gheada
Fenómeno de variación na norma do galego, xerado no propio idioma, probablemente nos Séculos Escuros dado que non existe en portugués moderno. Produciuse ao ampliar o fonema oclusivo velar sonoro /g/ ao campo de dispersión dentro do proceso xeral de simplificación das xeminadas latinas, sonorización das oclusivas xordas intervocálicas e fricativización e relaxación das oclusivas sonoras. Represéntase con <gh> (ghorxa, amigho, un ghalo, algho). Nos anos 70 do s XX era xeral no galego atlántico e en falas do central, mentres que no oriental só de xeito asistemático se oía por Cervantes, Pedrafita, As Nogais e os Ancares de León. A realización maioritaria era aspirada faringal xorda [Ó], agás en vilas, especialmente da costa, onde a realización era fricativa velar xorda [x], mesmo en xente maior. No grupo -ng- medial de palabra o /g/ podía conservarse (domingo, ninguén) ou enxordecer [k] (dominco, ninquén) e nalgúns puntos rexistrábase gheada (domin-gho, ninghén). Gravacións dos anos 90 realizadas polo ILG permiten afirmar que, en liñas xerais, a xeografía da gheada non variou moito respecto dos anos 70 en que se recolleu o material do Atlas Lingüístico Galego. Con todo, hai cambios considerables desde o punto de vista xeracional, porque moita xente nova xa non a usa; e de a empregar, en puntos de [Ó] tende a realizala como [x], no canto da aspirada tradicional. A súa importancia como marcador sociolingüístico é moi superior á do seseo e á de calquera outro fenómeno do galego oral. A súa práctica ausencia en usos formais e a connotación de vulgar (e mesmo de rural) fai que tenda a evitarse. Con todo, apréciase, especialmente en xente nova coñecedora do galego estándar, un uso consciente da gheada tanto en situacións formais como informais, usándose para marcar expresividade ou para procurar autenticidade, aínda que o seu uso tende a diminuír cando aumenta o grao de formalidade da situación. Na literatura dos últimos anos hai algunha mostra de gheada en autores que tratan de reflectir dalgún xeito a oralidade dalgunhas áreas; e nos medios de comunicación, tanto de ámbito galego como comarcal e local, a ausencia é case total, pero pode escoitarse nos entrevistadados, especialmente cando falan con espontaneidade. Na recente música pop e rock houbo quen de xeito xeral ou asistemático usou a gheada “urbana”, realizada con [x], mesmo no <ng>, como fai a xente nova. Nos grupos que interpretan cancións con música e letra tradicional a presenza da gheada é o normal, cando o material se recolleu nunha área gheadófona; e como se pretende reflectir de modo fiel a lingua oral, o xeral é usar a gheada aspirada dos informantes.