gamela
Embarcación tradicional galega, típica fundamentalmente das Rías Baixas, empregada na pesca de baixura para capturar peixes con cordas ou redes artesanais (xeito, balo, miño, trasmallo ou mesmo palangre), ou con arpóns, ou para mariscar mediante nasas, rastros de varas, etc. As máis típicas, tamén chamadas chalanas, son as de fondo chan, que se curva un pouco ao levar a quilla engarzada coas cadernas. Construída en madeira de piñeiro, o fondo está constituído por táboas transversais que se fan firmes sobre tres varadoiros que van de proa a popa, un polo centro e os outros dous polo bordo de cada costado; estes están feitos de táboas enteirizas de proa a popa montadas en calime. A popa é cadrada, cunha estampa máis ou menos caída e lixeiramente máis alta ca os costados, e adoita presentar unha entalladura chamada xingradeira; ás veces, a proa e a popa, por mor da súa forma achatada e lanzada, poden chegar a confundirse. Carece de cuberta, aínda que algunhas teñen corredores de proa a popa e pequenos compartimentos (panetas), tanto na proa coma na popa. Tamén levan dous ou tres bancos de costado a costado que lle dan resistencia estrutural. Destacan pola súa estabilidade e fácil varamento; ademais, o feito de careceren de quilla, favorece a súa lixeireza e facilidade de manobra. As súas dimensións medias son, aproximadamente, de 3-7 m de eslora, 1,2-2 m de manga e 0’60 de puntal. Como elementos propulsores adoitaba levar remos e tamén aparellaba vela, que cambiou de latina a mística; acostumábase tinguir con auga quente, resultante de ferver casca de piñeiro, feito que servía para conservala mellor e darlle unha mellor resistencia. A chegada do motor fixo desaparecer a vela e os remos, e os taboleiros contrachapados substituíron as táboas de piñeiro que se utilizaban na súa construción. A gamela tradicional caracterízase, ademais, pola súa cor vermella, herdanza dos tempos en que se lle botaba brea, chapapote e saín ou graxa de peixe e, ás veces, pos de almagre. Posiblemente, as máis coñecidas son a gamela guardesa e a gamela coruxeira. Ambas teñen unha orixe moi antiga e diferéncianse polo tamaño da proa; a guardesa ten a proa dun tamaño semellante á popa, feito que lle dá unha estabilidade elevada para navegar en mar aberto, mentres que a coruxeira, ao navegar en augas máis tranquilas, ten unha proa menor. O temón na gamela guardesa é un pouco meirande ca a na coruxeira, chega aos 2,5 m de alto e 0,8 de largo e realiza funcións de orza. A guardesa -duns 5 m de eslora e 2 m de manga- aínda se emprega na pesca artesanal entre a desembocadura do Miño e a ría de Vigo con motor foraborda. O mesmo acontece coa coruxeira que, malia ser bastante máis pequena, é a máis estendida na pesca artesanal dentro da ría de Vigo; ademais, o seu pouco calado facilita a navegación nas zonas rochosas preto da costa. Os mariñeiros do sur de Galicia e do norte de Portugal adoitaban decorar as súas popas con signos apotropaicos que empregaban como símbolos de protección contra os perigos do mar, herdanza de antigos costumes pagáns, ou como simple marca de propiedade que pasaría de xeración en xeración. Ao estaren asociadas a artes de pesca tradicionais, o declive destas supuxo tamén a progresiva desaparición da gamela como barco de pesca. Así, aínda que continúa a empregarse no labor pesqueiro, nos máis dos casos converteuse en auxiliar doutros barcos de maior tonelaxe ou en embarcación de recreo.