glícido
Composto químico de carbono (C), hidróxeno (H) e osíxeno (O), de fórmula xeral empírica Cn(H2O)n, polo que tamén se coñecen co nome de hidratos de carbono ou carbohidratos. Nos glícidos os átomos de carbono únense a grupos hidroxilo (-OH) e a radicais hidróxeno (-H), ademais sempre existe un grupo cetónico (-CO-) ou un grupo aldehído (-CHO), polo que se poden definir como polihidroxicetonas ou polihidroxialdehídos. Tamén poden levar átomos de nitróxeno, de fósforo, etc, pero estes non son esenciais na súa composición. Dentro dos glícidos distínguense as osas ou monosacáridos (azucres simples), moléculas de 3 a 8 átomos de C, cristalinos, doces e solubles en auga, dos que cabe destacar a glicosa; e os óxidos, que son glícidos que se forman pola unión de monosacáridos e unha parte non glicídica (glicolípido ou glicoproteína), e os que se forman por monosacáridos exclusivamente (oligosacáridos e polisacáridos). Os oligosacáridos son de cadea curta, de 2 a 8 monosacáridos que se unen por un enlace glucosídico, e os polisacáridos de cadeas máis longas (máis de 10 monosacáridos), ramificadas ou non, como a celulosa ou o amidón. Os glícidos constitúen unha fonte de enerxía para os organismos, que a poden utilizar directamente (glicosa) ou almacenar (glicóxeno). Tamén forman parte de moléculas estruturais de grande importancia coma as glicoproteínas ou os nucleótidos.