Gravetense

Gravetense
s m [ESTRATIG]

Tecnocomplexo lítico do inicio do Paleolítico Superior (26.000 a C-20.000 a C) que tomou o nome do xacemento occitano de La Gravette (Dordogne). Incluído primeiramente no Auriñacense, considerouse máis tarde como unha fase superior do Perigordense. Caracterízase polo predominio da técnica de dorso rebaixado na industria lítica cos fósiles directores da punta de La Gravette e o buril de tipo Noialles, pola presenza de pezas óseas con marcas de caza e polo desenvolvemento da arte moble e rupestre. Durante este período acadaron o seu máximo esplendor as representacións de figuras humanas femininas, as venus, entre as que destacan a de Willendorf (Austria), a de Lausel (Francia) e a dama de Brassempouy (Francia). Estendeuse por Europa central e meridional e Rusia, onde recibiu o nome de Pavloviano. Na Península Ibérica, entre os xacementos deste período destacan Cueto de la Mina (Asturias), a cova de El Pendo (Cantabria) e Bolinkoba (Euskadi), onde apareceron burís do tipo Noailles, puntas de La Gravette e instrumentos de óso e hasta con marcas curtas de caza. No territorio galego constátase a presenza dalgún buril de tipo Noailles na cova da Valiña, tradicionalmente considerada Chatelperronense.

Palabras veciñas

Graves, Robert Ranke | Gravesend | gravetense | Gravetense | gravidade | gravidez | grávido -da