garduña
(< voz prerromana)
Mamífero carnívoro de mediano tamaño, similar á marta, ambas do xénero Martes. O tamaño da cabeza e do corpo varía entre 41 e 51 cm, a cola entre 23 e 27 cm. Presenta unha coloración parda, cunha mancha branca na gorxa e no peito ata a parte superior das patas. O seu corpo é esvelto e alongado, a cabeza grande e alongada, máis clara ca o resto do corpo, coas orellas bordeadas de branco. O fociño é alongado e o nariz carnoso, as patas curtas, máis escuras ca o corpo. Existe unha subespecie de garduña nas Illes Balears, probablemente extinguida. O seu territorio pode acadar o redor de 10 km de radio. Dentro deste territorio dispón de varios tobos. Habita zonas montañosas e rochosas, con pouca vexetación e carballeiras, faiais, aciñeirais, soutos e ribeiras. Dentro da Península Ibérica, a súa distribución é máis ou menos regular, máis abundante no NO, Araba, Cáceres e parte de Granada. Atópase en regresión debido principalmente á caza ilegal e á destrución do seu hábitat. Aliméntase de lebres e coellos, paxaros e ovos, roedores, anfibios, réptiles, froitos e esporadicamente aves de curral.