Gram, tinguidura de

Gram, tinguidura de
[MICROB]

Técnica de coloración descrita por H. C. J. Gram, que se emprega para diferenciar distintos tipos de bacterias. Baséase na diferente afinidade aos colorantes básicos das bacterias. En primeiro lugar fíxanse as mostras bacterianas por medio de calor, tínxense cunha solución de colorante básico (violeta cristal) e despois retírase con auga; a continuación colócanse nunha solución iódica, faise outro lavado con auga e despois trátanse con alcohol-acetona (un decolorante), e finalmente contratínxense cun colorante vermello. As bacterias Gram-positivas conservan a cor do primeiro colorante e aparecen de cor azul escura ou violeta, mentres que as Gram--negativas se tinxen co segundo colorante e aparecen con cor vermella. O distinto comportamento das bacterias Gram--positivas e Gram-negativas atribúese á distinta estrutura química dos peptidoglicanos que constitúen as paredes bacterianas. A clasificación das bacterias patóxenas en Gram-positivas e Gram-negativas é de grande importancia clínica, xa que estas provocan infeccións de gravidade diferente que esixen un tratamento antibiótico específico para cada grupo, polo que esta técnica se emprega na primeira fase de identificación bacteriana.