Gobernador Capitán Xeneral de Galicia
Institución creada polos Reis Católicos a finais do s XV co fin de controlar política e administrativamente o territorio galaico. Esta figura, que cumpría a dobre función de ser o representante da monarquía en Galicia e presidir as Xuntas do Reino e a Audiencia, tiña os seus precedentes no cargo baixomedieval de Adiantado Maior e no de presidente e gobenador do Reino de Galicia, creado en 1475 polos Reis Católicos. Ocupado xeralmente por foráneos, circunstancia que provocou o absentismo e o desinterese destas personaxes polos asuntos galegos, desempeñárono durante o reinado de Carlos I dous galegos, Alonso de Fonseca e Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas. O Gobernador Capitán Xeneral, ademais de gozar dun gran prestixio, contaba cunha remuneración moito máis elevada ca dos restantes cargos institucionais. Como figura de maior rango político na Galicia da Idade Moderna, gozou de grandes competencias gobernativas, xudiciais e militares pero, que co tempo, foron transferidas á Audiencia, da que deixou de ser o seu presidente a mediados de 1830, ou foron asumidas polos novos cargos creados polos Borbóns, como o intendente xeral e o gobernador civil. Sen sede fixa nun principio, en 1563 instalouse na vila da Coruña e en 1740, baixo os auspicios do marqués de la Ensenada, iniciáronse as obras da nova sede no barrio vello da cidade.