Generalitat de Catalunya
Organismo político-administrativo que engloba as institucións de goberno de Catalunya. A súa orixe remóntase á creación das Cortes catalanas no s XIV como organismo permanente de recadación de impostos, que se estendeu polo Reino de Aragón. Foi suprimida por Filipe V trala Guerra de Sucesión (1701-1715) e non foi recuperada como institución ata 1931, coa Segunda República. Proclamada esta, constituíuse en Catalunya o goberno autónomo denominado Generalitat, encargado da elaboración do Estatut d’Autonomia de 1932 aprobado polo Parlamento o 26 de maio de 1933. De acordo con este texto, a Generalitat estaba constituída polo presidente, elixido polo Parlamento e con funcións representativas e executivas; polo Parlament de Catalunya, elixido por sufraxio universal; e polo consello executivo, presidido polo presidente e formado polos conselleiros. O seu primeiro presidente foi Francesc Macià, ao que sucedeu Lluis Companys. A derrota republicana trala Guerra Civil trouxo consigo a derrogación do estatuto e a desaparición da Generalitat no ordenamento político español. A institución mantívose no exilio baixo a dirección de J. Irla (trala morte de Companys en 1940) e de Josep Tarradellas, desde 1954. A morte de Franco e a apertura do período democrático posibilitou o retorno de Tarradellas e a redacción dun novo Estatut d’Autonomia de Catalunya, refrendado en 1979, que establecía o restablecemento da Generalitat, integrada polo Parlament de Catalunya, que era a asemblea lexislativa, o Presidente e o Consello Executivo. O presidente, elixido polo Parlament e nomeado polo rei, preside o Consello Executivo e é o máis alto representante da Generalitat. En 1980 celebráronse as primeiras eleccións ao Parlament, que as gañou Convergència i Unió (CiU) por maioría relativa converténdose Jordi Pujol en presidente da Generalitat, cargo que revalidou nas eleccións de 1984, 1988, 1992, 1995 e 1999.