glaciación
(< glaciar)
Conxunto de fenómenos de glaciarismo que acontecen, desde o Precámbrico, en diversos períodos da historia xeolóxica, chamados tamén glaciacións, durante os que o xeo polar invadía periodicamente a superficie dos continentes. Entre 1821 e 1835 Venetz e Charpentier probaron que anacos pertencentes a rochas exclusivas dos Alpes Centrais se atopaban amplamente diseminados polas chairas suízas, e deduciron que foran transportados por ampliacións anteriores dos actuais glaciares alpinos; aínda que esta teoría foi despois rebatida. Posteriomente, J.L.R. Agassiz demostrou a asociación entre os bloques transportados e o puído existente no leito rochoso, sobre o que o antigo glaciar estivera, e probou tamén que esa asociación non puido ser causada pola acción da auga. Agassiz atopou fenómenos similares aos das chairas suízas en Escocia, Irlanda e América do Norte, e demostrou que as glaciacións foron un fenómeno xeneralizado. En 1909, A. Penck e E. Brückner determinaron que as rexións alpinas europeas soportaran catro glaciacións durante o Cuaternario: Günz, Mendel, Riss (no Plistoceno) e Würm (no Holoceno). En diversos lugares de Canadá, Noruega e Suecia atopáronse sedimentos glaciais intercalados entre rochas precámbricas (de hai 2.000 millóns de anos), testemuño indiscutible da existencia de glaciacións. Tamén en China apareceron indicios dunha nova glaciación de finais do Precámbrico (hai uns 600 millóns de anos). No Pérmico, uns 270 millóns de anos antes das glaciacións plistocénicas, rexistrouse a etapa glacial máis extensa. Durante esta época a maior parte de África meridional estaba cuberta de xeo. Existen depósitos similares aos africanos ao S e O de Australia e Tasmania. Na India había un casquete de xeo de 900 km de L a O e de 1.500 km de N a S. Evidencias de finais do Carbonífero e do comezo do Permiano foron localizadas en Uruguay, Brasil, Arxentina e Bolivia. Durante a glaciación plistocénica, o xeo cubría Europa Setentrional, case que todas as Illas Británicas e chegaba ao S de Berlín, de Varsovia e de Kiev. Na Península Ibérica había grandes glaciares nos Pireneos, na Cordilleira Cantábrica e no Sistema Central; Sierra Nevada era o foco máis meridional da glaciación plistocénica. En América, a glaciación plistocénica afectou á totalidade de Canadá e a unha boa parte do NL dos EE UU. Descoñécense as causas que orixinaron as glaciacións, pero existen numerosas teorías, agrupadas en dúas categorías: teorías xeolóxicas e teorías astronómicas. As primeiras intentan explicar as glaciacións en función dos cambios climáticos provocados por alteracións das altitudes continentais ou por cambios na circulación oceánica e atmosférica. Algunhas teorías xeolóxicas baséanse no feito de que a cantidade de CO2 e de pos volcánicos na atmosfera pode cambiar o clima. Outras, baseadas na xeofísica, atribúen as glaciacións aos cambios posicionais dos continentes. Existen tres teorías astronómicas: unha afirma que o sistema solar se atopa de cando en vez con nubes de pos cósmicos; outra afirma que varía periodicamente a distancia entre o Sol e a Terra e, polo tanto, a cantidade de calor que esta recibe; e a terceira di que a calor que o Sol irradia flutúa.