gramófono
(< marca rexistrada)
Aparello que reproduce os sons gravados nun disco por medios mecánicos. Consiste nun prato xiratorio, de forma circular, sobre o que se coloca o disco, accionado por un motor a base de corda que xira a unha velocidade uniforme, inicialmente de 78 rpm. Para a reprodución colócase enriba do disco un diafragma provisto dunha agulla de aceiro que vibra de acordo coas incisións previamente gravadas no disco; amplificados estes sons por unha trompa conectada co diafragma, reproducen o son orixinal. Este mecanismo, ideado ao redor de 1894 por Emil Berliner, resulta superior ao do fonógrafo de Edison e foi adoptado en 1898 pola Deutsche Grammophon Gesellschaft. Para evitar o desgaste continuo das agullas, estas fanse de zafiro ou diamante. O aparello que derivou del foi o tocadiscos.