fulereno
(< antropónimo R. B. Fuller)
Familia de moléculas constituídas por un número par e superior a 32 de átomos de carbono, de xeito que cada átomo se une a outros tres para formar un poliedro que ten por caras doce pentágonos e un número variable de hexágonos regulares. Arredor dos anos setenta os químicos soviéticos D. A. Bochvar e E. G. Galpen propuxeron que unha forma de carbono con 60 átomos de carbono podería ter unha estrutura estable. Propúxose o nome de fulereno. Ademais do C60, que xa se sintetizou no laboratorio, tamén se obtivo unha molécula totalmente fluorada, o C60F60, que pode ter unha grande estabilidade a altas temperaturas. Ademais, suponse a existencia doutras moléculas de forma Cn, onde n vale, para os máis estables, 84, 180 ou 240. Tamén recibe o nome de buckminsterfulereno.