a ter un espazo importante no mundo editorial galego a literatura infantil e xuvenil; puxéronse en marcha varias asociacións de ensinantes, como a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia; xurdiron colectivos de reflexión e elaboración no campo da filosofía, e editáronse libros de texto de diversas materias en galego -que aumentaron o seu número nos anos noventa. A finais dos anos 80, o novo goberno da Xunta de Galicia favoreceu este proceso innovador ao atender cuestións como a racionalización e a tecnificación da administración educativa, a modernización das infraestruturas escolares e o apoio a un clima de reforma escolar, para o que se creou o Gabinete de Reforma, entre outras iniciativas como os Centros de Formación Continuada do Profesorado, e a apertura dun debate social sobre a educación, no contexto xeral español previo á aprobación da LOXSE. Os anos 90 foron decisivos no desenvolvemento do sistema educativo en Galicia: o sistema acadou razoables niveis de calidade e de homologación co funcionamento do sistema educativo noutros contextos europeos. Nestes anos creouse un sistema universitario galego con tres universidades, e tamén tres facultades de Ciencias da Educación, feito que permitiu a consolidación de recursos técnicos e de investigación neste campo pedagóxico, que son necesarios para tarefas de tecnificación e modernización educativa. Ademais promoveuse o intercambio e o desenvolvemento científico de traballos de investigación precisos, a través do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, dos programas da Secretaría de Investigación da Xunta de Galicia e da realización de congresos e publicacións que adquiriron o recoñecemento internacional. O mundo editorial estaba máis aberto ás publicacións pedagóxicas e as novidades en soporte informático comezaban a introducirse nas aulas. Non obstante , o sistema escolar continuaba a ser un instrumento de desgaleguización, que afectaba negativamente á recreación dunha identidade cultural galega específica. Rematados os anos 90, o sistema educativo acadou importantes cotas de escolarización en todos os seus niveis educativos, con apreciables índices de calidade, tal e como se desprende dos informes elaborados polo Consello Escolar de Galicia. O profesorado, con calidade formativa, viuse moi afectado na súa estabilidade e horizontes profesionais por causa dos reaxustes de cadros docentes ocasionados pola implantación da LOXSE. A aplicación didáctica xeral é menos innovadora que en momentos anteriores, aínda que a cambio hai unha maior madurez nas vías de expresión innovadora: diversificouse e ampliouse a presenza de libros de texto en galego; destacan as experiencias levadas a cabo nos Colexios Rurais Agrupados e nalgunhas escolas rurais, que contaron co apoio de Centros de Recursos; e aumentou o número e calidade de proxectos educativos desenvolvidos dende a administración local. Nos diversos campos didácticos houbo un xeral proceso de coñecemento e de maduración nas intervencións educativas. Avanzouse, con reservas, en canto á integración de alumnado con necesidades educativas especiais, campo no que destaca a experiencia do centro O Pelouro de Caldelas de Tui. Reduciuse a dinamicidade dos movementos e colectivos de renovación pedagóxica, a cambio da xeneralización dalgunhas innovacións e da apelación aos centros como unidades de renovación. Dende eles, partiron algúns dos impulsos para a normalización lingüística e a galeguización do sistema educativo. Consolidouse a dinámica sindical, a través das organizacións sindicais da CIG -maioritaria no ensino público-, da FETE-UGT e de CC OO, en particular organizacións que manifestan orientacións e tradicións que forman parte do desenvolvemento educativo de Galicia. O Parlamento tamén interveu neste proceso, a través tanto de labores de impulso como de control ao executivo, mais que como espazo lexislativo. Tamén se produciu a conexión entre as axencias e programas culturais e os máis directamente pedagóxicos, de tal modo que se deu unha apreciable apertura dos centros á sociedade. O teatro, a música e outras actividades artísticas están tamén máis próximas ao mundo escolar, así como os recursos e o campo das novas tecnoloxías. Ademais son centros igualmente abertos á consideración da educación para a paz (impulsada dende a Nova Escola Galega e dende o Seminario Galego de Educación para a Paz, entre outras instancias), da educación ambiental ou da educación para o consumo. Moitas destas iniciativas están inseridas a miúdo en programas como o das Escolas Viaxeiras, ou en programas europeos como Comenius. Cómpre sinalar, ademais, que a problemática da exclusión en relación coa poboación da etnia xitana e con núcleos de inmigración está comezando a merecer algunha atención, mentres diversas actividades de educación compensatoria (escolas taller, educación de adultos, programas de garantía social, etc) están aumentando o seu espazo presencial. No espazo universitario está a manifestarse unha excepcional dinamicidade, como motor científico e intelectual dunha comunidade que quere estar presente internacionalmente.

Etnografía e antropoloxía

Os estudios de etnografía en Galicia -nos que hai que incluír os de folclore- desenvolvéronse en tres etapas. Na primeira -dende os primeiros traballos ata 1920- destacan obras como: A orillas del Ulla (perfiles gallegos) (1875) de Alfredo Vicenti, conxunto de artigos periodísticos nos que se revisan numerosas crenzas e prácticas populares, como as bruxas, os endemoñados, o entroido, as feiras ou a vida íntima; Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares (1895) de Jesús Rodríguez López, libro escrito coa pretensión de denunciar esas prácticas; 654 respostas sobre Galicia, editadas polo Consello de Cultura Galega froito dunha enquisa que realizou en toda España a comezos do s XX o Ateneo de Madrid para obter información sobre os costumes de nacemento, matrimonio e morte; El campesino gallego (1904) de Prudencio Rovira, onde se estudian aspectos consuetudinarios da cultura rural galega, como as institucións familiares, o foro e a parcería de terras e gandos; o Boletín da RAG que, dende a súa fundación (1906), contou cunha sección dedicada á etnografía; Estilos consuetudinarios y prácticas económico-familiares y marítimas de Galicia (1909) e Arqueología jurídico-consuetudinaria-económica de la región gallega (1912) de Alfredo García Ramos, libros nos que describe costumes familiares, réxime de propiedade, institucións parroquiais, o quiñón dos mariñeiros, etc; La aldea gallega (1914), monografía sobre Viana do Bolo elaborada polo xuíz Nicolao Tenorio, na que se abordan as prácticas agrícolas, a familia, as festas e as crenzas. A segunda etapa corresponde á xeración Nós e ao Seminario de Estudios Galegos. No plano teórico seguen a corrente histórico-cultural alemá e utilizan a etnografía como medio para reconstruír a historia cultural de Galicia; de aí que as obras máis salientables sexan estudios interdisciplinarios nos que colaboran, ademais de etnógrafos, historiadores e arqueólogos, como as monografías Terra de Melide e Parroquia de Velle. Destaca tamén La medicina popular en Galicia, obra moi documentada de Víctor Lis Quibén. Os autores máis importantes deste período son Vivente Risco e Xaquín Lorenzo, que reúnen boa parte dos seus numerosos traballos en dous dos tomos da Historia de Galicia, obra dirixida por Otero Pedrayo; Fermín Bouza-Brey, moi influenciado polas teorías de J. G. Frazer, A. Fraguas, X. Filgueira Valverde e, máis tarde, Xesús Taboada Chivite. A terceira etapa empeza en toda España en 1971 coa obra Antropología cultural de Galicia de Carmelo Lisón, que supón a incorporación de Galicia aos estudios da moderna antropoloxía. Entre os diversos museos etnográficos que se fundan neste período, destacan o Museo do Pobo Galego, o Museo Liste e o Museo Etnolóxico de Ribadavia. Publícanse, ademais, artigos etnográficos nas revistas Cuadernos de Estudios Gallegos, o Boletín Auriense e El Museo de Pontevedra, e os tomos dedicados á antropoloxía da editorial Hércules. A Galicia tradicional que foi descrita por etnógrafos e antropólogos carecterízase polo seu hábitat disperso. En 1960, nos seus 29.574 km2 de superficie, Galicia albergaba 32.415 entidades singulares de poboación. Mentres que o territorio galego supón só o 5,90% do total do Estado, as súas entidades de poboación ascenden ao 47,60%. Case a metade da poboación vivían en entidades menores de 25 habitantes; e dominaban os asentamentos formados por entre 6 e 25 casas. Tradicionalmente, a maior parte da actividade produtiva encamiñábase á produción de alimentos para a venda e, sobre todo, para o propio consumo. Non obstante , tamén existían os artesáns que gañaban a vida fabricando olas, cestos, teas, apeiros de madeira e ferro, ademais dos xastres, costureiras, zapateiros, canteiros, músicos, entre outros gremios, e mesmo os intermediarios, como tratantes, taberneiros ou quincalleiros. Ao igual que aconteceu en toda Europa, os campesiños galegos adoitaban combinar a agricultura coa gandería. A agricultura carecterizábase por un policultivo de subsistencia en que a maioría das explotacións producían cereais, patacas, hortalizas, herba e forraxes, ao mesmo tempo que criaban vacas, porcos e galiñas para atender as necesidades familiares. Xa no s XX, aínda que se mantivo un alto grao de autoconsumo, sobre todo na alimentación, a compra-venda empezou a adquirir peso; comezáronse a comprar malladoras, limpadoras, arados de ferro, fertilizantes, barcos de motor, roupa e outros produtos industriais, ademais de pequenas cantidades de café, arroz, azucre, fideos e outros moitos alimentos. Os animais domésticos máis importantes foron tradicionalmente as vacas e os porcos. As vacas servían para arar, tirar do carro, producir esterco, dar leite e criar xatos para a venda. Na maioría das casas mataban un ou dous porcos no ano; logo elaborábanse diversos embutidos. A época de matanza correspóndese cos meses fríos, nos que se conserva mellor a carne, dende o san Martiño a febreiro, alongándose ata o Entroido. Na costa a xente vivía practicamente do mar; os mariñeiros de baixura comían habitualmente peixe, pois os que traballaban de forma independente reservábanse parte da captura e os que traballaban en parcería co sistema de quiñóns recibían parte da súa paga en especie. Na conservación dos alimentos seguíronse os coñecementos empíricos da antigüidade; secábanse os alimentos poñéndoos ao sol, salgándoos e afumándoos. Para conservar algo nun medio acedo empregaban, especialmente, o vinagre; salgaban, sobre todo, a carne de porco, e afumaban os chourizos e as castañas. O hórreo destinábase a secar e conservar o millo. Nos hábitos alimentarios Galicia constituía unha bisagra entre a zona mediterránea e o norte de Europa. No uso predominante de graxa en vez de aceite, de centeo no canto de trigo e na importancia do leite coincidía coa Europa atlántica e do norte. O predominio do viño sobre a cervexa evidenciaba, en cambio, o influxo dun clima e unha tradición mediterráneas. A base da alimentación conformábana o pan, a carne de porco, o peixe e certas hortalizas. Os alimentos preparábanse na lareira, que adoitaba situarse nun ángulo da cociña, nun dos lados ou no centro; nas pallozas acostumaba estar no centro, para minorar o perigo de que as muxicas chegasen ao colmo da cuberta. Estaba formada por unha ou varias lousas a rentes do chan ou formando unha especie de tarima. O seu tamaño dependía do tipo de casa; así, nas casas coa cociña na planta baixa, as lareiras, moi amplas, tiñan espazo para escanos, bancos e tallos onde sentar e quentarse, mentres que nas casas coa cociña no primeiro andar, como sucedía nas pequenas vivendas mariñeiras, reducíanse ao fogón onde se prendía o lume. O fiado e o tecido domésticos mantivéronse durante algo máis de tempo ca no resto de Europa, onde desapareceron a principios do XIX substituídos polas máquinas de fiar hidráulicas e os teares mecánicos. Así mesmo, impúxose o algodón, de fibras máis homoxéneas e fáciles de fiar. Os oficios tradicionais relacionados co tecido e a confección de roupa eran os de tecelá, xastre, costureira, zoqueiro e zapateiro. En canto á vivenda existía unha enorme variedade, resultante da combinación de moitos factores, como o clima, a calidade da pedra da zona, a especialidade produtiva, o nivel económico do propietario ou as posibilidades do terreo. Tendo en conta a zona e a actividade produtiva primordial, distinguíase entre casas terreñas, das agras das Mariñas, chairegas, dos ribeiros, da zona meridional, serranas -coa cuberta de tella, xisto e colmo- e as casas mariñeiras. Para o transporte usábase o carro do país, de eixe móbil e roda maciza, que elaboraban os propios labregos ou un carpinteiro especializado, o fragueiro. Gardábase no pendello, na corte, debaixo do hórreo de tipo asturiano ou no cabanel. Na pesca tradicional convivían diversos tipos de barcos, de acordo aos distintos niveis económicos dos mariñeiros, ás diferentes características do litoral e ás especialidades de pesca. Así, os barcos para mar aberto, co fin de garantir unha maior estabilidade, eran de máis manga e maior calado; e os de fondo plano eran propios das praias e ribeiras baixas. Entre as embarcacións tradicionais cabe citar a dorna, a gamela, o bote, o patache, o galeón, o trincado ou a traiñeira. No labor agrícola, se ben a maioría dos traballos realizábanos os membros da casa, para a malla, a sega da herba seca, a vendima, a matanza do porco, a esfollada e o carreto de leña ou de materiais para a construción da casa, solicitábase a axuda dos parentes e veciños. Os traballos en compañía e os de axuda mutua case sempre ían acompañados dun ambiente festivo, presidido polos xogos, a música, o baile, a comida e o viño. A festa servía de recompensa polo esforzo e consolidaba os lazos entre os participantes. Tamén había persoas que, sen deixar de seren labregos, dedicaban unha parte máis ou menos ampla do seu tempo a traballos especializados; son os oleiros, teceláns, afiadores, cordoeiros, palilleiras, etc; uns, coma os oleiros e teceláns, traballaban na súa casa; outros, coma os afiadores, eran ambulantes; e outros, coma os cesteiros e os zoqueiros, traballaban parte do ano na casa fabricando produtos para vender no mercado, ou andaban de casa en casa realizando encargas, e cobraban en cartos ou en especie. Na Galicia rural do s XX unha elevada porcentaxe da propiedade repartíase entre pequenos propietarios, feito que fixo da sociedade rural unha sociedade integrada, sen graves conflitos de clase. Na escala xerárquica os principais grupos eran: mendigos, criados, xornaleiros, parceiros, propietarios medios e grandes propietarios. A propiedade dos montes podía ser particular e comunal. En 1962 os montes comunais representaban case o 18% das terras. A propiedade en común dos montes facilitaba o pastoreo de tipo comunal. A privatización do monte foise impoñendo para facer máis rendible a explotación madeireira. Existían notables diferencias entre os montes de voces ou de varas -paso intermedio entre os montes privados e os montes comunais-, montes de veciños e montes municipais. Nos labradíos, de propiedade privada, cumpría destacar o tamaño das explotacións e o número de leiras en que estaban divididas. En 1962 a superficie media das explotacións non pasaba das 5,60 ha. O número de leiras superaba os sete millóns, o 90% delas menores de 0,5 ha, cunha media de 18 parcelas por explotación por propietario. A parcelación aumentaba nas zonas de explotacións máis pequenas, isto é, no litoral e nas comarcas vitícolas. O sistema de herdanza variaba segundo as zonas. Na maior parte da Galicia interior existía tradicionalmente a mellora masculina, mentres que na costa, a mellora feminina, e en partes da provincia de Ourense, predominaba a herdanza igualitaria, como a congrua. O casamento tiña, como pasos previos, o parrafeo e o noivado. Das normas relativas ao matrimonio a máis salientable era a da endogamia parroquial, que lle daba preferencia ao enlace entre persoas da mesma parroquia. Desaprobábanse as segundas nupcias, sobre todo se a viuvez era recente e quedaban fillos do primeiro matrimonio. Os mozos mostraban a súa desaprobación cunha chocallada diante da casa dos interesados: adoitaban facer ruído con chocas, cornos e latas, e ás veces cantaban coplas satíricas e celebraban un matrimonio burlesco con bonecos de palla. Nunha voda rural integrábase a parroquia enteira, como poñen de manifesto as loitas interparroquiais de mozos e a importancia que se lles concedía ás monicións públicas. O novo matrimonio normalmente vivía na casa do membro da parella que recibía a mellora dos seus pais. Na zona onde había partillas igualitarias, ás veces, cada un dos esposos quedaba a vivir, durante un tempo, na súa casa paterna e, de noite, o marido ía durmir coa súa esposa á casa dos pais desta; é o que se chamaba “residencia natolocal”. Empezaban a convivir na casa propia ao recibiren a herdanza. Na aprendizaxe dos nenos eran fundamentais as indicacións que lles facían os adultos sobre a comida, a roupa, os traballos e todo tipo de comportamentos, pero tamén os xogos e os contos da cultura popular. Os labregos vivían en familias ou casas, que formaban parte dunha aldea, e esta, á súa vez, dunha parroquia. Os membros da parroquia reforzaban os vínculos que os unían na festa patronal, na que nunca faltaban a música e os foguetes. Aínda que o Cristianismo evolucionou coa sociedade europea, o catolicismo rural conservou símbolos e ritos de orixe medieval. Os campesiños galegos, católicos, recorrían tradicionalmente á mediación dos santos, aos que trataban con moita familiaridade, mesmo chegaban a ameazalos e castigalos cando non concedían o favor pedido. Ademais de asistir á misa, era bastante común facer o sinal da cruz ao erguerse da cama, ao saír da casa, ao entrar na igrexa, ao pasar por diante da igrexa ou dun cruceiro, ao comezar traballos duros e arriscados e ao subir a un medio de transporte; ademais, adoitaba rezarse o rosario todas as noites, na igrexa ou na casa. Os cruceiros significaban para os lugares o mesmo ca o sinal da cruz para as persoas: lembranza da morte de Cristo e unha defensa contra o Mal; por iso estaban situados nos lugares maléficos, como encrucilladas, montes e ribeiras do mar. Precisamente, por seren lugares onde a Cruz vence ao Mal, neles, ás veces, expulsábanse as enfermidades de bruxas. Bastantes cruceiros teñen sobre a columna unha representación do pecado orixinal, con Adán, Eva e a Serpe; tamén encaixan coa tradición cristiá a caveira e a serpe ao pé do varal. A xente cría nunha loita constante entre Deus, o señor do Ben, e Satanás, o señor do Mal; nesta concepción dualista, este non era eterno nin todopoderoso, senón unha máis das criaturas de Deus. A bruxería europea era, en canto concepción do Mal, parte integrante do sistema relixioso. As enfermidades adoitaban tratarse con fármacos propios da medicina académica, pero tamén cunha gran variedade de amuletos e plantas. De feito, no mundo rural convivían tres sistemas médicos: a biomedicina, a medicina humoral e a medicina bruxo-relixiosa, que se ocupaba das enfermidades que se escapaban á competencia dos médicos: as enfermidades somáticas incurables e, sobre todo, psíquicas e psicosomáticas. Na base desas medicinas radicaba a idea de que a doenza se producía pola entrada na persoa dun elemento de bruxería. Se o espírito maléfico entraba no corpo da víctima nunha comida, a doenza chamábase “mal de bocado”; se se valía dun contacto persoal, “mal de contacto”; se o facía por medio do alento, “mal de aire”; e se o facía polos raios visuais, “mal de ollo”. Neste sistema a curación lográbase expulsando o Mal, operación que realizaban os curandeiros mediante esconxuros e elementos sagrados que escorrentaban o Mal. Durante séculos o cura ten sido o habitual sandador das almas e dos corpos; por iso, as curandeiras en realidade imitaban o crego en todo o ritual. En canto aos costumes funerarios conserváronse as comidas colectivas que se organizaban co gallo dos enterros e nas que participaban os familiares do morto e os veciños. Alén de reforzo dos lazos entre parentes e veciños servía de mecanismo de redistribución: favorecíase aos máis pobres e agardábase maior xenerosidade dos máis ricos. Ademais, o banquete funerario cumpría a mesma misión ca as bromas do velorio: o viño, aliado do esquecemento, e a comida abondosa alimentaban unha alegría que se esperaba vencese a tristura do momento. As crenzas sobre a outra vida eran basicamente as da Igrexa católica: os bos ían ao Ceo e os condenados ao Inferno. Dos que se salvaban do Inferno poucos ían directamente ao Ceo; a maioría necesitaba purificarse no Purgatorio. Este terceiro estado naceu no s XII coa aparición dunha terceira clase, a clase media urbana. Xa dende o principio na cultura popular galega coexistían dúas maneiras de concibir o Purgatorio: un lugar no Outro Mundo semellante ao Inferno, pero só temporal porque as impurezas que debían arder eran finitas; e a purificación neste mundo por medio de actos penitenciais entre os que sobresaía o camiñar. Os vivos facían penitencia camiñando cara aos santuarios; os defuntos purgaban as súas penas camiñando de noite pola parroquia; en realidade, a Santa Compaña era unha das dúas formas nas que a tradición católica concibía o Purgatorio. As festas do ciclo anual tamén eran as festas católicas: Nadal, Entroido, Coresma, Semana Santa, Corpus, San Xoán e Defuntos. O que as distinguía era a importancia ritual e simbólica que se lle daba ás vésperas. Todas as festas católicas do ciclo anual respondían ao mesmo esquema básico: o ataque do Mal na véspera do día santo; e a purificación previa á manifestación do poder sagrado. Entendíase que o Mal acometía precisamente cando se ía manifestar a sacralidade; de aí que nas vésperas as bruxas atacasen con furia e nas aldeas imperase o caos, ritualizado de diferentes formas. Así, da mesma forma que as persoas se purificaban antes de entrar en contacto coa sacralidade dos santuarios, na véspera do día santo o mundo debía quedar purificado. A purificación da realidade por medio do lume formaba parte de toda véspera; o ritual máis elaborado correspondía ás vésperas das grandes festas, como a de San Xoán. Finalmente están as romerías, que constituían a ritualización da idea cristiá -e doutras relixións- de que o ser humano era un camiñante que facía penitencia nesta vida para ir ao Paraíso. Tamén aquí aparecían numerosos ritos e usos simbólicos que foron interpretados como supervivencias de ritos pagáns, pero que, en realidade, eran expresión do catolicismo medieval.

Fotografía


As primeiras imaxes que se rexistraron na comunidade galega corresponden á Coruña. O ourive suízo Enrique Luard Falconier introduciu o invento de Daguerre en Galicia. Segundo diferentes referencias, en 1842 percorreu diversas vilas amosando o novo invento. A primeira imaxe de Luard que rexistra un artigo da prensa da época corresponde ao 6 de maio de 1843 na Coruña, e nel informábase cómo en poucos minutos se podía obter calquera tipo de retrato. En marzo de 1856 abriu as súas portas o primeiro estudo fotográfico de Galicia, rexentado por Andrés Cisneros en Santiago de Compostela, especializado na obtención de imaxes polo procedemento da talbotipia. En maio dese mesmo ano anunciábase en Vigo un especialista francés chamado Ricaud, quen tamén se presentou na Coruña ao ano seguinte. En xuño de 1857 coincidiron con Ricaud na Coruña outros dous fotógrafos, Carlos Spartacus e Victor Graudin, recentemente chegados de París. No ano 1858 Andrés Cisneros presentou na Exposición Regional Gallega de Santiago de Compostela, once retratos e tres paisaxes de Compostela; a ela concorreu tamén Constantino L. Cardona. A partir destes momentos esta innovación chega ás principais vilas e cidades galegas, tal e como amosa a presenza de Carlos García e Xoán Palmeiro en Santiago de Compostela, e España Peñaranda en Vigo; estes últimos especializáronse nas famosas cartes de visite, inventadas por Disderi en Francia. Destes anos tamén cómpre salientar outros nomes como Eugenio Lanelongue, Jean Bautiste Avrillon, Joaquín Albertino, Alfphonse Guiard, Louis Sellier, Ulyse Ferrant, Uxío Mora, Ramón Vergua, Manuel A. Vales e Manuel Teijeiro. A fotografía, moi relacionada naqueles tempos coa pintura, converteuse nun boom social de límites inabarcables. Algúns destes especialistas relacionados coa arte pictórica foron: Pedro Varela, en Lugo, Baldomero Almejún, en Santiago de Compostela, e Ramón Buch, en Vigo e Pontevedra. Na Exposición Regional Agrícola Industrial y Artística (Santiago de Compostela, 1875), na Exposición Regional de Lugo (1878) e na Exposición Local da Coruña confirmouse o avance deste fenómeno social; destacaron Rodríguez Cortés, Xosé María Sánchez e Patricio Bocconi, Filipe Prosperi e Cándida Otero. Avrillon e Sellier levaron algunhas destas tomas á Exposición Universal de París de 1878. A partir de 1880 chegaron as novas técnicas do colodión e o negocio da fotografía masificouse, de tal xeito que moitos estudios tiveron que pechar as súas portas. Entre os que triunfaban nesa altura cómpre sinalar a M. Chicharro Bisi, activo en Santiago de Compostela, e responsable da primeira publicación con fotografías impresas sobre Galicia titulada Compostela Monumental, acompañadas de textos de B. Barreiro. Outros destacados foron Filipe Prosperi quen, xunto coa súa muller C. Otero, editou o caderno Galicia Pintoresca; Francisco Prieto, que instalou en Ourense o obradoiro fotográfico La Luz Universal; e Francisco Zagala, autor do libro Recuerdo de Pontevedra (1883) e do que se conserva unha amplísima colección de imaxes. Co remate do s XIX chegaron ás prensas as técnicas do fotogravado, que posibilitaron a inserción de fotografías a carón dos artigos dos xornais e revistas, como é o caso de Galicia Moderna (1897); nesta última coincidiron algúns dos fotógrafos máis destacados do momento, como os propios Zagala e Chicharro Bisi, xunto a outros novos, como Eleizegui, Campo Moreno e Rioboo, que se encargarán de ir introducindo a técnica das “instantáneas”. Tamén neses anos xurdiron os primeiros afeccionados á arte fotográfica: é o caso do boticario S. Castro Freire, autor de miles de placas da cidade de Lugo, e do relixioso Xosé Limia, que tomou diferentes paisaxes de Compostela. Algunhas destas imaxes viaxaron fóra das fronteiras galegas para incluírse en publicacións americanas, como El Eco de Galicia e Almanaque Gallego. A principios do s XX cobrou importancia a obra do editor e fotógrafo Pedro Ferrer, autor do Portfolio Galicia, unha escolma de imaxes de paisaxes e monumentos, acompañadas de pequenos textos escritos por recoñecidos intelectuais da época. A saída do prelo da revista Vida Gallega tamén marcou un antes e un despois no desenvolvemento da fotografía galega; á calidade das súas imaxes sumáronse as creacións de Xosé Gil Gil; e os irmáns Enrique e Constantino Saravia. Tamén Xaime Pacheco, dende o seu estudo de Vigo, obtivo as imaxes que conforman un completo documento histórico da cidade olívica neses anos. Ademais das coleccións particulares, moitas delas puideron observarse nos principais diarios da cidade, Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego. Destaca tamén Xoaquín Pintos, aprendiz de Zagala, que abriu unha galería en Pontevedra en 1899. Ademais de participar en exposicións, foi correspondente de diversos xornais, revistas e axencias de toda España. Pola súa parte, Luís Ksado, que establecera o seu estudo en Santiago de Compostela, editou un auténtico best-seller da fotografía titulado Estampas Compostelanas (1928); máis adiante, ademais de editar as súas Estampas de Galicia, reuniu un arquivo fotográfico cun número considerable de imaxes. Nos anos vinte produciuse unha pequena revolución de creadores afeccionados pola fotografía artística, dos que cómpre lembrar a Xosé Bellver, Luís Recio, Xermán Díaz Baliño ou Carlos Prada. Entre os profesionais destacan Samaniego, na Coruña, Garay, en Ferrol, Villar, en Ourense, Almeida, en Santiago de Compostela, Ramón Caamaño, en Muxía, Chao, en Ribadavia, e Llanos, en Vigo. Dunha forma especial destacaron Enrique Barreiro, polas súas experiencias cinematográficas en cor; o seu irmán Ramón Barreiro, especializado en fotografía publicitaria. Ambos os dous encargáronse da filmación do noticieiro Folk. Pola súa parte, Manuel Buch, que adquiriu experiencia no eido fotográfico da man de Sellier, Teijeiro e Franzen, trasladouse a Nova York en 1912, onde traballou co fotógrafo canadense Marceau. Ao seu regreso á Coruña, participou con éxito en diversos certames internacionais, entre eles, a Exposición Internacional de Londres de 1925. Apoiada no fenómeno nacionalista, Galicia viviu nos anos previos á Guerra Civil unha etapa marcada por un renacemento cultural que se manifestou especialmente na pintura, na escultura e na fotografía. Neste último campo destacou a figura de Xosé Suárez, moi influenciado polas innovacións tecnolóxicas que traía dende Europa e que, mediante as súas reportaxes etnográficas, achegou a fotografía galega cara a unha maior universalización. A Guerra Civil e o conseguinte exilio de artistas e intelectuais galegos, entre eles moitos fotógrafos como o propio Suárez que marchou a Bos Aires, deixaron un panorama cultural desolador na Galicia daqueles anos, marcada polas imposicións ditatoriais da censura. A única excepción constituíuna a Peña Fotográfica do Café Español da Coruña, que deu paso á Sociedad Fotográfica de Educación y Descanso. Co tempo foron xurdindo algunhas publicacións como Sombras e Arte Fotográfico, e destacaron algúns profesionais como Inocencio Schmidt, Dionisio Tasende e Xosé Veiga Roel. Un fito importante destes anos foi a fundación en Vigo en 1956 da Agrupación Fotográfica Gallega, na que cómpre salientar a actividade de Xosé Bellver, o seu fundador, Carlos Espinosa, Raniero Fernández ou Luís Zamora. A eles hai que sumar os nomes de Benedicto Conde e Manuel Ferrol, autor dunha reportaxe fotográfica sobre a emigración galega. Posteriormente, xurdiron a Agrupación Fotográfica Lucense (1959) e a Agrupación Fotográfica Compostelana (1961). Pouco a pouco a fotografía adquire unha maior importancia na prensa escrita, na que destacaron profesionais como Emilio Lavandeira, Magar e Alberto Martí. Outros nomes representativos da fotografía dos anos sesenta foron Enrique Banet, Francisco López Casado, Riccardo Terré e Carlos Valcárcel, e outros que serviron de enlace cos novos profesionais que xurdiron a finais dos setenta, como Xosé Abad, Xulio Gil, Manuel Janeiro, Kukas, Eduardo Ochoa, Xoán Piñón e Xosé V. Caruncho. A celebración en Vigo da I Fotobienal, organizada por Suárez Canal, Manuel Sendón e Vítor Vaqueiro, fundadores do Centro de Estudos Fotográficos, marcou un fito no desenvolvemento da fotografía galega de finais do s XX. A ela non só concorreron os fotógrafos xa consagrados, senón que, ao longo destes anos, contou coa participación dos profesionais máis destacados do mundo, que amosaron a súa imaxe da cidade olívica, e deu a coñecer a creadores noveis. Á vez, o Museo de Pontevedra ten ofrecido en diversas mostras e exposicións, unha perspectiva histórica dos mellores fotógrafos galegos. Nos últimos anos, cómpre salientar os traballos de Xosé E. Acuña, Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Vari Caramés, Xulio Correa, Pepe Galovart, Anxo Iglesias, Xurxo Lobato, Vítor Vaqueiro ou Manuel Vilariño.

Imprenta

O s XIX comezou en Galicia coa publicación do primeiro número do xornal El Catón Compostelano, impreso en Santiago de Compostela a partir do 1 de maio de 1800 nos obradoiros tipográficos da herdeira de Frayz. Na primeira metade do s XIX e apoiada no xurdimento da ideoloxía liberal, produciuse unha auténtica revolución impresora, coa proliferación de libros, folletos, periódicos e publicacións diversas en Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Lugo e Ourense. A elas sumáronse, posteriormente, Tui, Betanzos, Mondoñedo, Pontevedra e Vigo. Entre a multitude de impresores de diversas ideoloxías que aparecen nestes anos, cómpre destacar a Manuel María de Vila, de ideoloxía liberal, que exerceu o seu oficio en Santiago de Compostela, A Coruña e Pontevedra (1803-1845). A súa obra máis destacada foi o Diario de Santiago, o primeiro diario como tal que saíu do prelo o 1 de xuño de 1808. Outros nomes importantes foron os de Lorenzo J. Riesgo Montero, establecido en Ferrol, e Pedro López Sotomayor, quen repartiu os seus traballos entre a cidade departamental e A Coruña. Ademais, destacaron Xoán María de Pazos e Xoán B. Moldes, que desenvolveron o seu labor entre Santiago de Compostela e Ourense, e Pascual de Arza, Sebastián de Iguereta e a familia Compañel. Entre os que estableceron os seus obradoiros nun lugar único cómpre salientar as familias Montero e Rey, de Xosé F. Campaña e Xacobe Souto, en Santiago de Compostela; Francisco C. Pérez, Antonio Rodríguez e Xoán Chacón, na Coruña; e Nicasio Taxonera, en Ferrol. Outros obradoiros de vida máis efémera foron Antonio Henry na Coruña, Manuel Soto Freire en Lugo, Ramón Gómez Bedoya e Cesáreo Paz en Ourense, Pascual Arza, Sebastián Iguereta, Anxo de Lema e Marina e Xoán Compañel, en Vigo, Xoán Verea, en Tui, e Xosé Mon, en Mondoñedo. A restauración de Fernando VII limitou e censurou moitas das publicacións iniciadas baixo o réxime creado pola Constitución de 1812 e freou considerablemente o auxe dos últimos tempos. A partir de aquela, tanto no que se refire ás actividades editoriais como á publicación de folletos de tipo político ou periódicos, producíronse frecuentes altibaixos provocados polo réxime político no goberno. En 1853 creouse Faro de Vigo, editado por Lema e Marina en 1853. A finais do s XIX, é mester sinalar a Eugenio Krapf, impresor dunha edición de La Celestina revisada por Menéndez Pelayo. Durante o primeiro cuarto do s XX advírtese no mundo tipográfico unha certa rutina, malia que proliferan os obradoiros, sobre todo de prensa periódica. En Vigo destacaron a Tipografía y Librería de M. Mariño, sucesores de Krapf, a Imprenta de Las Artes Gráficas, de Xosé Cao, e as de Francisco Carranque ou F. Sánchez Puga. En Santiago de Compostela, cómpre salientar os traballos realizados pola Tipografía Galaica, mentres que na Coruña destacaron os obradoiros de Carré Aldao, quen adquirira as prensas de Puga (1893), e que se converteu nun dos editores de máis sona entre a intelectualidade galega. Por outra parte, e tamén na cidade herculina xurdiu a imprenta de La Voz de Galicia, da que non só saíron as páxinas do xornal dende 1882, senón tamén a Biblioteca Gallega. Coa chegada do novo século desenvolvéronse uns equipos de composición cada vez máis perfeccionados. Ao mesmo tempo, a fotografía contribuíu ao desenvolvemento dos procesos relacionados coa fotomecánica, feito que permitiu encher as publicacións de imaxes de calidade. Na década dos cincuenta e sesenta apareceron en Galicia as primeiras máquinas de fotocomposición, que producían imaxes fotográficas dos tipos en vez de fundilos en chumbo, e que desbancaron definitivamente a tipografía como principal proceso de impresión. Por outra banda, todas as imprentas e empresas editoras galegas posuían a principios do s XXI a tecnoloxía adecuada para reducir o tempo e os custos dos principais procesos de imprenta; isto é, estaban dotadas de ordenadores que permitían crear textos definitivos e debuxos, definir tipos, dixitalizar e retocar imaxes, e fundir todos estes elementos nun único anaco de película ou directamente sobre a prancha de impresión.

Literatura




O PRERREXURDIMENTO

Tralo período dos Séculos Escuros, as primeiras producións redactadas en galego son textos de pouco valor estético, escritos en verso e en prosa, algúns de temática política, que obedecen a un fin comunicativo ou propagandístico; e outros de carácter literario ou de circunstancias nos que se aprecia unha certa vontade literaria. Durante a primeira metade do s XIX abandaron os diálogos en galego e os textos políticos presentados baixo formas literarias sinxelas; son moitos deles textos anónimos en que se recorre ao recurso da transmisión oral para lles dar credibilidade. Dentro deste contexto sitúanse escritos, como o romance anónimo Un labrador que foi sarxento […] (1808); e as Proezas de Galicia […] (1810), da autoría de Xosé Fernández Neira (1790 -?), que relata algunhas accións bélicas realizadas polo exército español. Trala expulsión dos exércitos franceses apareceron escritos que reflectían a polémica entre absolutistas e liberais; entre eles, a décima anónima publicada en 1813 na Gazeta marcial y política de Santiago; a “Conversación entre los compadres Bértolo y Mingote”, asinada por R. F.; a Conversa asinada por F. R. A.; e as 154 cuartetas asonantes Os rogos de un gallego establecido en Londres […] (1813), en que o autor, Manuel Pardo de Andrade (1762-1832), satiriza a Inquisición. Do período do Trienio Liberal (1820-1823) destacan La tertulia en la Quintana (1820), de Manuel Acuña e Malvar, e Diálogo entre Dominjos e Farruco sobre administrason de xûstiza da sua aldea (1820), probablemente do mesmo autor; e, finalmente, o texto bilingüe Diálogo entre dos labradores gallegos, afligidos, y un abogado instruído […], de Pedro Boado Sánchez. Desde o ano 1836 apareceron numerosas tertulias, como a Tertulia de Picaños (1836); En la Alameda de Santiago; a Parola de Cacheiras; a Tertulia dos Concheiros e o Coloquio na Pontella de Chaínsa. Á parte destes escritos de temática política, xurdiron durante o s XIX textos producidos xa cunha vontade literaria. Neste grupo cómpre citar as panxoliñas de Nadal, producidas ao redor das escolas mindoniense e compostelá; entre os autores destacan Antonio María de Castro Neira (1771-1826), Luís Corral Rodríguez (1784-1830), Xacinto Romualdo López (1808-1895), Marcos Parcero (ss XVIII-XIX), Vicente Turnes (1786-1865) e Alberto Camino (1820?-1861); tamén é mester sinalar a importancia da obra teatral A casamenteira (1849), de Antonio Bieito Fandiño; a Alborada (1828) e a Égloga de Belmiro y Benigno, de Nicomedes-Pastor Díaz; os sonetos satírico-literarios de Antonio Arias Teixeiro (1810-1812); e os poemas publicados con motivo da investidura cardenalicia de Pedro de Quevedo (1817). Os acontecementos políticos, como o provincialismo ou o levantamento de Solís (1846), están fondamente vinculados coas reivindicacións lingüísticas e coa aparición de textos en galego, aínda que sexa esporadicamente, pero que servirían para preparar o camiño do Rexurdimento literario na segunda metade do s XIX. Entre a produción literaria da época hai que citar diferentes composicións de circunstancias, como as publicadas no volume Viaje de SS. MM. y AA. por Castilla, León y Galicia (1860), e no Álbum de la Caridad (1861?) destaca como poeta de circunstancias Vicente Turnes. Outros poetas de importancia foron Xoán Manuel Pintos, autor de A gaita gallega (1853), obra na que tenta instruír o lector no coñecemento da lingua galega, e dos “Contos da aldea que parecen historias da vila […]” (1858); Francisco Añón, autor do himno “A Galicia”, poesía premiada nos Juegos Florales da Coruña de 1861; e Alberto Camino, quen, á parte das súas panxoliñas de Nadal, foi autor de elexías de tema sentimental. A organización nestes anos dos primeiros Juegos Florales (1861) celebrados na Coruña, eríxese como o acontecemento literario máis importante do momento; todos os poemas presentados e mais un “Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos” publicáronse no Álbum de la Caridad (1862); nel aparecen autores como Vicente Turnes, Alberto Camino, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. En 1863, Rosalía de Castro publicou Cantares gallegos, obra coa que se inicia o Rexurdimento. A peripecia histórica do teatro galego sempre estivo asociada á situación da lingua, e o seu desenvolvemento sempre dependeu da súa proxección e da súa lexitimación social. Por iso, entre a data na que se escribiu o Entremés famoso..., e principios do s XX, cando aparece o teatro rexionalista, poucos acontecementos de interese se poden documentar, máis aló da edición de A casamenteira (1839), de Antonio Bieito Fandiño, da sucesión de diálogos dramáticos de inspiración diversa que se iniciou con motivo da loita contra a invasión francesa, das experiencias de animadores como Xan da Cova e da estrea do espectáculo A fonte do xuramento (1882), creado a partir dun texto homónimo de Francisco María de la Iglesia e presentado na Coruña polo Liceo Brigantino. Pódese afirmar que con esa estrea comezou a historia do teatro galego contemporáneo. Hai que subliñar que o galego non era unha lingua que estivese presente nos espacios públicos de expresión e comunicación cultural nin tampouco era unha lingua de creación naquelas artes que tiñan unha dimensión máis pública e colectiva, como poden ser as artes escénicas ou a música.

O REXURDIMENTO

O Rexurdimento xurdiu como un movemento de reivindicación das culturas e linguas minorizadas ao calor do romanticismo. Adoita considerarse o ano 1863 como a data do seu comezo, coincidindo coa publicación de Cantares gallegos, e dáse por finalizada ao redor de 1900. Durante este período foi frecuente a produción literaria bilingüe, cunha escolla do idioma prexuizada e condicionada por motivos xenéricos ou temáticos. Apareceron materiais de carácter lingüístico ou filolóxico, como as gramáticas de F. Mirás (1864), X. Cuveiro (1868) e X. A. Saco Arce (1868); dicionarios a cargo de autores como F. X. Rodríguez (1863), X. Cuveiro (1876) e M. Valladares (1884); e estudios literarios redactados por Saco Arce, Leandro Saralegui e A. María de la Iglesia. Abundaban os concursos, certames literarios e xogos florais que favoreceron o emprego do galego no ámbito literario, tanto na lírica como na narrativa, e a efervescencia política e cultural do momento callaba en parladoiros e sociedades que contribuíron á dignificación do país e da súa cultura. En consonancia con esta preocupación aumentou a publicación xornalística e editorial. No eido da historiografía, as obras procuraban alicerzar os trazos da identidade galega; neste senso publicáronse obras como Historia de Galicia (1865-1873), de B. Vicetto, e Historia de Galicia (1865-1913), de M. Murguía. No apartado lírico, a literatura galega insírese dentro dun proceso máis amplo de construción nacional, cun importante desenvolvemento do xénero lírico no que destacan diferentes autores, como Rosalía de Castro (1837-1885), quen con Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880), e desde unha estética achegada ao popular, denunciou as inxustizas que padecía Galicia e reivindicou coa súa obra a dignificación do pobo galego e da súa lingua. Co seu poemario En las orillas del Sar (1884), en castelán, desenvolveu a veta intimista e as innovacións métricas que xa aparecían en Follas novas. Eduardo Pondal (1835-1917) escribiu Queixumes dos pinos (1886) e mais a epopea Os Eoas (1992), que non chegou a rematar. Desde a conciencia de guía e bardo do seu pobo, escribiu coa intención de incitar o pobo á loita e redimilo da humillación e do sufrimento. Outra das figuras sobranceiras da poesía galega da época foi Manuel Curros Enríquez (1851-1908), considerado o iniciador da literatura de protesta en galego, de quen destacan o poema “A Virxe do Cristal” e as obras Aires da miña terra (1880), reeditado e ampliado en 1881, e a sátira anticlerical O divino sainete (1888). Na súa obra Curros empregou recursos de orixe romántica para denunciar o sufrimento do pobo galego, sometido á tiranía do cacique, do clero e do escribán. Ademais cómpre destacar a Xoán Cuveiro Piñol (1821-1906); Bieito Losada (1824-1891); Xoán Barcia Caballero (1852-1926); Evaristo Martelo Paumán (1853-1928); Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912); e Alberte García Ferreiro (1860-1902). Pola súa parte, a produción de textos narrativos viuse limitada por un maior prexuízo á hora de escribir prosa en galego, así como pola estética realista que obrigaba o escritor a levantar acta da sociedade que o rodeaba; neste contexto era, xa que logo, pouco crible que un personaxe de orixe urbana falase galego. Dá conta disto último a novela de Marcial Valladares (1821-1903), Maxina ou a filla espúrea (1880), novela de tema romántico-folletinesco que amosa esa sociedade diglósica. Destacan tamén autores como Valentín Lamas Carvajal (1849-1906), director de O tío Marcos da Portela e autor dos poemarios Espiñas, follas e frores (1875), Saudades gallegas (1880) e A musa das aldeas (1890), e impulsor da obra ficional en galego, e autor de Gallegada (1887) e de O catecismo do labrego (1889), obra de enorme divulgación dentro da literatura galega; Antonio López Ferreiro (1837-1910), quen recreou cunha estética realista diferentes momentos da historia medieval; entre as súas obras están A tecedeira de Bonaval (1894), O castelo de Pambre (1895) e O niño de pombas (1905); e F. Álvarez de Nóvoa (1873-1936), autor empeñado na creación dunha prosa narrativa culta, que apenas deixou o libro de relatos Pé das Burgas (1899). Entre os prosistas destacaron L. Otero Pimentel (?-1920) con A campaña de caprecórneca (1898); P. V. Sixto Delgado Luaces quen, co pseudónimo de Xan da Masma, escribiu a novela por entregas A besta! (1899); e H. Pérez Placer (1896-1926), cos volumes de relatos Contos leendas e tradiciós (1891), Contos da terriña (1895) e Beira do lar (1901). Os prexuízos cara ao galego pesaron moito sobre algúns xéneros, como o ensaio, de aí que a produción ensaística se redactase fundamentalmente en castelán. Con todo, pola súa contribución á renacenza da cultura galega, hai que mencionar a Manuel Murguía (1833-1923), Alfredo Brañas Menéndez (1859-1900), Bieito Vicetto (1824-1878), e Aureliano Pereira de la Riva (1855-1906).

A LITERATURA GALEGA A COMEZOS DO S XX. AS IRMANDADES DA FALA

Historicamente, un dos feitos que condicionaron a actividade política do momento foi o agrarismo, que xurdiu como resposta fronte ao caciquismo, aos foros e o estancamento das estruturas agrarias. Xunto aos logros económicos, foi callando na sociedade galega a súa identidade como pobo diferenciado tendo en conta unha política que tentaba defender esa conciencia. Despois do provincialismo e do rexionalismo, a comezos do s XX apareceu o galeguismo como manifestación política das clases interesadas polo progreso de Galicia. A literatura decimonónica tiña as súas raíces nas ideas do romanticismo e manifestárase seguindo dúas tendencias principais: unha realista, representada por Rosalía; e outra idealista, na que destacaba Pondal. A literatura galega de principios do s XX recolleu a herdanza do Rexurdimento, pero as novas ideas e a nova situación social e política foron modificando o panorama literario. As diversas contribucións dos autores relacionados coas Irmandades da Fala, así como a actividade xerada polos membros da xeración Nós, superaron os esquemas da literatura decimonónica e abriron novos horizontes. Dos tempos das Irmandades cómpre salientar algúns nomes como Antonio Noriega Varela (1869-1947), un escritor que serviu de ponte entre ambos os dous séculos. Nos aspectos temáticos e formais coincide con outro autor relevante, Manuel Leiras Pulpeiro, aínda que non teña o seu anticlericalismo; se Leiras é o cantor da mariña, Noriega, autor de Montañesas (1904 e 1910) e Do ermo (1920, 1929 e 1946), considérase o poeta da montaña. Relacionado co movemento agrario a partir da súa relación con Antón Vilar Ponte, compuxo numerosos poemas cívicos nos que alentaba á loita agraria e formou parte da redacción do xornal anticaciquil Guau Guau. Reaccionou ante as novas tendencias poéticas de principios do s XX e fronte á poesía modernista de Ramón Cabanillas cunha postura radical na que prevalecía o lirismo paisaxístico. A carón de Noriega, cómpre salientar outros poetas que tamén serviron de ponte entre os ss XIX e XX, como Xosé Crecente Vega (1896-1948), autor de Codeseira (1933), e Daniel Pernas Nieto (1884-1946), quen escribiu A fala das musas (1936). No ámbito prosístico, é mester subliñar a Manuel García Barros (1876-1972), coñecido polo pseudónimo de Ken Keirades, que publicou Contiños da terra (1931), unha serie de relatos costumistas de carácter cómico dirixidos a un público popular, xunto á súa obra póstuma, Aventuras de Alberte Quiñoi (1972); Manuel Vidal (1871-1941), autor de Contos galegos de antano e de hogano (1920); Xosé María López (1884-1931), quen escribiu Contos de Polavila (1928), dúas coleccións de narracións de tipo tradicional; e Francisco Potel Pardal (1887-1939), autor de Costumes da terriña. O teatro galego contemporáneo naceu a imaxe e semellanza do teatro castelán, do que unhas veces se imitaban as formas máis populares, como os sainetes, xoguetes cómicos, zarzuelas e outros enredos, e noutras ocasións se recreaban tendencias cunha dimensión máis social e crítica, como os dramas rurais e sociais. En xaneiro de 1903 presentouse un espectáculo titulado Filla...!, creado a partir dun texto de Galo Salinas e co que se deu a coñecer un elenco que meses despois adoptou a denominación de Escuela Regional Gallega de Declamación, onde confluíron actores como Bernardo Jambrina e Eduardo Sánchez Miño e autores como Manuel Lugrís Freire, autor de A ponte, que a compañía presentou en 1903 e que supuxo o inicio dun teatro cunha maior dimensión social e crítica, centrado na denuncia dos males endémicos de Galicia, como a emigración, o caciquismo ou a superstición. A experiencia non se consolidou e a Escola desapareceu en 1905, malia os esforzos de Eduardo Sánchez Miño por xuntar un novo elenco, primeiro na Coruña e despois en Ferrol, onde desenvolveu un novo proxecto co nome de Escola Dramática Galega. Entre 1907 e 1915 desenvolveuse en Galicia unha estética teatral iniciada en La Habana con notable éxito de público despois da estrea do espectáculo Non máis emigración (1886), sobre un texto de Ramón Armada Teixeiro. Comezou así a longa andaina do teatro rexionalista que tiña como obxectivo principal a defensa dunha Galicia rural. Autores como Nan de Allariz, Avelino Rodríguez Elías, Uxío Charlón, Manuel Sánchez Hermida e Xavier Prado Lameiro conforman a nómina de dramaturgos desta corrente teatral. Foi unha etapa transcendental no desenvolvemento da escena galega, na que participaron coros como Toxos e Froles de Ferrol, Cantigas da Terra da Coruña, Cantigas e Agarimos de Santiago e De Ruada de Ourense, e outras xuntanzas folclóricas e cadros de declamación que ofrecían veladas galeguistas nas que as cantigas e os bailes populares se mesturaban cos parrafeos, cadros cómicos, monólogos, diálogos e pezas breves. Fronte a ese teatro ruralista e de carácter enxebre e folclórico, un grupo heteroxéneo de autores tentou desenvolver unha poética nacional, na que predominou o naturalismo burgués e unha boa mostra desa tentativa foi o espectáculo A man de Santiña, estreado na Coruña en abril de 1919 polo Conservatorio Nazonal do Arte Galego, creado pola Irmandade da Fala e que contaba coa dirección, no eido teatral, de Fernando Osorio Docampo. A obra de Cabanillas inaugurou unha nova etapa na escrita dramática que tivo continuidade na obra de Ramón Armando Cotarelo, Leandro Carré, Antón Villar Ponte, Ramón Otero Pedrayo, Daniel R. Castelao, Rafael Dieste e Álvaro de las Casas, sen esquecer as propostas máis innovadoras de Vicente Risco, Xaime Quintanilla e Álvaro Cunqueiro. Pero aquela literatura con vocación modernizadora e transformadora non tivo acollida na escena e o teatro rexionalista mantivo o seu dominio con agrupacións como a Escola Dramática Galega da Coruña, a Agrupación Dramática Galega de Vigo, a Agrupación Artística de Vigo e moitos outros colectivos e cadros de declamación. En 1916 fundáronse as Irmandades da Fala, que constituíron o xermolo dun intenso movemento cultural que xurdiu en Galicia e que se reflectiu na creación de xornais, empresas editoriais e numerosas publicacións da autoría dos principais representantes desta iniciativa intelectual, como os irmáns Vilar Ponte, Porteiro Garea, Xoán Vicente Viqueira, Lois Peña Novo, Losada Diéguez, Vicente Risco e Ramón Cabanillas. O seu periódico A Nosa Terra, contribuíu a espallar o ideario do movemento. Trala asemblea de Monforte de Lemos (1922) na que triunfou a tendencia culturalista fronte á política, nas Irmandades influíu decisivamente o grupo Nós, impulsor dunha argumentación teórica que pretendía demostrar a existencia de Galicia como pobo diferenciado, cunha cultura propia ao longo da historia. Tamén nestes anos apareceron as coleccións Céltiga e Lar, xunto coa revista Nós, que favoreceron aínda máis o desenvolvemento da vida cultural galega. O mundo editorial tamén contribuíu á promoción da literatura en Galicia; Nós, dende a súa creación e ata 1936, publicou preto de cen libros; e Lar (1924-1927), fundada por Ánxel Casal e Leandro Carré, que editou corenta títulos que van dende autores do Rexurdimento ata a xeración das Irmandades e o grupo Nós. Tamén participou a prensa galega en castelán, como o suplemento Terra a Nosa!, editado dende 1919 en El Noroeste. En 1923 suspendéronse as actividades políticas públicas por mor da Ditadura de Primo de Rivera, e en Galicia fundouse o Seminario de Estudos Galegos, que interrompeu as súas actividades co estalido da Guerra Civil en 1936. Os proxectos culturais e políticos afundíronse diante da sublevación militar de xullo de 1936, que deixou a Galicia fóra do ámbito do goberno republicano. Os escritores máis destacados da Xeración do 16 ou das Irmandades, sobre todo os do grupo Nós, caracterízanse por unha rigorosa formación intelectual; da súa man naceu o ensaísmo galego e é común a todos eles a intención didáctica. Nalgún caso, como acontece con V. Risco, a súa formación ideolóxica levounos a actitudes políticas ambiguas ou contraditorias. Entre os autores máis destacados destes anos cómpre salientar a Ramón Cabanillas (1876-1959), que, malia que non se adscribiu a ningunha corrente ou grupo, mantivo unha estreita relación cos homes das Irmandades e do grupo Nós. A súa obra abriu novos camiños para a poesía galega; de aí o apelativo de “poeta da raza”. Entre as súas obras líricas destacan No desterro (1913),Vento mareiro (1915), Da terra asoballada (1917), Da noite estrelecida (1926), A rosa de cen follas (1927), Da miña zanfona (1954); entre os dramas A man da santiña (1921) e O mariscal (1926); e da prosa Antífona da cantiga (1951). Á marxe dos autores puramente literarios, cómpre salientar a Antón Vilar Ponte (1881-1936), periodista no xornal anticaciquil Guau Guau, que foi un dos principais promotores das Irmandades da Fala e dirixiu A Nosa Terra. Escribiu prosas de propaganda nacionalista e algúns dramas de carácter propagandístico ou didáctico. Outros poetas pertencentes á xeración das Irmandades foron: Gonzalo López Abente (1878-1963), autor de Nemancos (1929) e Cintileos nas ondas (1958); Victoriano Taibo (1885- 1966), autor de composicións nas que se mestura o costumismo, o lirismo intimista e a poesía de loita, como en Abrente (1922) e Da vella roseira (1925); e Antonio Rei Soto (1879-1966), un destacado poeta modernista en castelán. Na prosa houbo un importante desenvolvemento por parte dos autores da xeración das Irmandades. É abondosa a prosa didáctica ou propagandística como vehículo de expresión da ideoloxía nacionalista. Tamén a prosa narrativa tivo un extraordinario florecemento. Algúns dos prosistas máis salientables foron: Ramón Vilar Ponte (1891-1953); Xoán Vicente Viqueira (1886-1924); Leandro Carré Alvarellos (1885-1967), fundador da Editorial Lar, na que publicou catro novelas; Xosé Lesta Meis (1887-1930), autor de Manecho o da Rúa (1926), Estebo (1927) e Abellas de ouro (1930); Armando Cotarelo Valledor (1879-1950), o máis importante dramaturgo desta xeración con pezas como Trebón (1922), Lubicán (1924), Beiramar (1931) e Mourenza (1931); e Xaime Quintanilla Martínez (1898-1936), fundador da revista Céltiga, na que incluíu a súa novela Saudade (1922).

O GRUPO NÓS E O NACEMENTO DAS VANGARDAS

O grupo Nós, conformado en Ourense por Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, aos que habería que sumar a Castelao, proporcionoulle á cultura galega un progreso intelectual que non tivera ata ese momento. Todos eles son representantes dunha xeración de inadaptados que descubriron e se achegaron a Galicia despois dun periplo por culturas estrañas. Realizaron un importante traballo de estudo e fortalecemento da cultura galega, situándoa por riba do costumismo e do ruralismo para abrila a novos horizontes, máis universais, e coñectándoa directamente con Europa, nun afán de modernización e superación do illamento da literatura galega. Ao mesmo tempo, achegárona ás culturas celtas, como a irlandesa e a bretona. Unha das súas primeiras creacións foi a revista Nós, dedicada á promoción da arqueoloxía, da etnografía, da historia e da literatura en Galicia, que chegou ata o nº144 e que viu interrompida a súa edición co estalido da Guerra Civil. Nela participaron tanto os membros do grupo Nós, coma outros autores xa consagrados ou mesmo novos creadores. A formación do grupo Nós baséase no simbolismo francés e nas correntes de finais do XIX. Evolucionaron desde un esteticismo evasivo, neorromántico e cosmopolita ata un galeguismo universal. O nacemento e desenvolvemento desta conciencia quedou plasmado en Nós, os inadaptados, de V. Risco, Dos nosos tempos, de F. Cuevillas, e, sobre todo, Arredor de si, de R. Otero Pedrayo. Vicente Risco (1884-1963), ingresou nas Irmandades da Fala por medio de Antón Losada Diéguez. A súa Teoría do nacionalismo (1920) deulle unha grande influencia no seo das Irmandades. Tanto en A Nosa Terra como en Nós, buscaba actualizar e modernizar a literatura galega. Foi un dos máximos impulsores da liña cultural dentro do movemento galeguista. Da súa produción narrativa cómpre subliñar Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919), O lobo da xente (1925), A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), A Coutada (1926), Os europeos en Abrantes (1927) e O porco de pé (1928). No apartado ensaístico, ademais da súa Teoría do nacionalismo (1920) e de Nós, os inadaptados (1933), é mester salientar Mitteleuropa (1934) e Leria (1961). Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) participou activamente no movemento galeguista dende 1918 e foi o auténtico revolucionario e impulsor da prosa galega; da súa produción narrativa destacan os relatos breves Pantelas, home libre (1925), O purgatorio de don Ramiro (1926) e Escrito na néboa (1927); e as novelas Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930), Fra Vernero (1934), A Romaría de Xelmírez (1934), Devalar (1935), O Mesón dos ermos (1936) e O señorito da Reboraina (1960); e contos, Contos do camiño e da rúa (1932) e Entre a vendima e a castañeira (1957). No apartado de ensaio escribiu Pelerinaxes (1929), Guía de Galicia (1926), Ensaio histórico sobre a cultura galega (1939), Polos vieiros da saudade (1952) e O espello no serán (1966), entre outros. Florentino Cuevillas (1886-1958) dedicouse fundamentalmente ás tarefas investigadoras, aínda que tamén cultivou a prosa e o ensaio literarios. Ademais de Dos nosos tempos, editouse postumamente Prosas galegas (1962), onde se recollen a maior parte dos seus traballos e estudios. Con todo, o home que revolucionou en todos os aspectos a cultura en Galicia foi Afonso Rodríguez Castelao (1886-1950). Tanto na súa faceta de literato como de debuxante ou político, amosou o seu profundo coñecemento da psicoloxía do pobo galego. Vinculado ás Irmandades da Fala e ao grupo Nós, asumiu a dirección artística da revista Nós. Da súa produción literaria cómpre salientar: en narrativa, Un ollo de vidro (1922), Cousas (1926 e 1929), Retrincos (1934) e Os dous de sempre (1934); no ensaio, As cruces de pedra na Bretaña (1930) e Sempre en Galiza (1944). Toda a súa obra, dun carácter máis popular ca a dos restantes membros de Nós, caracterízase polo humor e a ironía que tamén reflicte nos seus debuxos. Á par do traballo realizado polos intelectuais vinculados ás Irmandades da Fala e ao grupo Nós, xurdiron en Galicia un pequeno grupo de autores, influídos polas correntes europeas, que promocionaron e cultivaron a literatura vangardista. Todos eles, malia adscribírense a distintas correntes ou ismos, poden incluírse dentro das denominacións de xeración do 25, novecentistas ou, simplemente, vangardistas. Cultivaron maioritariamente a poesía e non romperon cos integrantes da xeración anterior; pola contra, aproveitaron incluso os medios creados por estes para difundir a súa obra e a súa concepción da literatura. Neste momento, apareceu o Seminario de Estudos Galegos (1923), no que participaron moitos destes autores vangardistas, e estableceuse o Partido Galeguista (1931). Ao mesmo tempo, cómpre subliñar o papel desempeñado por manifestos como Máis Alá! e revistas como Alfar, Ronsel, Cristal, Papel de Color, Resol e Yunque, que acolleron estas novas creacións vangardistas, e a publicación dunha recompilación dos Cancioneiros (1928), de José Joaquim Nunes, que sentaba as bases da literatura galega. Luís Pimentel (1895-1958) só publicou en vida algúns poemas soltos en revistas. A obra póstuma Sombra de aire na herba (1959) recolle a maior parte dos seus textos galegos e nela advírtese a influencia dos membros da xeración do 27, especialmente Dámaso Alonso, Jorge Guillén e J. R. Jiménez. Fermín Bouza-Brey (1901-1973), creador da corrente do neotrobadorismo, publicou os poemarios Nao senlleira (1933) e Seitura (1955). No apartado narrativo editou Cabalgadas en Salnés (1925). Luís Amado Carballo (1901-1927) mesturou na súa obra elementos vangardistas e populares, feito que se deu en chamar “hilozoísmo”, na procura dunha humanización da paisaxe. Ademais das súas narracións breves Maliaxe (1922) e Os pobres de Deus (1925), publicou os poemarios Proel (1927) e O galo (1928). Outros autores influídos pola escola hilozoísta foron Eduardo Blanco Amor, Uxío Montes, Manuel L. Acuña, Xulio Sigüenza, Florencio Delgado Guarriarán, Augusto Casas e Ánxel Sevillano. Pola súa parte, Manoel Antonio (1900-1929), xunto con Amado Carballo, foi o poeta vangardista máis relevante da literatura galega, malia escribir un único poemario, De catro a catro (1928). Asinou con Álvaro Cebreiro o manifesto Máis Alá!, co que tentaba unha ruptura coa tradición literaria galega. Influído polo creacionismo de Vicente Huidobro, o mar e a natureza que o rodea adquiren un tratamento distinto na súa obra. Rafael Dieste (1899-1981), exiliado en Arxentina, publicou o libro de relatos titulado Dos arquivos do trasno (1926) e o drama A fiestra valdeira (1927). Xosé F. Filgueira Valverde (1906-1996) destacou como investigador no campo da literatura medieval e no seu labor á fronte de diversas institucións culturais, como o Museo de Pontevedra. No apartado narrativo, publicou O vigairo (1927) e Quintana viva (1971), mentres que no eido poético, Seis cancións de mar in modo antico (1941), adscrito ao neotrobadorismo. O estalido da Guerra Civil española en xullo de 1936 deu paso a unha época de escurecemento e clandestinidade dos autores galegos. Só se salvaron desa situación aqueles que emigraron e que se estableceron nas capitais galegas do exterior, isto é, Bos Aires e La Habana.

A POSGUERRA. A CREACIÓN DE GALAXIA E A REVITALIZACIÓN DA LITERATURA

Trala morte de Castelao e a desaparición do Partido Galeguista en 1950 pechouse unha etapa e abriuse un novo camiño grazas á creación da Editorial Galaxia. Dende as distintas iniciativas culturais, xa sexa a edición de libros como as propias publicacións periódicas, foise constituíndo un camiño que seguirá o nacionalismo político galego e que se materializou trala morte de Franco e a conformación da estrutura autonómica logo da aprobación da Constitución de 1978. A política represiva contra o idioma galego dende a administración, a radio, a prensa, a escola e a Igrexa, botaron abaixo o labor realizado polo grupo Nós, as Irmandades da Fala, o SEG e o Partido Galeguista, entre outras institucións e movementos. Co tempo, a creación da colección de poesía Benito Soto e Xistral, as editoriais Bibliófilos Gallegos e Monterrey, así como o suplemento semanal do xornal compostelán La Noche, foron a antesala desa posible recuperación cultural en Galicia. Deste xeito, en 1950, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Marino Dónega, entre outros, fundaron a Editorial Galaxia, promotora da recuperación cultural da lingua e da literatura galegas. Publicacións como Teima, A Nosa Terra, Vagalume, O Ensino, Grial, Encrucillada ou Obradoiro contribuíron a afirmar ese proceso de fortalecemento. No que se refire á literatura no exilio, cómpre salientar as composicións poéticas de autores como Emilio Pita (Jacobusland, 1942), Luís Seoane (Fardel de exiliado, 1952) e Lorenzo Varela (María Pita e tres retratos medievais, 1944). No apartado narrativo é mester sinalar o labor de Ramón de Valenzuela (Non agardei por ninguén, 1957) e Silvio Santiago (Vilardevós, 1961). Co final da Guerra Civil e a chegada da ditadura franquista, o teatro galego esmoreceu por completo. Un espectáculo de relevancia foi o que presentou a Asociación Cultural Iberoamericana na Coruña en 1959, a escenificación do texto de Álvaro Cunqueiro, Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, con dirección de Antonio Nabeira Goday, á que seguiu a presentación de Os vellos non deben de namorarse, de Daniel R. Castelao, en 1961. Estas propostas tiveron continuidade no traballo que desenvolveu o coro Cantigas e Agarimos en Santiago, con dirección de Rodolfo López Veiga, que nos anos sesenta presentou diversas propostas teatrais. Malia que a maior parte dos autores que publicaron as súas obras antes da Guerra Civil, ben desapareceron, como no caso de Castelao, ben abandonaron esta práctica, como aconteceu con Vicente Risco, a partir de 1950 é significativa a presenza doutros creadores, directa ou indirectamente ligados á Editorial Galaxia, que continuaron cunha abondosa produción. É o caso de Domingo García-Sabell (1909), que ademais das súas colaboracións en Grial, publicou Ensaios (1963 e 1976); Riccardo Carballo Calero (1910-1990), autor de Historia da literatura galega contemporánea (1963 e 1975) e Gramática elemental del gallego común (1966); Francisco Fernández del Riego (1913), autor de Historia da literatura galega (1951) e Galicia no espello (1954); Ramón Piñeiro (1915-1990), que destacou polos seus traballos lingüísticos e literarios, autor de Olladas no futuro (1974); Celestino Fernández de la Vega (1914-1986), influído por Heidegger e autor de O segredo do humor (1963); e Rof Carballo (1905-1994), autor de Mito e realidade da Terra Nai (1957). Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961), impulsor en Galicia do paisaxismo humanístico ou neovirxilianismo, que publicou Señardá (1930), Corazón ao vento (1933), Cómaros verdes (1947), De día día (1960) e Lanza de soledá (1961). A importancia deste conxunto de poemas onde se mesturan influencias do neotrobadorismo e certas tendencias populares, radica na apertura da poesía e da literatura galega en xeral de cara ao gran público. Ao longo da década dos cincuenta conviviron influencias hilozoístas, popularistas, neotrobadorescas e ruralistas na obra de moitos autores, como os irmáns Álvarez Blázquez, Manuel Fabeiro, Faustino Rei Romero, Manuel Casado Nieto e Valentín Paz Andrade. Malia todo, a renovación real da poesía galega parte dos oito poemas publicados baixo o título de Triscos (1950) por Luís Pimentel. Na súa mesma liña situaranse autores como Eduardo Moreiras, Luz Pozo Garza, Miguel G. Garcés e Tomás Barros. Outra obra relevante foi Muiñeiro de brétemas (1950), de Manuel María, quen iniciou así unha longa e destacada carreira como poeta, considerado como un piar fundamental na obra lírica de Galicia. Nesta mesma década cómpre subliñar o papel da Escola da Tebra, representada por Manuel Cuña Novás, autor de Fabulario Novo (1952), no que se mesturan elementos existencialistas e a saudade. Así mesmo, esta escola habería de influír posteriormente no grupo Brais Pinto, constituído en 1958 no Centro Galego de Madrid por Xosé F. Ferreiro, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Ramón Lorenzo, Alexandre Cribeiro e X. L. Méndez Ferrín. Outros poetas relevantes destes anos foron Xohana Torres e Uxío Novoneyra quen, coa súa obra Os Eidos (1955), iniciou unha produción poética marcada por elementos existencialistas mesturados con trazos propios da súa terra, o Courel. No apartado narrativo, aconteceu exactamente o mesmo ca na lírica. Non foi ata 1951 que se editou A xente da Barreira, de R. Carballo Calero. Dende ese momento, xurdiron unha serie de nomes propios que marcaron novas tendencias na narrativa galega, como Eduardo Blanco-Amor, Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole. Blanco-Amor é autor de A Esmorga (1959), Os biosbardos (1962) e Xente ao lonxe (1972), mentres que Cunqueiro escribiu Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961), Escola de menciñeiros (1960) e Os outros feirantes (1979); Ánxel Fole escribiu Á lus do candil (1952), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).

OS ANOS SESENTA. A RENOVACIÓN DA POESÍA GALEGA. A NOVA NARRATIVA GALEGA

Nos anos sesenta produciuse un fito salientable para as letras galegas. Á obra de Xosé Mª Díaz Castro, autor de Nimbos (1961), e Antón Tovar, con Arredores (1962), sumábase un poemario que daba paso a unha nova etapa na lírica galega, Longa noite de pedra (1962), de Celso E. Ferreiro. Esta obra pretendía definir dalgunha forma os anos que seguiron á finalización da contenda civil en España, pero dun xeito máis concreto en Galicia. Ligado a movementos políticos de esquerdas galeguistas, na obra de Celso E. Ferreiro reflíctese a importancia pola temática social. Publicou, ademais, O soño sulagado (1954), Viaxe ao país dos ananos (1968), Cemiterio privado (1973) e Onde o mundo se chama Celanova (1975). Dende a publicación de Longa noite de pedra, xurdiron novos creadores que editaron poemarios de grande importancia, como Bernardino Graña, autor de Profecía do mar (1966), Salvador G. Bodaño, con Ó pé de cada hora (1967), Arcadio López Casanova, con Palabra de honor (1967) e Xosé L. Franco Grande, autor de Entre o si e o non (1967). Por último, o poemario Con pólvora e magnolias (1976), de X. L. Méndez Ferrín iniciou un novo camiño no que respecta á poesía galega. No tocante á narrativa, a partir de 1960 xurdiu a xeración denominada Nova Narrativa, auténticos dinamizadores dunha linguaxe que se manifestou renovada en recursos técnicos. A súa creación literaria reflicte as influencias de J. Joyce, F. Kafka, William Faulkner e da nouveau roman francesa. Tamén cómpre destacar a obra de Gonzalo R. Mourullo, autor de Memorias de Tains (1956), X. L. Méndez Ferrín, con Percival e outras historias (1958), Carlos Casares, con Vento ferido (1967), Xohán Casal, autor de O camiño de abaixo (1970), e Xohana Torres, con Adiós María (1971). A estes hai que sumar a obra de Camilo Suárez Llanos, Vicente V. Diéguez e María Xosé Queizán. Á marxe destes autores, cómpre salientar a obra de X. Neira Vilas, autor do libro máis vendido da literatura galega, Memorias dun neno labrego (1961), unha narración caracterizada pola simplicidade técnica e a linguaxe directa. O movemento xerado ao redor de maio de 1968, especialmente na Universidade compostelá, ofreceulle á literatura galega unha serie de novos autores que co tempo se afianzarán como extraordinarios poetas e narradores. Todos eles recibiron ademais a influencia da obra de Celso E. Ferreiro e viviron a experiencia da complicada realidade social nos tempos da finalización da ditadura. Ademais doutras manifestacións artísticas, como a aparición do grupo musical Voces Ceibes, xurdiron os denominados “novísimos”, autores que tentaron revolucionar a literatura galega. É o caso de Lois Diéguez (Arbre de esperanza, 1966), Alfredo Conde (Mencer de lúas, 1968), Xosé Vázquez Pintor (Terra e pan, 1975), Luís Álvarez Pousa (Os cans da vida, 1972), Xesús Rábade Paredes (Morrer en Vilaquinte, 1981), en colaboración con Helena Villar, Margarita Ledo Andión (O corvo érguese cedo, 1973), Darío Xohán Cabana (Home e terra, 1970), Fiz Vergara Vilariño (Pra vós, 1971) e Xavier Rodríguez Barrio (Pranto irmán, 1973), entre outros. No eido da narrativa destacou tamén un grupo de escritores que se sumaron aos que constituíron o que se deu en chamar a “Nova Narrativa Galega” e na que figuraban Gonzalo R. Mourullo (Memorias de Tains, 1956), Camilo Suárez-Llanos (Cara a Times Square, 1980), María Xosé Queizán (A orella no buraco, 1965), Vicente Vázquez Diéguez (As ponlas baixas, 1967), Lois Diéguez (A torre de Babel, 1968) e Xohana Torres. Xosé Luís Méndez Ferrín (1938) conta entre a súa produción con algún dos títulos máis relevantes deses anos, como O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964), Retorno a Tagen Ata (1971), Elipsis e outras sombras (1974) e Amor de Artur (1982). Toda a súa obra inicial está marcada polo seu interese por renovar tecnicamente a narrativa, mentres que dende a publicación de Retorno experimentou unha maior preocupación polo contido da narración. Entre as obras de Carlos Casares (1941-2002) cómpre citar Vento ferido, Cambio en tres (1968), Xoguetes para un tempo prohibido (1975), Os escuros soños de Clío (1979) e Ilustrísima (1980). Xosé Neira Vilas (1928), emigrou á Arxentina dende moi novo e logo marchou a Cuba. A súa obra, marcada por un realismo crítico, reflicte moitas das experiencias da súa infancia. Ademais de Memorias dun neno labrego (1961), publicou Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), Remuíño de sombras (1973) e Nai (1980), xunto con diversos relatos para nenos. A partir dos anos setenta apareceron novos autores que afondaron no camiño da narrativa, dos que é mester sinalar a Emilio G. Fernández (Historias do 30 de febreiro, 1970), Xoán X. Alfaia (O paseo, 1970), Xavier Carro (As calexas do cigurath, 1973), X. Fernández Ferreiro (Morrer en Castrelo de Miño, 1978), Paco Martín (Muxicas no espello, 1971) e Carlos Durán (A teima, 1973). A estes pódeselles engadir o nome de Alfredo Conde (1945) que como narrador publicou Memento de vivos (1974), Breixo (1981), Memoria de Noa (1982) e Xa vai o Grifón no vento (1981), co que conseguiu o Premio Blanco-Amor e o Premio Nacional de Narrativa.

OS ANOS SETENTA E OITENTA. A CONSOLIDACIÓN DA NARRATIVA GALEGA

A partir de 1976 produciuse unha nova renovación na poesía galega, marcada pola edición de dúas obras revolucionarias: Con pólvora e magnolias, de X. L. Méndez Ferrín, e Mesteres, de Arcadio López Casanova. Nese momento deuse a coñecer a obra de Alfonso Pexegueiro quen con Seraogna (1976), Mar e naufraxio (1978) e Circos de auga (1979) inaugurou unha etapa máis persoal na súa produción, á marxe do grupo poético Rompente, que foi a cerna de moitos outros creadores. En 1978, o grupo Rompente, formado por Antón Reixa, Alberto Avendaño, Manuel M. Romón e Camilo Valdeorras, decidiu editar Silabario da turbina (1978), obra na que amosan unha visión lúdica da poesía. Outros grupos significativos foron Cravo Fondo, formado por Xesús Rábade Paredes, Ramiro Fonte, Xavier R. Barrio, Xulio L. Valcárcel, Xesús M. Valcárcel, Fiz Vergara e Helena Villar, que editaron en 1977 un volume colectivo co título do grupo, e o grupo Alén, composto por F. Salinas Portugal, Miguel A. Mato e Xosé R. Pena. Á marxe destes grupos, cómpre salientar a obra de diversos creadores que parte da crítica agrupa baixo a denominación de Xeración dos 80, como Vítor Vaqueiro (Camiño de Antioquía, Premio Esquío 1981), Xavier Seoane (A caluga do paxaro, 1978), Claudio Rodríguez Fer (Tigres de ternura, Premio da Crítica Galicia 1981), Manuel Vilanova (E direivos eu de mister das cobras, 1980), Xavier R. Baixeras (Fentos no mar, 1981), Manuel Forcadela (Ferida acústica no río, 1982), Román Raña (Retrato de sombra en outono, 1981), Darío X. Cabana (A fraga amurallada e outros poemas, 1983), Xaquín Agulla (Ensoños de Breila, 1982), Manuel Rivas (Libro do entroido, 1980), Manuel Miragaia (Xénese e apocalipse, 1981), Pilar Pallarés (Entre lusco e fusco, 1979), Xela Arias (Tigres coma cabalos, 1990), Anxo Quintela (A sombra dos pavillóns, 1983), Ánxeles Penas (Galicia, fondo val, 1982), Lino Braxe (Banquete, 1990), Miro Villar (Ausencias pretéritas, 1992) e Miguel A. Fernán Vello, autor de Do desexo en corpo e sombra (1984) e Memorial de brancura (1985). No apartado da narrativa, nos anos oitenta produciuse unha revolución en canto a novos autores e a calidade dos seus escritos; entre eles Xavier Alcalá coa obra A nosa cinza (1980), Fábula (Premio da crítica española, 1980) e Nos pagos de Huincaloo (1981). Outro creador destacado foi Xoán Ignacio Taibo, que editou Os inmortais (1975), Homes de ningures (1978) e A Semancia (1981). Xosé M. Martínez Oca publicou Un home no corral (1976), No fondo do espello (1978), A fuxida (1980) e Beiramar (Premio Blanco Amor 1983). Outros narradores de renome foron Ánxel A. Rei Ballesteros (Dos anxos e dos mortos, 1977), Tucho Calvo (Froito das lembranzas, 1980), Xesús Rábade Paredes (A terra prometida, 1977), Carlos G. Reigosa (Crime en Compostela, 1984) e Víctor Freixanes, director de Galaxia e autor de O triángulo escrito na circunferencia (1982) e O enxoval da noiva (1988). Á marxe da narrativa, pero tamén en prosa, pódense sinalar outros escritores que atenden outros diversos aspectos como a etnografía, a filoloxía, a sociolingüística ou a relixión. É o caso de Xoaquín Lorenzo (Os oficios), Xesús Alonso Montero (Informe dramático sobre la lengua gallega, 1973), Francisco Rodríguez (Conflito lingüístico e ideoloxía en Galicia, 1974), Felipe Martínez Marzoa (Ensaios marxistas) e Xosé M. Beiras (O atraso económico de Galicia, 1973), entre outros. Na Coruña creouse en 1965 o Grupo Teatral O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo, e en 1966 Maximino Queyzán presentou en Vigo a proposta A raposa e as uvas, mentres en Santiago e Ourense diferentes agrupacións, como Ditea e a Agrupación Teatral Valle-Inclán, aglutinaban un bo número de mozos interesados no feito escénico e que tiveron un considerable protagonismo nos anos setenta e oitenta. Destas agrupacións e colectivos e do teatro universitario realizado en Santiago naceu unha nova fornada de creadores teatrais que, a partir de 1973, confluíron na Mostra de Teatro de Ribadavia, onde participaron compañías como Teatro Circo, Antroido, A Farándula, Histrión 70, Escoitade, Candea, Tespis, Teatro Antroido, Troula ou Artello, que configuraron un importante movemento de teatro independente e comunitario, e do que a partir de 1978 se desenvolveu o teatro profesional galego. En Ribadavia tamén se organizou o Concurso Abrente de textos dramáticos, no que se deu a coñecer unha nova xeración de autores como Roberto Vidal Bolaño, Euloxio R. Ruibal, Manuel Guede e Manuel Lourenzo. En 1978 as compañías Antroido e Troula comezaron o proceso para crear unha estrutura profesional en Galicia, no que tamén participaron colectivos como Teatro da Mari-Gaila, Andrómena, Artello ou Teatro Circo, e que se converteu na Escola Dramática Galega. Nesa mesma época tamén se crearon os primeiros proxectos para a posta en marcha de teatros estables, e así naceron o Teatro do Estaribel, a Compañía Luís Seoane e as primeiras salas de teatro independente, como a Sala Carral en Vigo, a Sala Caritel en Ourense e a Sala Luís Seoane na Coruña. O teatro galego iniciou, así, unha nova etapa caracterizada pola procura de estruturas suficientes para regularizar a vida teatral de Galicia, ao tempo que as compañías desenvolveron un intenso proceso de mellora dos espectáculos. Ese proceso culminou en 1984, cando se constituíu o Centro Dramático Galego, baixo a dirección de Eduardo Alonso, e se comezaron a institucionalizar as axudas á produción e distribución de espectáculos teatrais, amais da creación dos primeiros circuítos estables, iniciativa que comezou cos Martes Teatrais. Na década dos oitenta o teatro galego viviu unha etapa de forte expansión, feito que implicou a aparición de moi diversas orientacións estéticas, a presentación de novos autores e a incorporación de novas xeracións de actores, escenógrafos e outros creadores escénicos. Nesta época creáronse compañías como Sarabela Teatro, Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, Uvegá Teatro, Teatro da Lúa, Producións Libreescena, Compañía Marías, Áncora Producións, Teatro do Noroeste, Teatro do Aquí, A Factoría Teatro, Chévere ou Matarile, sen esquecer o importante movemento de teatro de monicreques con compañías como Monicreques, Trécola, Cachirulo, Viravolta, Danthea, Tanxarina, ou o movemento de teatro escolar e afeccionado. Paralelamente, en 1989, naceu o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), que comezou unha política de desenvolvemento de iniciativas con recursos suficientes. As publicacións periódicas, as coleccións de textos e estudios teatrais e as dinámicas de distribución e exhibición melloraron substancialmente trala creación, a finais dos noventa, da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A LITERATURA GALEGA DE FINAIS DO S XX E PRINCIPIOS DO S XXI

Os anos oitenta e o principio dos noventa marcaron a consolidación definitiva da lingua galega como instrumento para a edición de libros e para a súa difusión a todos os niveis. Dende a industria editorial, pasando polo ensino, ata os propios medios de comunicación, contribuíron á normalización do idioma. Entre as características propias da lírica de finais do s XX cómpre subliñar o culturalismo, a preocupación polos aspectos formais, a preocupación polo idioma -moitos dos autores son licenciados en Filoloxía Galega-, o diálogo entre tradición e modernidade, e as novas propostas temáticas, especialmente a análise de temas universais dende unha perspectiva persoal. Ao mesmo tempo, é mester sinalar a importancia dos premios literarios, como o Esquío e o do colectivo O Facho, entre outros moitos, que animan a produción poética. Tamén proliferan, ao igual que nos anos setenta, os colectivos poéticos, como Dolmen, en Ourense, que publicou Sete poetas ourensáns (1992), Ronseltz, con Unicornio de cenouras que cabalgas os sábados (1994), Serán Vencello, Hedral, que editou Sete poetas (1995), e o Batallón Literario da Costa da Morte, que tiraron do prelo a folla poética Feros Corvos. No apartado narrativo, a finais dos anos oitenta e principios dos noventa consolidáronse algúns autores como Darío Xohán Cabana, quen escribiu Galván en Saor (Premio Xerais de Novela, 1989) e Vidas senlleiras (Premio Cidade de Lugo, 1992); Suso de Toro, especializado na escrita de guións para radio e televisión, e autor de Caixón desastre (Premio Galicia, 1983), Polaroid (1986) e Tic-Tac (1993); Manuel Riveiro Loureiro, autor de As cereixas (1988) e Corpo canso (Premio García Barros, 1993); Xosé M. Casado (O inverno do lobo, Premio Blanco-Amor, 1985); Lois X. Pereira (As horas de cartón, Premio Xerais de Novela, 1985); Xoán Bernárdez Vilar, con No ano do cometa (Premio Xerais de Novela, 1986); Miguel A. Murado (De soños e derribos, 1986); Fermín Bouza (Longo voo do paxaro, 1987); Miguel Suárez Abel (Turbo, 1988); Alfonso Álvarez Cáccamo (As baleas de Eduardo Reinoso, 1990); Xelís de Toro (Non hai misericordia, 1990); Xosé Cid Cabido (Días contados, Premio Cidade de Lugo, 1991); Xosé C. Caneiro (O infortunio da soidade, Premio Xerais de Novela, 1992); César Cunqueiro (Beatum corpus, 1993); Marilar Aleixandre, especializada en narrativa para nenos e autora de O tránsito dos gramáticos (1993); Ramiro Fonte (Os leopardos da lúa, 1993); e Aníbal C. Malvar (Un home que xaceu aquí, 1993). Entre todos eles destaca, especialmente, Manuel Rivas, xornalista e poeta, quen editou algúns dos últimos best-seller da literatura galega, especialmente Que me queres, amor? (Premio Nacional de Narrativa, 1996). Escribiu tamén Os comedores de patacas (1991), En salvaxe compaña (1994) ou O lapis do carpinteiro (1998). A lírica de finais de século é unha proxección en canto a autores que xa viñan publicando con anterioridade. Deste xeito, editáronse obras dalgúns autores xa consagrados como M. X. Queizán (Despertar das amantes, 1993), X. L. Méndez Ferrín (Estirpe, 1994), Ana Romaní (Das últimas mareas, 1994), Manuel María (O Miño canle de luz e néboa, 1996) e Bernardino Graña (Luz de novembro, 1997); e de propostas de novos creadores como Marta Dacosta (Pel de ameixa, 1996), Fran Alonso (Tortillas para os obreiros, 1996), Olga Novo (Nós nus, Premio Losada Diéguez 1997), Enma Couceiro (Humidosas, 1997), Rafa Villar (Casa ou sombra, 1997) e Yolanda Castaño (Delicia, 1998). Do mesmo xeito ca na lírica, na narrativa aparecen novos creadores que incorporan o seu propio estilo á literatura galega e van consolidándose outros que comezaron o seu proceso creativo nos anos setenta e oitenta. É o caso de Paco Martín (Tres historias para ler á noite, 1992), Marina Mayoral (Querida amiga, 1995), Alfredo Conde (Sempre me matan, 1995), Xosé R. Pena (A era de Acuario, 1997), Xoán I. Taibo (A ponliña irlandesa, 1997), Xavier Alcalá (Alén da desventura, 1998), Marilar Aleixandre (Teoría do caos, 2001), Xosé A. Perozo (Martázul, Premio Blanco-Amor, 2001), Víctor Freixanes (A cidade dos césares, 2002) e Suso de Toro (Trece badaladas, 2002). Un dos grandes descubrimentos destes últimos anos foi a literatura infantil e xuvenil en galego. Os premios de contos e teatro infantil, como os convocados pola asociación cultural O Facho, tamén contribuíron a xerar ese interese por parte dos creadores e dos propios lectores. Ao éxito de Memorias dun neno labrego e A nosa cinza, uníronse novos títulos e autores que en pouco tempo adquiriron moitas sona, como Xabier Puente Docampo (O misterio das badaladas, 1986), Agustín Fernández Paz (As flores radiactivas, Premio Merlín, 1989), Miguel Vázquez Freire (A malvada María Xosé, 1989), Xosé A. Perozo (O enigma de Embívicus, 1992), Marilar Aleixandre (A expedición do Pacífico, Premio Merlín, 1994), Antonio García Teijeiro (Na fogueira dos versos, Premio Merlín, 1996), Sabela Álvarez (Adiviñas de papel, 1999), Fina Casalderrey (Bicos de prata, 1999), Xosé A. Neira Cruz (As cousas claras, Premio Merlín 2000), An Alfaya (A estrela Volarina na torre Coralina, 2001) e Xoán Babarro (O reino de Dama Duira, 2001).

Música

As correntes nacionalistas apareceron en Europa no s XIX como reacción ao dominio musical italiano no eido operístico, e xermánico, no instrumental. A orixe do movemento dirixido a popularizar a música galega en concertos parece que foi moi distinto do catalán. Marcial del Adalid tivo unha influencia determinante neste movemento, que culminou cunha xeración de músicos identificados cunha idea de galeguidade ata o momento inexistente que se deixaba ver no seu gusto polos ritmos e melodías de tipo popular. Entre estes compositores destacaron Xoán Montes, Pascual Veiga, Xosé Castro Chané e Xosé Baldomir. Este movemento nacionalista mantívose vivo durante algo máis do primeiro terzo do s XX. Todas as composicións que lles pertencen, inicialmente para voz e piano ou para coro, son sinxelas e sen pretensións, entre as que destaca un tipo de ↪ canción de tipo popular que acadou moita sona como modelo musical desta época e entre as que cómpre salientar títulos como Negra sombra (X. Montes), Alborada (P. Veiga) e Os teus ollos (X. Castro Chané). Outro elemento musical de importancia foi a creación das bandas de música (↪ banda, e das agrupacións corais, entre as que destacan a Coral De Ruada (1918), de Ourense e o Real Coro Toxos e Flores (1914), de Ferrol. No s XX cómpre destacar por unha banda, os cantautores e grupos, e pola outra, a música folk. Durante os anos sesenta e setenta a expresión artística distinguiuse polo uso do idioma propio; a miúdo algúns cantantes usaron poemas de autores consagrados, pero o máis frecuente foi a escrita de letra propia. Destaca o caso do grupo Os Tamara, que constituíu un referente popular na voz do seu solista, Pucho Boedo. Por outra banda, Ana Kiro foi o referente inequívoco dunha canción baseada nos tópicos da Galicia festeira. A finais dos anos sesenta un grupo de mozos universitarios crearon, en Santiago de Compostela, o colectivo Voces Ceibes. Benedicto, Bibiano, Xavier del Valle, Vicente Araguas, Xerardo Moscoso, Guillermo Rojo, Miro Casabella e Suso Vaamonde son algúns dos nomes representativos das primeiras mostras do que se deu en chamar nova canción galega, que se distinguiu por un evidente contido social. Xa nos primeiros anos setenta xurdiu outra canción galega identificada como comercial, que de feito acadou grande éxito en número de discos vendidos, nas voces de Andrés do Barro e Juan Pardo. Por extensión, pódense incluír no mesmo apartado as voces do vigués Bernardo Xosé, o ourensán Santeiro e a de Jei Noguerol. Igualmente sociais se poden considerar as composicións do dúo María e Xavier e de Xoán Rubia. Outro grupo destacado foi o formado por María Manuela e Miguel Varela. En 1975 apareceron dous traballos de grande impacto popular e recoñecemento crítico: Ahí vén o maio, de Luís Emilio Batallán, e Rosalía de Castro, de Amancio Prada. Tamén destacaron Fuxan os Ventos, Saraibas, Xocaloma, Cumbre e A Roda. Os diversos intentos por crear un rock en idioma galego tiveron o seu precedente no grupo NHU. O grande éxito deste tipo de música chegou na década dos 80 con Os Resentidos, Siniestro Total e Aerolíneas Federales, no que se deu en chamar La Movida. Nos anos 90 o chamado rock bravú reivindicou a esencia rural do país; entre os grupos destacan Os Diplomáticos de Monte Alto e os Heredeiros da Crus. Posteriormente, os cantantes galegos contemplaron un panorama diferente, e xurdiron discos como o de Uxía, que logo da súa integración no grupo Na Lúa continuou a súa carreira en solitario. No eido da música folk, en 1975 presentouse en Santiago de Compostela o Movimento Popular da Canción Galega, que estableceu certas bases para o que se deu en chamar música folk galega. Algúns dos seus representantes déronse a coñecer dentro dese movemento, como Emilio Cao. O grupo Milladoiro marcou o verdadeiro inicio da música folk galega, xa que foi unha formación na que confluíron, desde a súa creación a finais de 1978, varios membros relacionados con ese movemento como Antón Seoane e Rodrigo Romaní e os compoñentes do cuarteto tradicional Faíscas do Xiabre. Desde entón, a utilización da nosa música tradicional foi unha constante en formacións e solistas que encheron a escena musical galega, logo de recuperar unha instrumentación que, en moitos casos, caera en desuso durante décadas precedentes. Revitalizouse a gaita, e colleu pulo a zanfona, o acordeón, a frauta, a arpa, e máis tarde, a batería, en grupos como Brath ou Na Lúa. Mentres, a parte máis tradicional do folk galego mantívose con grupos como Muxicas, Pallamallada ou Treixadura. Outros grupos optaron por unha certa aproximación ao rock, como Alecrín ou Taranis. Durante a década dos noventa apareceron novos nomes solistas relacionados co mundo da gaita como Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Cristina Pato ou Carlos Núñez. Ao mesmo tempo, xurdiron novos grupos de fusión como Camerata Meiga ou Berrogüetto. Xa a finais do s XX os grupos de pandeireteiras recuperaron o canto tradicional do mundo rural; as máis destacadas foron as compostelás Leilía e Anubía.

Prensa

A historia da prensa en Galicia sinala o 1 de maio de 1800 como a data da primeira edición dunha publicación periódica galega, data en que das prensas de Santiago de Compostela saía El Catón Compostelano, propiedade de Francisco de Valle Inclán. Sinálase o estalido da Guerra da Independencia como o punto real de arranque do movemento xornalístico en Galicia e no resto de España. Nestes anos, en Galicia cómpre salientar os nomes dalgúns dos impresores, liberais ou absolutistas, como Manuel María de Vila, Manuel A. Rey ou Ignacio Aguayo, que tiraban do prelo diferentes publicacións periódicas; entre elas, Diario de La Coruña, Gaceta Marcial y Política de Santiago, El Ciudadano por la Constitución, Estafeta de Santiago e Los Guerrilleros por la Patria. En xeral, todas estas publicacións incluían información de carácter xeral, referencias e artigos sobre conflitos bélicos, as sesións das Cortes e temas políticos, cartas dirixidas ao director e anuncios, xeralmente na última páxina. Neses anos, os grandes centros da prensa establecéronse en Santiago de Compostela e A Coruña. Tralo retorno de Fernando VII (1814) suspendeuse a publicación de periódicos e tralo pronunciamento de Riego volveuse liberalizar a prensa. Durante o Trienio Liberal triunfaron o Diario Constitucional de La Coruña e El Heráclito Español y Demócrito Gallego (1820). O absolutismo de 1823 provocou a represión de moitos impresores e propietarios liberais. Durante a rexencia e reinado de Isabel II (1833-1868) tiráronse do prelo en Galicia uns 188 periódicos, na súa maior parte en centros urbanos. Á modernización da prensa galega contribuíron a aparición do telégrafo e en 1838 da litografía no Semanario Instrutivo, impreso en Santiago de Compostela por Xosé Núñez. Outras innovacións foron unha mellor disposición dos textos en columnas e a diversificación por seccións do seu contido. Entre os xornalistas que máis destacaron polo seu labor cómpre sinalar a Antolín Faraldo, Romero Ortiz, Neira de Mosquera, Xosé María Posada, os irmáns de la Iglesia, promotores de Galicia, Revista Universal de este Reino (1860), Xoán Cuveiro, Eduardo Chao, fundador de La Oliva (1856) e El Miño (1857); Emilio Couto, Bieito Vicetto, director de El Clamor de Galicia (1854); e Manuel Murguía. No que respecta a outros xornais de moda daqueles anos, é mester subliñar El Criticón, satírico, El Gratis, publicitario, El Centinela de Galicia, político, El Porvenir, obreiro, La Cuenca del Eo, local, Diario de Santiago (1848) e Faro de Vigo (1853), de información xeral; e as revistas Boletín Judicial de Galicia, Revista de Ciencias Médicas, La Crónica del Magisterio, El Eco Mercantil, El Iris del Bello Sexo (1841) e La Joven Galicia. Co decreto de liberdade de imprenta do 23 de outubro de 1868 volveuse a unha relativa normalización. Entre 1868 e 1874 apareceron en Galicia 118 periódicos, fundamentalmente nas urbes. Resulta significativa a aparición do primeiro periódico elaborado na emigración, La Gaita Gallega (1872), e o predominio de medios de prensa escrita de información xeral e política, xunto con algunhas publicacións de tipo cultural. A estas, sumáronse outras publicacións que reflectiron o ambiente de entusiasmo posterior á Revolución da Gloriosa como La Voz Popular, El Amigo del Pueblo (1868), La Nacionalidad, La Democracia, El Federal e El Eco Republicano, entre outros. Producíronse tamén unha serie de melloras técnicas que facilitaron a progresión da prensa como a instalación das liñas de ferrocarril, a regularización do transporte marítimo e o invento do teléfono; a máquina de escribir, a linotipia, a rotativa, a introdución da fotografía, etc, que contribuíron a unha definitiva profesionalización do labor xornalístico. Ademais, co aumento das tiraxes, a construción de rápidas rotativas, a maior demanda e un maior aproveitamento publicitario, posibilitaron o abaratamento da prensa. Dende os anos setenta do s XIX ata o golpe de Primo de Rivera apareceron case que 1.300 publicacións periódicas en Galicia, nas que figuraban as firmas de Aureliano Pereira, Xoán Barcia Caballero, Emilia Pardo Bazán, Indalecio Armesto, Alfredo Vicenti, Labarta Pose, Alfredo Brañas e Sofía Casanova. A finais do s XIX e principios do século seguinte, naceron e consolidáronse os grandes periódicos galegos de información xeral, moitos deles editados con regularidade a principios do s XXI. É o caso do Faro de Vigo (1853), decano da prensa española, La Concordia (1872), Diario de Santiago (1872), El Anunciador (1877), El Correo Gallego (1878), La Voz de Galicia (1882), Diario de Pontevedra (1887), El Eco de Santiago (1896), La Región (1910) e El Ideal Gallego (1917). Tamén neses anos naceron outros medios cunha vocación máis cultural, como La Ilustración de Galicia y Asturias (1878-1879), La Ilustración Gallega y Asturiana (1879-1881) e O Tío Marcos da Portela (1876); este último destacou por ser o primeiro redactado integramente en lingua galega e pola súa extraordinaria difusión no eido rural. Outros tipos de prensa que tamén viron a luz foron a obreira, como La Emancipación (1880), de carácter anarquista, e Solidaridad (1899), ligada ao PSOE; a satírica, como El Chismoso (1881); a relacionada co ensino, El Magisterio de Galicia (1895); a prensa feminina, El Ángel del Hogar (1896); e cultural. Outros movementos políticos que tamén tiveron a súa importancia foron o rexionalismo, representado por El Regionalista (1890?) e La Defensa (1890?); e o agrarismo representado por Redención Gallega (1910). Pouco a pouco fóronse incrementando notablemente o número de periódicos de información xeral que se sumaban aos xa existentes, como El Noroeste (1895), na Coruña, El Miño (1895), en Ourense e, algo xa máis tarde, El Progreso (1908), en Lugo, La Región (1910), en Ourense, e El Ideal Gallego (1917), na Coruña. Tralo Concilio Vaticano I, a Igrexa aumentou a súa presenza nos medios de comunicación escritos e promocionou os seus propios periódicos, como La Acción Católica. Segundo as investigacións de Pérez Pais, no período comprendido entre 1890 e 1923 apareceron anualmente en Galicia ao redor de 20 ou 30 novas publicacións periódicas. Entre os novos medios de prensa escrita, cómpre salientar o papel de Vida Gallega (1909), unha revista fundada en Vigo por Xaime Solá e que se pode considerar como unha das precursoras da prensa do corazón, cunha estrutura e contidos extraordinariamente novidosos e que incorporou a fotografía dun xeito descoñecido ata entón en Galicia. Entre os anos 1910 e 1930 rexorde a prensa local. Co tempo, dous factores incidiron directamente no eido da comunicación escrita galega; por unha banda, a substitución da prensa política por medios informativos máis neutrais, e pola outra, a conversión dos periódicos en verdadeiras empresas. Neste sentido, ademais da modernización e da tecnoloxía, incorporaron unha nova distribución das novas, correspondentes, unha axenda diaria, reportaxes, suplementos, etc. A saída ao mercado editorial de A Nosa Terra en 1916, co apoio das Irmandades da Fala, iniciou unha nova época para a difusión do galeguismo na prensa escrita. Dende esta data, foron moitas as publicacións que incorporaron a lingua galega dun xeito importante ás súas páxinas, como Nós (1920), voceiro do grupo intelectual homónimo. Pouco a pouco, o número de intelectuais ligados aos medios xornalísticos foi incrementándose; é o caso de Vicente Risco, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Carlos Maside, Antón Villar Ponte ou Fermín Bouza-Brey. Relacionada co eido cultural pódese subliñar a aparición da revista vangardista Alfar (1923), na que colaboraron Mistral, Borges, Max Aub, Dalí e Picasso, e os diarios El Compostelano (1920), La Zarpa (1921), de Basilio Álvarez, e Galicia (1924), dirixida por Valentín Paz Andrade. Durante o goberno de Primo de Rivera (1923-1930) e como consecuencia da censura imposta, produciuse un descenso no número de publicacións periódicas, especialmente na prensa obreira, rexionalista e republicana. Por contra, a deportiva, comercial e relixiosa incrementouse con novos títulos. En total, en Galicia apareceron 97 novos periódicos e publicáronse 165. Desta época, cómpre subliñar o papel exercido por publicacións de renome como El Pueblo Gallego (1924), fundado por Manuel Portela Valladares e adscrito á Liga de Defensores de Vigo; a revista vangardista Ronsel (1924), en Lugo; a revista Industrias Pesqueras (1927), representativa do sector pesqueiro; e Vida Escolar (1927), difusora de novos métodos para a renovación da escola tradicional. Coa instauración da Segunda República (1931) elevouse notablemente o número de publicacións periódicas en Galicia, coa aparición de 207 novos títulos e cunha circulación global de 329, caracterizados por unha pluralidade ideolóxica e de contidos sen precedentes. En xeral, os tres periódicos que tiveron maior número de lectores foron Faro de Vigo, La Voz de Galicia e El Pueblo Gallego. Na prensa galega incidiron de forma importante as reivindicacións relacionadas co ferrocarril e con asuntos propios do país e apareceron unha nova serie de publicacións políticas anarquistas, comunistas e socialistas, como Cultura Proletaria (1931), Renovación (1933) e El Soviet (1931). A lingua galega continuou a súa progresión na prensa, coincidindo coa fundación do Partido Galeguista (1931), mentres que a FETE e as Inspeccións Provinciais de Primeiro Ensino promocionaron a través de diversos medios escritos a renovación pedagóxica nas escolas. Neses anos, cómpre subliñar o labor das revistas literarias Yunque (1932), Cristal (1932) e Resol (1932), e a revista relixiosa Logos (1931). Neses anos incorporáronse novos nomes á lista de colaboradores destacados como Xerardo Álvarez Gallego, Eduardo Blanco Amor, Roberto Blanco Torres, Uxío Montes e Antonio Rodríguez Elías, entre outros. Co estalido da Guerra Civil produciuse unha intensa represión en todos os medios de comunicación, especialmente na prensa escrita. Entre xullo de 1936 e abril de 1939 difundíronse en Galicia 98 periódicos, dos que 37 apareceron durante a contenda. A Junta de Defensa Nacional, a través dun manifesto do 28 de xullo de 1936, impuxo a censura a todo tipo de publicacións, ademais de prohibir as ligadas ao Partido Galeguista e as que tiñan unha relación directa ou indirecta coas forzas políticas de esquerdas. Ao mesmo tempo, numerosos colaboradores e xornalistas sufriron a represión, especialmente os integrantes de El Pueblo Gallego. Por outra banda, Falange Española, de pouca implantación en Galicia, tentou difundir o seu ideario a través de novas publicacións propagandísticas, mentres que as forzas de esquerdas defendían a legalidade republicana a través da prensa clandestina en Galicia e coa creación de novos periódicos no exilio, como A Fouce, en Bos Aires. A partir dos anos corenta houbo un aumento no número de publicacións deportivas, relixiosas, culturais e literarias, como Numen (1943), Posío (1945), Finisterre (1946), suxeitas case todas elas á Lei de Prensa de 1938. Por outra parte, os órganos do Movemento pasaron a dirixir os principais xornais de información xeral e a manexar só a información que lle interesaba ao réxime franquista. Un dos fitos importantes da prensa de cariz independente constituíuno o diario vespertino La Noche, dirixido por Borobó, no que colaboraron numerosos intelectuais galegos. Nos anos cincuenta, ademais dos boletíns municipais, sindicais e relixiosos, cómpre salientar a fundación de novas revistas culturais e literarias como Mensajes de Poesía (1948). Por outra banda, no exilio destacaron Galicia Emigrante (1954), dirixida por Luís Seoane, e Vieiros (1959), editada en México. Os anos sesenta estiveron marcados pola entrada en vigor da nova Lei de Prensa e Imprenta (abril de 1966) ou “Lei Fraga”, coa que se reduciu a acción da censura, mentres se impoñía a autocensura ou a escrita entre liñas. É a época do nacemento de Grial, pertencente á Editorial Galaxia, Ferrol Diario (1969) e Chan (1969), dirixida por Borobó. Nestas datas, asistiuse ao renacemento da prensa política, nacionalista e obreira clandestina; é o caso de Adiante (1974), do PSG. A partir de 1970, o número de publicacións clandestinas ligadas a organizacións políticas de esquerdas incrementouse notablemente. Moitas delas tiveron unha curta vida e outras, coa chegada da democracia, saíron da clandestinidade. Coa desaparición definitiva da censura previa, os medios de prensa escrita tiveron a oportunidade de cubrir as informacións políticas con maior apertura informativa, máis pluralidade ideolóxica e cunha gamma máis ampla de opinións. Entre os meses de novembro de 1975 e 1982 apareceron en Galicia ao redor de 200 publicacións periódicas. Nestes anos, cómpre salientar as revistas Teima (1976), Encrucillada (1977), relacionada co sector clerical máis progresista, e O Ensino (1980), pertencente á Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e o semanario A Nosa Terra, que comezaba en 1981 unha nova etapa. Nos oitenta e noventa aos diarios galegos de información xeral que xa tiñan unha traxectoria consolidada, sumáronse outros como Atlántico Diario (1988), Diario 16 de Galicia (1989) e Xornal Diario (1991) que, agás o primeiro, apenas desenvolveron a súa actividade durante uns anos máis. La Región, El Progreso, El Correo Gallego, Diario de Pontevedra, El Ideal Gallego, La Opinión e Faro de Vigo, están situados en zonas urbanas importantes, mentres que La Voz de Galicia estende progresivamente a súa capacidade para captar lectores de todo o país. Outra das características das publicacións de finais do s XX é a profunda modernización do seu sistema de impresión e a substitución das vellas tipografías pola técnica da fotocomposición, feito que provocou unha serie de profundas reconversións. Neste sentido, víronse afectados tanto os equipos de redacción, que pasaron a traballar con potentes ordenadores, como a rotativa, que se dotou de modernas máquinas, capaces de imprimir miles de páxinas en minutos. Pola súa banda, La Voz de Galicia pasou de ser un xornal máis de información xeral para converterse nunha empresa multimedia que dirixe ademais unha editorial, unha cadea de radio, unha produtora de vídeo e unha canle privada de televisión. Outro caso significativo é Faro de Vigo que, ademais do periódico, participa activamente en eventos culturais a través do Club Faro e en empresas multimedia de comunicación. No que se refire a axencias de información xeral, cómpre salientar o labor realizado por EFE, a Axencia Galega de Noticias (AGN), exclusivamente galega, e Europa Press Galicia, que nutren de novas da comunidade e mais do resto do España e do mundo ás principais publicacións galegas. No ámbito da cultura e do pensamento é mester sinalar a presenza de numerosas publicacións con contidos moi heteroxéneos, como A Trabe de Ouro, dirixida por Xosé Luís Méndez Ferrín, Arte Galicia, El Extramundi y los Papeles de Iria Flavia, fundada por Camilo J. Cela, Encrucillada, de Andrés Torres Queiruga, Grial, pertencente á editorial Galaxia, Luces de Galiza, Revista Galega do Ensino e Tempos Novos, mentres que no apartado económico cómpre salientar Eco-Revista de Economía Atlántica, Ferrol Análisis e Industrias Pesqueras, que cumpriu en 2002 o seu 75 aniversario. No ano 2002 e segundo o control de medios OJD, os principais xornais galegos presentaban estes índices de difusión: Atlántico Diario (4.146 exemplares), Diario de Pontevedra (6.332), El Progreso (15.610), Faro de Vigo (42.913), La Opinión (6.004), La Región (12.433) e La Voz de Galicia (108.201).

Radio

A chegada da radiodifusión a Galicia produciuse de forma esporádica e experimental nos anos vinte e trinta do s XX. Anteriormente, instalárase en Vigo unha estación emisora que procuraba a comunicación entre os barcos de pesca que faenaban nos distintos caladoiros e os portos galegos. En 1932 inaugurouse a primeira emisora radiofónica galega en Santiago de Compostela co nome de Radio Galicia (EAJ 4) pertencente a Unión Radio. Nese mesmo ano, Ramón Puga Noguerol iniciou en Ourense unha serie de experiencias radiofónicas. En marzo de 1934 comezaron a emitir Radio Pontevedra (EAJ 40), fundada por Enrique Vázquez Lascaille, e Radio Coruña (EAJ 41), da man de Francisco Hervada. No mes de abril, Santiago Montenegro e Emilio Torrado crearon Radio Vigo (EAJ 48). En 1935 inauguráronse oficialmente Radio Orense (EAJ 57), e Radio Lugo (EAJ 68), da man de Ramón Beberide; todas elas asociáronse posteriormente á SER. En 1934 producíronse dous fitos históricos para a radio galega; o primeiro deles, deportivo, consistiu na retransmisión dos partidos mundiais de fútbol que se celebraron en Italia; o segundo, de carácter político, foi a difusión, dende Santiago de Compostela, dos acordos sobre o Estatuto de Autonomía de Galicia, unha emisión que se atravesou o Atlántico cara a Bos Aires. Neses anos, cómpre salientar os guións radiofónicos de Ramón Valenzuela, nos que defendía o Estatuto. Co estalido da Guerra Civil, todas as emisoras galegas quedaron en mans dos sublevados e, polo tanto, pasaron a emitir propaganda do goberno de Burgos e partes de guerra. Mentres, os grupos de resistencia podían sintonizar clandestinamente e mediante o emprego de radios de galena as informacións que chegaban do goberno republicano de Madrid. Ao finalizar a contenda, todas as emisoras sufriron o monopolio informativo do goberno franquista e o control absoluto das súas emisións. En maio de 1940 inauguráronse na Coruña as primeiras instalacións de Radio Nacional en Galicia, unha unidade autónoma e móbil, montada sobre camións, que fora empregada polos alemáns para o contacto cos seus barcos e submarinos no Atlántico. Un capítulo á parte merece a radio da emigración ou do exilio. Dende o 3 de setembro de 1950, data da emisión do primeiro programa galego titulado Sempre en Galicia, dende Radio Carve de Montevideo, foron moitos os programas e emisoras que amosaron o seu interese polo comunicación entre ambas as beiras do Atlántico. A isto contribuíu a inxente cantidade de emigrantes galegos que, sobre todo en Bos Aires, La Habana e Montevideo, desenvolvían este labor cultural e informativo. Neste sentido, cómpre salientar a participación nos programas de numerosos intelectuais exiliados, como Castelao e Luís Seoane, e a financiación que chegaba a través de particulares e dos centros galegos ou outras entidades que favorecían a cultura en xeral. Ademais disto, é mester sinalar a aparición de Radio España Independiente, coñecida como Radio Pirenaica, apoiada polo Partido Comunista de España e que emitía un semanario de información galega titulado Dende Ribadeu a Tui. Pola súa parte, a BBC emitiu numerosos programas en galego entre os anos 1947 e 1956, nos que colaboraron destacados escritores e xornalistas como Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Riccardo Carballo Calero, Fermín Bouza-Brey e Augusto Assía. Algo semellante, pero cunha menor transcendencia, tivo lugar en Radio París e, dende 1974, en Radio Clube de Porto. En 1952 a reforma lexislativa do goberno franquista en materia de radiodifusión permitiu a creación de novas emisoras ligadas ao Movemento e outras relacionadas coa Igrexa. En outubro dese ano creouse na Coruña Radio Juventud, Estación Escuela nº 11 del Frente de Juventudes, e en 1953, Estación Escuela del Frente de Juventudes, EFJ nº 48 Radio Monforte, mentres que La Voz de Vigo, pertencente a esta mesma rede, inaugurou as súas instalacións o 4 de agosto de 1957. En xuño de 1966 inaugurouse en Ourense La Voz del Miño. Tamén nos anos sesenta, Radio Juventud pasou a adscribirse á Cadena Azul de Radiodifusión (CAR), La Voz de Vigo e La Voz del Miño á Red de Emisoras del Movimiento (REM), e La Voz de Lugo á Cadena de Emisoras Sindicales (CES). As emisoras do Movimiento convivían coas da Sociedad Española de Radiodifusión (SER) e coas emisoras que dependían dos bispados, que co tempo se converteron en Cadena Popular e, finalmente, en Cadena de Ondas Populares Españolas (COPE), ligada á Conferencia Episcopal Española. A esta última pertencen Radio Popular de Ferrol (1966), Radio Popular de Vigo (1967), Radio Popular de Orense (1967), Radio Popular de Lugo (1968), e Radio Popular de Santiago de Compostela (1984). Dende Radio Popular de Vigo tentouse unha certa apertura informativa e unha independencia clara en canto á súa programación, ademais da incorporación da lingua galega, a promoción do debate sobre cuestións sociais, programas educativos e o emprego de unidades móbiles, da que a emisora de Vigo foi pioneira en Galicia. Pola súa parte, a SER estaba dotada dun importante conxunto de emisoras comerciais. Todas elas emitían programación local en Onda Media (AM), e mantiñan unha conexión directa e constante coa potente emisora central da SER en Madrid. Pola súa parte, as radiofórmulas comezaron a emitir na nova Frecuencia Modulada (FM). Coa chegada da democracia, o marco da radiodifusión en España sufriu notables modificacións: todas as emisoras e cadeas sindicais e do Movemento se incluíron no organismo Radiocadena Española que, a principios de 1980, se constituíu en sociedade anónima ligada á Radio Televisión Española (RTVE). Polo que respecta á COPE, a programación independente que se viña realizando dende Galicia viuse freada co proceso centralizador das Ondas Medias; deste xeito, substituíuse a produción propia por unha programación uniformista que se emitía dende Madrid ou Barcelona. A SER aproveitou dende os anos setenta a nova posibilidade de emisión en FM e introduciu en todo o territorio estatal, incluída Galicia, as radiofórmulas, coas que consolidou definitivamente o seu liderado en canto a audiencias en todo o país; entre elas, destaca a Cadena 40 Principales, líder absoluta no apartado musical. Nos anos oitenta e grazas ao proceso de vertebración territorial que se deu en España, a Xunta de Galicia pasou a ter competencias na concesión de licencias de radiodifusión. A partir de 1983 comezaron a funcionar na comunidade galega as emisoras adscritas a Ondas Galicia, con cinco emisoras en Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense. Posteriormente, estas adscribíronse a Radio Minuto, vinculada á SER. Ademais desta última, nesta sociedade anónima participaron diversos medios de prensa escrita como Faro de Vigo, El Correo Gallego, La Región e El Progreso. En abril dese mesmo ano comezou a emitirse dende A Coruña, Antena 3 de Galicia, vinculada ao diario La Voz de Galicia, e que co tempo se dividiu entre a SER e Radiovoz. Cómpre salientar tamén a aparición de Radio 80, con emisoras en Pontevedra, Vigo e A Coruña, e de Radio Noroeste (Noroeste de RTV SA), con catro emisoras situadas en Ponteareas, Lalín, Verín e A Estrada. En 1984, as primeiras experiencias para incorporar a lingua galega dunha forma constante ao eido radiofónico, partiron de Radio Nacional de España (RNE) en Galicia, dirixida por Manuel Lombao. Esta mesma emisora patrocinou en 1983 o primeiro curso de galego dirixido aos locutores, informadores, técnicos e colaboradores. Posteriormente, a maior parte da súa programación en FM pasou a emitirse en lingua galega. Tamén á súa difusión contribuíron algunhas asociacións culturais, como O Facho na Coruña, que elaboraban un programa semanal emitido por RNE, do mesmo xeito que a Asociación Cultural de Vigo facía en La Voz de Vigo e Radio Popular. No marco da Constitución de 1978 e o conseguinte desenvolvemento e aplicación dos estatutos autonómicos, entre eles o galego, favoreceuse a idea da implantación dunha radio autonómica que emitise integramente en lingua galega e, asemade, unha maior promoción da lingua no resto das emisoras instaladas no país. A principios dos anos oitenta, a Xunta de Galicia presentou o seu proxecto para crear unha rede de emisoras institucionais en FM. Así, o domingo 24 de febreiro de 1985, no aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, iniciou as súas emisións a Radio Galega, de carácter público e pertencente á Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). A súa programación regular, integramente en lingua galega, comezou o 29 de marzo dese mesmo ano e emitiuse, primeiramente, dende uns estudios situados no edificio administrativo de San Caetano e, posteriormente, dende a Casa da Radio, situada no Centro de Produción e Emisión en San Marcos, en Santiago de Compostela. Co tempo descentralizou a súa redacción e estableceu estudios na Coruña, Ferrol, Ourense e Vigo, e correspondentes en Lugo, Pontevedra, Madrid, Lisboa e Bruxelas. O seu sinal chega a toda Galicia e parte de Asturias, León e N de Portugal a través de seis emisores e 26 reemisores. Ademais, o 7 de outubro de 1992 iniciou un servizo de Radio Exterior, dirixido aos emigrantes a través de vinte emisoras en nove países, pioneiro entre as radios autonómicas de España. O 20 de agosto, a Radio Galega comezou as súas emisións a través da rede Internet e o 16 de xuño de 1998 realizou as súas primeiras emisións dixitais a través da plataforma Vía Digital. Por outra banda, cómpre subliñar a aparición de numerosas emisoras pertencentes a asociacións, colectivos, parroquias e diversas entidades, moitas delas clandestinas, que se aproveitan dos baixos custos de infraestrutura e material para facer a súa aparición no mapa radiofónico galego. Tamén é mester sinalar a ampla rede de emisoras municipais que existe en todo o ámbito da Comunidade Autónoma, así como o xurdimento de novas cadeas como Radio Líder. O futuro da radio en Galicia, tal e como acontece no resto de Europa, pasa por un maior aproveitamento dos recursos vía satélite, a mellora das emisións pola rede Internet e o avance das telecomunicacións por cable. No ano 2002 operaban en Galicia, ademais das emisoras de radio municipais, a Cadena 40 Principales, M80, Cadena Dial e as emisoras pertencentes á Cadena SER; Cadena 100 e as emisoras propias da COPE; Cadena Noroeste; Onda Cero-Radio Voz Galicia, Onda Melodía e Europa FM; Radio Obradoiro; RNE; e a Radio Galega, pertencente á CRTVG.

Televisión

Dende as primeiras imaxes de televisión que se emitiron o 26 de agosto de 1936 en Londres, ata a creación da primeira canle de televisión exclusivamente galega, transcorreron máis de cincuenta anos. Debido á situación política española, nos inicios a televisión estaba absolutamente controlada polos poderes públicos e suxeita a unha férrea censura e a unha forte centralización, que tiña o seu centro emisor en Madrid. Ata o ano 1970, Galicia non contou cun centro territorial de TVE, que se instalou en Santiago de Compostela, na rúa do Villar. Nunha primeira fase, o centro funcionou como simple delegación para a programación xeral de TVE ata que, a partir de 1978, comezou a ter programas específicos. Os primeiros programas tituláronse Panorama e Primeira Edición, e neles facíase unha revista de actualidade cun servizo informativo. Posteriormente, estas delegacións convertéronse en auténticos centros territoriais e pasaron a ter unha maior autonomía. No centro galego e da man do seu director, Luís Mariñas, elaborouse o primeiro Telexornal, que en pouco tempo se fixo cuns altos niveis de audiencia, e que xa a partir de 1976 incluía o galego como lingua vehicular. En 1977 emitíronse os primeiros programas en cor realizados polo centro territorial galego e renováronse as cámaras das unidades móbiles. En 1979 a dirección xeral de RTVE sinalou as primeiras directrices de funcionalidade para os devanditos centros nos que se debía atender a produción propia e a demanda informativa do ámbito da comunidade, dotar de correspondentes para servicios informativos diarios e outros programas, e producir programas propios que logo pasarían a emitirse en toda España. Co gallo da celebración do Mundial de Fútbol 1982 e a inauguración dos novos estudios en Torrespaña, TVE tentou profundar máis no seu proceso de descentralización, para o que promoveu primeiramente unha modernización dos seus centros territoriais e a incorporación de novas unidades móbiles nas comunidades autónomas. Ao mesmo tempo, ampliouse a programación; en Galicia o Telexornal pasou a ter unha edición fixa de luns a venres, e comezaron a realizarse os primeiros programas específicos sobre cultura galega, o mar e o campo. Esta política de avance tecnolóxico e acordos puntuais cos concellos galegos e a administración autonómica continuou ao longo dos anos oitenta. O 28 de xuño de 1984, as cámaras do centro territorial foron testemuñas dun fito histórico en Galicia, a chegada do cadaleito de Castelao e o seu soterramento no Panteón da Galegos Ilustres. Coa chegada de Manuel Lombao á dirección, producíronse unha serie de melloras, entre elas a adquisición de cámaras e outros sistemas avanzados, e a concesión de diversos locais nas principais cidades galegas para implantar delegacións. A Televisión de Galicia, pertencente á Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), iniciou as súas emisións o 24 de xullo de 1985, véspera do Día de Galicia, desde as súas instalacións de San Marcos, en Santiago de Compostela. A súa programación regular comezou o 29 de setembro de 1985 con 39 horas de emisión, que xa acadan a cifra de 104 horas repartidas entre programas (26,12%), informativos (21,21%), deportes (7,47%), programas infantís (10,46%), documentais (2,35%), longametraxes (13,39%), series de televisión (9,68%), telenovelas (1,87%) e outros (7,45%). Nos últimos anos, a media de programas de produción propia é do 58%. Por outra banda, en 1987 a dirección de RTVE decidiu limitar a programación propia do centro territorial galego a dúas horas e ao ano seguinte acometéronse as obras para a construción do novo centro territorial en Galicia. Nese mesmo ano, a programación autonómica pasou á segunda cadea, circunstancia que para o centro galego significaba unha diminución de media hora na programación propia e a perda dunha gran parte da súa audiencia, agás no Telexornal. En marzo de 1988, os responsables de TVE e o alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Estévez, anunciaron a construción dun novo centro de TVE en San Marcos, cun presuposto que superaba os seis millóns de euros. En decembro de 1994, a TVG foi a primeira canle autonómica española que emitiu regularmente en vía satélite. Meses despois, comezou a emitir no sistema NICAM-Dual-Estéreo. En decembro de 1996 producíronse dous feitos relevantes para a TVG; en primeiro lugar, superouse a marca de número de espectadores no encontro entre o Real Madrid e o Barcelona, cunha audiencia de 745.000 persoas; en segundo lugar, iniciáronse as emisións regulares cara a América, vía satélite, a través da canle Galeusca. En abril do ano seguinte, iniciou a emisión da súa programación vía satélite en América, e en Internet, no mes de maio, co que se converteu na primeira televisión europea en aplicar este sistema. En setembro, comezou a emisión a través da plataforma Vía Digital. En marzo de 1998, a TVG iniciou as emisións para Europa en dixital a través do satélite Eutelsat Hod Bird-3. Ademais das canles públicas, dende a implantación das televisións privadas en España nos anos noventa, fóronse establecendo en Galicia unha serie de delegacións e correspondentes que envían información ás sedes centrais de Madrid e realizan reportaxes específicas da comunidade. Neste sentido, Antena 3 TV estableceu a súa delegación central en Santiago de Compostela e conta con correspondentes na Coruña e Vigo; ATLAS Galicia (Tele 5) conta con delegacións propias en Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo; e Galivisión/TV Lusogalaica conta con delegacións en Marín e Vigo. Ademais, a finais do s XX proliferaron nun número importante as televisións de ámbito local, das que cómpre salientar Telecoruña Canal 41, Telelugo, Telemiño, Televigo, TV Ferrol Canal 31 e as distintas emisoras de Localia TV. Por outra banda, no que se refire ás produtoras privadas que traballan tanto no eido cinematográfico como no televisivo, cómpre salientar Cíes Produciones, Continental Producións, Costa Oeste Producións, CTV, Editorial Compostela, Faro TV, Pórtico Comunicación, Produtora El Progreso, La Región Televisión Ourense, Portozás Visión, Vía Láctea Filmes e Zenit Multimedia.