Gómez

Gómez
  1. [ONOM]

    Antropónimo masculino e apelido patronímico de orixe xermánica. As variantes iniciais deste nome persoal eran Guma ou Goma, formas que quedaron substituídas polo apelido patronímico Gómez desde o s IX. Derivado da palabra gótica guma ‘home’, comparte etimoloxía con outros antropónimos e topónimos, como Gumersindo, Gomila ou Gomesende. Este nome subsistiu á castelanización ao se converter en apelido.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe estendida por toda a Península. Dos moitos escudos que se recollen destacan en campo de ouro, unha cruz floreteada de goles e bordo axadrezado de dezaseis pezas de goles e ouro. Outra variante leva, en campo de goles, unha cruz floreteada de ouro, acompañada en punta dunha flor de lis de ouro, arrimada de dúas cunchas de vieiras do mesmo metal, todo colocado en faixa.