Fausto

Fausto
[LIT]

Personaxe literario caracterizado polo terror do máis alá e pola preocupación da presenza do demo na vida do home. Baséase na vida de Georg (ou Johannes) Faust, pseudohumanista, aventureiro e alquimista dos ss XV e XVI. O primeiro libro sobre Fausto publicouno Johann Spiesz baixo o título Historia von Johann Fausten (1587) e en 1601 Christopher Marlowe escribiu o drama en verso e prosa Tragical History of Doctor Faustus. Sen embargo, foi Goethe quen converteu a Fausto en tema universal dun gran valor filosófico e humano en Faust. Eine Tragödie (1808) e Faust. Der Tragödie zweiter Teil in fünf Akten (Fausto. Segunda parte da traxedia en cinco actos, 1832). Fausto, que pasou a súa vida tentando acadar unha nova dimensión vital mediante a ciencia e a maxia, vende a súa alma a Mefistófeles a cambio de que este lle proporcione o que el desexa, e o obxectivo da súa vida é a posesión da beleza perfecta. Cando morre, Mefistófeles tenta apoderarse da súa ánima e Fausto ascende ao mundo celestial. Influído por Dante, o carácter da obra é cristián, malia a inclusión de elementos míticos clásicos. Da obra de Goethe derivaron a novela filosófica de F. Klinger Faustleben, -thaten und -höllenfahrt (Vida, feitos e viaxe de Fausto ao inferno, 1791) e o poema de N. Lenau Faust (1835-1836). O tema de Fausto aparece, alterado, noutros autores (José de Espronceda, Juan Valera ou Thomas Mann) e foi base de varias obras musicais, como a cantata de L. H. Berlioz La damnation de Faust (1846), as óperas Faust (1859), de Ch. F. Gounod, e Faust (1916), de L. Spohr, e o ballet Faust (1833) de A. Adam.